A música das palabras

cedesliterariosPor fortuna, cada vez son máis numerosos os traballos nos que música e poesía galega se dan a man. Nos últimos tempos ten visto a luz unha notable cantidade de discos nos que son musicados temas literarios de noso, o que resulta unha agradecida sinerxía para ambas as partes, pois os músicos contan con letras de indubidable calidade artística para as súas pezas e, pola súa banda, as e os poetas poñen voz á súa escrita, vendo como cobran vida alén do papel.

Hoxe quero referirme a tres destes cedés nos que poesía e música son un todo lírico que nos lembra, máis unha vez, que, nas súas orixes, os versos todos dos diferentes pobos naceron para ser cantados e que é no canto onde se ven enfatizados os ritmos e cadencias que caracterizan harmonicamente os poemas.

Así acontece en Sedia la fremosa, o disco do grupo Manseliña que publica Lindoro, no que se recollen trece temas que recrean cantigas medievais e tradicionais do noroeste hispánico. Os catro compoñentes de Manseliña (a saber: María Giménez como voz do grupo e intérprete de fídula e percusión; Belén Bermejo co órgano portativo; Pablo Carpintero nos aerófonos tradicionais e percusión; e Tin Novio para o laúde e cítola) envolven en música varias cantigas de Martin Codax e Alfonso X e unha de Estevão Coelho, mais suman a esta lírica trobadoresca os ritmos da música tradicional incluíndo un alalá de Noia, unha cantiga de segada, un romance, un valse de Ribarteme, unha muiñeira de Ameixenda e unha cantiga do liño, entre outros. Por xunto resultan unha admirable fusión ou contrafacta que anoa músicas de diferentes ámbitos (o cortesán e o popular), reconstruíndo alí onde as partituras conservadas non ofrecían información como debían de soar estas cancións milenarias. Un traballo, xa que logo, para escoitar con deleitación, tanto pola magnífica voz de María Giménez coma pola sonoridade evocadora que todo o grupo consegue, transportándonos melodicamente ao fascinante mundo das cantigas de amor e amigo e dos cantos marianos.

Unha liña moi diferente é a que anima o disco Literaria, do cantautor ferrolán Miguel Alonso. Os once temas que compoñen o seu traballo parten de poemas de autoras e autores coetáneos, que van dende Marta Dacosta a María Castelo, pasando por Toño Núñez, Miguel Alonso Diz, Ramiro Vidal Alvarinho, Iolanda Aldrei, Xavier Frias, María José Fernández e Xosé Iglesias. A música que os acompaña ensaia diferentes modulacións, que beben do pop e o blues, sen esquecer os toques rock e os aires soul. Un cedé, cómpre dicilo, no que á voz de Miguel Alonso (tamén guitarrista e intérprete de mandolina, piano, teclados, harmónica e loops) se suman a batería e percusión de Iago Blanco, o baixo de Suso Pereiro, o acordeón de Abel Pérez e coros e recitados de Irene Quinteiro, Óscar Martínez, X. M. Lago, Miguel Alonso Diz e Xosé Iglesias. Toda esta enerxía común e o crowdfunding previo fixeron posible que o disco cobrase vida nunha produción de autor, á que contribuíron tecnicamente Pequeno Desastre Records e mais Drum & Roll Studios.

Por remate, non quero deixar pasar a ocasión de recomendar tamén Lueiro, o álbum musical de Xardín Desordenado que edita Sul Producciones coa colaboración dos concellos de Fornelos de Montes e O Grove e mais da Deputación de Pontevedra. Neste traballo, os compoñentes de Xardín Desordenado (isto é: a prodixiosa voz de Marlene Rodrigues; Santiago Ferragud tamén na voz mais guitarra e composición musical; Isaac Garabatos á guitarra e nos arranxos, composición e produción musical; Lorenzo Boo co baixo; e David Outomuro nas percusións) poñen clave a oito poemas das escritoras e escritores distinguidos no Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey e do autor que dá nome ao certame. Así, amais das deste, cántanse composicións de Eli Ríos, Silvia Penas, Isaac Xubín, Luís Valle, Antón Lopo e Marcos Abalde que forman parte dos poemarios cos que foron galardoados, o que asegura a variedade e calidade das letras que, con tanto ben como é adoito, interpretan os Xardín Desordenado.

