Educación sentimental

Nordesía (De Gres a Cádiz, 8-7-2018)A vida de Xosé Neira Vilas foi toda unha novela. E foino dende o seu nacemento en novembro do 1928 ata que nos deixou vai xa para tres anos. Agora ben, se houbese que sinalar un período dese intenso percurso vital que deixou pegada indeleble na súa escrita e no seu xeito de pensar e ver o mundo sen dúbida este sería o do tempo da infancia, adolescencia e primeira mocidade.

Xustamente é esa etapa decisiva da súa biografía a que relatou en De Gres a Cádiz, o volume de estampas ou viñetas narrativas que semanas atrás veu luz en edición da profesora Dolores Vilavedra e de Luís Reimóndez, presidente da fundación que leva o nome do escritor.

De Gres a Cádiz reúne case un cento de prosas breves nas que vai describindo aqueles momentos, personaxes, realidades e eventos determinantes na que poderiamos denominar, ao xeito dos clásicos, a súa educación sentimental.

Son, por tanto, unhas “memorias literarias” ―como lles chama no epílogo ao libro― que foi escribindo entre 1996 e 1999, pero que, por diversas causas, decidiu non publicar no seu día e se recuperan nesta edición que dá ao prelo a Editorial Galaxia.

Escritas co mesmo vernizado lírico que orlaba outros libros seus como Lar, Nai ou Pan, estas páxinas completan e complementan o relato autobiográfico de etapas posteriores que Neira Vilas nos deixou noutros textos como Neira Vilas. Os anos da Arxentina (1949-1961) ou Días de Cuba, que tiveron continuidade en Vinte anos retornando e Penúltimo dietario, aos que aínda cabe sumar o compendio Xosé Neira Vilas. Memoria gráfica.

Por tanto, este De Gres a Cádiz, tan parello en estética e arquitectura literaria a Remuíño de sombras, Romaría de historias ou Aquel neno, é un mapamundi vivencial e emotivo do que foron as xeiras que levaron o neno labrego Neira Vilas ata os primeiros anos da adultez, máis concretamente dende o propio nacemento ata a partida á emigración americana dende o porto de Cádiz o 22 de xaneiro de 1949 no vapor Cabo de Buena Esperanza.

O que entre a súa vinda ao mundo en Gres e a súa navegación dende a beiramar gaditana conformou o seu día a día é a materia da que se alimentan estas planas. Nelas comparecen familiares benqueridos, visitantes e parroquianos, peregrinos e vagabundos, guerrilleiros e indianos, mestres e matachíns, cegos e pintores, en fin, músicos e fotógrafos da contorna. Mais tamén os primeiros amores, as súas xornadas como carteiro e administrativo nun serradoiro, as lecturas de mocidade, as troulas en festas e romarías, bailadas e entroidos, as sesións iniciais de cinema ou as cerimonias do lume polo San Xoán. E a canda todas estas realidades outras ben terreas, como a dos labores do campo e a casa, e tamén ultraterreas, como a da Santa Compaña.

Todo por xunto fai deste De Gres a Cádiz unha lectura de triplo engado: primeiramente por tratarse de prosas de escrita plástica, escintilante, que presta ler e reler pola súa mestría estilística; segundamente por constituíren un exercicio de memoria individual que é, tamén dalgunha maneira, o retrato dun tempo e dunha Galicia na que están chantadas as nosas raiceiras; e outramente por supor unha valiosa recuperación dun texto descoñecido dun dos escritores máis importantes da Galicia do pasado século.

Así pois, ben feliz nova a de que dende a Fundación Xosé Neira Vilas, que tanto e tan ben traballa a prol do espallamento e estudo da obra do autor, se teña promovido a exhumación desta obra, que cómpre agradecer aos seus editores tamén pola pertinencia da análise introdutoria que lle serve de proemio e polas abondosas ilustracións que a visten, facendo dela unha publicación de innegable mérito e atractivo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 8-7-2018]

Casas literarias: Xosé Neira Vilas

casa-do-romanoXosé Neira Vilas naceu o 3 de novembro de 1928 na Casa do Romano, na parroquia de Santiago de Gres, Concello de Vila de Cruces. A vivenda é unha edificación labrega que se remonta ao século XVIII e que durante moito tempo foi albergue para os peregrinos que, polo Camiño Portugués, viaxaban cara a Santiago.

