Xabier P. Docampo, palabras de pedra para todo o tempo

Docampo-Pedra e tempoPor causas que non vén a conto detallar agora aquí, o pasado 21 de xuño non puiden acompañar como querería o excelente narrador e mellor amigo Xabier P. Docampo na homenaxe ‘O escritor na súa terra. Letra E’ que lle tributamos dende a AELG nos que son os seus eidos matriciais: Castro de Ribeiras de Lea, na cerna da Terra Chá.

Froito daquela venturosa xornada foi a publicación Pedra e Tempo, unha exclusiva plaquette de apenas dous centos e medio de exemplares numerados que o propio autor agasallou aos convidados e algúns outros contados amigos aos que a desfortuna privou de estar presentes.

Pedra e Tempo é unha moi coidada edición con  capa de Xosé Cobas (parella de feito artística de Docampo dende xacando) e ilustracións de DNL.

Cinco breves minirrelatos precedidos dunha longa dedicatoria e unha petición lírica de introito compoñen esta singular publicación. Cinco historias enlazadas, onde como nunha sorte de leixaprén narrativo o último sintagma de cada relato se retoma como secuencia cabezaleira do seguinte. E todo orquestrado esfericamente, pois o derradeiro dos sintagmas da historia cabo é, por súa vez, coincidente co comezo da primeira narración, xenuína circularidade estrutural que cohesiona este anel solitario no que vai engastado o quinteto de sortellas.

Escultura-Xabier P. DocampoO abandono dos lares rurais, o abuso clasista dos señoritos fronte aos pobres de pedir, a fraxilidade dos vagamundos para os que todo é interdición, a boipousonería dalgúns coa que malamente avanzamos, mesmo a pulsión por escapar do aprisionamento e das celas interiores que nos limitan son outros tantos temas axiais da escrita de Docampo que regresan nestas narracións, evidenciando os seus sinais de identidade e ese particular entrefebrado de realismo e fantasía que fan da súa unha voz senlleira no panorama narrativo actual. O colofón deste Pedra e Tempo lembra, oportunamente, unha sabia sentenza: quod natura est ex amore floreat cunctis diebus. Tamén eu o creo. Por iso non quero deixar de recomendar que, se por algunha vía tedes oportunidade de ter nas mans unha destas prezadas e preciosas plaquettes, admiredes o coidado na confección material, a forza das fotografías, a mestría dos sucedidos que atesoura. Como a pedra resiste ante o pasar do Tempo, tamén a verba de Xabier P. Docampo, escritor con Letra E maiúscula, perdurará para lembrarnos que as memorables historias dos creadores sempre han merecer unha homenaxe.

A Elena Poniatowska galega

A da escritora Elena Poniatowska (París, 1932) é unha vida de película dende o mesmo berce: nacida co título de princesa Hélène Elizabeth Louise Amélie Paula Dolores Poniatowska Amor, descende dunha familia emparentada co derradeiro rei polaco e aínda xenerais que dirixiron, xunto a Napoleón, a ofensiva contra Moscova.

Tivo que abandonar o París da súa infancia por mor da Segunda Guerra Mundial e marchou con súa nai ata México con tan só dez anos de idade, deixando a seu pai na fronte, a loitar na Resistencia.

Logo de estudar en Filadelfia e Nova York, regresou cabo dos seus a México DF e comezou unha meteórica carreira xornalística e literaria que, dende 1954 ata os nosos días, ten dado ás letras hispanas títulos memorables que foron recoñecidos cos máis altos galardóns, entre eles, por citar só algúns, La piel del cielo, Leonora ou Paseo de la reforma.

Mais hoxe préstame salientar que Poniatowska foi sempre unha namorada de Galicia e a súa cultura e que tivo con esta unha relación admirativa e cordialísima. Con tal motivo, a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega distinguiuna en maio do 2009 como ‘Escritora Galega Universal’, o que dá idea do estreito vínculo e a querenza recíproca que entre os nosos autores e esta xenial narradora e ensaísta houbo sempre.

Precisamente coincidindo coa designación de ‘Escritora Galega Universal’ a súa obra comezou a se traducir á vella lingua dos cancioneiros e foi por iniciativa da AELG que veu luz a primeira compilación dos seus relatos: A filla do filósofo (2009), volume publicado pola Editorial Galaxia e obra na que participaron traducindo textos creadores galegos como Francisco X. Fernández Naval, Xabier López López, Elvira Riveiro Tobío, Isidro Novo, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Xavier Queipo, María Reimóndez e Francisco Castro.

Logo veu a versión da magnífica novela curta Benquerido Diego, abrázate Quiela (2010), trasladada por Fe González Fernández e publicada pola coruñesa Editorial Trifolium, o selo que máis ten feito entre nós polo coñecemento e divulgación da autora, pois aínda no 2012 deu a coñecer a terceira e, polo de agora, última das obras traducidas de Poniatowska ao galego, Lilus Kikus, que puxo na voz nosa Teresa Moure.

