Casas literarias: Xosé Neira Vilas

casa-do-romanoXosé Neira Vilas naceu o 3 de novembro de 1928 na Casa do Romano, na parroquia de Santiago de Gres, Concello de Vila de Cruces. A vivenda é unha edificación labrega que se remonta ao século XVIII e que durante moito tempo foi albergue para os peregrinos que, polo Camiño Portugués, viaxaban cara a Santiago.

Na Casa do Romano naceron tamén tres irmáns do autor: María, Xesús e Mercedes. Foi este fogar o lugar no que viviu ata os seis anos, pois a partir de 1935, cos cartos que seu pai trouxo de Bos Aires (a onde marchara cinco anos antes), construíron unha nova vivenda na que foron morar os proxenitores, os catro fillos e os avós maternos destes. Foi nese novo inmoble onde naceron os outros tres irmáns de Xosé: Santiago, Manuel e Carmen.

Naquel Gres humilde, con dificultades e miserias sen número, pero con ledicia e ilusión pola vida, medrou Neira Vilas facendo os traballos propios do Balbino que anos despois tan ben novelou. Apenas se puido escolarizarse e as lecturas daquel tempo foron escasas, pero a súa capacidade de superación fíxoo estudar Contabilidade a distancia, enviando os exercicios e probas a unha academia de San Sebastián que lle deu o título con quince anos.

Comezou logo a traballar levando a administración dun serradoiro do lugar e empezou a afeccionarse ás representacións teatrais, para as que escribiu e adaptou diversas pezas que el mesmo dirixía, redactando incluso as escenificacións para as celebracións dos famosos Xenerais da Ulla con apenas dezoito anos.

Mais no seu devezo por aprender e formarse Neira Vilas viuse limitado e sen posibilidades na modesta Galicia á que por orixe e titulación podía acceder, así que a primeiros de 1949, con dezanove anos, decidiu marchar á emigración e foi vivir a Bos Aires. Alí, logo de pasar por varias vivendas de parentes, veciños e amigos, residiu sobre todo no 3035 da rúa Asunción e foi tamén alí onde agromaron os seus primeiros libros, entre eles esa marabilla que titulou Memorias dun neno labrego (1961).

Logo duns anos na capital porteña, no verán de 1961 marchou a Cuba, pois catro anos antes casara coa habaneira filla de galegos Anisia Miranda. Na Habana viviu inicialmente un mes na casa do dirixente cubano Santiago Riera, mais pronto pasou morar nunha vivenda da Rúa A no barrio do Vedado, que foi a residencia del e Anisia durante os seguintes trinta e un anos.

En Bos Aires e na Habana seguiu escribindo libros, promovendo, incansable, todo tipo de actividades para a difusión e coñecemento das nosas letras e ostentando diversas responsabilidades que o fixeron un auténtico embaixador da literatura galega naquelas terras.

En 1992, logo de chegar a un acordo coas autoridades para a restauración da natal Casa do Romano, volveu ao seu Gres da infancia e a casa que o vira nacer ampliouse cun novo edificio deseñado polo arquitecto César Portela. Neste conxunto duplo é onde hoxe se atopa a sede da Casa Museo Xosé Neira Vilas, que alberga un pequeno salón de actos, un museo etnográfico, unha biblioteca e a zona propiamente de vivenda, espazos todos que na actualidade coida con tesón admirable o padroado da fundación que leva o nome do escritor, dirixida moi competentemente por Luís Reimóndez.

De novo na Casa do Romano, a mesma que se ve na foto que figura na cabeceira destas liñas, Neira Vilas e Anisia pasaron o resto dos seus anos. No caso dela ata o seu pasamento no 2009. No del, ata hai agora exactamente un ano.

neira-vilas-en-gresNo lar no que nacera volveron agromar as historias que dende a nenez o autor levaba dentro. O por el escrito nos derradeiros vinte e tres anos na Casa do Romano ha dar idea do feraz deste espazo matricial, no que abrollaron novos libros de relatos e novelas (Papeis, Contos de tres mundos, O home de pau, Relatos mariñeiros, A fuxida do Manuel, Esperando o leiteiro, Aquel neno, Romaría de historias), textos infantoxuvenís (Chegan forasteiros, Cantarolas, Novas Cantarolas, O xardín de Irene, Galicia, nosa ledicia, Cantos de sol a sol, Quique na aldea), poesía (Dende Gres) e ensaios millenta (Eduardo Blanco Amor dende Buenos Aires, Cartas de vellos amigos, as series Memoria da emigración e Crónicas galegas da América, Vinte anos retornando, Arredor do mundo, Lóstregos, Penúltimo dietario ou Cancela aberta).

