Xistral de versos

xistral (II)“Xistral, alto monte, da nosa terra o máis alto, onde as voces innumerables do mar aínda o alcanzan. Dende alí, un feixe de mozos contémplanos… Empuxade, empuxade dende o alto cos vosos ollos abertos ao misterio, a ese pobre barco noso, vello e morto en terra; empuxádeo cara a ese mar co que aínda soña. E que outra vez apareza tras del ese ronsel sobre un mar aparentemente en repouso”.

Con estas palabras de salutación nacía Xistral, a revista lucense que o daquela mozo de sétimo de bacharelato Manuel María Fernández Teixeiro botou a andar coa axuda dun seu amigo: Manuel Antonio Sopena Somoza, alias Pérez Amor, prematuramente malogrado. Corría 1949 e no ermo publicista galego da Posguerra tal aventura xuvenil ía converterse nun fito simbólico.

Xistral foi unha publicación modesta, apenas un feixe de follas impresas a unha tinta, sen máis colorido que as vermellas letras do título, pois tampouco insería ilustración ningunha. Tan só chegaron a saír do prelo dous números: o primeiro, de oito planas; o segundo, dunha ducia. Un, tirado do prelo da Imprenta Palacios; outro, das Gráficas de Gerardo Castro. Nin un nin outro puideron pagalos os seus idealistas promotores e tiveron que acabar custeándoos os familiares, de aí que tivese tan curta vida.

Mais, malia ao exiguo da súa duración, en Xistral viron luz os versos en galego de Luís Pimentel (tan difíciles de atopar na prensa da época), de Álvaro Cunqueiro (quen escribe dende o seu Mondoñedo natal, inmerso entón nunha sorte de exilio interior), de Iglesia Alvariño (tampouco pródigo, precisamente), de Clotilde Paz (unha voz feminina en galego en tempos ben facareños) e, xaora, do propio Manuel María, quen se estreou como poeta tanto no noso idioma coma en castelán.

XistralDoutra banda, Xistral contou con textos de profesorado e amizades do Manuel María daquela hora, como, poño por caso, Carlos Fernández Otero, quen asinou as súas colaboracións como Carlos de Pelegrín e, anos máis tarde, houbo de converterse nun dos máis conspicuos discípulos de Noam Chomsky e figura senlleira do xenerativismo norteamericano co nome de Carlos Peregrín Otero.

A revista Xistral foi tamén o xermolo da futura colección homónima, que a primeiros dos 50 capitanearon Ángel Johan e novamente Manuel María. E hoxe en Lugo publícase dende o ano 2000 unha cabeceira co mesmo nome, en lembranza e homenaxe daquela xeira histórica que abrira en plena longa noite de pedra o escritor de Outeiro de Rei.

Os que queiran achegarse de primeira man a este oasis literario que supuxo Xistral están de en hora boa. O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades vén de publicar unha edición facsimilar da revista baixo o coordinación do profesor Luís Alonso Girgado e Laura Piñeiro Pais. A obra conta, amais, con breves pero informativas notas introdutorias de Claudio Rodríguez Fer e o amentado Alonso Girgado, alén dunhas declaracións verbo da cabeceira que no seu día fixera o autor de Terra Cha.

Foron, pois, premonitorios os versos daquel primeirísimo Manuel María dedicados a Ramón Piñeiro: “Soedá durmida nos currunchos/ que voltarán mañá”. E claro que volve toda aquela melancolía de palabras, de soños e azos xuvenís que xa forma parte da nosa historia literaria recente.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 1-5-2016]

Premios Minerva 2016

banda minerva (II)Un ano máis, o Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela deu a coñecer os relatos e poemas premiados na LXIV convocatoria do prestixioso Certame Literario Minerva, o máis antigo dos que se convocan en Galicia, pois os seus inicios remóntanse a 1963.

A merecida fama destes premios medrou lustro tras lustro tanto da man dos que foron senlleiros mantedores e xurados destes modernos xogos florais coma dos numerosos escritores que foron distinguidos na súa mocidade co galardón.

Pois ben, na tarde do xoves 3 reuniuse nas instalacións do Colexio no Castiñeiriño un xurado composto por creadores, docentes e críticos que se repartiron para as modalidade de poesía e narrativa. Na primeira, figuraron o investigador e crítico Luís Alonso Girgado (en calidade de presidente), o poeta e tradutor Eduard Velasco, a poeta e narradora Diana Varela Puñal, o poeta Luís Valle e mais o profesor e tamén poeta Mon Buhigas, todos eles como vogais. Da súa parte, os encargados de xulgar os textos narrativos foron o ensaísta e crítico Manuel Quintáns Suárez (como presidente), a tradutora e narradora Ánxela Gracián, o ensaísta e investigador Xurxo Martínez González, o profesor Alberto Muñiz Pascual e servidor, actuando como secretaria a tamén profesora Teresa González da Silva.

