Noticia dos Premios Minerva 2013

Un ano máis, o Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela deu a coñecer os relatos e poemas premiados no prestixioso e vedraio Certame Literario Minerva, o máis antigo dos que se convocan en Galicia, pois os seus inicios remóntanse a 1963. [Se clicas aquí poderás descargar un vídeo do evento]

A merecida fama destes premios medrou lustro tras lustro tanto da man dos que foron senlleiros mantedores e xurados destes modernos xogos florais coma dos numerosos escritor@s que foron distinguidos na súa mocidade co galardón.

Pois ben, na tarde do xoves 18, reuniuse nas instalacións do Colexio no barrio do Castiñeiriño un xurado composto por creador@s, docentes e crític@s que se repartiron para as modalidade de poesía e narrativa. Na primeira, figuraron o investigador e crítico Luís Alonso Girgado (en calidade de presidente), o poeta e etnógrafo Calros Solla, a estudosa e ensaísta Isabel Morán Cabanas, o narrador e xornalista Juan Tallón e mais o profesor Xabier Ferreiro Lozano, tod@s el@s como vogais. Da súa parte, para xulgar os textos narrativos compareceron o ensaísta e crítico Manuel Quintáns Suárez, a investigadora infantoxuvenil e crítica Montse Pena Presas, o filósofo e crítico Francisco Martínez Bouzas, a profesora Montserrat Fraguela Fraguela e un servidor, actuando como secretaria a tamén profesora Teresa González da Silva.

Logo dunha longa deliberación na que houbo tempo para apreciar debidamente a alta calidade dos textos presentados (111 en narrativa e 59 en poesía, dos cales foron escolmados para discusión na fase final 34 e 25, respectivamente), os xurados decidiron premiar os seguintes traballos:

Modalidade de narración

1º Premio a Elena López González, de 18 anos, alumna de 2º de BAC do IES Xograr Alfonso Gómez de Sarria, polo relato “Tigres azuis no mar de Andamán”.

2º Premio a Román Pérez Santalla, de 16 anos, alumno de 4º de ESO do Colexio Apóstol Santiago de Vigo, polo conto “Moscova 2093”.

3º Premio a Iria Iglesias Martínez, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do IES Campo de San Alberto de Noia, pola narración titulada “Disturbia”.

1º Accésit a Alba Sofia Naseiro Lamas, de 17 anos, alumna de 1º de BAC do IES Basanta Silva de Vilalba, polo seu traballo “A Ratoeira”.

2º Accésit de novo a Elena López González, polo texto “A Tránsfuga”.

3º Accésit a Javier Rivas Rodríguez, de 16 anos, alumno de 1º de BAC do IES Carballo Calero de Ferrol, polo relato “Habitación 202”.

Modalidade de poesía

1º Premio a Brais Lamela Gómez, de 19 anos, alumno de Bacharelato Internacional en UWC ADRIATIC, pola súa triloxía “Cadernos vermellos”.

2º Premio a Afonso Francisco Traficante Fernández, de 17 anos, que cursa 2º de BAC no IES Antón Fraguas de Santiago, polo poemario “Paxaros de altos voos”.

3º Premio á xa amentada Elena López González, polo tríptico “Tres sombras”.

1º Accésit a Ignacio Delgado Ferreiro, de 17 anos, alumno de 2º de BAC do Colexio Compañía de María da Coruña, pola obra “Entartete Kunst”.

2º Accésit a Marcela Porto Mato, de 16 anos, estudante de 4º de ESO do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, pola triloxía “Ti, a Termomix e a Literatura”.

Tod@s @s gañador@, alén das correspondentes dotacións económicas, serán galardoad@s cun diploma acreditativo e mais unha medalla de prata do certame durante a entrega de premios que terá lugar o vindeiro xoves día 2 de maio, ás 17:10h., no Salón de Actos do Colexio Peleteiro, nunha sesión solemne na que pronunciará unha conferencia maxistral o dramaturgo, director e actor Manuel Lourenzo e que amenizarán os premiados coa lectura dun fragmento das súas creacións, adianto do que será publicado en breve nun volume coeditado polo centro e mais a Editorial Galaxia.

