Amencer de Noriega Varela

Amencer, 241O vindeiro dezasete de outubro cumprirase o sesquicentenario do nacemento do poeta mindoniense Antonio Noriega Varela (1869-1947), clásico indiscutible das nosas letras e voz senlleira na escrita dos comezos do pasado século.

Conscientes da importancia desta efeméride, os responsables da revista Amencer que publica o Real Seminario de Santa Catarina en Mondoñedo prepararon un número especial dedicado á conmemoración, na que colaboran estudosos da súa vida e obra e tamén algún familiar. A revista, unha referencia senlleira na longuísima historia da prensa mindoniense, pode descargarse de balde neste enlace: http://www.mondonedoferrol.org/cms/media/pdfs/282.pdf

Alén do editorial informativo “A xeito de cancela” asinado por Félix Villares Mouteira, fundador e coordinador histórico da publicación, esta entrega de Amencer, que alcanza o número 241 nunha existencia que vai camiño das catro décadas, conta cun traballo de José López Fernández, máis coñecido como Pepe de Noriega, a propósito de “A árbore xenealóxica da familia Noriega”. Esta moi completa achega lévanos a seis xeracións atrás na vida dos devanceiros do escritor descubríndonos os nomes de Toribio Fernández de Noriega e Ángela Lozano como os primeiros antepasados seus dos que se ten noticia, unha parella que viviu na segunda metade do século XVII en Espinama, pequena localidade situada aos pés dos Picos de Europa na bisbarra cántabra de Liébana.

Non menos interesante é o artigo verbo de “A relixiosidade de Noriega Varela” disposto polo ensaísta e poeta Manuel Regal Ledo, especialista na escrita sobre temática relixiosa e transcendente, quen leva a cabo aquí un completo repaso a esta presenza na escrita do de Mondoñedo, concluíndo que “a linguaxe relixiosa, en termos, frases feitas, temáticas, referencias, cruza toda a obra de Noriega”.

O autor de Do ermo foi mindoniense de nación e de corazón, mais botou parte da súa vida fóra da súa cidade natal por mor da súa profesión de mestre. Así, tras pasar polas escolas unitarias de Fondós (Foz), Calvos de Randín (Ourense), Amoeiro-Trasalba (Ourense) e A Graña de Vilarente (Abadín), foi destinado á escola de Santa María de Chavín en Viveiro en agosto de 1931. Nesta vila ficou xa para sempre, abandonándoa só en estancias breves, e foi tamén en Viveiro onde feneceu o 27 de marzo de 1947, sendo soterrado no cemiterio de Altamira, ás faldras do monte San Roque, ollando o mar Cantábrico. Dos seus días viveirenses, do que naquelas paisaxes da beiramar escribiu e do moito que alí viviu ocúpase o artigo “Estancia e morte de Antón Noriega Varela en Viveiro”, traballo rigoroso e moi ben informado co que Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, participa no especial.

Moito interese ten tamén para os investigadores literarios o artigo do historiador Xosé Antón Pombo Mosquera titulado “Antonio Noriega Varela. Versos recuperados”. Nel recupera cinco composicións do autor que ficaran no esquecemento e que rescata da cabeceira El Eco de Vilallba. Publicadas entre 1908 e 1911 son poemas de ocasión e temática varia que, tal como sinala, recuncan no “lirismo da natureza e asuntos costumistas” tan propios de certa musa do mindoniense.

Este especial noriegano de Amencer remata con dous valiosos apuntamentos: “Tibi terra levissit”, evocación de Carlos Adrán Goás sobre a memoria do poeta e o seu lugar de soterramento, e mais “Distinción e homenaxe a Noriega Varela”, recordatorio da xornada de novembro de 1943 na que o Ministerio de Educación lle concedeu ao poeta a Cruz da Orde de Alfonso X o Sabio, texto outra volta asinado por Félix Villares Mouteira.

