Casas literarias: Xosé Díaz Jácome

Casa Jácome VXosé Díaz Jácome naceu no mindoniense barrio dos Muíños ás doce do mediodía do 19 de abril de 1910. A súa casa natalicia estaba situada nos Muíños de Abaixo, no número 24, pé da Fonte dos Pelamios, onde hoxe se ergue unha estatua súa realizada polo artista Quique Guerra á que se chega camiñando polo paseo que leva o seu nome. Andando o tempo, a súa familia trasladaríase a unha nova vivenda, xa nos Muíños de Arriba, que había ser o lar referencial para o poeta, quen escribiu alí os primeiros textos e a plaquette coa que se estreou, Primeiras cantigas do amor (1936), epilogada polo seu amigo fraterno Álvaro Cunqueiro e impresa mercé ao mecenado do músico filántropo e tonsurador de barbas Manuel Ledo Bermúdez O Pallarego.

paseo jácomeO poeta, que de neno foi pícaro alegre e xogantín e a piques estivo de ser arrastrado polo río Valiñadares no muíño grande dos Pelamios que pasaba a carón da súa casa natal, nunca esqueceu o barrio de nacenza, a Venecia mindoniense navegada polas correntes do Río Vello ou Valiñadares ou Ares, que dos tres xeitos é coñecido na cunquiña deleitosa de Leiras. Tanto é así que un dos seus libros maiores leva no propio título a emblemática construción na que se desenvolvía a oficio histórico do barrio, ao que sumou aínda un adxectivo revelador da súa adhesión sentimental: Muíño fidel (1983).

Sempre na escrita e na memoria de Díaz Jácome foi con el o seu barrio dos Muíños e todo Mondoñedo. Ata o final, como se ve na «Panxoliña pra dicir na ermidiña de Santiago dos Muíños», que escribiu polo nadal de 1997, poucos meses antes do seu pasamento, e que constitúe unha entrañable homenaxe ao pequeno templo que tanto frecuentou na infancia e mocidade, construído no XVII por orde de Jácome Montero, moi probablemente un devanceiro seu.

placa jácomeTal día coma hoxe de 1998 deixábanos, na Coruña, Díaz Jácome. O seu corpo foi trasladado ao día seguinte e agora descansa preto do lugar no que viu a luz primeira, no Cemiterio Novo de Mondoñedo, ao norte da cidade, na saída cara ao Cantábrico no que deitan as augas do río que baña o barrio. Dende alí o poeta enderga o renacer do val ledicioso e a súa chegada polo Carmio abaixo, camiño da Faxina ata a pequena Venecia:

Nas rilleiras do meu pobo,
¡cántos árbores sinxelos
locen hoxe un sono novo!
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Cun dondo estremecemento
a paisaxe abre o sorriso.
¡Qué dozura o seu alento!
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Unha saudade de niño
anda gozosa a voar
no peto dun paxariño.
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Aló, nas veigas de Oirán,
xogan en frol as cerdeiras
todas collidas da man.
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Arelante e feiticeira,
xa pasóu pola Faxina,
tan xentil, a Primaveira.
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Regaloume unha estreliña
a latexar nos meus versos:
ista homildosa froliña.
—Ai o val ledo
de Mondoñedo!

Pombal (1963)

Casas literarias: Ramón Piñeiro

casa ramon piñeiro

O ano 1990 foi nefasto para as nosas letras. Marcharon Ricardo Carballo Calero, Xosé María Díaz Castro, Xosé Conde, Manuel Lueiro Rey e Ramón Piñeiro.

