Un belvedere con vistas á gran flor submarina e ao mundo

Unha das cousas que máis sorprende ao visitante é comprobar como un mundo tan extenso e intenso na súa fabulación como o de Álvaro Cunqueiro tivo como correlación real un espazo tan exiguo como o da mandorla citadina mindoniense. No escaso cento de metros que media entre a Fonte Vella, hoxe chamada Fonte de Álvaro Cunqueiro, e mais o cantón da Praza da Catedral desenvolveuse boa parte da vida e do territorio creativo do xenial escritor.

Foi precisamente a carón da secular fonte onde veu ao mundo e onde comezou a escribir, no faio daquela súa casa patrucial, os primeiros textos xornalísticos e poéticos, argallados arredor da que chamou Oficina Lírica do Leste Galego, de onde saíron as publicacións da Editorial Un e mais a revista Galiza, que el mesmo dirixiu nos primeiros anos 30.

Agora ben, a vivenda de referencia para a súa obra maior foi, sen dúbida, a casa da Praza da Catedral nº 13. A ela foi vivir con seus irmáns Carmen e Xosé desde que regresou de Madrid, en 1947, e nela residiu ata que marchou a Vigo para integrarse na redacción do Faro de Vigo en 1961.

Nesta vivenda do Cantón Grande —que herdara súa irmá Carmen da súa tía Pilar Moirón e que tivera nos baixos un comercio de lencería coñecido co nome de “Géneros de Punto”— escribiu Cunqueiro boa parte das súas obras máis famosas.

Ollando dende as fiestras desta casa o rosetón da catedral mindoniense —o mesmo que Ramón Otero Pedrayo alcumara como a gran flor submarina de Galicia— Cunqueiro escribiu Merlín e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956), O incerto señor don Hamlet (1958), Las mocedades de Ulises (1960) e mais Escola de menciñeiros (1960), entre outros.

Foi, por tanto, o auténtico epicentro literario cunqueiriano, un espazo privilexiado que viu nacer varias das máis senlleiras obras do príncipe dos escritores mindonienses. Nada máis lóxico, pois, que que sexa este o lugar que albergue a Casa Museo Álvaro Cunqueiro, pois foi entre estas paredes onde agromou a maxia toda do señor Merlín da Terra de Miranda; onde as fantásticas andainas de Charles Anne de Crozon, sochantre de Pontivy, comezaron a cobrar forma; onde a revisitación do drama de Hamlet, príncipe de Dinamarca, foi tecendo a súa rede; onde as singraduras de Ulises, fillo do carboeiro Laertes e da fiandeira Euriclea de Ítaca, foron dos soños ao papel para unilo a Penélope; en fin, foi este o belvedere privilexiado dende o que Cunqueiro veu pasar polos ollos da imaxinación a Perrón de Braña, Borrallo de Lagoa, Xil de Ribeira, Lamas Vello, O Coxo de Entrebo, Pardo das Pontes, Silva da Posta, O Señor Cordal, Cabo de Lonxe e O Licho de Vilamor.

De todas estas vidas marabillosas foi testemuña a vivenda da Praza da Catedral nº 13, hoxe Casa Museo Álvaro Cunqueiro, espazo xerminal no que as xentes de aquí e de acolá han descubrir o universo inesgotable do máis célebre dos escritores mindonienses, clásico entre clásicos das nosas letras de todo tempo.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 21-8-2020]

Novelo nove novamente canto

Nordesía (Emilio Rúa, 5-4-2020)Emilio Rúa é un dos cantautores galegos máis destacados dos últimos anos. Con dez álbums publicados, duetos e colaboracións cos máis importantes músicos do Estado e a súa presenza habitual en festivais e outros eventos musicais de referencia, non hai iniciativa melómana de mérito en Galicia na que o seu concurso non se faga imprescindible.

Á súa dilatada e exitosa andaina profesional engade agora o libro-disco Novelovento, onde pon música a catorce poemas de Álvaro Cunqueiro tomados de Herba aquí ou acolá (1980), o que foi o seu derradeiro poemario, unha compilación de textos que fora dando a coñecer ao longo de moito tempo e que apareceron recolleitos por xunto no primeiro tomo da súa Obra en galego completa, poucos meses antes do seu pasamento.