O territorio literario de Poniatowska resulta dunha xenuína e particularísima mestura da sensibilidade polo social e a clarividencia no relato das historias íntimas e delicadas, todo orlado cunha prosa límpida e sonora que converte as súas narracións nunha sinfonía de sutilezas.

A recente concesión do Premio Cervantes non fai senón recoñecer o que era un clamor entre os entendidos: que a escrita de Poniatowska zumega quilates á volta de cada páxina, que a súa abraiante capacidade para recrear mundos de escura miseria e tirar deles luzadas de esperanza nos reconcilia coa vida e co xénero humano. Por todo iso e por ter demostrado decote ser amiga dos galegos, vaian dende esta columna os nosos máis efusivos parabéns a Elena Poniatowska e oxalá este novo recoñecemento sirva para que o lectorado de aquí poida ver máis obra súa nos andeis das librerías, pois non merece menos esta parisiense de orixe e mexicana de corazón que contempla o mundo dende Chimalistac para logo contárnolo con fermosura incomparable.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 24-11-2013]

Aedos modernos

Un pobo que non canta e conta a súa vida é un pobo morto. A necesidade de dicir fermosamente o mundo a través da oralidade é a razón de ser da nacenza do relato comunal. E nós somos unha vella estirpe que leva contando na lingua de noso máis de mil anos, de aí que os artífices da verba que se deita en público auditorio sexan apreciados como unha sorte de aedos modernos que avivan as lapas da tradición.

Conscientes da importancia de manter vivo ese patrimonio inmaterial que nos identifica, dende a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG levan tempo promovendo uns máis que valiosos Obradoiros de Narración Oral. Por eles teñen pasado nos últimos anos decenas de asistentes, decote desexos@s de mellorar as súas técnicas comunicadoras para ben transmitir vizosos mundos interiores e realidades circundantes.

O epicentro desta reunión de druídas da palabra en tempos dixitais é Lugo. Dende a vella Lucus Augusti abren a súa escola de contar ben e seguido xentes como Antonio Reigosa ou Isidro Novo, que se axudan para as súas xeiras doutros destacados contadores como Celso Fernández Sanmartín ou Avelino González, mestres na álxebra do sucedido e a memoralia do lendario. Todos eles transmiten, xenerosos, as destrezas da lectura en voz alta, a improvisación, os recursos da linguaxe non verbal e outros saberes que conciencian da importancia da oralidade como soporte da cultura tradicional e non só, que insisten na posible maridaxe entre novas tecnoloxías e os contares de sempre e, sobre todo, que confirman o venturoso casoiro entre a memoria de vida e a palabra con memoria.

Cómpre moito parabenizar e, tamén si, recomendar ás interesadas e interesados esta Escola de Narración Oral que no momento no que escribo estas liñas está xa a desenvolver a súa segunda xornada en Lugo, con moi interesantes sesións de obradoiro verbal que se estenderán ata mediados de decembro no Centro Social Uxío Novoneyra. Achegarse ata alí será o modo mellor de deixarse atrapar pola maxia do dicir na voz creadora de quen moito, e ben, teñen para contar.

[Publicado no Sermos Galiza, 31-10-2013]

No reino da mourindade

Como cada ano destes últimos ―e vai alá xa un lustro, que neste paisiño de noso non é cativa cifra― a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega publica un novo número da súa revista Escrita Contemporánea recollendo as intervencións das Actas das V Xornadas de Literatura de Tradición Oral, coorganizadas pola propia a AELG e mais a AS-PG co patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo.

Nesta ocasión, o volume leva por subtítulo o que foi tema do congreso que tivo lugar o pasado mes de outubro en Lugo, isto é, Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular, tema apaixonante onde os haxa para todos os interesados nesta cuestión etnográfica, histórica, mitolóxica e literario oral que vertebra un dos mitos perennes da nosa cultura.

Para disertar sobre este particular os organizadores do evento (os industriosos Isidro Novo e Antonio Reigosa) convocaron desta volta o antropólogo, escritor e músico Rafael Quintía Pereira; o tamén antropólogo e comunicador Alexandre Parafita, profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro; a historiadora e investigadora arqueolóxica Mar Llinares García, docente na Universidade de Santiago; e mais o filólogo e responsable do Arquivo de Tradición Oral do Muséu del Pueblu d’Asturies Jesús Suárez López.

Quintiá Pereira dedicou a súa intervención aos “Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos”. Na súa longa e moi documentada disertación tentou clarificar como xorde o mito da mourindade, quen son os mouros, onde viven, cal é a utilidade deste mito, quen son as mouras, de que atributos se revisten, cal é o seu hábitat e a súa escatoloxía e que relación poden ter coas Tríades, virxes ou deusas primitivas.

