O autor

Armando Requeixo (foto de Chus Varela)Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario e investigador. Profesor da Universidade de Santiago de Compostela, secretario científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e Catedrático de Lingua e Literatura Galegas no Ensino Secundario, é tamén coordinador de Actividades e Publicacións da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro.

Como ensaísta e estudoso ocupouse da obra de Álvaro Cunqueiro, Luís Seoane, Aníbal Otero, Eduardo Lence-Santar, Xosé Díaz Jácome, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro de las Casas, Arcadio López-Casanova, Victoriano Taibo, Manuel Leiras Pulpeiro, Daniel Piernas Nieto, Ramón Piñeiro,  Xosé Neira Vilas ou Fernando Pérez-Barreiro Nolla, entre outros. Ao lucense Ánxel Fole dedicou a Tese de Licenciatura en 1996, pola que obtivo o Premio Extraordinario da USC. Pola súa banda, ao guitiricense Xosé María Díaz Castro consagrou a Tese de Doutoramento no 2014, tamén Premio Extraordinario da USC.

Membro da Asociación Galega da Crítica, a Asociación Española de Críticos Literarios e mais da Asociación de Escritor@s en Lingua Galega, recibiu varias distincións polo seu labor, entre elas o Premio Xerais á Cooperación Editorial 2004, o Premio Literario Ánxel Fole 2010 ou o Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela 2017.

Como crítico literario exerce como comentarista habitual nos xornais do Grupo Editorial Prensa Ibérica (Faro de Vigo, La Opinión) e do Grupo La Capital (El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños), ademais de na revista Tempos Novos.

Unha parte representativa dese seu labor como comentarista do libro galego nos medios foi recollida no volume Criticalia (2011). Co mesmo nome, mantén dende febreiro do 2011 un blog de comentario e análise literarios.

2 opinións sobre “O autor

Os comentarios están pechados.