As catorce cancións que Rúa dispón en Novelovento ven agora luz da man da Editorial Galaxia, quen contou coa colaboración do concello natal do poeta. A música é toda do propio Rúa, quen tamén toca a guitarra acústica e española, a harmónica e o piano e é o responsable das programacións. O equipo de intérpretes complétano José García no saxo tenor, Alex Barreira na frauta traveseira e a Lucía Muíña no clarinete, encargándose José Gayoso do mastering. Tamén si, nalgún tema participaron integrantes da Escola de Música de Mondoñedo.

Canto á escolla dos poemas que serviron de base ás musicacións, calquera seguidor da escrita cunqueiriana agradecerá saber que aquí figuran harmonizados non poucos dos máis emblemáticos versos tanto da sección “As historias” coma do bloque “Vellas sombras e novos cantos” de Herba aquí ou acolá. E velaí a suxestiva nómina: “Deica abril”, “Eu son Danae”, “Na outra banda”, “Porque a terra é redonda”, “Ese alguén de meu que nunca volve”, “Os catro chefes da Casa de Gingiz”, “Resucitado”, “Un capitán e o seu cabalo”, “Os oficios de Bran”, “Díxenlle á rula: pase miña señora!”, “Pero Meogo no verde prado”, “Herba aquí ou acolá”, “Retorno de Ulises” e “Lord Dunsany / Epitafio”.

Todos os poemas cantados figuran no libro (curiosamente non pola mesma orde na que aparecen no disco), onde tamén se inclúe un breve texto de presentación do propio Rúa (“De onde vén a herba de namorar”) e mais un magnífico soarego da poeta e narradora Ánxela Gracián (“Novelovento”).

A sonoridade da proposta asegúraa a voz melancólica e asemade rotunda, desgarrada cando cómpre, do cantautor das Ventas da Barreira, que se manexa con oficio no melódico e o pop, con toques soul e algunhas outras fías de vario xorne. O resultado son unhas cancións nas que logra con ben interpretar uns poemas de moi difícil adaptación, dotados sen dúbida de certa música interna, mais escritos con versos moi longos, en ocasións case versículos, faltos de retrousos que axuden á iteración melódica e cunha sintaxe e períodos que case non deixan alentar, o cal engade aínda máis valor ao traballo de Rúa, quen se atreveu con eles cando Herba aquí ou acolá apenas se fora antes musicado, bardante interpretacións xa clásicas como as de Amancio Prada en “Díxenlle á rula: pase miña señora!” ou César Morán en “Unha canción foi prohibida no Sur” de César Morán.

Novelovento toma o seu nome dos versos de “Retorno de Ulises”: “Pende en que pende Penélope pensativa/ perde novelo nove novamente canto (…) os longos dedos que solprendidos dicen/ novelovento, novelo nove pido,/ o meu corazón tecendo mar e soño/ baixo esa ponte de ignorados ríos”. A propia musicalidade desta creación verbal aliterativa dá a pauta toda a un libro-disco con acertos indubidables (recomendo oír a canción “Herba aquí ou acolá”, para min a mellor), pois alén da proposta sonora, a edición da obra engade materiais fotográficos que moito lle prestan e unha impecable composición xeral de Hayat Husein, quen coidou con extremo gusto tipografías, ilustracións, gardas e estampacións.

Os amantes da boa música e da poética de Álvaro Cunqueiro teñen moito que celebrar: Novelovento trae para eles toda a maxia da evocación e recrea, como tan luminosamente anota Gracián no seu proemio, unha “atmosfera de rumor tenro, moi intimista, por veces case un aloumiño, e outras, unha poderosa e fresca, sempre límpida e timbrada fervenza de sonoro e profundo sentir”.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 5-4-2020]

 

Cunqueiro é máis

Nordesía (Miguel Somovilla,15-03-2020)Cando un pensa no Álvaro Cunqueiro escritor seguramente o primeiro que se lle vén á cabeza é o fabuloso narrador, tamén o magnífico autor teatral, por suposto o extraordinario poeta, pois o mindoniense declarouse sempre, e antes nada, poeta, “que este é o meu título”, como lle gustaba lembrar.