Xa vai alá un cuarto de século e parece que foi onte. Aquel vinte e sete de agosto, tras ser hospitalizado, rematou os seus días na vivenda de Xelmírez 4º o autor de Olladas no futuro. Foise no mesmo lugar no que sentou cátedra durante corenta anos, unha universidade paralela e clandestina que dirixía dende aquela atalaia que gobernaba os tellados de Compostela, como moi ben describiu o seu amigo Víctor Fernández Freixanes:

A galería dá á rúa de Xelmírez e pódese ver a rúa Nova ata o cine Principal, os tellados vellos de Compostela, unha tenda de ceras na esquina que semella estar pechada sempre, coma morta, os campanarios (outra vez os campanarios, escuros, gobernados aquí polas altas torres da catedral, que queda un pouco á dereita). Axiña vén a noite polo mes de Santos. Chove a cachón, chove de abaixo pra riba, de riba pra abaixo, e a auga anda xa nas entrañas das cousas, escorregando entre as laxes de pedra, xurrando polas costas e esvaíndo as imaxes. Cando estiña, os cascarolos nocturnos saen dos seus currunchos e van coma fatos de carneiros calados polos granitos.

xelmirez placaA vivenda que avista a Rúa Nova, propiedade da familia García-Sabell, converteuse naqueles anos escuros no epicentro do galeguismo interior, unha sorte de sancta sanctorum ao que cumpría peregrinar para parlamentar co singular apóstolo. O seu xenuíno altar acabouno constituíndo unha vella mesa braseiro. Nela ideáronse moitas das estratexias de supervivencia e proxección da cultura galega dese tempo e tamén alí foron escritas miles de cartas e a obra maior do autor de Láncara.

Piñeiro non tivo un despacho oval. Non lle fixo falla. Tiña Xelmírez 15, 4º e a súa mesa braseiro. E un país na cabeza. E un mundo de xentes pendentes del e do seu consello. A Galicia posible.

Casas literarias: Ernesto Guerra da Cal

casa guerra da cal (quiroga)Ernesto Guerra da Cal naceu en Ferrol o 19 de decembro de 1911, no segundo andar do número 142 da Rúa Sagasta, hoxe Da Igrexa. Foi bautizado como Ernesto Román Laureano Pérez Guerra e o nome co que pasou á historia literaria non o confirmou ata 1945, cando xa residía en Nova York e adquiriu a nacionalidade estadounidense, o que o levou a adaptalo ao sistema onomástico norteamericano.

Aínda que Guerra da Cal veu ao mundo na cidade ilustrada, o seu berce vivencial e formativo, a súa raiceira autorial foi outra: o val de Quiroga, nas terras surlucenses lindeiras coa ourensanía.

Celia Díaz Núñez, citando palabras do escritor, ten explicado nun traballo elaborado cando este aínda estaba entre nós ese inequívoco sentimento de pertenza:

Quiroga é para Guerra da Cal un “jardim interior que eu venho com amor cultivando, dia a dia, durante as últimas quase sete décadas, à roda do mundo”, é tamén un “Vergeul de Consolação” no que “reside o âmago mais intocado da minha mais sacra identidade”. É o “Edem da infância que levo no meu coração e nas entranhas da alma como a custódia leva a hóstia”, un “Refúgio mental, jardim de lembranças sossegado”, o seu “Paraiso interior inexpugnável às investidas e dissabores da vida”, pois é o “Paraiso infantil da memória”. Quiroga, en definitiva, forma a “Paisagem da lembrança, humana, urbana e natural que eu levo entesourada nas camadas mais fundas da alma”.

Guerra da Cal foi vivir a Quiroga sendo aínda naipelo, pois seu pai morreu cando el contaba sete meses e súa nai decidiu regresar preto de seus proxenitores, que moraban na vila luguesa. De Casa da Tabacaleiraprimeiras residiu, brevemente, na casa que un seu tío avó materno tiña na Praza Maior, a chamada Casa da Tabacaleira, construída en 1898. Ben pronto marchou para outra vivenda da fronte oposta da mesma praza. No andar de baixo deste novo inmoble estudou o futuro escritor as primeiras letras con Santiago Prol Blas, tío seu, membro da RAG e celebrado rosaliólogo que residía coa súa familia no primeiro andar. Nesa mesma casa naceu, anos máis tarde, o poeta, narrador e ensaísta Eduardo Moreiras.

Mais a casa de referencia do universo literario quirogués de Guerra da Cal é o inmoble ao que se trasladou en 1914, sito na esquina da Rúa Real coa Rúa do Camiño de San Martiño de Abaixo. No primeiro andar daquela ampla vivenda residiu ata os nove anos, cando, chamado pola nai que marchara a Madrid, foi para o barrio das Delicias. Guerra da Cal no se afixo alí, sufriu unha sorte de depresión e tivo que regresar a Quiroga, onde permaneceu ata os once anos, idade á que volveu outra vez para Madrid.

