A Compostela das cantigas

antoloxia medieval santiagoA nosa lírica tivo, dende as orixes, unha vocación internacional irrenunciable. Os trobadores do antigo Reino de Galicia crearon as súas cantigas axudados por colegas doutros reinos que, fascinados pola perfección estética dos nosos poemas musicados, non quixeron deixar de compor naquela lingua común aos de aquén e alén o Miño, que era vehículo de expresión da máis refinada literatura europea da altura.

Pois ben, se un lugar funcionou como sancta sanctorum da produción desta escrita ese foi, con certeza, Compostela, non só por residir alí a corte do monarca e a sede do arcebispo (e, por tanto, todas as forzas vivas socioculturais que ambos os poderes arremuiñaban derredor), senón tamén por ser a meta das peregrinacións millenta que, principalmente polo Camiño Francés, traían ata a cidade os viaxeiros ávidos de traspasar o soarego do Pórtico da Gloria e saudar o Fillo do Trono.

Aquelas intemporais cantigas seguen hoxe, coma sempre, admirando o mundo orbe. Dá fe do que digo a recente publicación de O caminho poético de Santiago, a escolma de lírica galego-portuguesa que Yara Frateschi Vieira (profesora da Universidade Estadual de Campinas) e mais María Isabel Morán Cabanas e José Antonio Souto Cabo (docentes da Universidade de Santiago) publicaron baixo o prestixioso selo Cosac Naify en Sao Paulo, Brasil.

Ideada como unha antoloxía de divulgación para o lectorado culto e curioso, este O caminho poético de Santiago constitúe un acabado exemplo de como unha obra pode ser a un tempo de amena lectura para un público xeral e non necesariamente especializado sen renunciar ao máximo rigor científico. Frateschi Vieira, Morán Cabanas e Souto Cabo conseguen facer fácil o difícil e, sen sacrificar nin ao máis mínimo detalle canto ás últimas investigacións e pescudas trobadorescas, son quen de transmitir con acuidade e impecable pulso narrativo todo este complexo e cativador universo.

Os tres editores da obraAntelogado por un moi útil ensaio contextualizador, o conxunto dos cincuenta e cinco textos asinados polos vinte e nove trobadores que aquí se reúne ten como nexo común Compostela, ben por ser esta a cidade de procedencia, residencia ou destino dos autores das cantigas, ben por aparecer a localidade (ou os seus arredores) amentada nelas, ben por estaren vencellados os compositores coa vella capital ou con familias nobres e/ou rexias desta e mesmo co Camiño de Santiago como vieiro de converxencia.

O resultado é unha crestomatía na que non faltan as voces maiores de Afonso Eanes do Cotom, Airas Nunes, Bernal de Bonaval, Fernando Esquio, Joao Airas de Santiago, Nuno Fernandes Torneol, Pai Gomes Charinho, Pero Meogo, Dom Afonso X ou Dom Dinis, entre outros, que ven como tras das cantigas que se lles escolman os editores dispoñen un breve artigo explicativo que ilumina o sentido do texto ou textos antologados, pezas esexéticas que creo que, con xustiza, poden considerarse entre o melloriño da divulgación informada neste xénero.

O libro complétase cun glosario de voces que explican determinados termos do vello galego-portugués talvez máis opacas a un lector actual da área galego-lusófona; un mapa de Santiago coa localización dos lugares citados nas cantigas; un índice de topónimos referidos nestas; unha mostra de imaxes dos Cancioneiros medievais e unha moi actualizada e escolleita bibliografía final, amais dunha sucinta nota bioprofesional dos editores.

Nas mellores librerías de referencia galegas e tamén na web editorial (professor@cosacnaify.com.br) han poder facerse os interesados con este valioso O caminho poético de Santiago, editado con gusto e primor no material, testemuño probado de que a nosa voz, por onde quer, resoa.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 19-4-2015]

Noticia dos Premios Minerva 2013

Un ano máis, o Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela deu a coñecer os relatos e poemas premiados no prestixioso e vedraio Certame Literario Minerva, o máis antigo dos que se convocan en Galicia, pois os seus inicios remóntanse a 1963. [Se clicas aquí poderás descargar un vídeo do evento]

A merecida fama destes premios medrou lustro tras lustro tanto da man dos que foron senlleiros mantedores e xurados destes modernos xogos florais coma dos numerosos escritor@s que foron distinguidos na súa mocidade co galardón.