A Casa do Romano foi para Neira Vilas unha mandorla xeratriz onde gardaba a memoria do Balbino que foi, do mozo emigrante que chegou a ser e do intelectual retornado que acabou sendo. Por iso hoxe, no día do seu cabodano, tamén estas liñas queren lembralo nese seu territorio literario por excelencia, a casa na que deitou o derradeiro alento, un lugar que cantou nestes sentidos versos:

Gres é unha tenza de vizosos labradíos,
Gres, un recanto fluvial agarimado
Gres é auga de pesqueiras e muíños,
Gres ten tres pontes,
Gres tres vencellos
Gres ten pazos,
Gres ten templos,
Gres ten panteóns,
Gres resonancias feudais e un castro de lonxanos deuses
e lonxanos guerreiros.
Gres son camiños, o Real, o de Santiago
e os que se perden monte arriba
Gres é tamén música e palabra, lenda e tradición.
Vida e morte en remuíño.
Dende este Gres amado,
dende este mínimo recuncho,
placenta e signo meus,
escribo,
boto a andar estes versos ventureiros
coma o canto dun xílgaro na tarde.

 

Casas literarias: Xulián Magariños Negreira

casa magariños negreiraA vida de Xulián Magariños Negreira foi tan breve coma intensa. Naceu o 16 de setembro de 1904 na vila que levaba no segundo apelido, nunha casa da Praza do Ferreiro, pé mesmo do Pazo de Cotón, en terra, por tanto, de vella estirpe literaria dende os tempos do trobador Afonso Eanes.

De neno cursou os estudos primeiros na súa vila, pero logo fixo o exame de ingreso no Instituto Xeral e Técnico de Santiago, a onde foi vivir en 1916. Ao principio parou cunha súa tía, na Praza de Cervantes e, xa máis tarde, cando se matriculou en Dereito (1922-1927), compartiu pensión na rúa do Franco cos irmáns Fontán Maquieira.

Por ese tempo espertou en Magariños a pulsión galeguista, que o levou a participar con fruición nos faladoiros do Café Español, na rúa do Vilar, onde coincidiu con moitos outros grandes nomes da nosa literatura daquela hora.

Tamén si, foi entón cando se incorporou á andaina do SEG, ao que pertenceu dende a súa fundación en 1923. E o groso da obra literaria e ensaísta deste nicrariense veu luz nese momento: as novelas O kalivera 30 H. P e O filósofo de Tamarica (ambas de 1926) e mais a súa participación no Vocabulario popular galego-castelán, que preparou para o SEG entre 1926 e 1928 —xunto a X. Cordal Carús, X. Filgueira Valverde, L. Tobío Fernández— e que publicou por entregas El Pueblo Gallego. O resto da súa produción, toda ela xornalística, espallouna pola prensa tanto galega coma da emigración.

placa magariñosEn 1928, rematada a carreira, marchou a Madrid para preparar oposicións a rexistrador da propiedade. Non tivo sorte, entre outras cousas porque a fraca saúde que sempre o acompañou comezou a facerse notar severamente, privándolle do acougo necesario para saír con ben daquel reto.

Así as cousas, regresou a Negreira e abriu un bufete de avogado en 1930. Na primavera seguinte casou con Carmen Negreira Tomé, filla dunha comerciante de panos e lencería que alugou a Magariños parte do baixo da casa na que residían e tiñan a tenda para que este montase alí o seu despacho de avogacía.

Pois ben, o inmoble referido foi logo o fogar dos mozos casados, o mesmo que se ve na foto, sito na Carreira de San Mauro, número 28, a escasos metros de onde nacera o escritor, a un tiro de pedra do Pazo do Cotón, a menos de cen pasos do edificio que dende 1933 pasou a albergar o concello.

Nesta casa da Carreira de San Mauro que se contempla na foto viviu Magariños días felices, como ten relatado con fondo saber Xosé Amancio Liñares Giraut, o seu biógrafo e mellor coñecedor. Naquel lar naceron os seus fillos. Alí seguiu escribindo para Nós e A Nosa Terra, tamén para Galicia de Buenos Aires e para o periódico agrarista comarcal La Voz de Barcala, onde apareceu a súa derradeira colaboración, que versaba, non por casualidade, sobre a revolución de 1846.

Hoxe hai exactamente oitenta e dous anos que faleceu nesta casa da Carreira de San Mauro Xulián Magariños Negreira, quen botara o último medio ano encamado cunha doenza do corazón que acabou con el na flor da vida, con apenas vinte e nove anos.

Cómpre lembrar a entrega literaria e xornalística de Magariños Negreira, o seu amor por Galicia e a súa cultura, a súa xenerosidade para traballar a prol da causa común da identidade do noso pobo. Na súa efeméride, sirvan estas palabras como homenaxe.

