Noticia dos Premios Minerva 2013

Un ano máis, o Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela deu a coñecer os relatos e poemas premiados no prestixioso e vedraio Certame Literario Minerva, o máis antigo dos que se convocan en Galicia, pois os seus inicios remóntanse a 1963. [Se clicas aquí poderás descargar un vídeo do evento]

A merecida fama destes premios medrou lustro tras lustro tanto da man dos que foron senlleiros mantedores e xurados destes modernos xogos florais coma dos numerosos escritor@s que foron distinguidos na súa mocidade co galardón.

Pois ben, na tarde do xoves 18, reuniuse nas instalacións do Colexio no barrio do Castiñeiriño un xurado composto por creador@s, docentes e crític@s que se repartiron para as modalidade de poesía e narrativa. Na primeira, figuraron o investigador e crítico Luís Alonso Girgado (en calidade de presidente), o poeta e etnógrafo Calros Solla, a estudosa e ensaísta Isabel Morán Cabanas, o narrador e xornalista Juan Tallón e mais o profesor Xabier Ferreiro Lozano, tod@s el@s como vogais. Da súa parte, para xulgar os textos narrativos compareceron o ensaísta e crítico Manuel Quintáns Suárez, a investigadora infantoxuvenil e crítica Montse Pena Presas, o filósofo e crítico Francisco Martínez Bouzas, a profesora Montserrat Fraguela Fraguela e un servidor, actuando como secretaria a tamén profesora Teresa González da Silva.

Logo dunha longa deliberación na que houbo tempo para apreciar debidamente a alta calidade dos textos presentados (111 en narrativa e 59 en poesía, dos cales foron escolmados para discusión na fase final 34 e 25, respectivamente), os xurados decidiron premiar os seguintes traballos:

Modalidade de narración

1º Premio a Elena López González, de 18 anos, alumna de 2º de BAC do IES Xograr Alfonso Gómez de Sarria, polo relato “Tigres azuis no mar de Andamán”.

2º Premio a Román Pérez Santalla, de 16 anos, alumno de 4º de ESO do Colexio Apóstol Santiago de Vigo, polo conto “Moscova 2093”.

3º Premio a Iria Iglesias Martínez, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do IES Campo de San Alberto de Noia, pola narración titulada “Disturbia”.

1º Accésit a Alba Sofia Naseiro Lamas, de 17 anos, alumna de 1º de BAC do IES Basanta Silva de Vilalba, polo seu traballo “A Ratoeira”.

2º Accésit de novo a Elena López González, polo texto “A Tránsfuga”.

3º Accésit a Javier Rivas Rodríguez, de 16 anos, alumno de 1º de BAC do IES Carballo Calero de Ferrol, polo relato “Habitación 202”.

Modalidade de poesía

1º Premio a Brais Lamela Gómez, de 19 anos, alumno de Bacharelato Internacional en UWC ADRIATIC, pola súa triloxía “Cadernos vermellos”.

2º Premio a Afonso Francisco Traficante Fernández, de 17 anos, que cursa 2º de BAC no IES Antón Fraguas de Santiago, polo poemario “Paxaros de altos voos”.

3º Premio á xa amentada Elena López González, polo tríptico “Tres sombras”.

1º Accésit a Ignacio Delgado Ferreiro, de 17 anos, alumno de 2º de BAC do Colexio Compañía de María da Coruña, pola obra “Entartete Kunst”.

2º Accésit a Marcela Porto Mato, de 16 anos, estudante de 4º de ESO do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, pola triloxía “Ti, a Termomix e a Literatura”.

Tod@s @s gañador@, alén das correspondentes dotacións económicas, serán galardoad@s cun diploma acreditativo e mais unha medalla de prata do certame durante a entrega de premios que terá lugar o vindeiro xoves día 2 de maio, ás 17:10h., no Salón de Actos do Colexio Peleteiro, nunha sesión solemne na que pronunciará unha conferencia maxistral o dramaturgo, director e actor Manuel Lourenzo e que amenizarán os premiados coa lectura dun fragmento das súas creacións, adianto do que será publicado en breve nun volume coeditado polo centro e mais a Editorial Galaxia.