Pola súa banda, Parafita centrou o seu relatorio nos “Mouros históricos e mouros míticos: dualidades e complementariedades”, detallando con acuidade como se foron tecendo eses pretos viortos que unen os ‘mouros’ históricos (é dicir, os invasores árabes) cos mouros mitolóxicos, atribuíndo a estes últimos características negativas nunha clara campaña de desprestixio cara aos primeiros.

A profesora Llinares García ilustrou os asistentes sobre “Mouras e mulleres. As imaxes femininas na mitoloxía popular galega”, unha moi interesante comunicación que deixou claro a figura mítica da moura foi deliberadamente empregada dentro da cultura de noso para desenvolver todo un programa sociodidáctico de como deben ser as mulleres e como non deben ser, de cal debe ser o seu comportamento xenérico e/ou sexual e que se espera delas no seo da comunidade.

Por último, Suárez López disertou sobre “Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano”, achegando valiosos datos orais e literarios sobre a presenza destes neste territorio irmán e analizando a súa función e características sobre todo en relación ao subtema da procura de tesouros.

O libro complétase coa transcrición dos longos diálogos suscitados a través de dúas mesas redondas, os limiares e saúdas de rigor e uns anexos nos que se reproducen o “Seminario de conclusións”, os “Datos biográficos dos/as intervinientes”, un mínimo “Apéndice fotográfico” e unha sucinta “Bibliografía”.

Este número de Escrita Contemporánea dedicado a Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular (que, como noutras ocasións, incorpora un dvd coa gravación de todas as xornadas) é un perfecto vademecum co se guiar polo complexo e fascinante mundo da nosa mourindade, territorio meigo e imprevisible que segue a cativarnos, imperecedoiro, neste novo milenio.

Revistas dixitais

Continuando co seu impagable labor de difusión e análise da literatura galega de noso, a AELG, a través do seu voceiro a revista Escrita contemporánea, publicou un volume no que se recollen as Actas do VI Encontro de Novos/as escritores/as baixo o título xeral de Da tinta á pegada dixital.

Esta entrega de Escrita contemporánea —que na súa particular numeración alfabetizada fai xa o R— debrócase no moi suxestivo e complexo mundo das revistas dixitais como novos espazos para a presenza da literatura na sociedade actual.

Cómpre dicir que, como queira que os encontros que reproduce esta publicación tiveron lugar en setembro do 2011, algunhas das informacións ou valoracións que nel se verteron foron xa matizadas ou superadas pola vertixinosa realidade dixital. Secasí, é evidente que a cerna do alí exposto segue a ter vixencia e que gran parte das súas propostas se viron tamén confirmadas neste tempo.

Prologado polo presidente da AELG, o poeta Cesáreo Sánchez Iglesias, o volume recolle unha conferencia inaugural de Tati Mancebo sobre “As revistas na era dixital” e os relatorios de dúas mesas redondas: unha primeira arredor do concepto “Crear desde a ventá” e unha segunda para “As revistas dixitais na Galiza: pasado, presente e futuro”.

Coordinada por Antía Otero, vicepresidenta da institución, a primeira das mesas reuniu as voces de tres poetas singulares que desenvolveron (e algúns aínda desenvolven) na Rede interesantes espazos de comunicación. Velaí o ciborg literario …mmmm… de Estíbaliz Espinosa, o colaxe creativo de anacibeira.blogspot.com e o punk poeticomusical de Leo F. Campos en Haicu.

Pola súa banda, a segunda das mesas tivo como mestra de cerimonias á tamén poeta Elvira Riveiro Tobío, quen cedeu a palabra a Chus Nogueira para que fixese un exhaustivo varrido das orixes e actualidade das revistas literararias en internet; a Gaspar Domínguez para que falase da poesía e o medio electrónico dende a súa experiencia como xestor da páxina Andar21.net; e a Montse Pena Presas para que se ocupase das plataformas que acubillan a crítica literaria galega entre retrincos de tinta e bytes.

É moi de agradecer que as xentes da AELG tomasen a iniciativa de convocar este foro e publicar as presentes actas. Neste mundo evidentemente internetizado, onde a convivencia da prensa en papel e os novos medios dixitais é unha realidade da que a práctica totalidade da nosa sociedade xa participa, facíase necesario reflexionar sobre as posibilidades que este novo continente abriu para a creación e o pensamento dende as revistas que pola arañeira circulan.

Para tod@s @s que, como ciberlector@s asidu@s, navegades polo ancho mar da Rede este Escrita contemporánea. Da tinta á pegada dixital ha ser lectura coa que hiperenlazar lediciosamente. As súas páxinas complementariamente non electrónicas esperan por vós.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 10-2-2013]

http://www.youtube-nocookie.com/embed/O9ogbBdnj_M