Son abondosos os poemas e escritos nos que Guerra da Cal recorda e homenaxea os seus anos lugueses, pois recoñecía que “Aínda que nascido no Ferrol, sempre me considerei quirogués, pois foi aí que os meus olhos e a minha alma se abriram ao conhecimento do mundo circundante”. Lua de Além Mar (1959), Rio de Sonho e Tempo (1963) ou Futuro Imemorial (1985) recollen testemuños desta súa pequena “Pátria”, da “Morrinha de rio e lua” que sentía como unha “Saudade líquida”, lembranza de “Elegia” e “Viagem arredor de mim”, “Auto-retrato” e sentimental eterno “Retorno”.

Moito e ben teñen falado da paixón quiroguesa de Guerra da Cal os seus estudosos Joel R. Gômez (quen lle dedicou a súa tese de doutoramento), Xosé Estévez (un dos grandes pescudadores da súa raiceira estética) e a amentada Celia Díaz Núñez (quen o enxalza, con xustiza, como unha das grandes voces literarias daquel fermoso val). Tal día coma hoxe de 1994 deixounos en Lisboa. Vaian estas liñas en homenaxe ao poeta que, traspasado o medio século, aínda se lembraba de si

moço, correndo no vento
naquelas manhãs sem fim

Pulando montes e selvas
saltando mares e nuvens
rolando feliz nas relvas

Casas literarias: Ánxel Fole

casa a veiguiñaFole deixounos o 9 de maio de 1986. Pero non desapareceu. Permanece na memoria da súa escrita, imperecedoira. E tamén na lembranza dos que o coñeceron e trataron, que son moitos. Por descontado, na acordanza dos lugares nos que habitou, nos que deixou a pegada indeleble do seu xenio creador ou dos que extraeu a seiva que había de nutrir as súas páxinas. Velaí a proposta de hoxe: percorrer esas vivendas, anosalas para que tamén fique memoranza delas e do que representaron.

Ánxel Alexandro naceu ás nove da tarde do 11 de agosto de 1903, nun casarón do Campo Castelo de Lugo, nun edificio que levaba o número 1 e que desapareceu. O inmoble facía esquina entre o Campo Castelo e a praza contigua, actualmente chamada Praza Ángel Fernández Gómez e, nos tempos nos que Fole veu ao mundo, Praza do Cruceiro. O soar, xusto por tras do pazo do Concello, albergaba daquela un edificio do século XVIII que fora propiedade do Conde de Moscoso. O escritor lembraba que “era unha casa señorial con capela, cunha tulla enorme para recibir as rendas e unha cheminea de catro piares”.

campo casteloDaquela casa do Campo Castelo (onde logo se instalou o edificio de Radio Lugo) pasou vivir aos catro ou cinco anos á Casa de Orbán, casarío con ampla facenda (dezaseis hectáreas) que seu pai construíra aproveitando os terreos dunha antiga torre que fora de seu bisavó, o prócer Juan María Quiroga. A vivenda, localizada pretiño do Miño que tanto admirou e literaturizou, serviulle como base para imaxinar o lugar de Orbande no que transcorre o relato “O espello” de Á lús do candil, historia protagonizada por unha dama que é, en boa medida, un trasunto de súa tía avoa María Cristina Quiroga Sangro. Tempo despois, naquel lugar ergueuse a Estación Pecuaria Rexional.

