Mestre Del Riego

Nordesía (Del Riego, 5-8-2018)Imprescindible. Velaí o adxectivo que mellor define Conversas con Paco del Riego de Perfecto Conde, libro que transcribe unha longa entrevista de abril do 2008 co egrexio laurentino que entón contaba xa os noventa e cinco anos cumpridos.

Estas páxinas convidan a unha dupla viaxe: dunha parte, lévannos da man pola peripecia vital do propio entrevistado, ofrecendo abondosa información verbo da súa nenez e mocidade, formación e obra escrita. Doutra banda, este libro é, ao tempo, un revelador percorrido polos máis decisivos episodios do galeguismo no século XX, pois en practicamente todos tivo un papel protagónico Del Riego.

Non debe esquecerse que o de Lourenzá naceu durante a monarquía de Alfonso XIII, viviu de rapaz unha Ditadura e unha Ditabranda, ilusionouse coa II República, padeceu a Guerra Civil e as súas funestas consecuencias e axudou a reconstruír o esboroado edificio do galeguismo na longa noite de pedra para vivir o seu rexurdir democrático, o pulo da Transición e aínda os aires do novo milenio.

En todo ese tempo Del Riego pronunciou mitins do Partido Galeguista a carón de Castelao, Alexandre Bóveda ou Otero Pedrayo; colaborou con Ánxel Casal nas empresas de Nós e participou moi activamente na vida cultural santiaguesa da Preguerra, onde foi profesor universitario e coñeceu a Valle Inclán e a García Lorca; axudou a fundar a Editorial Galaxia en plena Posguerra e recuperou para a escrita en galego a Cunqueiro e Fole; foi pioneiro publicando unha das primeiras historias da literatura galega, a nosa máis importante antoloxía poética de Posguerra, un dos escasos libros sobre letras universais en galego da pasada centuria e o primeiro dicionario de escritores en lingua galega como tal; e, por se todo o anterior non fose abondo, imprimiu unha definitiva e identificada viraxe á Real Academia Galega.

De todos eses episodios dá razón Del Riego, quen tivo acordanza agradecida para Otero Pedrayo e Cunqueiro, Méndez Ferrín e García Sabell, Filgueira Valverde e Alonso Montero e non tan gasalleiras palabras para Piñeiro, Casares e Celso Emilio Ferreiro.

Nestas Conversas con Paco del Riego Perfecto Conde amósase como un moi competente xornalista, que sabe dar o seu espazo ao entrevistado e apenas se vai balizando con moi acaídas cuestións un discurso que flúe do propio Del Riego, un portento memorialístico cunha dicción oralizada que tal semella un relato de reflexiva escrita.

O libro péchase cun anexo fotográfico ben valioso, onde se reproducen instantáneas pouco divulgadas e aínda algunha estritamente inédita, como a que adorna a cuberta da obra.

Se houbese que sinalar algunha marxe de mellora posible para este exemplar traballo un suxeriría un índice onomástico final que orientase a consulta, principalmente pensando nos investigadores e analistas, que haberían de agradecer non ter que repasar de cada volta as duascentas páxinas longas da obra para atopar referencias puntuais que se precisasen con prontitude. Polo demais, nada cabe apor a un texto en moitos sentidos modélico.

Ninguén interesado en saber o que foi a historia da literatura e da cultura galegas do pasado século pode deixar de ler estas Conversas con Paco del Riego de Perfecto Conde, testemuño excepcional dun tempo que recuperou de viva voz un dos seus máis significados e admirables protagonistas.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 5-8-2018]

Advertisements

Xohana Torres e o berce inmovente

Nordesía (Xohana Torres, 29-4-2018)Hai libros que son en si mesmos un sino irrenunciable, un boomerang do destino que regresa unha e outra vez. De nada serve resistirse, pois co paso do tempo a débeda que a conciencia autorial contrae con eles medra exponencialmente e acaba por imporse como unha angueira obsesiva.

Coido que tal sentir houbo de experimentalo Xohana Torres en máis dunha ocasión a propósito da súa monografía Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos, un traballo co que gañara en 1972 o I Premio de Etnografía Federico Maciñeira pero que, por causas diversas, ficara inédito durante décadas.

Porén, a poeta sempre quixo ver publicado aquel texto e tivo a fortuna de, nos seus derradeiros meses, preparalo para a súa edición ao pé de Xosé F. Puga, quen agora o dá finalmente á luz a través do selo Engaiolarte e co patrocinio da Deputación da Coruña, a mesma que, corenta e cinco anos antes, organizara o certame no que fora galardoado.

