Narrativas de posguerra

narrativaeimaxinarioPor fortuna, nos últimos tempos foron vendo a luz ensaios que moito axudan a comprender mellor momentos decisivos do noso devir socioliterario e político-cultural.

Entre estes valiosos traballos cóntase a recente monografía Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966), un moi documentado e rigoroso estudo do investigador e escritor Mario Regueira que publica Xerais.

Froito da súa tese de doutoramento defendida na USC en xaneiro do 2016, este longo ensaio de preto de catrocentas páxinas analiza en detalle a reconstrución do campo literario galega de posguerra e o papel central que nel xogou a política culturalista da Editorial Galaxia.

Para mellor comprender esta emerxencia sistémica, e os repertorios e imaxinario nacional que proxectou, Regueira describe o contexto literario e editorial dos anos corenta, cincuenta e sesenta, co xurdimento de revistas e selos que foron timidamente dando espazo ás nosas letras e revertendo, aos poucos, o ermo da Guerra Civil. Tamén si, dedica non poucas páxinas ao cometido que desenvolveron nestes anos institucións como a Real Academia Galega, Instituto Padre Sarmiento, Patronato Rosalía de Castro ou o Colexio Fingoy, entre outros.

Capítulo principal desta monografía resérvao Regueira ao estudo do proxecto Galaxia e ao que denomina a “base branda” da súa ancoraxe ideolóxica, evidenciando unha asunción ecléctica de teses de Risco, Spengler, Eliade ou Heiddegger, que acabou por tracexar unha nebulosa filosofía humanística e posmoderna que, para a súa concreción literaria, defendeu como liñas de forza o lirismo e a saudade, o sentimento telúrico da paisaxe, o pulo do fantástico e o imaxinativo e, xaora, o humor, conformado todo nunha atmosfera ahistoricista, esencialista e transcendente de propio cuño.

A parte do león gáñana no libro as que Regueira alcuma como “novas narrativas”, conformadas por aquelas voces que tecen fronte ao proxecto Galaxia unha arañeira ben positiva, ben negativa, ben alternante, dependendo do autor, da obra ou da conxuntura. Nesta liña cómpre situar a escrita de Rodríguez Mourullo, Xohán Casal, Méndez Ferrín, Queizán, Gonsar ou Casares e, xa na Galicia do exilio, as apostas de Seoane, Blanco-Amor e mesmo Eliseo Alonso e Neira Vilas.

O volume remata cun ben disposto capítulo de “Consideracións finais” e unha amplísima bibliografía de case corenta páxinas nas que o investigador especializado poderá atopar cumprida referencia de traballos e análises coas que establecer lecturas de diálogo ou contraste.

Non quero rematar sen recomendar o magnífico prólogo a cargo de Arturo Casas, “Contar e ser: repertorios en xogo nun tempo incerto”, que reforza e complementa o universo de contido analizado por Mario Regueira nunha monografía de necesaria consulta.

[Faro de Vigo, 27-2-2020]

Luces de amaranto

Nordesía (Mario Regueira, 5-1-2020)Hai máis dunha década saudei, dende estas mesmas páxinas, a aparición do primeiro poemario do ferrolán Mario Regueira: Tanxerina (2006). Lin logo con fruición os versos do Blues da Crecente (2009), volvín a opinar neste medio sobre O silencio (2012) e non perdín de vista outras escritas do autor, por veces mesmo axudando a distinguilas. Son, por tanto, un frecuentador da súa obra, á que me achego sempre coa seguranza de que en cada nova proposta me proporcionará agradables momentos de lectura, intensas revelacións dun mundo literario propio.

Tamén aconteceu así ao me debruzar nas páxinas de Marco Livorno, o volume co que se fixo acredor do XIII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas convocado pola Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica, que é o libro co que me presta abrir as miñas recomendacións lectoras para este 2020.