Na Casa do Romano naceron tamén tres irmáns do autor: María, Xesús e Mercedes. Foi este fogar o lugar no que viviu ata os seis anos, pois a partir de 1935, cos cartos que seu pai trouxo de Bos Aires (a onde marchara cinco anos antes), construíron unha nova vivenda na que foron morar os proxenitores, os catro fillos e os avós maternos destes. Foi nese novo inmoble onde naceron os outros tres irmáns de Xosé: Santiago, Manuel e Carmen.

Naquel Gres humilde, con dificultades e miserias sen número, pero con ledicia e ilusión pola vida, medrou Neira Vilas facendo os traballos propios do Balbino que anos despois tan ben novelou. Apenas se puido escolarizarse e as lecturas daquel tempo foron escasas, pero a súa capacidade de superación fíxoo estudar Contabilidade a distancia, enviando os exercicios e probas a unha academia de San Sebastián que lle deu o título con quince anos.

Comezou logo a traballar levando a administración dun serradoiro do lugar e empezou a afeccionarse ás representacións teatrais, para as que escribiu e adaptou diversas pezas que el mesmo dirixía, redactando incluso as escenificacións para as celebracións dos famosos Xenerais da Ulla con apenas dezoito anos.

Mais no seu devezo por aprender e formarse Neira Vilas viuse limitado e sen posibilidades na modesta Galicia á que por orixe e titulación podía acceder, así que a primeiros de 1949, con dezanove anos, decidiu marchar á emigración e foi vivir a Bos Aires. Alí, logo de pasar por varias vivendas de parentes, veciños e amigos, residiu sobre todo no 3035 da rúa Asunción e foi tamén alí onde agromaron os seus primeiros libros, entre eles esa marabilla que titulou Memorias dun neno labrego (1961).

Logo duns anos na capital porteña, no verán de 1961 marchou a Cuba, pois catro anos antes casara coa habaneira filla de galegos Anisia Miranda. Na Habana viviu inicialmente un mes na casa do dirixente cubano Santiago Riera, mais pronto pasou morar nunha vivenda da Rúa A no barrio do Vedado, que foi a residencia del e Anisia durante os seguintes trinta e un anos.

En Bos Aires e na Habana seguiu escribindo libros, promovendo, incansable, todo tipo de actividades para a difusión e coñecemento das nosas letras e ostentando diversas responsabilidades que o fixeron un auténtico embaixador da literatura galega naquelas terras.

En 1992, logo de chegar a un acordo coas autoridades para a restauración da natal Casa do Romano, volveu ao seu Gres da infancia e a casa que o vira nacer ampliouse cun novo edificio deseñado polo arquitecto César Portela. Neste conxunto duplo é onde hoxe se atopa a sede da Casa Museo Xosé Neira Vilas, que alberga un pequeno salón de actos, un museo etnográfico, unha biblioteca e a zona propiamente de vivenda, espazos todos que na actualidade coida con tesón admirable o padroado da fundación que leva o nome do escritor, dirixida moi competentemente por Luís Reimóndez.

De novo na Casa do Romano, a mesma que se ve na foto que figura na cabeceira destas liñas, Neira Vilas e Anisia pasaron o resto dos seus anos. No caso dela ata o seu pasamento no 2009. No del, ata hai agora exactamente un ano.

neira-vilas-en-gresNo lar no que nacera volveron agromar as historias que dende a nenez o autor levaba dentro. O por el escrito nos derradeiros vinte e tres anos na Casa do Romano ha dar idea do feraz deste espazo matricial, no que abrollaron novos libros de relatos e novelas (Papeis, Contos de tres mundos, O home de pau, Relatos mariñeiros, A fuxida do Manuel, Esperando o leiteiro, Aquel neno, Romaría de historias), textos infantoxuvenís (Chegan forasteiros, Cantarolas, Novas Cantarolas, O xardín de Irene, Galicia, nosa ledicia, Cantos de sol a sol, Quique na aldea), poesía (Dende Gres) e ensaios millenta (Eduardo Blanco Amor dende Buenos Aires, Cartas de vellos amigos, as series Memoria da emigración e Crónicas galegas da América, Vinte anos retornando, Arredor do mundo, Lóstregos, Penúltimo dietario ou Cancela aberta).

