Orixes da escrita: Penélope

capela san alberte (II)

Penélope

Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mól coma unha uva.
Pro tí envólveste en sabas de mil anos,
i en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, Xesús María!,
e toda a cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
Un paso adiante i outro atrás, Galiza!

Se hai un territorio emblemático na poética de Díaz Castro ese é o que vai de Parga ata A Pastoriza, espazos ambos os dous que, xunto ao etnotopónimo Galiza, figuran no máis célebre dos poemas do autor: “Penélope” (Nimbos, 1961).

No derradeiro dos serventesios hendecasílabos da composición é onde figuran Parga —que non é outra que a localidade de San Salvador de Parga— e mais A Pastoriza. E é respecto desta última onde ten xurdido certa confusión interpretativa que convén aclarar.

ponte sobre o río Parga (II)A Pastoriza é un haxiotopónimo que, como xa explicou algún estudoso diazcastriano (velaí, poño por caso, os traballos de Xaquín Campo Freire) non alude nin ao concello da Pastoriza norlugués nin a outras localizacións coruñesas con ese nome, senón ao santuario do San Alberte (así chamado por ser o seu padroeiro) ou da Pastoriza (tamén denominado deste xeito por celebrarse nel unha célebre romaría o primeiro domingo de agosto en honor á Divina Pastora).

A este santuario da Pastoriza ía de romeiro Díaz Castro cando rapaz, tamén de mozo e logo de adulto, tras a Guerra. Daquela, o Tempo que vai desorballando os prados coma sono percorre esa legua escasa para regresar á mandorla na que todo se envolve en sabas de mil anos, nun outono atemporal, un camiño que andan os ventos dando un paso adiante e outro atrás sempre ao carón de río Parga, guieiro fidel que á súa beira leva de San Salvador de Parga ata A Pastoriza, espazo matricial e orixe da escrita nimbada.

Orixes da escrita: Diss’a fremosa en Bonaval assy

 bonaval

Diss’a fremosa en Bonaval assy:
“Ay, Deus! Hu é meu amigo d’aquí,
de Bonaval?

Cuyd’eu, coitad’é no seu coraçon
porquê non foy migo na sagraçon
de Bonaval.

Poys eu migo seu mandado non ey
já m’eu leda partir non poderey
de Bonaval.

Poys m’aquí seu mandado non chegou,
muyto vin-eu mays leda ca me vou
de Bonaval”.

A coita da moza que se lamenta nesta cantiga por non ter cadrado co seu amigo en Bonaval traspasou os séculos e lémbranos hoxe, case mil anos despois, que o amor e a ledicia da compaña namorada seguen a ser forzas extraordinarias que todo o poden.

En San Domingos de Bonaval latexa parte do corazón de Compostela, a vella capital do Reino de Galicia, o umbilicus no que desembocan todos os camiños xacobeos. O Bonaval de extramuros, á caída da Almáciga, pé da Porta do Camiño pola que os peregrinos da Francia e do resto de Europa chegaban presentar os seus respectos ao señor Apóstolo, é a orixe da escrita dalgunhas das pezas máis fermosas da nosa áurea lírica medieval.

Bonaval —o bonam valem ou bo val latino— fíxose templo a partir da peregrinación de San Domingos de Guzmán, en 1219. Non se sabe a data exacta da consagración á que alude a cantiga, pero tendo en conta que as primeiras referencias ao templo (aínda baixo a advocación de Santa María) son do 1228, hai que supor que se situaría arredor de 1230.

bonaval exterior

Bonaval foi o espazo emblemático do trobar de Bernal de Bonaval, o xograr (ou segrel) vencellado á corte do Rei Sabio que debeu de estar activo mediado o século XIII.

Como de tantos outros artífices desta marabilla que é a nosa lírica do Medievo, non sabemos de xeito inequívoco se Bernal (ou Bernardo) de Bonaval é o prior de San Domingos do que se fala no Tombo C do Arquivo da Catedral de Santiago por volta de 1279. Poida que si. Se así for, o seu vencello co templo foi, alén do artístico e evocativo, da vida profesada.

A cantiga que se reproduce ao comezo destas liñas non é a única que protagoniza Bonaval. Outras composicións catro do mesmo trobador (unha de amor e tres de amigo) e mais unha alusión de Alfonso X ao propio Bonaval nunha cantiga de escarnio dedicada a Pero da Ponte tamén teñen este espazo como epicentro.

Por remate, cómpre lembrar que na capela lateral esquerda do templo se atopa, dende 1891, o Panteón de Galegos Ilustres, onde están soterrados os restos de próceres de noso que foron trasladados alí dende outros lugares; a saber: Rosalía de Castro, Alfredo Brañas, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Castelao e Domingo Fontán.

Orixes da escrita: Campanas de Bastavales

bastavales (I)

Campanas de Bastabales,
Cando vos oyo tocar,
Mórrome de soidades.

I

Cando vos oyo tocar,
Campaniñas, campaniñas,
Sin querer torno á chorar.

