Memoria da Mariña

Galicia é unha e múltiple. Somos unha tribo irisada, con clans millenta que nos complementamos e levamos séculos enriquecéndonos na común convivencia. Unha desas familias ben diferenciadas é a que conforman os norluceses e galegos do occidente asturiano, poboadores da antiga provincia mindoniense e, antes diso, xentes da Britonia de Maeloc, hoxe xunguidos todos baixo o común apelativo de mariñaos.

Desa liñaxe extensa e intensa dá noticia cumprida e rigorosa Martín Fernández Vizoso nos dous volumes que publica baixo o título Memoria de Mariñáns da man do Grupo de Comunicación Galicia en el Mundo. Cento e medio de artigos que o propio autor presenta como “crónicas e semblanzas que recuperan e recordan a vida e obra de centos de emigrantes galegos en América. Unha memoria da Mariña e de Lugo a través de historias persoais, de singularidades”.

Os volumes, que contan cun prólogo de Ramón Pernas, achégannos á peripecia única e, moitas veces, novelesca dunha serie de personaxes nacidos nesta bisbarra que en América se volveron persoeiros de relevo, destacando polos máis diversos e, por veces, peregrinos motivos.

Xentes son estas de Ribadeo, Castropol, Vegadeo, A Pontenova, Trabada, Lourenzá, Barreiros, Foz, O Valadouro, Alfoz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro, Ourol, O Vicedo e, sobre todo, Mondoñedo, en palabras de Pernas “capital galega e sé, cidade serena onde habita todo o silencio do mundo, terra do bispo Alcolea, arcebispo que foi de Compostela e patriarca das Indias, epicentro literario deste longo centenar de crónicas cotiás contadas, narradas dende o lugar onde habita o corazón das homenaxes aos que levaron dende o vello reino cunqueiriano a chuvia das mensaxes de ida e volta entre as dúas beiras da mar”.

Nestes relatos, amenísimos e cheos de curiosidades, Fernández Vizoso vai descubríndonos a vida, obra e milagres do ribadense Agustín María Acevedo, precursor da ciencia ficción española coa súa novela Unha tempada no máis fermoso dos planetas (1870); do tamén fillo de Ribadeo José Alonso Trelles, alias El Viejo Pancho, quen alén de moita literatura gauchesca escribiu delicados tangos que cantou Carlos Gardel; do igualmente ribadense Federico Mediante, autor de ducias e ducias de novelas populares e de peto, moitas delas históricas do xénero policial, que se consumiron ás mancheas na España das primeiras décadas do século pasado. E tamén sabemos da intelectual da Veiga Carmen Osorio, “unha muller que, con cinco anos, daba concertos de piano a catro mans polo mundo co seu medio irmán Pepito Arriola; que tivo un pai da Veiga explorador en África, veu como súa prima Hildegart era asasinada pola súa nai, tocou para Hitler e Goebbels e ensinou música na Persia do Sha”.

Noticia hai tamén nestas crónicas de Juana de Ibarborou, filla dun muiñeiro de Lourenzá, gloria da poesía de América; do focense Francisco Lourido, interesante poeta do Rexurdimento que moito merece recuperarse; da poeta, tamén de Foz, Sara Lorenzana, quen cantou, xa no XIX, a lenda do desembarco normando nesta localidade e o milagre afundidor das súas naves protagonizado por San Gonzalo; da estancia en terras de Alfoz do gran poeta arxentino Francisco Luis Bernárdez, cuñado de Julio Cortázar; do vínculo con esta vila da destacada poeta cubana Rita Geada; do cervense José María Cao Luaces, mestre indiscutible dos caricaturistas españois e hispanoamericanos do seu tempo; e incluso se nos conta a aventura de Agustín Rodríguez Castro, vicedense que escribiu máis de mil obras teatrais e cancións e aínda tivo tempo para provocar dúas mortes seica accidentais.

Capítulo á parte merecen nesta nutrida nómina de heroicos emigrantes os moitos mindonienses que causaron abraio na outra beira do Atlántico. Entre eles, Amador V. González, o inesquecible cronista da Patagonia arxentina e rebelde; Lorenzo Rico, o galeguista animador de Céltiga, cofundador do Centro Galego de Buenos Aires e sogro do poeta Emilio Pita; Óscar F. Mel, médico amigo do Che Guevara e alcalde da Habana; Elisa Lamas, ensaísta, intelectual e unha das figuras clave do feminismo nos tempos da Transición; ou José María Robles Rodríguez, precursor da aviación arxentina nos anos dez do pasado século.

Concordo con Fernández Vizoso na necesidade de recuperar a memoria, de volver ao exemplo dos que antes de nós foron para, con lexítimo orgullo, impulsarnos ilusionadamente no presente: “se non hai lembranza non hai referentes, non podemos saber a quen queremos parecernos nin que ser nin a que aspirar. Por iso é un deber moral manter viva a memoria”.

Sabias palabras de Martín Fernández Vizoso, quen nos ofrece unha obra de grande valor: estes dous volumes de Memoria de Mariñáns que son espello da “memorable lección” dos nosos emigrantes, “unha memoria colectiva a través de singularidades” que recibimos como un regalo impagable dun legado que ha vencer calquera sombra de esquecemento.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-10-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s