Cando tiña sete ou oito anos a familia Fole Sánchez marchou vivir á céntrica Rúa Aguirre e, xa na adolescencia, con dezasete anos, pasaron a residir no Carril dos Loureiros, nunha casa propiedade do pintor Corredoira, no horto da cal xermolou o devezo lector e a paixón literaria do autor, quen se ten referido a aquel domicilio en varios artigos como a sede do ‘Clan dos Lunáticos’ e mesmo ‘A Grande Irmandade dos Cabaleiros da Rosa de Lus’ polas xuntanzas que alí mantiñan un grupo de mozos con inquendanzas artísticas.

carril dos loureirosTras rematar os estudos secundarios no vello Instituto de San Marcos e cumprir co Servizo Militar, marchou estudar Dereito e Filosofía e Letras á Universidade de Valladolid (1927-1928), vivindo nunha pensión de estudantes da rúa Teresa Gil, esquina Enrique IV. Dende alí sairían os primeiros artigos que publicou na súa vida, aparecidos en La Provincia e El Progreso. Logo, proseguiu Dereito en 1928-1929 na Universidade de Madrid, residindo primeiro na rúa da Cruz e logo na rúa Valverde, fronte por fronte da casa de Max Aub. Mais, ao pechar a Universidade Central o goberno do Xeneral Primo de Rivera por motivos políticos, decidiu regresar temporalmente a Valladolid, para, xa entre 1929 e 1933, aparecer matriculado na Universidade de Santiago, onde compartiu pensión cun vello amigo que coñecera nos tempos do instituto: Álvaro Cunqueiro. Paraban na rúa da Ensinanza, 11, nunha fonda pola que pagaban, segundo o seu común amigo Paco del Riego, 4’5 ptas. diarias polo dereito a “sopa, dous pratos e sobremesa, mazá ou laranxa”.

As estadías dos últimos cursos universitarios alternounas Fole coa súa crecente dedicación xornalística, profesoral e literaria, que o levou a pasar tempadas en Rábade (onde era mestra Gabriela Nieto Chaín, muller do seu irmán Desiderio, cos que estivo os veráns de 1932 e 1933) ou A Veiguiña, en Quiroga, na que impartiu clases particulares de latín a Gonzalo e José Luis Quiroga Quiroga, daquela nenos, segundo me contou un dos fillos do primeiro.

A Guerra Civil sorprendeu a Fole vivindo na Ronda da Muralla (entón Ronda de Castilla). Mais, a persecución á que o someteron os falanxistas por mor da súa militancia galeguista de Preguerra, obrigouno, de primeiras, a ‘desaparecer da escena’ Fíxoo en casa amiga, concretamente no faiado da vivenda de Luís Pimentel, con que se trataba familiarmente, pois o pai deste era o seu padriño. Logo, tentou resistir as penurias do ostracismo dando clases particulares do que xurdía nun faiado da rúa Quiroga Ballesteros, nun cuarto en Caiñós e no Colexio Balmes, pero a situación fíxose insostible e tivo que tomar unha determinación: marchar ao ‘exilio interior’ nas terras quiroguesas.

dianteira a veiguiñaA familia Quiroga acolleuno en 1941 na Veiguiña e fíxoo preceptor dos seus fillos. Alí residiu ata 1953, ano no que regresou definitivamente a Lugo. Ese foi o seu espazo case que exclusivo naquela ducia de anos, pois fora dalgunhas (poucas) viaxes a Compostela (casas de García-Sabell e Piñeiro) ou Coruxo (onde asistiu na casa de Fernández del Riego á reunión do 25 de xullo de 1945 na que se ideou a futura constitución de Galaxia) para ver vellos amigos, case non saíu da Veiguiña, agás no outono de 1944, cando residiu en Pacios, na Terra Chá, con familiares ou, evidentemente, as estadías na outra vivenda forte dos Quiroga: a Casa Grande da Pobra, no Hospital do Incio.

Na Veiguiña naceron os relatos de Á lús do candil entre 1950 e 1951 e, tamén alí, pero en 1952, amecéuselles o vocabulario final e revisouse a corrección de probas do conxunto. Por tanto, esta da Veiguiña foi, con certeza, a grande casa literaria de Fole, pois non só agromou nela a súa primeira e, se cadra, máis coñecida obra, senón tamén o borrador de Pauto do demo, como se deduce da amentada correspondencia con Fernández del Riego. Do mesmo xeito, en varios relatos dos ben posteriores Contos da neboa e Historias que ninguén cre volven aparecer personaxes e circunstancias quiroguesas, herdo do tempo pasado na Veiguiña. Leal Insua fixo no seu día unha afirmación coa que concordo: sen os días da Veiguiña, “os libros de Ánxel Fole nin terían sido coherentes nin quizabes existisen”.