A poesía de Antonio Noriega Varela é un dos cumes da lírica galega de todo tempo. Volver a ela non só é un deber para todos os que queiran saber máis e mellor do noso pasado literario, senón un gozo para aquelas persoas que desexen acompañarse da mellor lírica que se deu na nosa lingua. Por iso a celebración deste cento cincuenta aniversario é unha ocasión inmellorable para regresar á súa escrita e as páxinas deste número de Amencer o mellor guieiro para internarse no seu vizoso e inesgotable mundo creativo.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 29-9-2019]

Un novo ‘Amencer’ para Díaz Castro

Teño escrito algunha vez que Amencer non é unha revista escolar calquera. Non o pode ser unha cabeceira na que apareceron publicados inéditos de Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome ou Xosé Crecente Vega, na que participaron como articulistas dende Francisco Fernández del Riego ata Marina Mayoral e que supera, con xenerosidade, os douscentos números e os trinta anos de vida.

Mais hoxe é un día sinalado para Amencer. Éo porque ás oito da tarde, no Seminario de Santa Catarina que a viu nacer, presentarase o número 225 da revista, un especial dedicado integramente á figura de Xosé María Díaz Castro, quen fora alumno desta institución entre 1929 e 1936 e aínda uns meses do curso 1939-1940.

Ten unha relevancia singular o feito, pois foi en Amencer (tamén en Dorna e Xermolos) onde o poeta guitiricense recuperou a súa voz pública logo da moi longa afonía que dende a aparición de Nimbos en 1961 lle sobreviñera.

En Amencer foi onde o escritor deu a coñecer por vez primeira os poemas “Canto de outono” e “Terra Cha”, dedicados ao seu amigo Manuel María. Viron luz no número 25, de febreiro de 1985, e son, como digo, algún dos poucos textos do autor posteriores a Nimbos.

A maior abondamento, foi Amencer quen, a través dunha copia apógrafa dun seu compañeiro de aulas no seminario, recuperou varias composicións ata daquela inéditas do poemario Follas verdes (1934), concretamente as tituladas “Noite de inverno”, “O fillo de Xan Pirico”, “A balada da madrugueira”, “Inconsecuencias” e “O meu caudal”, que apareceron no número 144 de novembro de 1997.

Por tanto, non é nin peregrino nin casual que sexa, precisamente, Amencer quen agora dedique un monográfico ao poeta. Nel, amais dunha ampla antoloxía de versos pouco coñecidos —todos eles escolleitos fóra de Nimbos—, inclúense unha longa entrevista con Alfonso Blanco Torrado (un dos mellores coñecedores da biobibliografía diazcastriana) e artigos de Enrique Cal Pardo (seminarista tamén nos tempos de Díaz Castro), Xulio Xiz (o seu biodocumentalista en vida), un traballo de Xosé Manuel Carballo e un poema dedicado de Xosé Otero Canto, aos que amecín un estudo sobre os anos mindonienses do autor.

O conxunto, por tanto, supón un novo asedio á peripecia vital e literaria do escritor, que se complementa con diversas instantáneas súas, moitas delas ben pouco coñecidas.

Todo este labor foi coordinado por quen é, dende hai décadas, o espírito da revista, Félix Villares Mouteira, tamén el diazcastriano de vello, responsable nesta ocasión de todos os peritextos e da escolma do número, unha publicación que moito paga a pena consultar a aqueles interesados en Xosé María Díaz Castro e que, por xentileza do bispado de Mondoñedo-Ferrol, podedes descargar de balde aquí.

Nun novo ‘Amencer’

A revista Amencer, fiel ao seu espírito de descubrir valores literarios esquencidos ou agochados, recupera nun seu recente número —que pode lerse aquí—a obra poética de Amador Ramón Fernández Mejeras (Ribadeo, 1931-1971), autor da tradición secular dos Escritores do Occidente de Asturias (os mesmos que Carballo Calero denominaba “Da dereita do Eo”), entre os que salienta como cultivador do verso na variante do galego oriental.

Creador formado nas aulas do Seminario de Santa Catarina que recupera agora a súa figura, Fernández Mejeras non chegou a publicar en vida ningún poemario, polo que a súa produción fica espallada en revistas e xornais da época, principalmente de carácter local, o que explica o descoñecemento e, polo mesmo, a desatención crítica da escrita deste autor.