Poesía para oír ou música para ler sonoramente, como se prefira. Moito e moi bo onde escoller mercé ás suxestivas e ben diversas propostas de Manseliña, Miguel Alonso e Xardín Desordenado, tres apostas gañadoras escóitense por onde se escoiten e léanse por onde se lean.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-4-2019]

O outro lado

manoeleelunaA escritora, violinista e musicóloga Luísa Villalta escribiu no seu día unha monografía referencial que titulou, clarividentemente, O outro lado da música, a poesía. Non pode expresarse dun xeito máis acaído: a poesía é, en moitos sentidos, o reverso do espello da música e viceversa. Tanto é así que ambas naceron da man e a primeira poesía das colectividades humanas destinouse ao canto comunal. Velaí o sentido duplo do termo lírica, a arte verbal que nace destinada ao canto.

 Vén todo isto a conto pola recente aparición do libro-cd A Estrada da Vida, obra do cantautor Manoele de Felisa e o escritor Xosé Luna, quen uniron os seus talentos neste traballo que ve luz baixo o selo Arteson Producións.

 A Estrada da Vida reúne trece temas con letra de Xosé Luna (agás unha, da autoría do seu compañeiro de aventura) e música de Manoele de Felisa e un corte final escrito e recitado por Luna. A maiores, un moi labrado proemio de Xosé Manuel Lobato, unha presentación de Manoele de Felisa e diferentes intertextos de Luna que van explicando no libro o sentido e intención de cada canción.

O resultado é un libro-disco do máis interesante, que incorpora como letras das cancións textos tirados de diversas obras de Luna (Da lectura e outras cousiñas, Memorias do Cairo, Sol rebuldeiro, O libro dos bicos, 90 cousiñas e Stradapop) ou incluídos por este nalgunha outra publicación (así os poemas “A Rosa dos Ventos” e “A Estrada da Vida”, tomados do libro Pereiriños). Acompañando estes textos figuran as suxestivas ilustracións de Amalia López Brea ‘Luchi’, que dan coloratura e poñen rostro ás emotivas e fondas composicións de Luna.

Proporcionando músculo sonoro a este esqueleto textual a voz de amplo rexistro de Manoele de Felisa envólvese en todo un festival de ritmos nos que están presentes, en maior ou menor medida, depende dos casos, o fado, a bossa e a bossa nova, o pop fusión, o funky, o rapp, o jazz, o hip hop, o reggae ou a cumbia, entre outros, deixando sentir ben diversas e complementarias influencias, dende Bruce Springsteen ata Mark Knopfler, pasando por Amancio Prada, Andrés do Barro, Emilio Batallán, Pablo Milanés, Xil Ríos ou Suso Vaamonde, entre outros cantautores máis próximos.

lunaemanoeleMais se houber que sinalar tan só un trazo definitorio neste A Estrada da Vida eu apostaría para a súa literariedade, que deixa sentir a súa pegada non só no carácter poético dos textos musicados, senón tamén nas prosas poéticas que constitúen os intertextos (onde se citan múltiples autores, dende Shakespeare, Valle-Inclán e Cervantes a Xosé Neira Vilas, Xosé Vázquez Pintor ou Avelino Pousa Antelo) e nos paratextos que arroupan a obra, como os escritos prologais de Lobato e Manoele de Felisa xa amentados, as citas iniciais dos temas (Manuel Antonio, García Lorca) ou as dedicatorias das cancións a autores (Olimpio Arca, Rosalía Morlán).

Por se fose pouca tanta regalía, a obra conta cunha moi coidada edición en tapa dura, papeis de alta calidade, tintados polícromos, magníficas instantáneas de Anxo Rodiño Millán e un atractivo traballo videográfico incorporado ao cd que coasinaron Pepe Castro e Ukaná Films.