casa incioA longa estancia na Veiguiña alternouna Fole coas xeiras na Casa Grande da Pobra, no Hospital do Incio, a mansión construída por Quiroga Ballesteros en 1880 na que residiu coa musa de Bécquer Julia Espín. Alí foron escritas as historias de Terra brava entre 1952 e 1953, aínda que o remate de redacción xa llelo deu en Lugo e o mecanografado e a revisión xeral da obra esperaron ata o outono de 1955, pois foi na casa de Piñeiro, en Santiago, onde se lle puxo o broche ao libro, que pasou á máquina o de Láncara, non sen antes facer numerosas suxestións, como deixou contado Franco Grande.

Tras esa intensa e decisiva etapa na Veiguiña e O Incio, regresou a Lugo en 1953 e pasou os días na redacción de El Progreso, tamén escribindo novos relatos, como os que reuniu en Contos da neboa e Historias que ninguén cre. Alugou un cuarto na rúa Santiago, fronte do Colexio das Xosefinas, pero pouco máis ía por alí que a durmir, posto que facía vida durante as horas de luz con seu irmán Salvador e súa cuñada Fina. De feito, ao morrer o primeiro, en maio de 1979, foi vivir coa segunda a aquel piso da rúa Montero Ríos, morada derradeira na que o atendeu, ata o final, a súa sobriña Concha, hai hoxe daquilo vinte e nove anos.

As súas casas son estas. A Veiguiña está xa para sempre na historia da literatura e o seu exemplo aluma, como poderoso candil, os narradores que logo del foron.

Casas literarias: Vicente Risco

rua da paz casa riscoO número 25 da rúa da Paz —antiga rúa dos Zapateiros— en Ourense é un vórtice literario de primeiro nivel. Que dous dos máis grandes escritores galegos do pasado século nacesen no mesmo edificio é un feito insólito do que custa procurar paralelos.

No primeiro andar desta vivenda veu ao mundo o 1 de outubro de 1884 Vicente Martínez-Risco e Agüero e alí pode lerse hoxe unha placa conmemorativa que o Concello de Ourense dispuxo polo seu centenario.

placa riscoO certo é que Risco viviu nela só certo tempo, pois seus pais trasladáronse, sendo el mozo, ao número 6 da Praza do Ferro, onde residiu xa ata que casou en 1922 coa allaricense María del Carmen Fernández, coa que tivo catro fillos: Carmeliña, Antón (tamén el escritor e estudoso literario), Chus e Cruz. Logo da voda, o casal foi vivir ao número 47 da rúa Santo Domingo.

Foi esta vivenda da rúa Santo Domingo un dos epicentros da Atenas galega do seu tempo. Polos célebres faladoiros que alí se mantiveron pasou gran parte da intelectualidade galega daqueles anos e, xaora, a práctica totalidade da ourensanía, pois naquel piso dispuxéronse as liñas mestras de actuación que marcaron toda a Época Nós.

fundacion risco IIMais a da Paz e a de Santo Domingo non foron as únicas moradas de Risco. A cartografía vivencial do escritor debe completarse coa casa dos seus devanceiros na rúa Grande, 4, do Castro Caldelas (hoxe reconvertida en pousada rural que alberga unha biblioteca monográfica sobre o autor) e, tamén si, a casa patrucial da súa familia política, na rúa San Lourenzo, 3, en Allariz, actual sede da Fundación Vicente Risco, inmoble de titularidade municipal no que se custodian os fondos bibliográficos, documentais e plásticos tanto do creador de O porco de pé coma do de Margarida d’Ouridac.

Vicente Risco foise, tal día coma hoxe de 1963, para ser enterrado no camposanto de Vilanova, en Allariz. Deu o derradeiro adeus na casa da rúa Santo Domingo, non lonxe daqueloutra vivenda da rúa da Paz na que nacera, onde espertou aos soños dunha outra Galicia, esa que imaxinaba co seu veciño do andar de arriba entre subidas e baixadas polas escaleiras máis literarias do país.