Por fortuna, nos últimos tempos foron vendo a luz ensaios que moito axudan a comprender mellor momentos decisivos do noso devir socioliterario e político-cultural.
Entre estes valiosos traballos cóntase a recente monografía Narrativa e imaxinario nacional na reconstrución do campo literario de posguerra (1936-1966), un moi documentado e rigoroso estudo do investigador e escritor Mario Regueira que publica Xerais.
Froito da súa tese de doutoramento defendida na USC en xaneiro do 2016, este longo ensaio de preto de catrocentas páxinas analiza en detalle a reconstrución do campo literario galega de posguerra e o papel central que nel xogou a política culturalista da Editorial Galaxia.
Para mellor comprender esta emerxencia sistémica, e os repertorios e imaxinario nacional que proxectou, Regueira describe o contexto literario e editorial dos anos corenta, cincuenta e sesenta, co xurdimento de revistas e selos que foron timidamente dando espazo ás nosas letras e revertendo, aos poucos, o ermo da Guerra Civil. Tamén si, dedica non poucas páxinas ao cometido que desenvolveron nestes anos institucións como a Real Academia Galega, Instituto Padre Sarmiento, Patronato Rosalía de Castro ou o Colexio Fingoy, entre outros.
Capítulo principal desta monografía resérvao Regueira ao estudo do proxecto Galaxia e ao que denomina a “base branda” da súa ancoraxe ideolóxica, evidenciando unha asunción ecléctica de teses de Risco, Spengler, Eliade ou Heiddegger, que acabou por tracexar unha nebulosa filosofía humanística e posmoderna que, para a súa concreción literaria, defendeu como liñas de forza o lirismo e a saudade, o sentimento telúrico da paisaxe, o pulo do fantástico e o imaxinativo e, xaora, o humor, conformado todo nunha atmosfera ahistoricista, esencialista e transcendente de propio cuño.
A parte do león gáñana no libro as que Regueira alcuma como “novas narrativas”, conformadas por aquelas voces que tecen fronte ao proxecto Galaxia unha arañeira ben positiva, ben negativa, ben alternante, dependendo do autor, da obra ou da conxuntura. Nesta liña cómpre situar a escrita de Rodríguez Mourullo, Xohán Casal, Méndez Ferrín, Queizán, Gonsar ou Casares e, xa na Galicia do exilio, as apostas de Seoane, Blanco-Amor e mesmo Eliseo Alonso e Neira Vilas.
O volume remata cun ben disposto capítulo de “Consideracións finais” e unha amplísima bibliografía de case corenta páxinas nas que o investigador especializado poderá atopar cumprida referencia de traballos e análises coas que establecer lecturas de diálogo ou contraste.
Non quero rematar sen recomendar o magnífico prólogo a cargo de Arturo Casas, “Contar e ser: repertorios en xogo nun tempo incerto”, que reforza e complementa o universo de contido analizado por Mario Regueira nunha monografía de necesaria consulta.
[Faro de Vigo, 27-2-2020]