 

Casas literarias: Luís Amado Carballo

Casa Literaria Amado Carballo

O 2 de maio de 1901, no segundo andar da casa número 9 da pontevedresa rúa do Progreso (hoxe Benito Corbal), pé mesmo da igrexa de San Francisco, nacía Luís Amado Carballo.

Fillo dunha familia moi coñecida da boa vila, entre os seus devanceiros atópanse figuras do relevo do rexurdimentista Xoán Manuel Pintos, o escritor e xornalista Xosé Benito Amado ou o erudito historiador Celso García de la Riega.

Na casa da rúa do Progreso medrou como fillo único de Luís Amado de la Riega (de Pontevedra) e Consuelo Carballo Pesqueira (Redondela). Dende esta vivenda ía ás clases no Colexio Balmes, na Praza de Méndez Núñez, onde cursou estudos ata 1912, momento no que ingresou no daquela chamado Instituto Xeral e Técnico da cidade do Lérez.

Aquel espazo da vella cidade, tan pretiño da Peregrina, foi o seu mundo natural ata que se matriculou en Compostela na Facultade de Ciencias Sociais e Dereito en 1919. De alí marchou ao ano seguinte á Universidade Central a Madrid, por onde andou un tempo ata que volveu asentar definitivamente en Pontevedra, xa en 1922.

Dende ese momento e ata o seu temperán pasamento o 3 de setembro de 1927 (con tan só vinte e seis anos), os seus lugares de residencia apenas variaron. Pasou, si, tempadas no Pazo de Santa Margarida en Mourente, onde semella que preparou a edición de Proel, andou en visitas por Vigo (onde colaboraba coa prensa escrita da cidade olívica) e veraneou en Vilagarcía de Arousa e Soutelo de Montes, localidade esta última na que parece puido exercer como mestre un tempo, pois obtivera o título de tal.

placa casa amado carballoO inmoble do canto de Benito Corbal con Cobián Roffignac acubillou os soños daquel neno, morto mozo, que ideou os amores difíciles de Maliaxe (1922), o testemuño de Os pobres de Deus (1925) e os versos incomparables de Proel (1927) e O galo (1928), este disposto postumamente polo seu íntimo Xoán Vidal Martínez.

Vaia, hoxe, este memorando para o poeta que cantou “Pontevedra”:

Pontevedra é boa vila
dá de beber á quen pasa
a fonte na Ferrería
San Bartolomeu na praza.

No dondo colo do vento
quedous’a choiva durmida.
Lonxe as casas da cibdade
baixan á beber na ría.
Dos beizos escoa a copra
Pontevedra é boa vila.

Cand’o sol cae nas pedras
pescudando un grolo d’agoa
a sombrilla abren os árbores
par’o paxaro ximnasta.
Fervendo luz de lua fresca
dá de beber á quen pasa.

Choutando pol-os clocheles,
entrou o Corpus na vila.
Chora esquencida na rua
a gaita recen nacida.
O ceo vai com’un foguete
a fonte na Ferrería.

Trema no berce da tarde
a vella voz das guitarras
Ô pé da rexa amorosa
veu morrer o toque d’Animas
que bota a pastar nas nubens
San Bartolomeu na praza.

Casas literarias: Manuel Leiras Pulpeiro

Casa Leiras IIEsta que aquí vedes é a casa natal de Manuel Leiras Pulpeiro. Veu ao mundo nela o 25 de outubro de 1854. Entón, a vía na que se atopa coñecíase polo nome de Rúa da Ronda (pois por alí discorría, en tempos, a vella muralla medieval da cidade) e a vivenda levaba o número 18. Hoxe chámase Rúa de Febrero (en honor a José Febrero, o famoso xurisconsulto mindoniense do século XVIII) e foi renumerada.

Temos constancia da súa nacenza nesta rúa porque así o testemuña o libro de bautizados do Arquivo Diocesano de Mondoñedo, tal como documentou no seu día Andrés García Doural nun seu estudo sobre a familia Leiras.

O que logo foi o primeiro dos grandes poetas mindonienses contemporáneos residiu en diferentes vivendas da súa cidade natal, pois foi dunhas a outras primeiro con seus pais —cando era neno aínda— e logo por si mesmo debido a diferentes causas (poño por caso, o seu casamento con María de los Milagros Andía Villar).

Leiras Pulpeiro é un acabado exemplo de mindonicidade xenuína, pois contados foron os períodos que permaneceu lonxe da súa raiceira (apenas o tempo dos estudos superiores, pois, unha vez licenciado en Medicina, regresou decontado a exercer en Mondoñedo).

Placa Leiras IVDáse, por tanto, un íntimo vincallo entre o vivencial e o autorial no caso de Leiras Pulpeiro, o que explica a autenticidade e a fonda incardinación de toda a súa escrita nesta psicopaisaxe. Os seus Cantares gallegos e outras composicións amentan topónimos desta terra, aluden a tradicións e costumes seus e, sobre todo, están escritos con abondosos mindonesismos. Mesmo recolectou moito cantigueiro e paremioloxía da tradición oral desta bisbarra e enviou á Real Academia Galega un vocabulario con léxico da zona.