Logo da deliberación na que houbo tempo para apreciar debidamente a alta calidade dos textos presentados (121 en narrativa e 57 en poesía, dos cales foron escolmados para discusión na fase final 33 e 19, respectivamente), os xurados decidiron premiar os seguintes traballos:

Modalidade de narración

premios minerva (I)1º Premio a Amaia Tomé, de 16 anos, alumna de 1º de BAC do IES Francisco Aguiar de Betanzos, polo relato “Clare e outras illas”.

2º Premio a Cecilia Fidalgo Castromil, de 15 anos, alumna de 4º de ESO do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, polo conto “O expresso a Madrid”.

3º Premio a Iago González García, de 16 anos, alumno de 1º de BAC do IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, pola narración titulada “Non ad vitam aeternam”.

1º Accésit a Alba Pérez Barcala, de 15 anos, alumna de 4º da ESO do IES de Cacheiras, polo seu traballo “Tres ou catro globos máis”.

2º Accésit a Laura Regueiro Romero, alumna de 2º de BAC do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, polo texto “Unha revolución persoal”.

3º Accésit a Ángela Lamas Gómez, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do Colexio Os Sauces de Pontevedra, polo relato “O anden do sen(ti)r”.

Modalidade de poesía

1º Premio ao amentado Iago González García pola súa triloxía “Cosmogonía”.

2º Premio a Inés Outomuro Rodríguez, de 17 anos, que cursa 1º de BAC no IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, polo poemario “Orixe”.

3º Premio a Tamara Fernández Labrada, de 16 anos, estudante de 1º de BAC do IES Terra Chá de Castro de Rei polo seu traballo “Non deixedes que vos miren o móbil”.

1º Accésit a Laura Regueiro Romero, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, pola obra “Antoloxía inmigrante”.

2º Accésit a Nuria Fernández Robledo, de 16 anos, estudante de 1º de BAC do IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, pola triloxía “Migración á orixe”.

3º Accésit a Laura Dauzón Otero, de 17 anos, que cursa 2º de BAC no IES Ribeira do Louro do Porriño, polo seu conxunto “Trátase de poesía”.

banda minerva (I)Todos os gañadores, alén das correspondentes dotacións económicas, serán galardoados cun diploma acreditativo e mais unha medalla de prata do certame durante a entrega de premios, que terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril, ás 17:10h., no Salón de Actos do Colexio Manuel Peleteiro, nunha sesión solemne na que pronunciará unha conferencia maxistral o narrador e ensaísta Xosé Ramón Pena e que amenizarán os premiados coa lectura dun fragmento das súas creacións, adianto do que será publicado en breve nun volume editado polo propio centro.

25 anos de espírito PEN

[Para o amigo Miro Villar,
polo que el e eu sabemos]

anelida piñon, xose luis mendez ferrin, manuel rivas, luis gonzalez tosarA poesía é o gran milagre do mundo, dicía Luís Pimentel. O mundo é un gran poema milagroso, digo eu. A palabra, as palabras son a arxila esencial que une vontades e acompaña os espíritos no fragor dos traballos e dos días.

Foi esa singular comuñón pola verba a que experimentaron os asistentes á VI Bienal Literaria en Compostela o 2 e 3 de outubro na Cidade da Cultura. O Gaiás santiagués deixouse habitar por animais literarios que quixeron celebrar o XXV Aniversario do Centro PEN Galicia, a entidade que organizou o encontro no que participaron poetas, narradores e outros axentes culturais tanto galegos coma foráneos nunha concelebración interxeracional onde as pontes literarias se transitaron amablemente.

elena_zernovaE esa foi a unción pola palabra que fixo que tres astros do firmamento literario como son Nélida Piñón, Xosé Luís Méndez Ferrín e Manuel Rivas compartillasen unha mesa de clausura na que as complicidades revoaban arredor dos relatos orais e onde Piñón fixo boa a súa ascendencia cotobadense recoñecéndolle un papel decisivo na simbólica da súa escrita e Rivas pronunciou un máxico e entrañable discurso de recepción na academia dos afectos á súa amiga carioca. Da súa parte, Méndez Ferrín lembrou como o PEN internacional estivera ao seu carón cando en 1972 botou dous anos na cadea (Penal do Dueso) pola inquina franquista. Un triángulo de tanta altura literaria que, coma un imantador buraco negro da palabra, acabou por mergullarnos a todos os que vivimos o momento nun océano de luz e letras, unha reunión histórica que, quen sabe, talvez non sexa doado que se repita, pois ben poucas veces tres púlsares escintilan por xunto para iluminar a galaxia toda e espaventar tantas sombras da orfandade.