Porque en Marco Livorno despréganse moitos dos sinais de identidade da escrita de Regueira anoados con novos viortos e, sobre todo, fórmulas complementarias. E velaí como nesta ducia e media de poemas regresa a súa exploración das identidades subalternas e das sexualidades disidentes, tamén a adhesión á loita das clases populares e a necesidade de entender a felicidade persoal no contexto da redención e a ledicia colectivas. A maiores, á presenza adoita do musical e do meta e intertextual engádense aquí o salferido do pictórico e redúndase na hibridación xenérica, facendo convivir a evocadora prosa inicial do libro coas longas pezas versais que compoñen o corpo central.

Os poemas de Marco Livorno son un canto ao balompedístico entendido como fenómeno sociolóxico, tamén unha cartografía sentimental do territorio natalicio, pero, sobre todo, supoñen unha exploración erótica fundamentada na diversidade das relacións abertas e en como estas espellan e metamorfosean nun contexto tan simbólico e identitario, en todos os sentidos, como o masivo futbolístico.

Este construto literario erixe como figura protagónica un operario italiano, Marco, que é coñecido polo nome do club de fútbol da localidade da que procede: Livorno. Por tanto, na súa persoa converxen o espírito da loita proletaria e a épica do deporte rei, ás que se suma o feito de Marco Livorno xogar os partidos coa camiseta do calciatore Cristiano Lucarelli, alcumado o ‘goleador comunista’, que celebraba os tantos erguendo o puño e amosando a foto do Ché Guevara que levaba estampada na camiseta interior, e tamén por rematar o libro cun colofón abondo expresivo: “vinte e nove anos despois de que Justin Fashanu se convertese nun dos primeiros futbolistas profesionais en recoñecer abertamente a súa homosexualidade”.

Intensidade erótica, diversidade afectiva e compromiso social a través do emblemático lúdico son os tres piares nos que asenta a ética estética de Marco Livorno, unha proclama de bandeira escarlata e nostalxia esperanzada, o soño libertario dun Ferrol que recupere as luces de amaranto do pasado, o gozo partisano do sexo, a paixón dos papaventos voando por riba de Caranza, as estrelas caídas sobre Ferrol Vello, a memoria do Copacabana e os maios de Canido, o cosmos do Inferniño expandíndose cara á Magdalena e á vella praza da Porta Nova ata San Francisco e o Arsenal.

Aquí son os “camiños de ferro do extrarradio”, tamén “o músculo tenso de todas as paisaxes” e mais a “alegría,/ a nosa colleita de arquexos/ e un firmamento inmenso”. Porque “o xogo é fermoso cando é imprevisíbel” e “cando as espadas van cortando cada raio de luz” sucede que “a forza do amor e o empeño” erguen ante nós “un día de sol calquera,/ sobre o monte Ancos”. E é entón cando comeza a urdirse a Teoría de Adán complementaria á de Eva que trazou o conterráneo mestre Carvalho Calero, cando cobran sentido os Cantares de Hilda Hilst, os espectros de A terra baldía de Eliot ou o Souht! de Ernest Shackleton, tamén a “Muiñeira maronda” de Davide Salvado e “A soidade” de Valsiglio, Cremonesi e Cavalli, mesmo o silandeiro choroso de Elizabeth Smart en Grand Central e as cidades desérticas de Hopper.

Incisivo, diáfano e luminoso, o palpitar versal deste Marco Livorno confirma a Mario Regueira como un das voces esenciais deste tempo.

[El Ideal Gallego Diario de Ferrol, 5-1-2020]

A Dorna de Minerva

cuberta dorna 37Como as aves caprichudas que anasan o voo en inopinado arrauto, así chega unha nova entrega da revista Dorna, cumprindo coa súa errática periódica. É feliz a circunstancia, sobre todo, reitero, porque o derrego cenital que describe este estraño paxaro lírico é tan inconstante que cada nova aparición súa cómpre recibila coa éxtase do ornitólogo que descobre unha especie que cría extinguida.