A Casa do Romano foi para Neira Vilas unha mandorla xeratriz onde gardaba a memoria do Balbino que foi, do mozo emigrante que chegou a ser e do intelectual retornado que acabou sendo. Por iso hoxe, no día do seu cabodano, tamén estas liñas queren lembralo nese seu territorio literario por excelencia, a casa na que deitou o derradeiro alento, un lugar que cantou nestes sentidos versos:

Gres é unha tenza de vizosos labradíos,
Gres, un recanto fluvial agarimado
Gres é auga de pesqueiras e muíños,
Gres ten tres pontes,
Gres tres vencellos
Gres ten pazos,
Gres ten templos,
Gres ten panteóns,
Gres resonancias feudais e un castro de lonxanos deuses
e lonxanos guerreiros.
Gres son camiños, o Real, o de Santiago
e os que se perden monte arriba
Gres é tamén música e palabra, lenda e tradición.
Vida e morte en remuíño.
Dende este Gres amado,
dende este mínimo recuncho,
placenta e signo meus,
escribo,
boto a andar estes versos ventureiros
coma o canto dun xílgaro na tarde.

 

Literatura sen fronteiras

literatura sen fronteirasCando en 1983 Xosé Neira Vilas publicaba por vez primeira Contos vellos para rapaces novos o mundo aínda non coñecía a popularización de internet, os smartphones non nos interconectaban planetariamente e non había google maps nin street view cos que percorrer virtualmente calquera recuncho do orbe. Por iso un volume como aquel, onde calquera lector galego podía achegarse a unha ampla selecta de relatos elaborados a partir da tradición oral de ben diferentes pobos dos cinco continentes, tiña, alén do literario, un valor engadido como vehículo de coñecemento das realidades etnográficas e da idiosincrasia propia das xentes deses lugares.

Máis de tres décadas despois, aquel libro que no seu día dera á luz Ediciós do Castro, volve á actualidade mercé á publicación dunha nova edición revisada e aumentada polo propio autor, quen a deixou preparada poucos días antes de se nos ir, no novembro pasado.

Estes actualizados Contos vellos para rapaces novos chegan agora por man de Bolanda Edicións, quen os presenta nun volume de gran formato e ilustracións a toda páxina realizadas por Antía Barba Mariño, unha edición de exquisito gusto tanto pola escolla dos materiais, tintas e tipografías como, sobre todo, polas coloristas imaxes que para el deseñou a pintora santiaguesa.

Fronte á edición orixinal, a presente engade dous novos textos (que reelaboran historias de transmisión oral de Galicia e Portugal) ata sumar un total de trinta e cinco relatos. Todos foron recreados por Neira Vilas a partir de vellas narracións de tradición oral de pobos dos cinco continentes. Desfilan, así, por estas páxinas, contos, lendas, mitos e mesmo romances narrativizados da Europa albanesa, eslovaca ou ucraína, dos antípodas neozelandeses e australianos, das lonxincuas terras birmanas, indias ou xaponesas, das ardentes paisaxes de Liberia, Malí ou Nixeria e mesmo das transoceánicas do Brasil, Cuba ou República Dominicana, entre outras.

contosvellospararapacesnovosContos vellos para rapaces novos é, por tanto, unha obra de nidia pegada multiculturalista, que non renuncia á pedagoxía divulgativa de vidas e costumes. Neste sentido, Neira Vilas xa deixara no seu día clara cal era a intencionalidade do libro: “Xuntei pra vós este ramallete de contos populares, púxenos en galego, e aí van, con mentes de que ancheen o voso horizonte e vos leven en andaina imaxinaria ao longo do mundo, das xentes e dos tempos.”