Velaí foi a inesquecible coda. Mais as xornadas comezaran xa o día anterior coa sesión de apertura e os discursos de benvida de Beatriz González Loroño, Directora-Xerente da Fundación Cidade da Cultura, María Ángeles Antón Vilasánchez, Concelleira de Cultura e Patrimonio en Compostela, Luís González Tosar, Presidente do Centro PEN Galicia e mais Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Eles foron os primeiros en poder ver o magnífico traballo videográfico que, para ocasión, creou Xabier Castro Martínez, Director do PEN galego, unha peza na que se leva a cabo unha sintética historia en imaxes do que foi a andaina do noso PEN neste último cuarto de século e que podedes ver ao final deste post.

narradores xornalistasAs sesións propiamente literarias comezaron a última hora da mañá do xoves 2 coa mesa redonda “Narradores xornalistas hoxe”, xuntanza que moderou Xesús Fraga na que interviñeron Camilo Franco, Santiago Jaureguizar, Luís Pousa e Juan Tallón, todos eles, en efecto, xornalistas e narradores, que, con posturas complementarias que abriron un fértil diálogo en contrapunto, debateron sobre a difícil e complexa maridaxe de periodismo e ficción, un matrimonio para algúns imposible e para outros inelutable.

Á tarde dese mesmo día un recital poético-musical deunos a oportunidade de oír na voz dos Xardín Desordenado (Marlene Rodrigues, Santiago Ferraguz e Isaac Garabatos) os versos de Díaz Castro, Novoneyra, Álvarez Blázquez, Blanco-Amor, Manuel María e Rosalía de Castro e tamén de escoitar os recitados dos novos valores da nosa lírica representados por Alba Cid, Berta Dávila, Gonzalo Hermo, Mario Regueira e Dores Tembras, entre os que oficiou como experimentado guieiro Román Raña, unha asemblea poética que arrequeceu coas palabras da profesora da Universidade de San Petersburgo Elena Zernova, quen non quixo faltar á cita e deixou para os que alí estaban a regalía de escoitar en ruso “Penélope” dando conta da tradución a este idioma de Nimbos. Do saber facer de todos puiden gozar en primeira liña, pois honreime presentándoos.

recital poetasA primeira xornada da Bienal rematou coa intervención do poeta e ensaísta arxentino Roberto Alifano, quen nos convidou a revistar a “Borges e o xardín de conversas que se bifurcan” nunha animada conversa co seu presentador, Luís Alonso Girgado, na que repasaron os principais episodios da literatura non só de Borges, senón tamén Julio Cortázar, Adolfo Bioy Casares, Francisco Luís Bernárdez e moitos outros.

O segundo día comezou na sesión matutina coa mesa “25 Anos do PEN Galicia: Novelistas”, na que, moderados por Inma López Silva (tamén ela narradora), participaron Marilar Aleixandre, Alfredo Conde, Víctor F. Freixanes e Bieito Iglesias, que fixeron un balance dos pros e contras que viviu a prosa galega nos últimos tempos e onde se cuestionou a vitalidade da novela, os camiños do seu futuro e os pasos que nos trouxeron ata aquí.

mesa poetasPola tarde, unha última mesa de “25 Anos do PEN Galicia: Poetas” proporcionounos a ocasión de escoitar a radiografía lírica destes lustros que realizaron o poeta e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a poeta e ensaísta María do Cebreiro e mais o poeta e libreiro Modesto Fraga. O tríade, magnificamente conducido polo profesor e crítico Luciano Rodríguez, abordou os avances e desacertos da nosa poesía recente dende ancos ben diversos: a taxonomía xeracional de discurso (meta)teórico de María do Cebreiro, a conxunción da visión do editor de Espiral Maior e creador que achegou Fernán-Vello e a praxe e vivencia como poeta deste tempo de Fraga.