Cando de lonxe vos oyo,
Penso que por min chamades,
E das entrañas me doyo.

Dóyome de dor ferida,
Qu’antes tiña vida enteira,
Y oxe teño media vida.

Solo media me deixaron
Os que d’aló me trouxeron,
Os que d’aló me roubaron.

Non me roubaran, traidores,
¡Ay! uns amores toliños,
¡Ay! uns toliños amores.

Qu’os amores xa fuxiron,
As soidades viñeron…
De pena me consumiron.

(…)

bastavales (III)As campás da igrexa de San Xiao de Bastavales, freguesía do Concello de Brión, no val da Amaía, ecoan no corazón da voz feminina deste poema no que non poucos rosaliólogos quixeron ver a propia Rosalía. As súas badaladas espertan nesa voz, talvez autobiográfica, un proceso de rememoración no que se cadra non son alleos os días vividos na contorna, concretamente na aldea de Castro de Ortoño, onde segundo a memoria oral e de vida a autora deste poema incluído en Cantares gallegos puido morar parte da súa nenez coidada pola familia de seu pai, o crego Manuel Martínez Viojo.

O que si é claro é que Bastavales e a redonda padronesa foron eidos caros a Rosalía, que os cantou en múltiples ocasións, deixando constancia da fermosura destas terras e dos sentimentos que as mesmas arrincaron nela. As Torres da Hermida en Lestrobe, o propio Padrón, as veigas de Laíño e outros espazos cruzan as súas composicións, que entrañan así un especialísimo territorio poético e vivencial xa para sempre inmortalizado pola súa escrita.

Imposible non pasar por Bastavales e morrer de soidades na paisaxe rosaliana. As coitas das vivencias fuxidías consomen aquí e os recordos veñen mainos polo que foi e xa non será, con Rosalía sempre.

a

bastavales (II)

Orixes da escrita: Aló en Lamanide

lamanide

Aló en Lamanide

Aló en Lamanide, ô pe do río,
nunha leira de cómaros en sombra,
araba unha xugada de bois novos,
os cornos pequeniños, estrelados.

Ó facer un cadullo, de repente,
a xugada paróu.
Qué paz inmensa
nas maus daquela hora chea de sol,
leda coma un Mercurio!
No aire as loias
nin siquera o souperon. Un dos bois,
coas faces escumosas cheas de sangre,
caéu entre as sucadas.
Caéu morto!

—Ai, meus labregos do vilar de Albán!—

Sobre os longos vilares, o azul calmo
do bafexar calado das aradas.
Fontes de auga soñada, quedas, longas,
sombras de álamos regan a ribeira.

Coma nun liso mármore impasibre,
a señardá resalta en dôr calada
a un brutamontes, triste coma a noite,
o xato sin parexa dexunguido.

Na paz das veigas —sô— quedóu o arado
enrellado na cal.
Ó lado, inmenso,
sacrificado a un fado escuro e triste
un boi, inda xuvenco, doce morto.

Pol-os bosques abaixo, pol-os cómaros
de verdes prados moles, gurgullantes
por cen toupeiras vivas de auga nova,
co seu boi sin parexa dexunguido,
triste, calado e sô vai o labrego.

Entre us seixos, de prados arelante,
con zoquiñas de vidro patuxando,
salta un regueiro novo. O boi sin sede
mal bafexóu a i-auga e inchóu as faces
de ávidas ventás en fondo ardor,
coma de auroras ou mazás reinetas.

Arrimado á aguillada e ô carón,
cun non sei qué no peito derretido,
ollos estarulados e pasmados,
triste brañego, amigo de Virxilio,
deixa ir a cabeza do seu peso.

A i-auga tira d’ela contra a terra,
xogando coa sua sombra engueimadiña
leda e cruel, aló en Lamanide.

Iníciase a sección ‘Orixes da escrita’, na que se irán recuperando textos emblemáticos da literatura galega especialmente vencellados a localizacións concretas, que serán ilustradas fotograficamente para os rememorar.

lamanide (II)Dáse comezo a esta sección co poema “Aló en Lamanide”, de Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, 1909-Santiago de Compostela, 1961), recollido na sección “Cabrifollos e oucas” do seu libro Cómaros verdes (1947).

Lamanide é o nome dun fermoso altorelo con terras de labor e largacíos prados rodeados de frondosas arboredas situado a apenas un quilómetro ao surleste da casa natal do escritor, no lugar de Seivane, parroquia de San Xoán de Vilarente. É alí, no espazo contiguo ao vilar de Albán que tamén figura no poema, onde se desenvolve a traxedia rústica que palpita nestes versos: a morte dun boi durante a arada, en plena canícula, e o regreso derrotado do labrego ao lar acompañado do outro bóvido solitario que sobrevive. Unha das mellores composicións do autor, na que se condensa a vivencia de todo un mundo e os seus valores que, malia a súa evidente transformación, no substantivo segue a conmovernos.