Agora ben, o quefacer creativo ao que dedicou máis tempo, no que produciu máis obra e, para min, da mellor das que nos legou é, con certeza, a ‘literatura xornalística’. E tómese boa nota de que escribo á mantenta ‘literatura xornalística’ e non ‘xornalismo literario’, porque, ao meu ver, Cunqueiro traballou como periodista, pero non foi un periodista; foi si, un xenial escritor que toda a vida se ocupou como colaborador de prensa e que mesmo chegou a dirixir o xornal decano do país, o que non invalida que se sentise, e, o que é máis importante, que escribise decote como un poeta, fose en modulacións narrativas, teatrais, ensaísticas ou propiamente líricas.

Establecido o anterior, comprenderase mellor a importancia decisiva que adquire a publicación de calquera compilación literaria xornalística do de Mondoñedo. Se esta ofrece, ademais, unha escolma representativa tanto pola amplitude cronolóxica dos textos antologados coma pola variedade de asuntos tratados e aínda o considerable número de pezas recollidas, daquela non cabe dúbida de que nos atopamos ante un traballo maior, chamado a ficar como de consulta imprescindible.

Tal condición ostenta a escolma Al pasar de los años. Artículos periodísticos (1930-1981), antoloxía que asina o xornalista e estudoso cunqueiriano Miguel Somovilla, un traballo modélico, tanto polo prurito co que foi realizada a recolleita, selección e fixación dos textos coma pola acuidade coa que son presentados, contextualizados e interpretados no estudo introdutorio que precede á selecta.

Aínda que os cómputos varían dependendo de diversos factores (refacturas textuais, traballos sen asinar, reedición de textos…), estímase que Cunqueiro puido escribir ao longo da súa vida varios milleiros de artigos, talvez contra os vinte mil. A escolma de Somovilla recolle apenas douscentos, o que dá idea do labor titánico de filtrado que tivo que levar adiante para peneirar ese un por cento esencial.

Estes dous centos de colaboracións cobren medio século de escrita, dende os primeiros textos no mindoniense Vallibria en 1930 ata os póstumos de primeiros de marzo de 1981. Doutra parte, recollen obra aparecida nunha vintena de xornais e revistas e tratan temas e motivos recursivos na escrita cunqueiriana, que Somovilla agrupa en dez bloques rotulados con títulos do propio autor: “En el principio fue el verso” (textos sobre literatura); “Un mapa de Galicia” (arredor de lugares e viaxes polas nosas terras); “Por la ruta jacobea” (escrita de peregrinaxes); “El mar que nos rodea” (colaboracións protagonizadas polo marítimo); “Retratos y paisajes” (fundamentalmente semblanzas de persoeiros); “De varia coquinaria” (artigos gastronómicos); “Aprendiz de brujo” (adiviñacións, horóscopos e prognósticos); “Días de curación” (sandadores, menciñeiros e curacións alleas á medicina convencional); “Notas para un diccionario de ángeles” (anxeloloxía e demonoloxía) e “Al pasar de los años” (calendario e celebracións anuais).

Completa o conxunto un “Epílogo” con tres textos maxistrais sobre Cunqueiro e o seu mundo: unha entrevista que lle fixo Francisco Umbral cando gañou o Premio Nadal, un artigo de Francisco Carantoña tras o seu pasamento e outro de Juan Cueto polo seu primeiro cabodano.

A maiores, e como xa se avanzou, o volume conta tamén cun espléndido e moi amplo estudo introdutorio asinado por Somovilla, que non só analiza con detemento a articulística de Cunqueiro, senón que engade unha ben detallada e actualizada cronoloxía, un valioso álbum fotográfico e unha extensa e rigorosa bibliografía.

