Como cada ano por estas datas ve luz o volume compilatorio que recolle os textos en prosa e verso gañadores dos Premios Literarios Minerva que organiza o prestixioso Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela, uns dos máis antigos entre nós e dos máis importantes do circuíto non profesional para discentes novos.
Baixo o título xeral A danza dos xacentes o libro colectivo reúne poemas e relatos dunha ducia de mozas e mozos de Ensino Medio, seis por cada categoría, amosando a vitalidade e bo estado da escrita entre as promocións máis novas, o que asegura o recambio xeracional para as nosas letras.
Antón Blanco Casás, primeiro premio na modalidade de Poesía, trae a memoria do Berlín máis cruel, o teutón de ollos esmagados e cranio fendido polas balas, un pesadelo pérfido enlatado en versos de gume cortante. Paula A. Rey Baliña, segundo premio de Poesía, enluva a poética amatoria, o beizo e a pel que todo o envolven e alentan nun dicir helénico, velaíño. Kai L. Baltrusch Montero, terceiro premio de Poesía, venta as epifanías do cotián, traduce as instantáneas efémeras, toda esa cidade baleira na multitude, o tempo incendiando ao seu paso.
Acompáñanos como accésits poéticos Alexandre Fernández Peón (verso lisboeta, matemática imposible, trallazo da lembranza), María Vilas Pazos (telúrica, indómita, diédrica) e Santiago Alonso Pérez (cidade gris, sol desertor de soños fusilados).
Da súa parte, Ana M. Añel Prieto, primeiro premio de Narración, propón a través de “O segredo” un relato tremendista, de vinganzas e amores dolorosos con dicción monologada. Alba S. Naseiro Lamas, segundo premio de Narración con “Literatura”, metarrelata, ironiza e abisma para repensar o sentido da escrita. Sara Vázquez Mera, terceiro premio de Narración, asina “Xantofila”, historia de maltrato familiar, estigmas que a filla protagonista ve supurar, dor ante o incomprensible.
Completan o sexteto da prosa os accésits “Xadrez” de Icía Rodríguez Arias (coctelizado de influencias, citas e homenaxes mil), “Ninguén vive para sempre pero iso non é motivo para renderse” de Pablo Fernández Álvarez (blues do autobús, balada solitaria de ómnibus) e “Memorias dun morto” de Marina Ruíz Puy (narración dende Thánatos, o Alén cruzando a fronteira de volta, a guerra como escenario).
Aplauso pecho merece o labor do Colexio Manuel Peleteiro na organización dos Premios Literarios Minerva, que, coa publicación deste A danza dos xacentes, alcanza as corenta e dúas edicións, confirmándose como un impagable viveiro para a escrita xuvenil galega, que ten xa a súa vindeira convocatoria en marcha.