Casas literarias: Celestino Fernández de la Vega

casa cilistroCelestino Fernández de la Vega, Cilistro para os amigos, é un claro exemplo de intelectual no que o contexto natalicio, o espazo e paisanaxe infantes e xuvenís, acaban por conformar un xenuíno modo de ser.

Cilistro naceu en Friol, o 23 de setembro de 1914. A vila luguesa, próxima á Lucus Augusti de selo romano, é toda ela unha landa de antigos señoríos, con pazos e torres medievais que gobernan un territorio de casas fortes e vellos feudos cunha tradición que resoa na historia e nas lendas.

A paisaxe daquelas terras é dunha beleza incontestable. Prados largacíos e correntes fluviais que fixeron do fillo de don Higinio, xuíz e notario da localidade, un neno singular.

A casa de nacenza de Cilistro —e dos seus sete irmáns— foi o Pazo da Torre, unha vivenda onde estivo apenas os anos puerís, pois sendo mozote trasladouse a un outro lar cabo do Campo da Feira, vivenda, esta si, na que pasou a mocidade intelectivamente consciente e, polo mesmo, onde se preconfigurou o pensador e ensaísta que logo foi.

De rapaz, ao Cilistro tiráballe a natación e o fútbol. O seu era arrebolarse ao río e vadialo mergullado de lado a lado, submersión na que era, seica, un auténtico campión. Por descontado, tamén o balompé que daquela comezaba a causar furor, pois mesmo fican testemuños gráficos dos tempos da Preguerra nos que figura na aliñación do Sport Club de Friol.

De por parte, a casa do Campo da Feira foi, decote, o lugar ao que regresar tras o tempo dos estudos, primeiro no Lugo calmo de mediados dos vinte e logo nos avoltos Santiago e Madrid que xa cheiraban o desastre do 36. Por suposto, tamén o paradiso ao que regresaba unha e outra vez para fuxir das obrigas rutineiras da Administración da capital, pois Friol foi sempre para Cilistro o lugar onde todo cobraba sentido.

pazo da torreSe un le con atención os traballos do pensador —recomendo o guieiro dos magníficos estudos de Ramón López e, para o biográfico, tamén a aproximación de Siro López— decatarase pronto do telurismo esencial que agochan. Ese seu vencello co Dereito Natural, a incardinación do Ser Humano na súa Paisaxe constitutiva, unha sorte de diálogo ecolóxico no sentido máis filosófico, un ser na Terra que non é senón un recoñecerse nos ciclos da Natureza, nos días e nas horas dunha tribo apegada á contorna e á tradición. Por iso lle interesou Santa Eulalia de Bóveda, un herdo que nos acena dende os séculos. E tamén o humor como argamasa do ser galego no seu mundo, na súa paisaxe vivencial e humana, transfundida nos espazos. E, xaora, as saudades que agroman nuns lindeiros nos que o espazo, a flora, a fauna, mesmo a climatoloxía determinan un individuo propenso a meditacións non adoitas noutros pobos e que el mesmo definiu diafanamente: “ciclos produtivos, fatalidade, sentimento tráxico da vida, politeísmo, natureza/nai, naturalismo”.

E Friol foi ese seu sancta sanctorum, o recuncho ao que se retirar para ser máis el, como fixera o seu admirado Heidegger ao marchar para a Selva Negra. “Eu son eu maila miña entrañable e íntima paisaxe luguesa”, deixou dito Cilistro.

Cando Celestino Fernández de la Vega habitaba Friol a verba facíase palabra de revelación, porque o Ser era no Tempo, no Tempo demorado daquelas valgas húmidas inzadas de castros milenarios.

No centenario de Cilistro

Celestino Fernández de la VegaVivimos nun país de desmemoriados. Celestino Fernández de la Vega, un dos grandes pensadores e intelectuais galegos do pasado século, estivo de centenario este 23 de setembro e poucos o lembraron, o que non deixa de ser sintomático de ata que punto a nosa é unha cultura de fastos e nefastos, onde se recorda só o que se quere recordar. Se o último 5 de xullo os membros da RAG non decidisen que Xosé Filgueira Valverde fose o persoeiro ao que debía dedicárselle o vindeiro Día das Letras e Fernández de la Vega non perdese, por un voto, a derradeira quenda de votación fronte á candidatura do polígrafo pontevedrés, seguramente este artigo se vería rodeado dunha imparable fervenza de textículos recordatorios, que cantarían as excelencias indiscutibles dun ensaísta sen par. Pero non foi así e o filósofo lugués ficou novamente á sombra, relegado ao neboeiro mesto dos que camiñan polas marxes.

