Arredor do noso romanceiro tradicional

Romanceiro tradicionalHai libros que son un clamor, que berran dende a súa propia entraña a necesidade de ver a luz. Este é o caso do Romanceiro tradicional que os investigadores e profesores José Luís Forneiro e Sergio de la Ossa asinan para aCentral Folque, un volume que, como o seu propio subtítulo indica, nos agasalla cunha “Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983)”.

E é que o Romanceiro tradicional é moito máis que unha magnífica escolma comentada de romances. É tamén, e cómpre subliñalo, unha sintética pero reveladora historia da tradición galega do romanceiro hispánico, tanto da vertente literaria coma da musical.

Os que se acheguen a este libro-disco poderán ler con agrado unha ben interesante entrevista proemio aos autores, quen nas súas respostas sitúan o estado da cuestión sobre o estudo, conservación e divulgación do romanceiro en Galicia, ao tempo que poñen en valor o extraordinario legado que supón o Archivo Sonoro del Romancero (ASOR) promovido entre finais dos anos setenta e primeiros oitenta do pasado século polo Seminario Ménendez Pidal da Universidade Complutense de Madrid. Mercé aos seus esforzos, podemos consultar esta colección de gravacións, na que se conservan máis de 16.000 versións de romances, das cales 3.700 corresponden a 302 localidades da área galega. É, por tanto, a maior colección romanceiril da nosa tradición e tamén unha das máis celmosas de todo o ámbito panhispánico.

No amplo estudo introdutorio á escolma Forneiro leva a cabo unha modélica síntese do nacemento e historia do romanceiro, con particular parada no que di do romanceiro tradicional galego, as sombras e luces na súa recolla e o estudo das principais liñas que o caracterizan, amais de engadir unha sucinta pero precisa nota histórica verbo do Seminario Menéndez Pidal e os traballos deste en Galicia.

Da súa parte, o etnomusicólogo De la Ossa analiza a música dos romances e a tradición dos estudos nesta dirección desenvolvidos, con especial atención ás súas melodías novas e vellas, ás variantes existentes, ás melodías e xéneros, ao xogo estrófico, ritmos, prosodias e mais compases e mesmo ás unidades musico-textuais.

Tras os dous longos traballos introdutorios, Romanceiro tradicional reproduce dezaoito versións de dezasete romances (o tema de “O conde Alarcos” conta con dúas), que constitúen unha mostra representativa do corpus galego do ASOR, escollida a partir da excelencia textual e musical das versións, da pluralidade de subxéneros incorporados (con romances carolinxios e novelescos, pero tamén xocosos, rústicos, relixiosos e vulgares) e da súa extensión a todas as áreas xeográficas da Galicia administrativa.

Alén do dito, cada texto e partitura destas dezaoito versións van acompañados dun completo comentario literario e musical, que contextualiza histórica e socioculturalmente as pezas ao tempo que as pon en conexión co resto da tradición romanceiril.

A publicación, que vai acompañada do correspondente cd cos romances cantados, péchase cun apéndice coa “Lista de títulos portugueses e castelhanos mencionados no texto” e ofrece ao través das súas páxinas ben interesante material fotográfico, que recolle tanto instantáneas (hoxe xa históricas) das recolleitas de campo dos membros da FRMP durante os traballos do ASOR como a reprodución de cubertas de obras clave e retratos de persoeiros como o propio Menéndez Pidal, Diego Catalán e outros.

Romanceiro tradicional. Breve antologia das recolhas do Seminario Menéndez Pidal na Galiza (1977-1983) é un libro-disco imprescindible para entender o romance como representante ibérico da balada europea, particularmente valioso para coñecer a súa vizosa tradición galega. Sexan parabéns, por tanto, a José Luís Forneiro e Sergio de la Ossa polo seu formidable traballo, co que contribúen a enriquecer o destacado catálogo de aCentral Folque.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 24-11-2019]