Radioteatro

O pasar do tempo descóbrenos que xa van alá seis anos dende que botara a andar o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Esta andaina consolidada foi posible grazas á implicación entusiasta das xentes do Diario Cultural da Radio Galega e o apoio do CDG. Ambos os dous, axudados no patrocinio pola Xunta, conseguir asentar un certame que recuperou un xénero pouco menos que desaparecido entre nós.

Mais todos estes esforzos non gañarían corpo duradeiro se non fose pola complicidade que, dende a primeira hora, os organizadores do premio tiveron con Edicións Xerais de Galicia, casa na que se publicaron @s gañador@s e finalistas de todas e cada unha das convocatorias ata a data.

Volven agora reunirse no volume VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico as pezas distinguidas na última convocatoria, catro textos breves que, como é preceptivo nas bases que regulan o concurso, foron previamente radiadas para a consideración tanto do xurado coma da audiencia, pois un e outra concederon premios.

Así as cousas, Eva F. Ferreira foi galardoada co premio do xurado por “Poema sinestésico para tres voces e un can”, un texto que hibrida o lírico e o teatral para crear un poema dramático que non agocha a súa ascendencia surreal e neoabsurda. Pois ben, cómpre dicir que, dende o poemático, o texto de Ferreira é de dubidosa fortuna e que a inexistente natureza sinestésica do mesmo e mais a clonación e indistinción funcional das súas voces producen un balbordo dramático ben aparente.

“Intercom-baby”, o texto co que Marián Bañobre e mais Santiago Cortegoso obtiveron o premio da audiencia, propón unha moi suxestiva microtraxedia na que a tensión dramática e o suspense zumegan en cada unha das súas liñas dialogais, mesturando sabiamente realismo atroz e fantástico terrorífico para dar como resultando unha historia intensa e insólita.

Completan o volume “Quendas” de Zé Paredes (escrita de forte carga social e finura na captación sensitiva da volubilidade humana) e mais “Ironías” de Carlos Losada Galiñáns (parodia aceda da incompetencia manifesta da clase política e o seu arbitrario e velenoso proceder), dous textos críticos que axudan a ancorar o conxunto do ofrecido neste VI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico no contexto crítico que atravesamos.

Non queda, pois, senón congratularse pola continuidade desta iniciativa de radioteatro impulsada dende os micrófonos do Diario Cultural, agardando que a esta primeira media ducia de convocatorias sigan moitas outras, para lecer d@s radioíntes e, tamén si, d@s lectores.