O remate regalounos o amentado encontro con Piñón, Méndez Ferrín e Rivas, broche de ouro desta VI Bienal Literaria en Compostela na que conviviron poetas e narradores, xornalistas e estudosos, galegos por nacenza e por querenza, confrades de letras todos que durante dous días irmandaron o seu camiñar, enchoupándose do espírito PEN para lembrarnos, máis unha vez, que o milagre da vida é a poesía e existir sen a palabra é un vivir demediado. Por iso xuntanzas coma esta son tan necesarias en tempos prosaicos.

a                                    

Entre novelas na terra de García Barros

Once e media da mañá dun dezasete de xullo, día morno de verán. Na porta do Concello da Estrada cinco compañeiros de angueiras lectoras e críticas saúdanse: Inma Otero Varela, Luís Alonso Girgado, Carlos Lema, Carlos Loureiro e servidor. A xornada anúnciase longa, pois son nada menos que trinta e tres as obras que cómpre xulgar para decidir quen ha ser o gañador do XXVI Premio de Novela Manuel García Barros.

As dependencias municipais ven pasar os membros do xurado cangados coas caixas dos orixinais. O destino é unha das salas de reunións, na que, en previsión, hai xa derriba da mesa folios e bolígrafos. Comeza o labor. Quedan aínda por diante dúas horas de intenso diálogo.

As roldas sucesivas axudan a ir filtrando títulos. Cada vez se reduce máis o número dos que gañan o apoio dos responsables da peneira. Finalmente, dúas son as obras que fican encol da ampla mesa rectangular. E principia unha extensa e frutífera conversa derredor delas.

Á fin, logo de analizar os diferentes aspectos definitorios de ambas as dúas, a maioría do xurado decídese por unha das novelas, a presentada baixo o título provisorio de “Sebastian Nell”. O técnico de Normalización, Enrique Vázquez, vai na procura da plica correspondente, avisando o alcalde José C. López Campos e aos colegas dos medios que vai empezar a rolda de prensa na que se comunicará o gañador.

O alcalde toma a palabra. Saúda os presentes e congratúlase da celebración dunha nova convocatoria dun premio de ben longa traxectoria que, como demostra a alta participación deste ano, goza dunha inmellorable saúde. Lembra o apoio incondicional que presta ao galardón a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a casa editora, Galaxia, representada no membro do xurado Carlos Lema, e, a seguir, procede á apertura da plica. Desvélase o misterio: o nome do afortunado é o de Alberto Ramos (Compostela, 1986), xornalista e narrador, recoñecido xa con diversos outros premios nos últimos anos, entre eles o Premio Biblos 2006 por Dor pantasma, o Certame de Novela por entregas de La Voz de Galicia 2009 por Acuse de recibo ou o Premio Vicente Risco de Creación Literaria no 2012 por Todos os días. O alcalde revela tamén outro dato de interese: o título final da novela será o de Máscaras rotas para Sebastian Nell.

Lema, en representación do xurado e da editora e a petición do alcalde, pronuncia unhas palabras para parabenizar o premiado, amosar a súa satisfacción pola vitalidade do certame e o apoio do Concello e mais da Secretaría Xeral e, tras apuntar brevemente algúns dos principais trazos que caracterizan a obra, anuncia que esta verá luz ao longo do mes de novembro próximo e que será presentada nun acto que terá lugar no Teatro Principal da Estrada nunha data a concretar dos primeiros de Nadal.

Complementado o exposto por Lema, interveñen logo algúns outros membros do xurado, como Otero Varela. Estes engaden información valiosa para os xornalistas, que fatigan os roller e cámaras por igual.

Máscaras rotas para Sebastian Nell é unha novela complexa e vizosa, chea de estratos de lectura, estruturalmente moi elaborada e cun perfilado do personaxe principal admirable. Un actor nos seus derradeiros días de vida, afectado por un alzheimer que avanza imparable, decide conceder unha moi longa entrevista a unha periodista de The Guardian para contarlle a súa versión do pasado. Recalcitrante, soberbio e iracundo, Sebastian Nell relata nesta sorte de confesión-interview todo un avolto mundo de miserias, competencias profesionais e envexas, de episodios de dubidosa moralidade e, sobre todo, deixa entrever as bambalinas máis escuras dun mundo, o do teatro e o espectáculo británicos, dun glamour aparente, que esconde tras de si non pouca iniquidade humana e tamén algunhas grandezas.

Como pano de fondo, a sociedade inglesa da segunda metade do pasado século, o papel do xornalismo nos nosos tempos e tamén o mundo editorial, pois na propia trama anúnciase por parte da periodista un libro froito da entrevista que levará como título, xustamente, o da novela premiada, excelente reflexión sobre o papel do individuo e o artista fronte á sociedade que o rodea, condiciona e limita.

gb2014Un, que xa é veterano nestas lides, vólvese satisfeito á casa sabendo que un título de mérito ha poder ver a luz mercé a un galardón como este e fica á espera de que outras obras presentadas a concurso, tamén de valor, teñan igualmente a súa oportunidade. Só así gañará a Literatura, que é tanto como dicir que gañaremos todos os que acompañamos os días coa verba.