E velaí como regresa confirmando unha realidade que levo anunciado ben veces e que agora xa é un feito: as máis brillantes fornadas poéticas dos Premios Minerva han de alimentar as nosas plataformas literarias nos vindeiros anos. Pois ben, da trintena de voces que sosteñen a trabe da que é a sección principal da revista, “Creación”, un número máis que considerable foron distinguidas nos galardóns composteláns do último lustro. Quitado os clásicos en vida (Arcadio López-Casanova), os autores asentados de longa traxectoria (Manuel Forcadela) e os que amosan xa unha coñecida andaina (Branca Novoneyra, Carlos Penela, Rosa Enríquez, Baldo Ramos, Cristina Ferreiro, Oriana Méndez), moitos dos restantes son produto da factoría Minerva: Afonso Traficante, Alba Cid, Antón Blanco Casás, Ismael Ramos, Jesús Castro Yáñez, Olalla Tuñas e Paula Antía Rey Baliña. Outras voces novas de interese certo serían as de Ana Cibeira, Arancha Nogueira, Arsenio Iglesias Pazos, Carlos Lixó, David Pobra, Jacobo Llamas, Marco Paone, Miguel Rual, Naír García, Nuno Pico, Xabi Xardón, Rafa Balado, Mercedes Leobalde e Pablo García Martínez, ás que daría cabo o sólido e recoñecido narrador Xabier López López.

A maiores, e como ben sendo habitual, Dorna incorpora unha moi interesante sección para as “Voces de fóra” na que, desta volta, Philip R. Davies e mais David Miranda Barreiro traducen do galés unha escolma de versos de Ifor Ap Glyn, rutilante vencedor do Coron no Eisteddfod nacional de Gales do 2013, gloria patria dos concursos daquela terra con raizames medievais, que coroa os vencedores co título de Prifardd (bardo principal).

interior dorna baldoComo remate desta nova Dorna (nada menos que a número 37), o bloque “Poéticas” favorece o diálogo creativo entre a prosa epistolar de Alfonso Pexegueiro e unha misiva lírica de Dores Tembrás, magnífico colofón para tan celmosa entrega, ilustrada con gusto discutible polas instantáneas de rotundo “Negrume” de Alberto Pombo.

A nave que capitanea Ramón Lourenzo e na que axudan Miro Villar como contramestre e Alba Cid, David Pérez González, Lorena López López e mais Mario Regueira como mariñeiría avanzada navega cos ciclos da lúa, mais non cabe dúbida de que, se ben os plenilunios son escasos, o seu fulgor é radiante.

25 anos de espírito PEN

[Para o amigo Miro Villar,
polo que el e eu sabemos]

anelida piñon, xose luis mendez ferrin, manuel rivas, luis gonzalez tosarA poesía é o gran milagre do mundo, dicía Luís Pimentel. O mundo é un gran poema milagroso, digo eu. A palabra, as palabras son a arxila esencial que une vontades e acompaña os espíritos no fragor dos traballos e dos días.

Foi esa singular comuñón pola verba a que experimentaron os asistentes á VI Bienal Literaria en Compostela o 2 e 3 de outubro na Cidade da Cultura. O Gaiás santiagués deixouse habitar por animais literarios que quixeron celebrar o XXV Aniversario do Centro PEN Galicia, a entidade que organizou o encontro no que participaron poetas, narradores e outros axentes culturais tanto galegos coma foráneos nunha concelebración interxeracional onde as pontes literarias se transitaron amablemente.

elena_zernovaE esa foi a unción pola palabra que fixo que tres astros do firmamento literario como son Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas compartillasen unha mesa de clausura na que as complicidades revoaban arredor dos relatos orais e onde Piñón fixo boa a súa ascendencia cotobadense recoñecéndolle un papel decisivo na simbólica da súa escrita e Rivas pronunciou un máxico e entrañable discurso de recepción na academia dos afectos á súa amiga carioca. Da súa parte, Méndez Ferrín lembrou como o PEN internacional estivera ao seu carón cando en 1972 botou dous anos na cadea (Penal do Dueso) pola inquina franquista. Un triángulo de tanta altura literaria que, coma un imantador buraco negro da palabra, acabou por mergullarnos a todos os que vivimos o momento nun océano de luz e letras, unha reunión histórica que, quen sabe, talvez non sexa doado que se repita, pois ben poucas veces tres púlsares escintilan por xunto para iluminar a galaxia toda e espaventar tantas sombras da orfandade.