Se a todo o anterior lle sumamos a pulcritude na edición material da obra (encadernación en tea con letras en gravado, camisa protectora, gardas estampadas, dobre cinta de lectura e delicado papel biblia de fino acabado para as máis de oitocentas páxinas que compoñen o volume), entenderase mellor por que este Al pasar de los años resulta unha exemplar edición da obra cunqueiriana que, ademais, ofrece o atractivo de que case unha setentena dos textos que recolle non viran nunca a luz en ningunha compilación anterior.

Dicía Cunqueiro que toda antoloxía é unha aventura. Sen dúbida esta acometida por Miguel Somovilla para a prestixiosa Biblioteca Castro ten o máis feliz final: mercé ao seu denodado esforzo quenquera poderá ler o mellor Cunqueiro articulista, deleitarse coa maxia incomparable da súa imaxinación, os mil saberes que a adornan e a súa xenuína estética, virtudes que fan del un creador inimitable. Porque Cunqueiro é sempre máis e, Al pasar de los años, con maior razón.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 15-3-2020]

Cunqueiro regresa a Ítaca

casa-museoac2A casa familiar é un omphalos, un espazo xerminal, o lugar no que todo cobra sentido porque nel descansan as nosas raíces, a orixe da orixe.

Así é tamén e, se se me permite, aínda con máis intensidade se do lar dun creador falamos, o fogar dun escritor, unha casa literaria.

Vén isto a conto pola inauguración da Casa-Museo Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo. Teño escrito noutro lugar que dicir Mondoñedo é dicir Cunqueiro e viceversa e que todos os lugares sobre os que fabulou o inmenso escritor son, dunha ou doutra maneira, a súa pequena cidade.

Ben pensado, toda a literatura de don Álvaro é a épica da viaxe e do regreso. Velaí a columna vertebral do seu feraz mundo imaxinativo que irisa en mil e unha máscaras, mais converxendo sempre en idéntica fórmula.

Sinbad lembra as viaxes polos mares do mundo, mais faino dende a taberna de Mansur, o seu lugar. Merlín trata cos máis fantásticos viaxeiros, pero agárdaos no seu retiro nas terras de Miranda. O sochantre Charles Anne de Crozon vese embarcado nunha fascinante e espectral aventura polos camiños da Bretaña que dura tres anos, mais acaba regresando ao seu benquerido Pontivy.

Porque somos a casa heiddeggerianamente, a casa do ser, a casa da palabra. Por iso a Casa-Museo de Álvaro Cunqueiro non é unha casa máis, é a casa na que este xenio da literatura instituíu un vórtice creativo, un epicentro verbal que fulgura e traspasa o tempo.

A vivenda que agora se inaugura como Casa-Museo AC é a casa vital do escritor, non a súa casa natal que, como se sabe, fica ao pé da Fonte Vella. Por tanto, é o fogar ao que, finados xa os seus proxenitores, se trasladan a primeiros dos anos corenta os tres irmáns Cunqueiro: Carmen, Xosé e Álvaro. Un inmoble situado no que os mindonienses chamamos o Cantón Grande que agora foi totalmente restaurado, pero que conserva intacta a súa aura orixinal.

A casa da Praza da Catedral 13 é o sancta sanctorum no que habitou Cunqueiro tras o seu regreso dende o Madrid na inmediata Posguerra, en 1947. Unha propiedade, por certo, que herdaran os Cunqueiro dunha súa tía, Pilar Moirón Agüera, quen tivera nos seus baixos un comercio coñecido co nome de “Géneros de Punto”.

casa-museoacCunqueiro viviu alí ata que marchou definitivamente para Vigo, en 1961. Por tanto, foi entre esas paredes onde naceron títulos que hoxe son bandeiras da literatura galega de todos os tempos: Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956), O incerto señor don Hamlet (1958), Las mocedades de Ulises (1960) ou Escola de menciñeiros (1960).