Os rostros de Cunqueiro

Sempre ha ser unha boa nova ver compilada a obra dun autor de referencia, poder saborear a lectura de textos que antes ficaban espallados pola prensa periódica, inaccesibles ao público xeral, ocultos para alérxicos ás sabas de po dos baleirados hemerográficos. Se, amais, o escritor do que se reúnen os textos é Álvaro Cunqueiro, non cabe dúbida de que a recompilación será de interese certo, pois non hai escrito do mindoniense que non garde o seu selo e revele o fulgor imantador da grande literatura.

Neste último par de anos, a librería-editorial Follas Novas, da man do crítico e investigador Luís Alonso Girgado, leva recuperado valiosos volumes do autor mindoniense, entre os que se salientan textos poéticos como as súas Elegías y canciones (que non foran reeditadas dende 1940), a compilación Los días’ en ‘La Noche’ (onde se puñan por xunto as colaboracións xornalísticas que entre 1959 e 1962 publicou o escritor na crucial cabeceira santiaguesa) e a miscelánea Prólogos, epílogos y otros escritos diversos (integrada por limiares, colofóns, ensaios en volumes colectivos e aínda algunhas outras páxinas de circunstancias).

Aos anteriores súmase agora ‘Los otros rostros’ (1975-1981) en ‘Sábado Gráfico’ (Madrid, 1956-1983), nova colectánea na que, como o descritivo título indica, figuran arremuiñadas todas as contribucións de Cunqueiro á célebre revista ao longo de case trinta anos. Son nada menos que douscentos oitenta textos (douscentos setenta e un publicados semanalmente na serie “Los otros rostros” entre 1975 e 1981 e nove aparecidos fóra dela entre 1964 e 1972) que compoñen un volume de máis de setecentas cincuenta páxinas. Todo un esforzo editor que cómpre agradecer ao selo santiagués.

O libro tivo como editor ao amentado Alonso Girgado, quen se viu axudado en labores técnicas por Lorena Domínguez Mallo e mais Anastasio Iglesias Blanco. El é tamén o responsable de dous dos capítulos introdutorios previos á reprodución dos textos: un xeral no que traza unha caracterización panorámica da revista que os acolle e outro centrado nas colaboracións de Cunqueiro neste medio, ambos altamente documentados e rigorosos.

Mais esta edición conta tamén con outros paratextos de mérito, como as palabras liminares do fillo do autor, o tamén escritor César Cunqueiro González-Seco, quen en “El texto oceánico de Álvaro Cunqueiro” reflexiona con gran lucidez sobre o que el denomina ‘tempo paradisíaco’ (unha sorte de non-tempo ou decorado atemporal ao que poden adscribirse todos os escritos de seu pai) e a xenuína ‘metafísica do instante’ que explica a epifanía que agocha cada artigo do xenial mindoniense.

Non menos salientables son os outros dous proemios ao volume e mais o ultílogo, debidos, respectivamente, a Eugenio Suárez (quen fora no seu día director da publicación), o estudoso José Antonio López Silva (especialista na xornalística cunqueiriana) e Luís Cochón (autor dun creativo postludio a propósito da imaxinativa literatura do de Mondoñedo). Todos tres contribúen a explicar a brillante achega de Cunqueiro en Sábado Gráfico, ao tempo que fornecen de moitos outros datos non menos precisos para ben comprender esta incomparable escrita.

Se o lector quere saber da topografía das sirenas, a mecánica vacúa, de Barba Azul e os partos múltiples, a ciencia funambúlica, os batallóns de meigas, os correos fantasmas e os corvos parlantes, a espionaxe e as xastrerías secretas, as conversas entre lobos e carballos, o Gólem e os Papás cátaros, o canto do cuco e os seus días, dos monos faladores, os sucesores de Nostradamus, o tangueiro e o estafermo de Foligno, o vendedor de ósos de luz, os fabricantes de nubes, a palinxenesia, os devotos da cornamusa, os aluados e os centauros, os unicornios e os paseos de Satán por Normandía, a lagosta, o capón e a lamprea, as voadoras de San Silvestre e as infantas misteriosas, en fin, do ‘arcipreste máis arciprestante de toda a arciprestería” e mesmo de con quen está Deus, non o dubide: o seu libro é este ‘Los otros rostros’ (1975-1981) en ‘Sábado Gráfico’ (Madrid, 1956-1983), arca de tesouros verbais na que se garda, intacto, o fino pano sedán da prosa mellor do mestre Cunqueiro.

 [Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 4-8-2013]