A mar de historias

Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas da Xornada de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.

O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.

Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.

Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.

Volvendo a Castelao

A querenza do ensaísta Manuel Rei Romeu pola figura de Castelao é de vello coñecida. Á súa abnegada entrega ao estudo e divulgación da obra e vida do escritor de Rianxo debemos valiosas monografías como Arte e Verdade. A obra literaria de Daniel Castelao (1991), Castelao e ‘Sempre en Galiza’ (1996), Alfonso Daniel Castelao (1999), Castelao: Desta Terra, deste tempo (2000) e mesmo coñecidas escolmas como A narrativa de Castelao. Antoloxía (1997) e Sempre en Galiza (1997).

Á anterior nómina de títulos veu sumarse recentemente Volver a Castelao, breve ensaio editado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no que se compendian os principais socalcos definitorios da traxectoria vital, artística e política do rianxeiro.

Deste xeito, ao longo da setentena escasa de páxinas da obra ponse de manifesto a singularidade do personaxe, tanto dende o punto de vista literario coma na súa faceta política. Neste último eido pásase revista á súa evolución dende o pregaleguismo ata o nacionalismo político, pasando polo nacionalismo culturalista.

Da súa parte, na análise da produción literaria vaise facendo un repaso obra a obra dos seus títulos, dende Un ollo de vidro (1922) ata Os vellos non deben de namorarse (1941), con paradas nas Cousas (1926, 1929), Retrincos (1934) e Os dous de sempre (1934). Para estas exploracións Rei Romeu serviuse visiblemente dalgunha achega súa anterior, como o díptico Castelao (2009).

Un volume, pois, que quere contribuír a honrar a memoria desta figura excepcional da que este ano se cumpre o cento vinte e cinco aniversario do seu nacemento, efeméride que xustifica a presente publicación, escrita con amenidade e rigor por Rei Romeu e acompañada dun número importante de ilustracións e fotografías, algunha delas, por certo, pouco ou nada coñecidas.

Inmellorable guieiro para se internar no vizoso mundo do autor de Sempre en Galiza, este Volver a Castelao de Manuel Rei Romeu é libro que contentará por igual a docentes na procura de materiais acaídos para as aulas e a curiosos e interesados na peripecia autorial e política dun dos máis grandes.

Literatura courelá

As terras altas do Courel veñen tendo nos últimos meses unha presenza cultural e, particularmente, literaria que ben merecían dende sempre. Nesa liña de necesaria visibilización dun territorio por moitos motivos singular inscríbense dous novos títulos hai ben pouco aparecidos no mercado: Lembranzas d’O Courel, de Jesús Alfonso Parada Jato, e mais O Courel de Novoneyra. Eidos de ollarollar, de Isidro Novo.

Seguir lendo

Literatura mortal

É curioso constatar como nunha cultura como a galega, onde existe unha especialísima vivencia da morte como realidade, non hai, porén, excesiva literatura crítica sobre o tema. As galegas e galegos medramos educándonos nunha visión ben particular desa fronteira derradeira e todo o que a rodea, pero non abundan os tratados e os foros que se ocupen dela.

Xustamente por iso, que dende a Vogalía de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega se promovesen no pasado novembro as III Xornadas de Literatura de Tradición Oral dedicadas á “Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas” é, a meu ver, unha máis que oportuna decisión.

Testemuña fiel do moito e moi interesante que nesa xuntanza se contou son as Actas das III Xornadas de Literatura de Tradición Oral. Mitoloxía da morte: agoiros, ánimas e pantasmas que agora ven luz como número especial da revista voceiro da AELG, Escrita Contemporánea.

Seguir lendo