Venturosa recolleita

A obra ensaística en xeral e filolóxica en particular —quer na súa faceta (socio)lingüística quer na súa dimensión (crítico)literaria— de Ricardo Carvalho Calero só pode cualificarse cun adxectivo: ciclópea. Ducias, centos de artigos, conferencias, discursos, pregóns, nótulas, recensións, proemios e estudos introdutorios súmanse á vintena longa de libros de ensaio que en vida publicou.

Pois ben, este titánico labor analítico, desenvolvido durante máis de medio século arredor dunha abraiante variedade de asuntos lingüísticos e literarios galegos e publicado en revistas e xornais, libros colectivos, folletos, anuarios e outros volumes, foi escasamente escolmado e reeditado ata hai ben pouco, malia teren transcorrido xa tres décadas dende o pasamento do insigne ferrolán.

Por iso a compilación de ensaios Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación, a cura de quen é unha das máximas especialistas na biobliografía do autor —e, como ela mesmo recoñece, discípula súa—, a profesora e investigadora María Pilar García Negro, constitúe unha venturosa recolleita, que pon ao alcance de todas as persoas interesadas case medio cento de ensaios breves do intelectual, entre os que non faltan traballos referenciais dedicados a persoeiros ou materias esenciais como Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Otero Pedrayo, Risco, Cunqueiro, Seoane, o bilingüismo, o feminismo e o galeguismo, entre moitos outros.

Esta segunda edición de Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (a primeira aparecera no 2010) foi revisada e acrecentada por García Negro, quen actualizou os seus textos de presentación e engadiu interesantes apéndices para completar unha obra que, polo valor da escrita antologada, a amplitude de temas abordados, o extenso abano temporal abranguido e o impecable tratamento e reprodución dos textos seleccionados, resulta un volume de consulta imprescindible para coñecer a fondo o Carvalho Calero “traballador incansábel das letras galegas”, “servidor conspicuo da Galiza” ao que lle acae, con toda xustiza, a consideración de que “nada galego lle foi alleo”.

[Faro de Vigo, 21-5-2020]