Criticalia: o libro

Os que visitades este blog con certa frecuencia teredes observado que o histórico de entradas non vai alén do ano en curso. Mais iso non quere dicir que, con anterioridade, quen isto escribe non desenvolvese un labor crítico nos medios tradicionais que, porén, nunca se veu recollido neste espazo virtual.

Pois ben, unha parte substantiva dese traballo levado a cabo durante os vinte anos previos á aparición desta bitácora ve agora luz nun libro que, dende o propio título, coincidente co deste blog, vén sendo algo así como o pai libresco deste seu fillo dixital.

Por tanto, o Criticalia en libro é unha antoloxía das recensións críticas que dei a coñecer en diversos xornais e revistas ao longo dos anos. Nela incluín textos nos que me ocupei de obras narrativas e poéticas —os máis—, pero tamén algúns outros que dediquei ao teatro e o ensaio.

O volume reúne comentarios que publiquei entre 1991 e 2010 e, amais de textos de «crítica de novidades», quixen tamén que houbese recensións de «libros de fondo» que, en non poucos casos, son anteriores a esas datas. Xa que logo, o abano cronoliterario que abrangue é máis amplo e iría, grosso modo, dende os comezos da década dos 70 do pasado século ata a actualidade.

A maiores, incorporei tamén un amplo apéndice final no que aparecen referenciados todos os traballos críticos que escribín durante eses anos e que non foron reproducidos na escolma. Para cada caso, sinalei o nome do escritor e o título do libro sobre o que versou o comentario.

Aquelas e aqueles de vós que queirades ter nunha única obra un amplo guieiro de lecturas posibles e de xuízos críticos das mesmas, sabede que Criticalia vos permitirá non só pulsar a opinión dun crítico literario a propósito de moitas das obras concretas que nesas catro décadas foron agromando, senón que, se se realiza unha lectura máis global e transversalizada, o libro ofrece tamén unha radiografía bastante precisa do meu canon particular a propósito do que foi a nosa Historia literaria ao longo de todo o período democrático.

ACTUALIZACIÓN

Velaquí deixo a nómina completa de referencias que foron saíndo sobre o libro, para aquelas e aqueles que esteades interesados:

Diario de Ferrol, 29-11-2011
Diario de Ferrol, 4-12-2011
Novenoites, 6-12-2011
Diario Cultural (Radio Galega), 8-12-2011
Bouvard e Pécuchet, 10-12-2011
Diario de Ferrol, 26-12-2011
El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños, 8-1-2012
Faro de Vigo, 12-1-2012
Fervenzas Literarias, 13-1-2012
Faro de Vigo, 19-1-2012
Radio Ames, 22-2-2012
Eirado (TVG2), 3-3-2012
Terra e Tempo, 23-3-2012
 
 

7 opinións sobre “Criticalia: o libro

  1. En hora boa pola nova publicación, Armando. Un traballo de toda unha vida, como ben expresas. Ogallá Criticalia na súa versión dixital teña unha longa vida e siga a colleitar os mesmos éxitos de visitas que ten xa neste case primeiro ano de vida. Parabéns.

    Gústame

  2. Impagables o teu traballo rigoroso e a túa xenerosidade durante tantos anos. A literatura galega nunca che estará o suficientemente agradecida. Beizóns.

    Gústame

    • Marcos e Francisco: moitas grazas polas vosas desprendidas palabras. O camiño que un vai andando só ten sentido se se sente acompañado de lectores coma vós. Apertas agradecidas!

      Gústame

Os comentarios están pechados.