A mar de historias

Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas da Xornada de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.

O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.

Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.

Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.

Aedos modernos

Un pobo que non canta e conta a súa vida é un pobo morto. A necesidade de dicir fermosamente o mundo a través da oralidade é a razón de ser da nacenza do relato comunal. E nós somos unha vella estirpe que leva contando na lingua de noso máis de mil anos, de aí que os artífices da verba que se deita en público auditorio sexan apreciados como unha sorte de aedos modernos que avivan as lapas da tradición.

Conscientes da importancia de manter vivo ese patrimonio inmaterial que nos identifica, dende a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG levan tempo promovendo uns máis que valiosos Obradoiros de Narración Oral. Por eles teñen pasado nos últimos anos decenas de asistentes, decote desexos@s de mellorar as súas técnicas comunicadoras para ben transmitir vizosos mundos interiores e realidades circundantes.

O epicentro desta reunión de druídas da palabra en tempos dixitais é Lugo. Dende a vella Lucus Augusti abren a súa escola de contar ben e seguido xentes como Antonio Reigosa ou Isidro Novo, que se axudan para as súas xeiras doutros destacados contadores como Celso Fernández Sanmartín ou Avelino González, mestres na álxebra do sucedido e a memoralia do lendario. Todos eles transmiten, xenerosos, as destrezas da lectura en voz alta, a improvisación, os recursos da linguaxe non verbal e outros saberes que conciencian da importancia da oralidade como soporte da cultura tradicional e non só, que insisten na posible maridaxe entre novas tecnoloxías e os contares de sempre e, sobre todo, que confirman o venturoso casoiro entre a memoria de vida e a palabra con memoria.

Cómpre moito parabenizar e, tamén si, recomendar ás interesadas e interesados esta Escola de Narración Oral que no momento no que escribo estas liñas está xa a desenvolver a súa segunda xornada en Lugo, con moi interesantes sesións de obradoiro verbal que se estenderán ata mediados de decembro no Centro Social Uxío Novoneyra. Achegarse ata alí será o modo mellor de deixarse atrapar pola maxia do dicir na voz creadora de quen moito, e ben, teñen para contar.

[Publicado no Sermos Galiza, 31-10-2013]

As lendas urbanas a revisión

Non cansarei nunca de gabar o traballar arreo que se descobre tras cada publicación froito das Xornadas de Literatura de Tradición Oral que, coordinadas por Isidro Novo e Antonio Reigosa, cada ano se celebran en Lugo baixo o amparo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o patrocinio da Deputación de Lugo.

A máis recente ceifa de tan vizosa colleita é Lendas urbanas: mitos e ritos dos tempos modernos, a nova entrega da revista oficial da AELG, Escrita Contemporánea, que recolle as actas das Xornadas de Literatura de Tradición Oral do pasado mes de outubro, nas que participaron o ensaísta Luís Antonio Giadás Álvarez, o escritor lucense Xosé Miranda, o profesor da Universidade do Algarve José Joaquim Dias Marques, o escritor e docente da Universidade do País Vasco Fito Rodríguez e mais o poeta e performancer Celso Fernández Sanmartín.

Grazas aos artigos destes estudosos e especialistas é posible rastrexar as orixes e sentido da lenda do sacamanteigas ou sacaúntos, da lenda moderna do roubo de órganos nas tendas dos chineses en Portugal e mesmo é posible comprobar a parentela do noso lendario urbano co dos nosos veciños éuscaros.

Non é viable resumir nunhas cantas liñas as moi documentadas e pormenorizadas investigacións compiladas neste volume, así que me conformarei con salientar as que, ao meu ver, son as aproximacións que mellor centran definitoriamente a cuestión das ‘lendas urbanas’: o artigo de Miranda titulado “Arqueolenda e lenda urbana” e mais a colaboración de Fito Rodríguez “Izena izana baino lehen ukan (Todo canto se di, acontece)”.

Miranda, tras realizar un revelador exercicio comparativo da lenda urbana con outras formas narrativas orais (o conto, o mito, a arqueolenda e a neolenda), propón unha caracterización para esta como: unha peza narrativa que é un ‘sucedido’, que resulta verosímil aínda que sexa estraña, que vén avalada por testemuñas fiables, acontece nun lugar identificable e nun tempo inmediato, está protagonizada por individuos correntes, reaproveita lendario clásico aínda que o revista de modernidade, que non ten por que ser necesariamente urbana, que é estupefaciente e moitas veces aterradora e aínda cómica, que a estrañeza que provoca cuestiona a realidade, é xenericamente transversal (parece un conto), breve na súa formulación e cun final climático e unha mensaxe sempre aleccionadora.

Da súa parte, Fito Rodríguez, ao ocuparse do lendario urbano, explica como este basea as súas estratexias nunha oralidade que seduce e persuade, como o rumor e os relatos orais queren ser cridos polo auditorio, como a oralidade implica tanto ao emisor coma ao transmisor e como, por esta vía, se crea unha comunidade que fai que ese rumor, crido e repetido, acabe apontoando estereotipos sociais previos, converténdose en analizadores sociais.

