A mar de historias

Un ano máis Antonio Reigosa e mais Isidro Novo, dende as vogalías por Lugo e pola Literatura de Tradición Oral da AELG, coordinan a publicación das Actas da Xornada de Literatura de Tradición Oral que cada outono teñen lugar nos locais do Museo Provincial de Lugo.

O volume deste ano é o sexto dunha serie monográfica que ten acubillo como publicación da revista oficial da asociación, Escrita Contemporánea, que a dá á luz baixo o título Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral. Historias, mitos e monstros do mar de Galicia.

Como o propio rótulo anuncia, esta obra colectiva reúne as intervencións que a primeiros do pasado novembro impartiron na cidade amurallada o estudoso Xosé Lois Vilar Pedreira, o novelista Hixinio Puentes, o músico e narrador Xurxo Souto e mais a investigadora Rosa García-Orellán. Os catro compartiron tamén mesas redondas nas que as intervencións do público asistente, moi activo, se recolleron e transcribiron tamén nesta publicación, que ten por cabo un anexo no que se transcriben os poemas que, enlazando coa temática da xuntanza, recitou nas xornadas Xosé Iglesias.

Para máis saber sobre os naufraxios míticos e as crebas fantásticas, sobre o noso imaxinario marítimo e os seres imposibles que nos océanos habitan, para mellor comprender a nosa vizosa talasonomia e os relatos mareiros nos que os monstros e creaturas marabillosas todo o inzan, estas Actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral son un caladoiro farto no que pescar erudición a redes cheas, beizón que lles hai que apoñer aos infatigables coordinadores do evento, Antonio Reigosa e Isidro Novo, ao apoio cómplice que da AELG reciben para levalo adiante e, sobre todo, ao esforzo da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que fai posible co seu patrocinio estas xornadas ás que lles hai que desexar moitos lustros de vida. E nos que os vexamos e os leamos.

Diario DC: O gaiteiro de Lugo

Con máis de século e medio ás costas, O gaiteiro de Lugo regresa como cada ano aos quioscos e librerías do país. Dende que en 1857 se tirara o primeiro número e logo de diversas lagoas, este popular almanaque lucense (un dos máis antigos do Estado) segue a contar co práceme dos nosos traballadores do agro, que o procuran para se informar de cuestións diversas e o teñen nas súas casas como unha sorte de misal laico.

O gaiteiro de Lugo publícase hoxe co patrocinio da Área de Cultura da Deputación desta provincia, capitaneada por Mario Outeiro, e ten a nada desprezable tiraxe de dous mil exemplares. Tal como hai anos, a publicación continúa presentándose como un volume “relixioso, profético, astronómico, recreativo, patriótico, popular e barato”, características todas elas que cumpre sen falta: é relixioso porque ofrece detallada noticia do santoral diario; profético porque inclúe un prognóstico rimado da meteoroloxía mensal prevista para o ano en curso; astronómico tamén, xa que informa das fases lunares; recreativo, pois os textos que acompañan as informacións afondan nun ludismo explícito; popular igualmente, que nada hai nel que non poida ser lido —e comprendido— con agrado por un paisano de noso; e, xaora, barato, cun formato e calidades materiais que favorecen que se achegue a prezo máis que módico.

Esta cabeceira ten para a nosa literatura un interese certo, posto que é tradición secular que a publicación incorpore textos de escritores galegos, por veces simples reproducións, mais en moitas ocasións redactados ex professo para a cabeceira. Foron pasando así ao longo dos anos polas súas páxinas obras de diversos creadores, entre os que sobrancean os autores mindonienses de nacenza ou da súa escola literaria, tales como Antonio Noriega Varela, Eduardo Lence Santar, Xosé Crecente Vega, Xosé Díaz Jácome ou Álvaro Cunqueiro.

Neste 2014 O gaiteiro de Lugo prosegue a tradición e centra a entrega no autor do Día das Letras, o tamén lucense de Guitiriz Xosé María Díaz Castro, ao que vai dedicada en homenaxe esta edición. Con tal motivo, reprodúcense unha ducia de poemas seus acompañando a información de cada mes, textos deliberadamente escollidos pola súa temática estacional, varios deles tirados de Nimbos, mais outros non recollidos no poemario, o que engade un indubidable valor documental á publicación. A canda eles, e intercalados polo volume adiante, van tamén uns miniartigos arredor de Díaz Castro asinados por quen foi o responsable da escolma poética, Alfonso Blanco Torrado, que cedeu, amais, as varias fotografías diazcastrianas que salfiren as planas do almanaque.

Excelente nova, por tanto, esta de que un novo O gaiteiro de Lugo circule xa polas nosas parroquias. Con el a nosa veciñanza non só saberá da táboa de mareas, as feiras do país e o valor dos ferrados galegos por municipios, senón tamén, desta volta, dos versos de Díaz Castro, un poeta no que o paisaxístico e o telúrico tiveron forte presenza e que soubo captar como poucos o sucederse do tempo cíclico de anos e meses a se repetir.