Tal foi a identificación de Leiras Pulpeiro coa súa Terra e a súa Historia (velaí a súa reivindicación da figura do Mariscal Pero Pardo de Cela) que, ata na derradeira hora (da que hoxe se fan cento tres anos), quixo que o lembrásemos sempre ledo e esperanzado entre simbólicas e emblemáticas ‘rosas roxas’:

Se cando me fine, as campás…

Se cando me fine, as campás
do meu lugar non me choran;
se, onde os meus, achegadiña
non abren logo, a miña cova,
e enriba dela non poñen
roseiras de rosas roxas,
ben roxas, como as que eu coido
con amor na miña horta;
que non me chamen para o ceo,
que non vou, non sendo á forza,
sen botarme antes, de noite,
pola aldea de riola,
ata que comigo pegue
quen me requira e me ouza
e faga tanguer as campás;
e que, onde quero, me poñan,
e, despois ao pé meu teña
roseiras de rosas roxas.

 

Casas literarias: Celestino Fernández de la Vega

casa cilistroCelestino Fernández de la Vega, Cilistro para os amigos, é un claro exemplo de intelectual no que o contexto natalicio, o espazo e paisanaxe infantes e xuvenís, acaban por conformar un xenuíno modo de ser.

Cilistro naceu en Friol, o 23 de setembro de 1914. A vila luguesa, próxima á Lucus Augusti de selo romano, é toda ela unha landa de antigos señoríos, con pazos e torres medievais que gobernan un territorio de casas fortes e vellos feudos cunha tradición que resoa na historia e nas lendas.

A paisaxe daquelas terras é dunha beleza incontestable. Prados largacíos e correntes fluviais que fixeron do fillo de don Higinio, xuíz e notario da localidade, un neno singular.

A casa de nacenza de Cilistro —e dos seus sete irmáns— foi o Pazo da Torre, unha vivenda onde estivo apenas os anos puerís, pois sendo mozote trasladouse a un outro lar cabo do Campo da Feira, vivenda, esta si, na que pasou a mocidade intelectivamente consciente e, polo mesmo, onde se preconfigurou o pensador e ensaísta que logo foi.

De rapaz, ao Cilistro tiráballe a natación e o fútbol. O seu era arrebolarse ao río e vadialo mergullado de lado a lado, submersión na que era, seica, un auténtico campión. Por descontado, tamén o balompé que daquela comezaba a causar furor, pois mesmo fican testemuños gráficos dos tempos da Preguerra nos que figura na aliñación do Sport Club de Friol.

De por parte, a casa do Campo da Feira foi, decote, o lugar ao que regresar tras o tempo dos estudos, primeiro no Lugo calmo de mediados dos vinte e logo nos avoltos Santiago e Madrid que xa cheiraban o desastre do 36. Por suposto, tamén o paradiso ao que regresaba unha e outra vez para fuxir das obrigas rutineiras da Administración da capital, pois Friol foi sempre para Cilistro o lugar onde todo cobraba sentido.

pazo da torreSe un le con atención os traballos do pensador —recomendo o guieiro dos magníficos estudos de Ramón López e, para o biográfico, tamén a aproximación de Siro López— decatarase pronto do telurismo esencial que agochan. Ese seu vencello co Dereito Natural, a incardinación do Ser Humano na súa Paisaxe constitutiva, unha sorte de diálogo ecolóxico no sentido máis filosófico, un ser na Terra que non é senón un recoñecerse nos ciclos da Natureza, nos días e nas horas dunha tribo apegada á contorna e á tradición. Por iso lle interesou Santa Eulalia de Bóveda, un herdo que nos acena dende os séculos. E tamén o humor como argamasa do ser galego no seu mundo, na súa paisaxe vivencial e humana, transfundida nos espazos. E, xaora, as saudades que agroman nuns lindeiros nos que o espazo, a flora, a fauna, mesmo a climatoloxía determinan un individuo propenso a meditacións non adoitas noutros pobos e que el mesmo definiu diafanamente: “ciclos produtivos, fatalidade, sentimento tráxico da vida, politeísmo, natureza/nai, naturalismo”.

E Friol foi ese seu sancta sanctorum, o recuncho ao que se retirar para ser máis el, como fixera o seu admirado Heidegger ao marchar para a Selva Negra. “Eu son eu maila miña entrañable e íntima paisaxe luguesa”, deixou dito Cilistro.

Cando Celestino Fernández de la Vega habitaba Friol a verba facíase palabra de revelación, porque o Ser era no Tempo, no Tempo demorado daquelas valgas húmidas inzadas de castros milenarios.