Deixo escrito que tivo a fortuna de dispor a edición para a súa publicación porque así foi, pero non é menos certo que, infelizmente, non chegou a vela publicada en forma de libro, pois faleceu en setembro do ano pasado e a obra non se imprimiu ata os remates do 2017. Secasí, puido ter nas mans as probas de imprenta, que corrixiu emocionada, sabedora de que coa aparición deste texto saldaba a débeda que consigo mesmo contraera ao recuperar un traballo que tanto estimaba e que consideraba de gran valor.

Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos constitúe “un merecido recoñecemento a unha escritora inmensa, que abriu camiños e transitou por todos os xéneros, que, mesmo desde o silencio persoal buscado, conseguiu ser tan querida. Xohana Torres alzouse no parnaso da nosa literatura como a gran figura dunha obra espléndida que conseguiu, desde o seu espazo propio e reservado, estabelecer elos de afectividade literaria e persoal que se manterán no tempo, que mesmo, se me permitiren adiantarme ao futuro, aumentarán até consolidar unha traxectoria literaria única que cómpre ler e reler”, escribe con total acerto a prologuista do volume, Goretti Sanmartín.

En efecto, este libro é unha regalía e un abraio. Marabilla comprobar como nos primeiros setenta puido escribirse un ensaio que, dende o antropolóxico e o etnográfico, dende o xeográfico e o sociolóxico, mais tamén dende o literario e o paisaxístico soborda, con moito, a inxeleza de tantos traballos desta índole por entón publicados. A rigorosa documentación manexada, o intenso traballo de recolleita de campo, o fondo Teixido. San Andrés de Lonxe Mitos e Ritoscoñecemento da tradición literaria, a Historia, a Mitoloxía e outros saberes reflíctese nestas planas, escritas cun lentor poético que espella a extraordinaria poeta que lles deu forma.

Unha moi completa descrición xeográfico-antropolóxica da comarca ortigueiresa na que se sitúa o santuario de Santo André de Teixido abre o libro, que ten como capítulo central a análise dos mitos e ritos que arredor deste se xeraron, con atención especial aos aspectos vinculados coa súa romaxe, os ritos comúns compartidos con outros santuarios galegos, os amilladoiros, a Fonte do Santo, as lendas da bisbarra, os xenuínos sanandreses, a herba namoradeira ou empreñadeira e, xaora, o culto ás ánimas, extremos todos que son debullados por extenso e para os que aínda pode procurarse máis información na nutrida bibliografía final que a autora dispuxo.

Non quero rematar sen chamar a atención verbo da primorosa factura técnica desta edición de Engaiolarte: sobrecuberta en papel verxé, lombo en tea e tapas con vivos e varios tintados, interiores con gardas sobreimpresionadas e tripa en papel satinado de alta gramaxe constitúen un festival para os ollos e as mans que estoura no poderoso imán das impresionantes fotografías de Xulio Gil, encargado de dar corpo visual a esta magna obra.

Teixido. San Andrés de Lonxe: Mitos e Ritos recupera un valioso inédito de Xohana Torres e, só por iso, merece toda a atención. Pero, ademais, é un obxecto fermoso, que versa sobre un dos templos e unha das tradicións espirituais máis destacadas de Galicia: a viaxe e visita ao “berce inmovente” deste santuario do “país dos mortos, do que podemos volver, e volver novos, en paz”, como nos ensinou a autora. Razóns sobran, pois, para ir na procura do libro, que farían moi ben en regalar(se).

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 29-4-2018]

Da identidade galega

Nordesía (Ramón Villares, 7-1-2018)Andamos nos comezos dun novo ano e coido que un xeito inmellorable de botar a camiñar por el pode ser tentar responder unha serie de preguntas fundamentais: ¿que queremos dicir, exactamente, cando falamos de ‘nación’?; ¿hai diferentes tipos de ‘nación’?; ¿cales son as marcas que a definen? e, o máis importante para o noso caso: ¿é Galicia unha nación? Co moi revelador título de Identidade e afectos patrios Ramón Villares reúne unha decena de longos artigos sobre estas cuestións nun volume que edita Galaxia e que constitúe, ao meu ver, unha lectura imprescindible para ben aquilatar a interpretación de tan sensibles e problemáticas realidades.

Seguindo o ronsel deixado polos estudos culturalistas e a súa provisión de construtos ou artefactos culturais, Villares supera a visión factual das análises históricas para debrocarse nos procesos de construción no tempo dos acontecementos e determinar o seu significado e interpretación social; dito noutras palabras: do que se trata é de “narrar a nación”, estudar como se tece toda unha mesta rede de tradicións e símbolos cos que se identifica unha comunidade e que acaban por xerar unha arañeira de emocións e afectos aos que adoitamos chamar ‘patriotismo’ na adhesión a unha “comunidade imaxinada”.