Celestino Fernández de la Vega, Cilistro, foi o máis insigne dos escritores de Friol, a vila luguesa na que, como digo, este 23 se fixo un século da súa vinda. Fillo de notario que tamén exercía de xuíz, seu pai quixo que seguise os seus pasos profesionais, pero a aquel neno discreto cando se atopaba en público e rideiro e bulidor na intimidade familiar non lle tiraban os manuais de Leis, senón profundar nas filosofías dos grandes pensadores que no mundo foran, o que explica que con catorce anos lera xa (e con proveito!) a Crítica da razón pura de Kant. Secasí, non quixo desgustar o proxenitor e acabou indo estudar, a O segredo do humorSantiago primeiro e logo a Madrid, Dereito e, cos anos, exerceu como técnico da Administración Civil, labor no que chegou a ser un profesional de recoñecido prestixio e publicou manuais de referencia como La tecnificación de la Administración Pública (1962).

Tense reiterado ata o cansazo que Cilistro é autor dunha obra ensaística moi breve, que publicou un único libro, como se a estas alturas non estivese claro xa que no mundo das letras os valores non se estiman ao peso. É certo que a súa obra cimeira é O segredo do humor (1963), pero tamén é verdade que chegou a asinar outra vintena de ensaios ao longo de case corenta anos de dedicación e que con apenas vinte anos xa andaba reflexionando verbo das ideas de Miguel de Unamuno.

A Cilistro debémoslle reveladores ensaios a propósito de artistas como Carlos Maside, George Braque, Tino Grandío ou Luís Seoane, esexeses impagables da escrita de Rosalía, Valle-Inclán, Castelao, Pimentel, Fole ou García-Sabell e diálogos de ti a ti con Nietzsche, Baroja e outros. Mercé á súa teimosía en aprender a lingua de Goethe puido ser o milagre de ver publicada na España franquista de 1956 Da esencia da verdade, decisiva conferencia ditada por Martin Heidegger en 1943. Grazas a el temos dende 1952 en galego o Cancioeiro da lingua céltiga que Julius C. Pokorny dispuxera en 1944. E foi Cilistro tamén que con maior acuidade investigou sobre a orixe histórica e o sentido dun enigmático lugar de culto en El Enigma de Santa Eulalia de Bóveda (1970).

Ramón Piñeiro e Celestino Fdez de la VegaAínda hai moito Cilistro por estudar, moito pensador que recuperar. ¿Quen aquilatará o interese do conxunto da súa articulística en prensa, quen analizará o valor do único conto que publicou, quen porá por xunto os seus textos dispersos sobre crítica pictórica ou sobre grandes nomes da Literatura e a Filosofía, quen as moi interesantes e escasas entrevistas que concedeu, quen…? A Carlos Fernández, Ramón López Vázquez ou Siro, cilistrianos de vello, corresponde o reto, tamén si a todos os que queiran facer xustiza a un autor que ben tería merecido un centenario luminoso.

[Faro de Vigo, “Faro da Cultura”, 25-9-2014]

Lembranza de Celestino Fernández de la Vega

artigo cilistro pequenoTal día coma hoxe, fai exactamente cen anos, naceu en Friol Celestino Fernández de la Vega (1914-1986), quen había ser, andando o tempo, unha das voces senlleiras do pensamento e o ensaísmo galego de Posguerra.

En homenaxe a quen foi o descubridor dos arcanos de O segredo do humor, hoxe recupero aquí un texto seu descoñecido, que pasou desapercibido todos estes anos mesmo para os grandes estudosos da súa figura, pois non aparece referenciado nas completas bibliografías que sobre del fixeron Carlos Fernández, Siro López ou, máis recentemente, Ramón López Vázquez.

cuberta galicia ano 70Trátase dun pequeno artigo resumo dun seu traballo maior, o ensaio de carácter histórico El enigma de Santa Eulalia de Bóveda (1970), do que neste texto que reproduzo se fai unha acaída síntese.

O artigo, titulado “Un curioso en Santa Eulalia de Bóveda”, aparece integrado no volume colectivo Galicia Ano 70, unha publicación da vella librería-imprenta Celta de Lugo no que tamén colaboraron outras voces maiores da escena literaria lucense en particular e galega en xeral, como Ánxel Fole, Uxío Novoneyra, Ramón Piñeiro, Ramón Otero Pedrayo ou Celso Emilio Ferreiro, entre outros.

Valla, pois, esta recuperación como anticipo da memoranza que sobre o (semi)esquecido Cilistro ando a facer e que dará novos froitos na primeira do ‘Faro da Cultura’ deste xoves 25, onde aparecerá un longo artigo que complementa este recordatorio no sinalado día do seu centenario.