Velaí foi a inesquecible coda. Mais as xornadas comezaran xa o día anterior coa sesión de apertura e os discursos de benvida de Beatriz González Loroño, Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura, María Ángeles Antón Vilasánchez, Concelleira de Cultura e Patrimonio en Compostela, Luís González Tosar, Presidente do Centro PEN Galicia e mais Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Eles foron os primeiros en poder ver o magnífico traballo videográfico que, para ocasión, creou Xabier Castro Martínez, Director do PEN galego, unha peza na que se leva a cabo unha sintética historia en imaxes do que foi a andaina do noso PEN neste último cuarto de século e que podedes ver ao final deste post.

narradores xornalistasAs sesións propiamente literarias comezaron a última hora da mañá do xoves 2 coa mesa redonda “Narradores xornalistas hoxe”, xuntanza que moderou Xesús Fraga na que interviñeron Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón, todos eles, en efecto, xornalistas e narradores, que, con posturas complementarias que abriron un fértil diálogo en contrapunto, debateron sobre a difícil e complexa maridaxe de periodismo e ficción, un matrimonio para algúns imposible e para outros inelutable.

Á tarde dese mesmo día un recital poético-musical deunos a oportunidade de oír na voz dos Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferraguz e Isaac Garabatos) os versos de Díaz Castro, Novoneyra, Álvarez Blázquez, Blanco-Amor, Manuel María e Rosalía de Castro e tamén de escoitar os recitados dos novos valores da nosa lírica representados por Alba Cid, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Mario Regueira e Dores Tembras, entre os que oficiou como experimentado guieiro Román Raña, unha asemblea poética que arrequeceu coas palabras da profesora da Universidade de San Petersburgo Elena Zernova, quen non quixo faltar á cita e deixou para os que alí estaban a regalía de escoitar en ruso “Penélope” dando conta da tradución a este idioma de Nimbos. Do saber facer de todos puiden gozar en primeira liña, pois honreime presentándoos.

recital poetasA primeira xornada da Bienal rematou coa intervención do poeta e ensaísta arxentino Roberto Alifano, quen nos convidou a revistar a “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan” nunha animada conversa co seu presentador, Luís Alonso Girgado, na que repasaron os principais episodios da literatura non só de Borges, senón tamén Julio Cortázar, Adolfo Bioy Casares, Francisco Luís Bernárdez e moitos outros.

O segundo día comezou na sesión matutina coa mesa “25 Anos do PEN Galicia: Novelistas”, na que, moderados por Inma López Silva (tamén ela narradora), participaron Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias, que fixeron un balance dos pros e contras que viviu a prosa galega nos últimos tempos e onde se cuestionou a vitalidade da novela, os camiños do seu futuro e os pasos que nos trouxeron ata aquí.

mesa poetasPola tarde, unha última mesa de “25 Anos do PEN Galicia: Poetas” proporcionounos a ocasión de escoitar a radiografía lírica destes lustros que realizaron o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a poeta e ensaísta María do Cebreiro e mais o poeta e libreiro Modesto Fraga. O tríade, magnificamente conducido polo profesor e crítico Luciano Rodríguez, abordou os avances e desacertos da nosa poesía recente dende ancos ben diversos: a taxonomía xeracional de discurso (meta)teórico de María do Cebreiro, a conxunción da visión do editor de Espiral Maior e creador que achegou Fernán-Vello e a praxe e vivencia como poeta deste tempo de Fraga.