Para sentir o pulso dos días, encher os pulmóns do ar da leda chuvia, pousar os beizos na boca amada, desatar os soños na rosa dos ventos, repinicar na maior das pandeiradas solares e deixarse estar no quentiño do sol e as apertas mornas esta lírica de Xosé Luna e Manoele de Felisa é a mellor das maxias. Porque do outro lado sempre agarda a beleza e convén poñerlle banda sonora ao noso camiñar por A Estrada da Vida.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 24-2-2019]

Letras musicais

Sons de NósOs mellores sons chegan ás nosas letras. Nos últimos meses foron varios os discos que apareceron no mercado nos que se musican textos galegos, en moitos casos de orixe literaria. Hoxe préstame dar razón aquí de tres deles, de procedencias ben diversas e estilos musicais dispares, mais todos coincidentes na aposta pola nosa lingua e, particularmente, a súa koiné poética como principal razón de ser.

O primeiro destes traballos leva por título Dende a beira do Masma e recolle trece temas nos que Xan Carballal, director da Escola Municipal de Música O Pallarego, pon melodía a temas de Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Jácome.

As voces de Xulia Nogueira e Sabela Carballal acompañan o acordeón, a arpa, a zanfona, a guitarra, o clarinete, o violín, a viola, o chelo e as percusións para que os versos de Do ermo, Cantares gallegos ou Herba aquí e acolá cobren vida musical, confirmando, máis unha vez, a indubidable sonoridade da lírica mindoniense, que aquí corporeíza mercé á Fundación TIC lucense, dependente da Deputación Provincial.

ApelónNon menos interesante é a seguinte das propostas, neste caso chegada dende a cidade departamental e titulada Apelón. Quen a asina é un experimentado cantautor, cunha sólida traxectoria ás costas: Roger de Flor, unha das voces máis orixinais e independentes do actual panorama.

En Apelón, disco editado por Feiticeira Producións, inclúense tres temas galegos: “Estoupará”, “Ferrol Vello” e mais “Na ialma zoaba o vento”. Xunto a eles, outras cancións non menos literarias, como “Spring”, versión dun poema do gran poeta inglés William Blake. Mais a pluralidade de rexistros deste traballo é tamén perceptible na inserción de temas en castelán e italiano e, sobre todo, na variedade de estéticas ensaiadas, que integran por igual o rock, o pop ou os acenos country, entre outros.

Por último, o dúo 2naFronteira dá a luz Sons de Nós, a súa particular homenaxe á revista Nós e as Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario. Trece temas editados por Inquedanzas Sonoras nos que a felicísima voz de Carmen Penim se acompaña das virtuosas mans de Maurizio Polsinelli para recrear atmosferas de harmonio, piano e shruti box engalanadas de guitarras, violíns, violas de teclas, zanfonas, contrabaixos, baterías e percusións varias.

Dende a beira do MasmaSons de Nós dá a Euterpe o verso requintado de Eduardo Blanco Amor, o testemuñal de Xosé Velo, as liricidades de Fermín Bouza Brey, o dicir primeiro de Ricardo Carballo Calero, a voz inxel de Francisca Herrera Garrido, a arquitectura florida de Ramón Otero Pedrayo e o enxebrismo de Francisco Luis Bernárdez, compoñendo todos un retábulo sonoro de indubidable atractivo.

Non hai escusa, por tanto, para non se deleitar con Dende a beira do Masma, Apelón e mais Sons de Nós na tranquilidade do fogar, na vertixe do guiar automobilístico, nos minutos de lecer e ambientación laboral ou en calquera outra situación ou contexto. Boa compaña.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 6-3-2016]

A chegada de Batallán

habia que chegarHabía que chegar, velaí a mensaxe que propón un veterano do noso panorama musical como Luis Emilio Batallán nun novo disco de dez temas nos que mestura o musicado de poemas de autores clásicos coas letras propias.

Non me atrevo a xulgar se os blues, os acentos rock e a bossa nova que cruzan transversalmente moitos destes temas son ou non do mellor do autor, como este asegura na breve presentación que dispón como limiar a este libro-disco tan ben editado por Galaxia mercé aos bos oficios de Hayat Husein. O que si direi é que os temas nos que Cunqueiro, Rosalía ou mesmo María Mariño ceden os seus versos son, xaora, pezas de alta literatura, pero asáltame a dúbida de se cancións como, poño por caso, “Viva Lalín” (“Viva Lalín,/ con razón ou sen ela/… e chichi e chichi. Ie ie ie”) ou “Si choras” (“Si choras/ porque o sol se vai,/ as bágoas/ non che deixarán ver/ o brillo das estrelas”) non baixarán o nivel medio.