Manuel Rivas e as novas promocións literarias galegas

Acaba de publicarse Circo de tres pistas, o volume no que se recollen os traballos narrativos e poéticos galardoados nos XXXIX Premios Literarios Minerva, os máis antigos de Galicia e uns dos de maior relevo no que a certames para a nosa mocidade escritora se refire.

Non repetirei agora o que xa deixei exposto noutro momento sobre a importancia e brillantez da traxectoria destes premios convocados polo Colexio Manuel Peleteiro, nos que, como mantedores e/ou gañadores, figuran a práctica totalidade dos grandes nomes da nosa literatura dos últimos cincuenta anos. Indicarei, si, que o último en facelo —xustamente en calidade de mantedor— foi o coñecido narrador, poeta, dramaturgo e ensaísta Manuel Rivas, quen acompañou na cerimonia de entrega o pasado mes de maio a Ismael Ramos Castelo, Helena Salgueiro Golán, Lara Porto Mato, Óscar Riveiro Salgado, María Elena López González, Alba Souto Rodríguez, Antía Monteagudo Alonso e Brais Lamela Gómez, gañadores con textos nos que alternan a poética xeométrica e a lúdica, os versos doridos e os amatorios, a narrativa que chora os seres perdidos coa que coquetea co absurdo internetiano, os relatos de fantásticos unicornios albos e os de imposibles paixóns.

Publicado baixo o selo de Galaxia, este Circo de tres pistas é a mellor demostración de que as novas promocións andan a petar con forza na porta. Será boa cousa ir saudándoas e léndoas, pois nelas xogamos o noso futuro.

Literatura novel

De paxaros e outros minerais é o título co que se publican os poemas e relatos gañadores do XXXVIII Premios Literarios Minerva, concedidos o pasado mes de maio e convocados polo prestixioso Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela.

Cómpre chamar a atención, máis unha vez, sobre a importancia dun certame coma este, dos máis antigos de Galicia (leva celebrándose dende 1963) e, sobre todo, canteira inesgotable de novas promocións literarias, pois nestas últimas décadas foron sendo premiados nos Minerva moitos nomes hoxe ben referenciados no noso panorama editorial: Xosé Antón Neira Cruz, Olga Novo,  María Reimóndez, Samuel Solleiro, Roque Cameselle, Berta Dávila, Lucía Novas, Eva Moreda, Lucía Aldao… e, ben antes deles, Lois Diéguez, Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Anxo Rei Ballesteros, Suso de Toro, Xavier Queipo…

Nesta ocasión, o Minerva distinguiu o verso cultista e surreal de Jesús Castro Yáñez nos textos que dan nome ao volume; as composicións coloquialistas e irónicas de José I. Ramos Castelo na súa “Oda á Cafeína” (quen tamén foi premiado na modalidade de narrativa polo intimista e delicado “O factor humano ou a vida privada dos pronomes”); os poemas metaliterarios de Daniel Martínez Mariño en “Lingua franca” (tamén presente no apartado de narrativa cunha homenaxe kafkiana ben humorada, descritivamente titulada “Transformación”); as poesías do eu asediado e anticursi de Jéssica Amado Dosil en “Tritetricismos de corpo morto”; a escrita pronominalizada e antisistémica de Alfonso F. Traficante Fernández en “Grotesque” ou a musa urbana, paralelística e francófona de Sabela Rodríguez Lorenzo.

Mais tamén se recollen aquí relatos de interese certo como “Talento por encargo”, de Brais Lamela Gómez, sarcástica historia sobre o mundo dos falsarios promotores artísticos; como as “Crónicas do cotián”, de Marta González González, debuxo dun mundo violento cheo de psiques atormentadas; como, en fin, a imposible viaxe de retorno ao cor da infancia que latexa en “Viaxe ao corazón”, de Óscar Rivero Salgado.

Os interesados en saber de nomes que, con certeza, poderán dar que ler entre nós nos próximos anos farían ben en facerse con este De paxaros e outros minerais, editado e distribuído pola Editorial Galaxia, que suma así ao seu catálogo as voces primeiras destes prometedores autores noveis.