O equipo de redacción de Amencer escolma nesta entrega sete poemas en galego e outros tres en castelán de Fernández Mejeras. Os primeiros apareceron, maioritariamente, no periódico Las Riberas del Eo nos primeiros anos 40. Os segundos tomáronse do libro inédito Poemas nupciales, un sonetario de máis de medio cento de composicións que foi escrito na década dos 50.

Para completar esta recuperación, o número de Amencer conta cunha semblanza do ribadense asinada por Félix Villares (“Os novos escritores: Amador Ramón Fernández Mejeras”), unha longa entrevista ao escritor Xoán Babarro —estudoso da literatura destes autores galego-asturianos— e mais un artigo da súa autoría titulado “Arredor da vocación literaria de Mejeras”, no que tamén se recupera outro soneto de Preguerra publicado, igualmente, en Las Riberas del Eo.

Máis unha vez, cómpre congratularse pola aparición de Amencer, a quen tantas páxinas exhumatorias debemos nos seus máis de trinta anos de vida, e que, novamente, volve confirmar o interese do seu seguimento coa publicación desta valiosa entrega.

Amencida estival

Co remate do curso académico saíu do prelo un novo número da revista mindoniense Amencer —visible aquí— que chega con este aos 218 publicados dende que comezara a súa andaina hai xa máis de vinte anos.

Como en tantas outras entregas, a publicación do alumnado de Santa Catarina deu cabida neste número a textos diversos sobre informacións locais, recolleitas de literatura de tradición oral da zona e outras de carácter máis propiamente escolar, pero enriqueceu complementariamente as súas páxinas con outro tipo de escritos solicitados ou obtidos grazas ao concurso de colaboradores externos. É o caso da escolma de textos poéticos en galego do sacerdote Benjamín González Quelle, actual cronista da vila de Burela, ou do texto “Un milagre” asinado pola escritora Marina Mayoral, prosa breve coa que a coñecida profesora mindoniense residente en Madrid quixo felicitar a recente conmemoración do vixésimo aniversario da revista.

Vaian dende aquí os nosos parabéns a todo o alumnado e profesorado responsable de Amencer, que número tras número arrequecen a tradición literaria da vella cidade episcopal e ofrecen ao lectorado valiosas achegas sobre o pasado e o presente da escrita de noso.

No trixésimo aniversario de ‘Amencer’

A revista Amencer que elaboran os rapaces do Seminario Santa Catarina do meu Mondoñedo natal cumpre trinta anos de vida. E non son poucos. Máxime nunha publicación que superou xa amplamente os dous centos de números e que, dende 1982 ata hoxe, ten dado sobradas mostras do seu valor e do interese certo que encerran as súas páxinas

Abonde dicir que en Amencer foron recuperados versos, artigos e outros textos descoñecidos de Cunqueiro, Crecente Vega, Díaz Castro, Manuel María e unha non pequena nómina de autores de noso que ocupan lugar preferente no concerto histórico-literario do pasado século.

Doutra banda, ao longo destas tres décadas teñen sido moitas as sinaturas de creadores, ensaístas e intelectuais que colaboraron coa revista con escritos e entrevistas, facendo dela unha cabeceira de consulta obrigada.

Para conmemorar este trixésimo aniversario Amencer publicou un número especial para o que quixo contar coas achegas de historiadores, xornalistas, creadores e ensaístas que enriquecesen esta entrega conmemorativa co seu saber.

Deste xeito, no último número de Amencer pódense ler artigos de felicitación polo aniversario da revista debidos a Celso Currás Fernández, Vicente Peña Saavedra, Perfecto Conde, Xoán Neira e Félix Villares Mouteira. A canda eles, tamén figuran escritos de Xesús Alonso Montero sobre Manuel Leiras Pulpeiro ou Ramón Villares sobre Valentín Paz Andrade a carón doutros de asunto patrimonial de Xosé Luís Novo Cazón, de carácter autobiográfico de Xulio Valcárcel ou de natureza lingüística de Xosé Ramón Freixeiro Mato.

Dende Criticalia quérese felicitar a todas aquelas plumas, profesores e colaboradores que fixeron posible que Amencer chegase aos trinta anos de vida con tan boa saúde, co desexo de que poidamos celebrar xuntos moitos outros aniversarios.