O remate regalounos o amentado encontro con Piñón, Méndez Ferrín e Rivas, broche de ouro desta VI Bienal Literaria en Compostela na que conviviron poetas e narradores, xornalistas e estudosos, galegos por nacenza e por querenza, confrades de letras todos que durante dous días irmandaron o seu camiñar, enchoupándose do espírito PEN para lembrarnos, máis unha vez, que o milagre da vida é a poesía e existir sen a palabra é un vivir demediado. Por iso xuntanzas coma esta son tan necesarias en tempos prosaicos.

a                                    

Mondoñedo sempre é Poesía

En Mondoñedo, que é terra de poetas onde as haxa, a hospitalidade é unha relixión e calquera que nos visite para dicir a súa palabra é benvindo.

Demostrámolo onte ao celebrar a primeira convocatoria de ‘Mondoñedo é Poesía’, unha moi singular xuntanza na que se deron cita unha vintena de creadores que agasallaron cos seus versos as xentes que pola vella cidade norlucense andaban a gozar das Quendas, festas e feiras medievais de tradición secular que onte celebraban así o seu día grande.

‘Mondoñedo é poesía’ foi unha actividade organizada polo Grupo Literario Leiras Pulpeiro que contou coa colaboración da Asociación As San Lucas e o Concello de Mondoñedo. Os responsables da mesma foron o dramaturgo Francisco Piñeiro, o narrador Antonio Reigosa, o músico e xestor cultural Fran Bouso —por máis sinais pregoeiro este ano das festas—, o tamén músico e poeta César Morán, aos que axudei o que puiden.

O evento deu comezo de mañá, cando o alcalde Orlando González deu a benvida aos participantes xunto a outros membros da corporación local no Salón Nobre do Concello, onde tamén lles dedicou unhas palabras de saúdo o noso compañeiro Fran Bouso.

Tras a recepción oficial tivo lugar un xantar de confraternidade na Casa de Penela no que participaron os poetas e organizadores, así como tamén outros acompañantes destes nun número que superaba o medio cento.

A actividade propiamente dita comezou ás seis da tarde co recital ‘Poemas polas rúas’. A vintena de escritores invitados foron deleitando os viandantes coa recitación dos seus poemas en seis lugares diferentes da cidade, que principiaron no cemiterio municipal diante a campa mesma de Leiras Pulpeiro e seguiron pola Praza do Concello, a Praza da Catedral, a Fonte Vella de Álvaro Cunqueiro, O Cristo e mais a Praza Jaime Cabot.

Repartidos en grupos de tres/catro, os poetas propiciaron que os versos se espallaran polas rúas empedradas da vella cidade presentados polos que botamos unha man na organización. Os paseantes das Quendas puideron oír así a Olalla Cociña, Iolanda Aldrei, Alicia Fernández, Dores Tembrás, Marica Campo, María Xosé Lamas, Henrique Rabuñal, Paco Rivas, Isidro Novo, Miro Casabella, Carlos Negro, Xacobe Casal, David Otero, Xaime Oroza, Xoán Xosé Abella, Mario Regueira, José Juan Ferreiro, Toño Núñez, Xabier Cordal, Baldomero Iglesias ‘Mero’ e César Morán.

Tras esta primeira actividade, que contou con numeroso público arremuiñado á escoita da recitación en cada unha das estacións poéticas, a festa da palabra rematou co recital poético-musical ‘Mondoñedo é Poesía’ que se desenvolveu no Auditorio Pascual Veiga da cidade. Alí, ducias de asistentes puideron saborear as composicións recitadas dos vinte poetas, que se viron acompañadas da proxección de vídeos, a música de Miro Casabella e César Morán e mesmo as dramatizacións de Antonio Piñeiro, tendo como condutor do acto ao colega Antonio Reigosa e como coordinador técnico do mesmo ao tamén compañeiro Fran Bouso.

Unha apoteose poética que confirmou que Mondoñedo é á palabra poética o que o solpor aos nosos máis fermosos cantís, unha luz irrenunciable.

Beizóns aos poetas que fixeron posible este ‘Mondoñedo é Poesía’, aos compañeiros e patrocinadores que tanto laboraron para botalo a andar e, sobre todo, ao público que, coa súa presenza e apoio, nos convenceu de que esta lumieira que agora lampexa deberá de seguir alumándonos tan sequera mil primaveras máis.