Había que chegar ofrece tamén outros extras de interese: un texto mínimo de Pablo Milanés, un dvd cun concerto en directo de Batallán e unha entrevista que con el mantivo Víctor F. Freixanes, un escrito de V. Araguas sobre el mesmo e o seu vencello co cantautor e aínda unhas estupendas fotos dos músicos e/ou o solista, con diversos amigos ou por só, alén doutras instantáneas de mérito que ilustran as temáticas das cancións.

Escoitar a Batallón cantando “Hai unha illa” de Cunqueiro, “Adiós ríos, adiós fontes” de Rosalía ou a música de “Brasil” (a letra xa é outra cousa) é unha delicia para os oídos que presta programar para inacabables replays.

A brincar con Paco Nogueiras

“Quero ser Rosalía de Castro,/ das súas fontes quero beber./ Ou Ferrín, coas súas Magnolias,/ ou Novoneyra e o seu Courel./ Quen me dera ser Curros Enríquez/ e chorar cos Pinos de Pondal,/ as Verbas de María Mariño,/ con Cabanillas un poema cantar./ Falar co Merlín de Cunqueiro./ Ser querido como é Castelao./ Ter Memoria como Neira Vilas/ e con Fole ler xuntos da man./ Cantar catro con Manuel Antonio./ Celso Emilio, na noite voar./ Ver con Dieste os Arquivos do Trasno./ Manuel María e os soños ceibar”.

Quen así canta é Paco Nogueiras nun dos seus temas do libro-cd-dvd Brinca vai!, que chega ao mercado dun selo sempre innovador: Kalandraka.

Brinca vai! non é un disco convencional. É un proxecto literario-musical no que o ludismo e o didactismo se dan a man para recrear todo un mundo de celebracións tradicionais a carón de temas importantes para a vida de noso como a ecoloxía ou a fraternidade universal.

Lonxe, ben lonxe, desas propostas pedagóxicas nas que o rigor dos deseños curriculares base todo o afogan, Nogueiras proponnos unha ducia de temas divertidísimos, musicalmente moi atractivos, que mesturan ritmos ben variados (reggae, rap, tecno, rock, pop, música electrónica, mesmo toques folk e tradicionais) para conseguir atraparnos dende a primeira nota e mergullarnos nun espazo para a ledicia colectiva, a ilusión por vivir e por cantar e brincar.

Por se non abondase, Brinca vai! contou coa inestimable axuda de David Pintor, responsable das magníficas ilustracións que acompañan o libro, e mais o Sr. Sagüillo (José Miguel Sagüillo), quen se responsabilizou da produción do dvd anexo que contén videoclips dos diversos temas do cd.

Todos os temas de Brinca vai!, compostos e arranxados polo propio Nogueira, son un excepcional material para o traballo na aula nunha franxa de idade que, por baixo, é idónea a partir dos seis-sete anos e, por riba, pode moi ben alcanzar os once-doce. Escribo ‘idade idónea’ á mantenta, pois calquera (neno ou adulto, do mundo do ensino ou non) pode achegarse a esta proposta e gozar con ela plenamente, xa que os ritmos son tan variados e contaxiosos que en poucos segundos un ha de se atopar prendido deles.

Brinca vai!, como produto, engade aínda outros extras moi apetecibles: uns textos de presentación de Juana Vázquez Silva e Manuel Cortés; as letras das cancións ilustradas por Pintor; unha entrevista co propio Nogueiras dando conta da orixe e elaboración da obra; consellos do Sr. Sagüillo para realizar novos videoclips sobre os temas e incluso un apartado final explicativo dalgúns “Segredos do Brinca vai!”.

Moi divertido, emocionante e optimista, este Brinca vai! é unha descarga músico-literaria de alta voltaxe, un lóstrego de ledicia polo que deixarse acompañar, porque non se pode renunciar á alegría de vivir, e menos se, como Paco Nogueiras nos lembra, podemos gozala en galego, coas nosas escritoras e escritores, as nosas celebracións e toda a nosa cultura. Aí o é.

 a