Pois ben, na tarde do xoves 18, reuniuse nas instalacións do Colexio no barrio do Castiñeiriño un xurado composto por creador@s, docentes e crític@s que se repartiron para as modalidade de poesía e narrativa. Na primeira, figuraron o investigador e crítico Luís Alonso Girgado (en calidade de presidente), o poeta e etnógrafo Calros Solla, a estudosa e ensaísta Isabel Morán Cabanas, o narrador e xornalista Juan Tallón e mais o profesor Xabier Ferreiro Lozano, tod@s el@s como vogais. Da súa parte, para xulgar os textos narrativos compareceron o ensaísta e crítico Manuel Quintáns Suárez, a investigadora infantoxuvenil e crítica Montse Pena Presas, o filósofo e crítico Francisco Martínez Bouzas, a profesora Montserrat Fraguela Fraguela e un servidor, actuando como secretaria a tamén profesora Teresa González da Silva.

Logo dunha longa deliberación na que houbo tempo para apreciar debidamente a alta calidade dos textos presentados (111 en narrativa e 59 en poesía, dos cales foron escolmados para discusión na fase final 34 e 25, respectivamente), os xurados decidiron premiar os seguintes traballos:

Modalidade de narración

1º Premio a Elena López González, de 18 anos, alumna de 2º de BAC do IES Xograr Alfonso Gómez de Sarria, polo relato “Tigres azuis no mar de Andamán”.

2º Premio a Román Pérez Santalla, de 16 anos, alumno de 4º de ESO do Colexio Apóstol Santiago de Vigo, polo conto “Moscova 2093”.

3º Premio a Iria Iglesias Martínez, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do IES Campo de San Alberto de Noia, pola narración titulada “Disturbia”.

1º Accésit a Alba Sofia Naseiro Lamas, de 17 anos, alumna de 1º de BAC do IES Basanta Silva de Vilalba, polo seu traballo “A Ratoeira”.

2º Accésit de novo a Elena López González, polo texto “A Tránsfuga”.

3º Accésit a Javier Rivas Rodríguez, de 16 anos, alumno de 1º de BAC do IES Carballo Calero de Ferrol, polo relato “Habitación 202”.

Modalidade de poesía

1º Premio a Brais Lamela Gómez, de 19 anos, alumno de Bacharelato Internacional en UWC ADRIATIC, pola súa triloxía “Cadernos vermellos”.

2º Premio a Afonso Francisco Traficante Fernández, de 17 anos, que cursa 2º de BAC no IES Antón Fraguas de Santiago, polo poemario “Paxaros de altos voos”.

3º Premio á xa amentada Elena López González, polo tríptico “Tres sombras”.

1º Accésit a Ignacio Delgado Ferreiro, de 17 anos, alumno de 2º de BAC do Colexio Compañía de María da Coruña, pola obra “Entartete Kunst”.

2º Accésit a Marcela Porto Mato, de 16 anos, estudante de 4º de ESO do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, pola triloxía “Ti, a Termomix e a Literatura”.

Tod@s @s gañador@, alén das correspondentes dotacións económicas, serán galardoad@s cun diploma acreditativo e mais unha medalla de prata do certame durante a entrega de premios que terá lugar o vindeiro xoves día 2 de maio, ás 17:10h., no Salón de Actos do Colexio Peleteiro, nunha sesión solemne na que pronunciará unha conferencia maxistral o dramaturgo, director e actor Manuel Lourenzo e que amenizarán os premiados coa lectura dun fragmento das súas creacións, adianto do que será publicado en breve nun volume coeditado polo centro e mais a Editorial Galaxia.

Roteiro trobadoresco compostelán

Yara Frateschi Vieira, Isabel Morán Cabanas e José Antonio Souto Cabo publicaron recentemente O amor que eu levei de Santiago, fermoso título tirado dunha cantiga de Fernando Esquío que agocha un magnífico ‘Roteiro da lírica medieval galego-portuguesa’ editado por Toxosoutos.

Xenuína guía literaria de Compostela e arredores, nas súas páxinas un pode moi ben ir (re)descubrindo a vella capital axudado polas alusións que á mesma os nosos trobadores deixaron nos seus versos ou por ser algúns deles creadores vinculados á cidade.

Rigor na edición dos textos mais aliviado de rémoras ecdóticas, fondo saber nas fichas explicativas e biográficas —que engaden valiosísimos datos, aínda inéditos, pertencentes a investigacións en curso dos autores— e acaído acompañamento fotográfico de lugares e motivos son os principais acertos deste volume, ao que tan só lle prestaría en vindeiras edicións —que agardamos prontas— algún tipo de mapa orientador e a restitución de esquecementos bibliográficos.

O amor que eu levei de Santiago: fantástico guieiro literario co que ollar, aglaiados, a cidade das cantigas.

[Co título “Amores de antano e sempre”, publicado no xornal Faro de Vigo, 14-6-2012]