Dende esta perspectiva, Galicia sería para Villares unha “nación-cultura”; ou sexa, un territorio cunha “personalidade cultural moi afirmada” que reside “na súa matriz antropolóxica e cultural, máis por ter asumida unha memoria histórica colectiva que por posuír unha conciencia nacional galega”. En consecuencia, a “nación galega”, sempre segundo o historiador chairego, “pode recoñecerse en hábitos aparentemente elementais, pero profundamente interiorizados desde o punto de vista civilizacional, como a relación coa natureza, nas formas de mesa, no modo de celebrar as festas, na posesión dunha lingua de seu”.

Identidade e afectos patriosPor tanto, o obxectivo último destes ensaios non é outro que o de “analizar os procesos de construción deses símbolos e valores, onde se advirten ademais momentos de mutación, de re-significación e, naturalmente, dunha funcionalidade cambiante”.

¿Que cales son eses momentos de diáclase histórica? Aqueles aos que dedica a súa atención en cada un dos artigos: as fronteiras políticas e os muros simbólicos na relación Galicia-Portugal; a cuestión do celtismo galego; a loita simbólico-social irmandiña; o papel político-identitario xogado por Xelmírez; a importancia da creación de símbolos como o himno ou a bandeira polas comunidades galegas en América; o emblemático rol do bardo céltico encarnado por Pondal e aínda o interpretable sentido da sublevación dos heroes/mártires de Carral.

Como se bota a ver, esta revisión de momentos axiais da nosa Historia pretende pór de relevo a “vontade de forxar unha comunidade política e cultural poboada por mitos propios e por referentes que axuden a crear esa comunidade imaxinada”, que é, en gran medida, unha “enxeñería cultural” que contribuíron a crear Vicetto, Murguía, Risco, Otero Pedrayo, Castelao e tantos outros que “construíron ou ‘lavraron’ unha imaxe de Galicia”, vale dicir: unha nationis imago malia o que ―ou mellor, xustamente polo que― sostiña Cunqueiro: “Galicia é un país ahistórico, cos pés no río Leteo”, pois, a pesar do innegable peso da súa base etnocultural identitaria “expresada na lingua, no territorio, na paisaxe e, sobre todo, nun arsenal de valores comúns (familia, relixiosidade, morte, natureza)”, en moitas máis ocasións do que sería desexable os seus individuos parecemos esquecer este herdo que nos configura e nos define, por máis ‘líquido’ e mutable que nos pareza no presente contexto globalizado.

A acuidade nas aproximacións e o luminoso do seu escalpelo interpretativo, a erudición e largueza nas fontes documentais das que se provee, mais tamén a magnífica prosa coa que traslada os máis densos pensamentos fan deste Identidade e afectos patrios de Ramón Villares un libro que debe lerse para comprender, cabalmente, quen fomos, quen vimos sendo e en quen podemos dar.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 7-1-2018]

Etnohistoria de Mazaira

Un pobo que non lembra a súa historia, as súas tradicións e os seus devanceiros é un pobo que deixou de existir. Para afianzar o presente, para viabilizar un futuro é imprescindible gardar memoria do que viñemos sendo. Os científicos chaman a ese exercicio preciso de análise do pasado etnohistoria. As obras que recuperan tan precioso herdo teñen un valor inestimable e dunha delas, exemplar, quero hoxe dicir: Quintela de Mazaira. Terra e xente.

Este libro é un demorado estudo levado a cabo polo ensaísta e narrador Olegario Sotelo Blanco, natural da localidade de Quintela de Mazaira, pequena entidade de poboación situada a doce quilómetros de Castro Caldelas en Ourense, estremeira xa coas terras da provincia de Lugo e que ten como gardián no horizonte a Cabeza de Manzaneda, da que dista vinte e cinco quilómetros.

Quintela foi de sempre unha aldea arredada, malia a súa proximidade á antiga vía romana e a situarse a non moitos quilómetros de San Clodio e Montefurado. Este feito fixo que nela se conservasen costumes e usos que a definen como un ben singular reservorio de moitos dos nosos sinais de identidade do que foi a Galicia agraria secular, de aí o interese certo de recoller e estudar todos os materiais etnográficos e antropolóxicos que, ollados dende o presente, explican a andaina que fixemos como comunidade.

Sotelo Blanco dedicou a recoller toda esta información e analizala moitos anos. Agora dáa a coñecer nun volume de case medio milleiro de páxinas, publicado polo selo editor que leva o seu nome e que ve luz co patrocinio do Concello de Castro Caldelas e a Deputación de Ourense.

Nada neste libro fica fóra da minuciosa atención de Sotelo Blanco, quen dá conta dos espazos sociais e de traballo na aldea; da vivencia das estacións e os días; das partes da casa e o ambiente doméstico; dos lugares das xuntanzas; dos hábitos de vestimenta; dos oficios e labores agrícolas; das celebracións comunais, feiras e xogos infantís; do medio natural circundante e a abondosa presenza dos muíños; da vizosa tradición literaria oral vencellada a todo tipo de crenzas, lendas e supersticións e, tamén si, da importancia do fenómeno migratorio nesta localidade.