Nesta morada, situada nun lugar privilexiado, o escritor lindaba ao norte coa magna Catedral, ao sur coas hortas das vizosas froiteiras mindonienses, ao leste co Bosque de Silva (xermolo da Selva de Esmelle) e ao oeste co consistorio vello no que el mesmo mitineara antes da guerra por unha república nosa como membro do PG.

Nada nin ninguén, xa que logo, poderá negar que a Casa-Museo AC cristaliza no nadir cunqueiriano, un territorio literario de primeira magnitude que agora ha poder visitarse para admirar nel obxectos, libros e outros efectos que constitúen o imo, a cerna última do seu cosmos literario.

Cunqueiro, como Ulises, volve a Ítaca. A súa Penélope é esta casa da Praza da Catedral 13. Alí vos agarda o heroe entre os seus volumes e a mesa de estudo coa súa Smith-Premier 10. Cómpre irlle presentar os nosos respectos.

[La Voz de Galicia, 1-3-2019]

Letras musicais

Sons de NósOs mellores sons chegan ás nosas letras. Nos últimos meses foron varios os discos que apareceron no mercado nos que se musican textos galegos, en moitos casos de orixe literaria. Hoxe préstame dar razón aquí de tres deles, de procedencias ben diversas e estilos musicais dispares, mais todos coincidentes na aposta pola nosa lingua e, particularmente, a súa koiné poética como principal razón de ser.

O primeiro destes traballos leva por título Dende a beira do Masma e recolle trece temas nos que Xan Carballal, director da Escola Municipal de Música O Pallarego, pon melodía a temas de Antonio Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Álvaro Cunqueiro e Xosé Díaz Jácome.

As voces de Xulia Nogueira e Sabela Carballal acompañan o acordeón, a arpa, a zanfona, a guitarra, o clarinete, o violín, a viola, o chelo e as percusións para que os versos de Do ermo, Cantares gallegos ou Herba aquí e acolá cobren vida musical, confirmando, máis unha vez, a indubidable sonoridade da lírica mindoniense, que aquí corporeíza mercé á Fundación TIC lucense, dependente da Deputación Provincial.

ApelónNon menos interesante é a seguinte das propostas, neste caso chegada dende a cidade departamental e titulada Apelón. Quen a asina é un experimentado cantautor, cunha sólida traxectoria ás costas: Roger de Flor, unha das voces máis orixinais e independentes do actual panorama.

En Apelón, disco editado por Feiticeira Producións, inclúense tres temas galegos: “Estoupará”, “Ferrol Vello” e mais “Na ialma zoaba o vento”. Xunto a eles, outras cancións non menos literarias, como “Spring”, versión dun poema do gran poeta inglés William Blake. Mais a pluralidade de rexistros deste traballo é tamén perceptible na inserción de temas en castelán e italiano e, sobre todo, na variedade de estéticas ensaiadas, que integran por igual o rock, o pop ou os acenos country, entre outros.

Por último, o dúo 2naFronteira dá a luz Sons de Nós, a súa particular homenaxe á revista Nós e as Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario. Trece temas editados por Inquedanzas Sonoras nos que a felicísima voz de Carmen Penim se acompaña das virtuosas mans de Maurizio Polsinelli para recrear atmosferas de harmonio, piano e shruti box engalanadas de guitarras, violíns, violas de teclas, zanfonas, contrabaixos, baterías e percusións varias.

Dende a beira do MasmaSons de Nós dá a Euterpe o verso requintado de Eduardo Blanco Amor, o testemuñal de Xosé Velo, as liricidades de Fermín Bouza Brey, o dicir primeiro de Ricardo Carballo Calero, a voz inxel de Francisca Herrera Garrido, a arquitectura florida de Ramón Otero Pedrayo e o enxebrismo de Francisco Luis Bernárdez, compoñendo todos un retábulo sonoro de indubidable atractivo.

Non hai escusa, por tanto, para non se deleitar con Dende a beira do Masma, Apelón e mais Sons de Nós na tranquilidade do fogar, na vertixe do guiar automobilístico, nos minutos de lecer e ambientación laboral ou en calquera outra situación ou contexto. Boa compaña.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 6-3-2016]