Nun novo ‘Amencer’

A revista Amencer, fiel ao seu espírito de descubrir valores literarios esquencidos ou agochados, recupera nun seu recente número —que pode lerse aquí—a obra poética de Amador Ramón Fernández Mejeras (Ribadeo, 1931-1971), autor da tradición secular dos Escritores do Occidente de Asturias (os mesmos que Carballo Calero denominaba “Da dereita do Eo”), entre os que salienta como cultivador do verso na variante do galego oriental.

Creador formado nas aulas do Seminario de Santa Catarina que recupera agora a súa figura, Fernández Mejeras non chegou a publicar en vida ningún poemario, polo que a súa produción fica espallada en revistas e xornais da época, principalmente de carácter local, o que explica o descoñecemento e, polo mesmo, a desatención crítica da escrita deste autor.

O equipo de redacción de Amencer escolma nesta entrega sete poemas en galego e outros tres en castelán de Fernández Mejeras. Os primeiros apareceron, maioritariamente, no periódico Las Riberas del Eo nos primeiros anos 40. Os segundos tomáronse do libro inédito Poemas nupciales, un sonetario de máis de medio cento de composicións que foi escrito na década dos 50.

Para completar esta recuperación, o número de Amencer conta cunha semblanza do ribadense asinada por Félix Villares (“Os novos escritores: Amador Ramón Fernández Mejeras”), unha longa entrevista ao escritor Xoán Babarro —estudoso da literatura destes autores galego-asturianos— e mais un artigo da súa autoría titulado “Arredor da vocación literaria de Mejeras”, no que tamén se recupera outro soneto de Preguerra publicado, igualmente, en Las Riberas del Eo.

Máis unha vez, cómpre congratularse pola aparición de Amencer, a quen tantas páxinas exhumatorias debemos nos seus máis de trinta anos de vida, e que, novamente, volve confirmar o interese do seu seguimento coa publicación desta valiosa entrega.

Amencida estival

Co remate do curso académico saíu do prelo un novo número da revista mindoniense Amencer —visible aquí— que chega con este aos 218 publicados dende que comezara a súa andaina hai xa máis de vinte anos.

Como en tantas outras entregas, a publicación do alumnado de Santa Catarina deu cabida neste número a textos diversos sobre informacións locais, recolleitas de literatura de tradición oral da zona e outras de carácter máis propiamente escolar, pero enriqueceu complementariamente as súas páxinas con outro tipo de escritos solicitados ou obtidos grazas ao concurso de colaboradores externos. É o caso da escolma de textos poéticos en galego do sacerdote Benjamín González Quelle, actual cronista da vila de Burela, ou do texto “Un milagre” asinado pola escritora Marina Mayoral, prosa breve coa que a coñecida profesora mindoniense residente en Madrid quixo felicitar a recente conmemoración do vixésimo aniversario da revista.

Vaian dende aquí os nosos parabéns a todo o alumnado e profesorado responsable de Amencer, que número tras número arrequecen a tradición literaria da vella cidade episcopal e ofrecen ao lectorado valiosas achegas sobre o pasado e o presente da escrita de noso.

Inéditos en ‘Amencer’

Por sorte, amontóaselles o choio aos editores da poesía galega non compilada de Álvaro Cunqueiro, autor de quen o novo número de Amencer exhuma cinco poemas inéditos de tema natalicio. Dous deles figuran mecanoscritos (un con correccións de puño do propio escritor), outros dous foron repentizados memoristicamente pola destinataria destes textos —Remedios Ledo Vizoso, filla do célebre músico barbeiro e mecenas Manuel Ledo Bermúndez O Pallarego— e outro é reproducido en manuscrito.

Alén deste excepcional material poético cunqueiriano, esta entrega de Amencer (que pode consultarse integramente aquí) conta tamén con importantes recuperacións de textos da nosa tradición literaria oral e unha compilación sobre “O Nadal e os nosos escritores” na que se inseriron algúns textos, tamén inéditos, de Amador Montenegro.

Por tanto, un novo contributo de Amencer que, na liña adoita, amosa ás claras que o labor escolar, ben dirixido, pode traer á luz textos de valor inestimable.

Un ‘Amencer’ para Nicomedes Pastor Díaz Corvelle

Os rapaces do Seminario Menor de Santa Catarina, na miña cidade natal, acaban de tirar do prelo un novo número da revista Amencer que, non me canso de lembralo, non é unha revista escolar calquera, senón unha singular publicación onde ao longo dos seus preto de trinta anos de vida se teñen publicado inéditos de escritores como Cunqueiro, Díaz Castro, Crecente Vega, Díaz Jácome e moitos outros.

Este novo número de Amencer, que podedes descargar de balde na Rede, fai o douscentos catorce e está dedicado á figura do viveirense Nicomedes Pastor Díaz Corvelle con motivo do bicentenario do seu nacemento.

Non me deterei agora en glosar os moitos méritos que para as letras de noso atesoura a figura de Díaz Corvelle, pois xa o fixen nun post anterior. Interésame máis salientar como estes mozos mindonienses souberon ofrecer unha merecida homenaxe á memoria do persoeiro, reproducindo, integramente, a súa Egloga de Belmiro e Benigno e mais A Alborada, e incorporando tamén unha moi longa e interesante entrevista ao que, hoxe por hoxe, é o máximo especialista na biobibliografía do escritor: o historiador e cronista oficial de Viveiro Carlos Nuevo Cal.

O exemplo dado polo alumnado de Amencer debería sacar as cores a moitas institucións con ben máis posibles, que deixaron ir este bicentenario sen un triste aceno de rememoranza. Agardemos polo pulo do sangue novo, que do asentado nas cadeironas do Poder nada se pode esperar para o noso futuro.