Doutra banda, o feito de que Neira Vilas decidise reelaborar textos da transmisión oral fala ás claras da importancia que concedeu sempre a esta literatura, que consideraba tanto como a de autor.

Canto ás historias reunidas —e malia á súa natural heteroxeneidade—, todas elas comparten un mesmo substrato común que irmanda os pobos que as xeraron. Unha sorte de universais temáticos e de valores unanimemente compartidos, entre os que a capacidade de superación do ser humano, a loita polo ben e a xustiza, a capacidade para amar ou para se divertir e mesmo o motor da curiosidade alimentada pola sabia madurez son outros tantos elementos comúns ás historias que Neira Vilas recrea partindo de tan diverxentes tradicións culturais.

Alén doutros paratextos como as nótulas curriculares do escritor e ilustradora, esta fermosa edición complétase cun moi útil glosario de indixenismos e voces pouco frecuentes e un prólogo que Neira Vilas deixara preparado apenas uns días antes do seu falecemento, en novembro do pasado ano.

Aqueles que no seu día non se debruzaran nesta ventá aberta ao universo orbe que son estes Contos vellos para rapaces novos teñen agora unha nova oportunidade para viaxar polo vizoso imaxinario de pobos e terras que con tanto primor editou Bolanda, con certeza unha nova leda para todos os que amamos a literatura sen fronteiras.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 12-6-2016]

Memoria dun neno de Gres

pepe-anisiaNovembro é mes traidor, leva consigo o que máis queremos e deixa en pagamento un frío caroal que xea a entraña. Marchou á ribeira en sombra Xosé Neira Vilas, o pai de Balbino, cronista do imo da terra nosa, fabulador dun mundo de palabras no que tantos aprendemos a ler como se fose unha cartilla para soletrear a identidade.

Nunca poderemos agradecer abondo o que Neira Vilas fixo por nós. Xeracións e xeracións creron que o mundo podía explicarse en galego e coas nosas historias mercé ao Lelo, ao Tomás, ao Moncho, á todas as mulleres de ferro, aos homes todos de pau. Lendo as súas obras sabiamos, positivamente, que Gres era un mundo, que Galicia toda estaba xunguida por fondas fías de memoria, herdo e esperanza, que o ser profundo do que somos alenta no relato intemporal desas súas historias de autenticidade diamantina.

Foise pero non quixo vernos orfos. Deitou á porta os galanos derradeiros: Romaría de historias, un seu volume de narrativa que estes días comezou a distribuírse, e tamén o epistolario que mantivo con Ramón Piñeiro e que el mesmo prologou, obras ambas as dúas que nos vindeiros días serán presentadas.

Os amigos malamente poderemos recuperarnos da coitelada da súa ida. Quédanos o consolo que nos irmanda aos seus milleiros de lectores: as verbas que puxo por escrito, as avelaíñas do recordo en páxinas maxistrais.

Porque Xosé Neira Vilas antes de se ir deixou recado para todos nós, os seus Lelos, no remate das Memorias dun neno labrego. Tal semella que agora nos estea a falar na alba de gloria. Lembrade: “Pareceume que o sol arraiaba para min só. E que unha música de paxariños me rebulía no peito. ¡Cantas cousas contaba Lelo! Tamén eu lle dixen moitas na resposta… Atopei á fin onde baldeirar os meus desacougos, as angurias que me aflixen. Agora non falo comigo mesmo. Cóntolle a Lelo, o meu amigo, o que antes poñía no caderno. E a vida, mentres haxa correo, ten para min outro cariz”. Balbino de Gres, aquí estamos, somos os teus Lelos destinatarios, os que te han ler por sempre e que se saben amigos, coma quen di, rapaces da aldea do corazón, nesta que quere ser sentida homenaxe á túa memoria de bo e xeneroso.