Cómpre, pois, achegarse a estas Lendas urbanas: mitos e ritos dos tempos modernos para mellor comprender estas lendas urbanas, modernas ou contemporáneas e descubrir os mecanismos que as orixinan, as rexen e as divulgan entre nós. Facelo da man destes rigorosos analistas ha ser o mellor seguro para informarse con acuidade.

O romanceiro galego de Hervella Courel

Malia os evidentes progresos realizados no estudo e recuperación do noso patrimonio literario de tradición oral nos últimos lustros, aínda é abondo o traballo que fica por facer. Mais a oportuna edición dos Romances populares gallegos de Alfonso Hervella Courel (1886-1949) fai que o labor pendente vaia sendo menor.

Esta colectánea de romances foi recollida por Hervella Courel a primeiriños do pasado século nas parroquias do seu concello natal, Viana do Bolo, e lindeiras. Por volta de 1909, cando en Santiago de Compostela se celebrou a Exposición Rexional, o recompilador vianés tiña xa elaborado un romanceiro de máis dun centenar de espléndidas versións que presentou a certame, obtendo xusta distinción.

Mais, por motivos non sabidos, aquel manuscrito permaneceu inédito ata os nosos días, sendo agora publicado por Xosé Ramón Mariño Ferro e Carlos López Bernárdez nunha moi coidada edición material para Nigratrea.

O traballo dos editores sumou á transcrición do orixinal de Hervella Courel unha breve presentación na que dan conta de pertinentes datos biobibliográficos do colector (figura da que ben pouco se sabía, polo que as achegas de Mariño Ferro e López Bernárdez se fan, neste punto, especialmente valiosas), un amplo capítulo de “Identificación dos romances e comentario” (que bebe directamente dos escritos previos dos editores vertidos no seu Romanceiro en lingua galega, 2002), un apéndice de “Romances viejos” incluídos en El libro de los portentos do propio Hervella Courel e unha exigua bibliografía final a todas luces insuficiente e parcial.

E é neste último punto onde, ao meu ver, fraquea visiblemente a lectura interpretativa dos materiais levada a cabo polos responsables da publicación, que obviaron achegas de reputados especialistas que se debruzaran con anterioridade sobre destes materiais e que amosan un recoñecemento ao traballo de Hervella Courel argüíndo que “salienta polo rigor con que están transcritos os diferentes romances” cando é sabido que tal prurito deixaba moito que desexar, sendo notorio que o vianés manipulou os textos en diversos sentidos, algún mesmo de xeito confeso, pretextando incluso razóns de mexeriqueiro pudor ou inconveniencia na reprodución de determinadas pasaxes de contido sexual.

Endebén, esta edición dos Romances populares gallegos de Xosé Ramón Mariño Ferro e Carlos López Bernárdez debe recibirse como un estimable rescate, que merece se estenda a felicitación a Nigratrea, selo que dende a señorial Baiona tanto leva feito polas letras de noso.

Na cerna editora

Dende hai uns meses, e para fortuna de todas e todos, un selo histórico como Edicións do Cerne volve a facer uso do prelo.

Fundada hai agora máis de trinta anos —en 1979, para ser máis exactos— a vella Do Cerne, capitaneada no seu día polo benemérito Luís Mariño, vive agora unha nova xeira da man do libreiro compostelán Xesús Couceiro, integrante tamén do equipo fundador.

Nestes meses pasados cobraron nova vida da man de Do Cerne La cocina práctica de Picadillo, La casa de la Troya de Pérez Lugín e outra ducia de títulos facsimilados entre os que salientan títulos de Neira de Mosquera, Murguía ou Vaamonde Lores, entre outros.

A última das singulares recuperacións desta casa editorial é o Refraneiro galego que o escritor e profesor Álvaro de las Casas dera a coñecer en 1933. Un opúsculo en dezaseisavo que vira luz no seo daquel memorable grupo de formación coñecido como Ultreya e que fora imprentado no seu día nos tórculos santiagueses de Nós pola man sabia e xenerosa de Ánxel Casal.

En esencia, este Refraneiro galego é o que anuncia; isto é, unha colección de refráns, distribuídos por meses do ano, precedida dun sucinto prefacio que De las Casas dirixe aos labregos exhortándoos a que teñan amor propio e defendan a súa lingua e cultura.

Oportunísimo rescate, por tanto, esta reedición do Refraneiro galego de Álvaro de las Casas, de quen xa se recuperaran non hai tanto outros importantes traballos sobre etnografía e literatura galega de tradición oral, pero que aínda agarda pola actualización e análise fonda de moitos aspectos da súa vida e obra, agora, grazas ao meritorio traballo de Edicións do Cerne, algo menos descoñecidas.