A todo este vastísimo coñecemento chega Sotelo Blanco por diferentes vías. Primeiramente, a súa propia memoria, pois incorpora algún capítulo expresamente autobiográfico no que lembra a Quintela da súa infancia e mocidade e fai balance da súa particular relación con ela como emigrante a Cataluña que foi. Mais tamén accede a todo este rico universo mercé ás entrevistas que foi facendo a algúns dos seus habitantes, quen testemuñaron moitas das informacións e ofreceron xeitosos recordos cos que axudar a trazar este mapa etnográfico do lugar. Finalmente, para algunhas cuestións contextuais e metodolóxicas tamén se serviu o autor dunha bibliografía escolleita, coloratura precisa para salpementar aquí e acolá comentarios ou explicacións.

Denantes de rematar, non quero deixar de salientar outras dúas achegas de estimanza: a xenerosa galería fotográfica coa que se dá cabo á obra e a pulcritude técnica na edición do libro. As instantáneas teñen a virtude de facernos máis próxima o mundo retratado. A coidada edición, responsabilidade de Mari Carmen Romero e Xurxo Bértola, de ofrecernos un volume que presta ter nas mans, mimado ata o último detalle nas tipografías, papel e maqueta.

Oxalá cada unha das nosas heroicas aldeas tivese un Olegario Sotelo Blanco para historiala. Quen nos dera ver publicadas moitas Quintela de Mazaira. Terra e xente. Teño a esperanza de que o exemplo dea froito e este libro, modélico de todo punto, sirva de guieiro a futuros traballos que recuperen e estuden tanta vida das comunidades de noso.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 5-11-2017]

Letras para lembrar

Nordesía (Balance do ano, 31-12-2017)Hoxe remata o ano. Acae facer balance do que este, literariamente falando, deu de si.

A prosa galega do 2017 foi celmosa e deixou títulos merecentes de salientarse. Velaí están as intrigas que tecen Miguel Anxo Fernández en Blues para Moraima, Lionel Rexes en A raíña das velutinas ou Antonio Manuel Fraga en A virxe das areas; as narrativas evocadoras de Marcos Calvos en O xardineiro dos ingleses ou Antón Riveiro Coello en A sombra dos bonsais; a escrita subversiva e reveladora de Teresa Moure en Um elefante no armário; a novela histórica de Santiago Lopo en A arte de trobar ou os refrescantes relatos de Ana Cabaleiro en Sapos e sereas.

O fardelo da poesía rebordou con versos afortunados, como os poemas elucidadores de O filósofo coxo de Eduard Velasco; os textos de palpitante memoria de Xulio L. Valcárcel en O outono nos espellos; as composicións sempre comprometidas de Daniel Salgado en O gran rexeitamento/ Flores para Albert Ayler; a melancolía destilada por Miriam Ferradáns en Nomes de fume; a realidade problemática e mutable de A cadencia da fractura de Isaac Xubín; as dolorosas despedidas de Luís Valle en Para que eu beba; as viaxes no Tempo e nos mundos de Tamara Andrés e o seu Corpo de Antiochia; en fin, os Lumes todos de Ismael Ramos ou o planisferio da pel que Lorena Conde trazou en Entullo.

O pensamento de noso tamén deixou duradoiro ronsel en biografías de grandes persoeiros da literatura galega como Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) de María Xesús Lama ou Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía de Xosé Luís Axeitos; en ensaios sobre ritos e balizas antropolóxicas como Humildar de Suso de Toro; recuperacións da memoria represaliada como Non des a esquecemento de Luís Bará ou profundares sobre o ser presente e histórico galego como Identidade e afectos patrios de Ramón Villares.

gomboTamén a nosa literatura infantoxuvenil brillou con forza, como demostran as imaxinativas andainas de Bruxa e familia de Paula Carballeira; o relato iniciático en fermosos álbums da serie Gombó e o medo á escuridade e mais Gombó e a viaxe á lagoa ideados por Ánxela Gracián e Christian Villamide; o teatro solidario de Carlos Labraña en O valo; o relato reivindicativo e xenericamente sensible de Eva Mejuto en 22 segundos ou a heroica aventura transoceánica narrada por María Solar en Os nenos da varíola.

Aínda habería que sumar ao anterior algunha peza teatral de incuestionable interese. Poño por caso: a magnífica Suite Artabria de Manuel Lourenzo, un profundar na épica anónima da veciñanza coruñesa que transparenta en diálogos fondos e lostregantes como só o autor do Valadouro é quen de escribir.

Hai variedade tanta coma calidade moita. E sempre ha de vir ben comezar o ano con boas lecturas.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 31-12-2017]