[El Progreso, 28-11-2015]

Sementando galeguidade

Semente galega en AméricaMoitas son as páxinas que Xosé Neira Vilas ten dedicado á Galicia de Alén mar nas súas máis variadas vertentes: o mundo emigrado, a realidade dos exiliados, a escrita e o xornalismo dos nosos que por alí andaron, as relacións que el mesmo mantivo cos persoeiros deses territorios, en fin, calquera circunstancia presente ou histórica e case que calquera protagonista delas. Por tanto, non é novidade que o escritor de Gres se debroque outra volta sobre este asuntos no recente Semente galega en América, mais si que o faga co enfoque e o obxectivo que agora propón.

O que neste libro publicado por Bolanda atoparemos son nada menos que un cento de prosas breves nas que Neira Vilas repasa a peripecia humana doutros tantos galegos en América que, dunha ou doutra maneira, conseguiron co seu talento e esforzo facer máis grande aquel continente e, asemade, honrar a súa Terra do orixe co seu meritorio quefacer.

Por este Semente galega en América desfila Manuel Iglesias, o emigrante que construíu o primeiro coche na Arxentina en 1907 (un vehículo que, por certo, probou décadas máis tarde o mítico Fangio podendo comprobar o seu estado óptimo); Xosé María Silva, o fotógrafo preferido de Carlos Gardel; o poeta nacional gauchesco José Alonso Trelles, coñecido polo sobrenome de El Viejo Pancho; o célebre Pirata Mundaca, de orixe coruñés, terror do Caribe; o creador da cortadora de cana de azucre ‘Libertadora’, o insólito Sindo Seixido de Limodre, parente dun meu amigo xornalista; Pedro González Telmo, dominico de Tui, quen foi santificado e dá nome a un dos barrios máis carismáticos da cidade de Buenos Aires, San Telmo; Manuel Pereira, axudante de Antonio Meucci, quen probou con el o primeiro teléfono do mundo no Teatro Tacón da Habana, que foi tantos anos edificio emblemático do Centro Galego; Ramón Verea García, creador en Nova York da primeira calculadora mecánica, base das actuais calculadoras; Afonso Graña, o emigrante de Avión que casou coa filla dun xefe indíxena do Amazonas e foi nomeado rei daqueles vastísimos Xosé Neira Vilasterritorios; Pedro González Cancio, fundador da cidade de Clorinda na Arxentina; Alexandro Campos Ramírez, máis coñecido como Alexandre Finisterre, inventor do futbolín que fabricou e exportou dende Guatemala para todo o orbe; Isabel Barreto, a única almirante muller que tivo a Real Frota Española nos séculos XVI e XVII; Victorino Abente Lago, muxián que chegou a ser designado en vida Poeta Nacional do Paraguai; mesmo Amador González, o mindoniense que brillou na prensa porteña e logo marchou á Patagonia para fundar bibliotecas e, ‘esquerdista romántico’ como alguén o chamou, axitar alí conciencias para mellorar as condicións de vida daquelas xentes, promovendo que se construísen camiños e pontes ou axudando ás escolas co envío de libros e instrumentos de música.

Toda esta admirable galería de galegos na América retratada con tanta amenidade coma acuidade por Neira Vilas toma forma nun volume pulcramente editado que, amais, contou como ilustrador con Xosé Vizoso, un luxo que espella nas imaxes que acompañan cada unha destas pequenas prosas, nacidas ao abeiro xornalístico e aquí madurecidas e revisadas con filigranas novas e curuscantes.

A todos os que desexen saber máis e mellor do que os nosos fixeron da outra beira do Atlántico recoméndolles esta Semente galega en América de Xosé Neira Vilas, testemuño de como en México, Guatemala, Nicaragua, Venezuela, Perú, Paraguai, Chile, EE. UU., Porto Rico, Brasil, Uruguai, Cuba ou Arxentina unha auténtica lexión de galegos achegaron o seu enxeño e talento para facer progresar aquelas terras nas que deixaron, ben alta, a bandeira da Galicia que os vira nacer.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 9-8-2014]