Posdramaturxia galega

A literatura dramática galega vive momentos complicados. O actual contexto da covid-19 angosta a súa recepción e proxección, tanto nos escenarios do país onde se representan as obras coma nas editoras que as dan a coñecer. Agora ben, isto é de aplicación unicamente no eido da acollida pública destes produtos culturais, pois unha realidade moi outra é a que ten que ver coa excepcional calidade e vizosísimo momento creativo que os nosos dramaturgos levan demostrando nos últimos anos.

Esa máis que plausible andaina volve fulgurar coa publicación de DramaturGA 20, o volume colectivo que edita a Asociación Galega de Dramaturxia no que participan case unha ducia dos nosos mellores creadores teatrais.

As propostas reunidas en DramaturGA 20 son un bo expoñente da máis próvida das vangardas escénicas. Lonxe das fórmulas, temas e rexistros do teatro galego doutrora, as liñas de forza, conflitos e tramas que conforman a urda destas creacións sitúannos plenamente no novo milenio e nun concepto espectacular posdramático, onde —e valla o xogo de palabras— a forma conforma o que o texto informa. Dito doutro xeito: o no gordiano destas historias anóase nunha posta en escena múltiple, mestiza, multimodal e participativa, na que a cuarta parede desapareceu, as fronteiras xenéricas foron abolidas e a columna vertebral da performance escénica é só en parte verbal.

Por estas coordenadas avanzan os “Soños de cinza” de Ana Abad de Larriva, teatro danza, onde o proxémico e quinésico determinan en non poucas ocasións o lingüístico e a semántica da mensaxe abala na aduana da loucura lúcida. E outro tanto acontece co “Corporal” artefacto de Afonso Becerra de Becerreá, dramática enunciativa de monolóxico fluír da conciencia inquiridora, indagación sobre a metafísica da fusión dos corpos.

Non menos orixinal é a achega de Raquel Castro e o seu “Un bolso grande de máis”, alegación contra a tiranía da xornada dobre feminina e a ditadura dos atumes procreadores adxudicada ao rol feminino na sociedade patriarcal.

Autorreferencial e atrevidamente gráfica e musical é tamén “Play” de Sther F. Carrodeguas, ácida revisión dos preconceptos machistas que condicionan a educación na infancia e os roles sexuais. E velaí tamén a sutil prospección no limes da cordura roma e do lúcido psiquiátrico que Julio Fernández Peláez explora con “O corazón dos peixes”, profundar no labirinto do eu ata os baixíos da ulterior razón.

“Bisesto” de Fran Godón engada polo xogo paralelístico e por espellar as cicatrices que deixan ao ar os casos da mocidade que cae nas gadoupas da anorexia e doutras afeccións que devastan a estima propia e provocan o autoodio moitas veces lesivo.

“Aba e Don”, de Ernesto Is, é quen de crear un bucle espazotemporal que se dilata na delicada membrana do real e do fantástico, con alusións metaficcionais e de escuro bélico.

Carlos Labraña, voz autorial de abraiante plasticidade, codifica en “Alzheimer” a denuncia da barbarie do 36 e as feridas abertas pola incivil guerra, nun intelixente xogo de silencios ominosos, remorsos implacables e amnesias interesadas.

Francisco Oti Ríos, autor do limiar ao volume, é así mesmo o autor de “Unha cuestión familiar”, texto polo que recibiu o Premio de Teatro Mínimo Rafael Guerrero, peza intensa e reveladora, que xira arredor do esgazamento que se produce nas familias separadas polo exilio ao que obrigan os conflitos bélicos.

Pechando o libro figuran “Alicia morreu de sobredose” de Noelia Toledano, intertextualización lewiscarrolliana de epifánico monólogo, traxectorias cruzadas de absurdo deconstrutivo e traumático infantil; e, xa por último, “Por exemplo Biona” de Roi Vidal Ponte, dramapuzzle, cóctel escénico para montar e desmontar, ir e vir de flashes vitais nos que palpita a infinda vertixe dos días e das xentes.

Moito e moi bo reúne este volume DramaturGa 20. Oxalá sexan millenta as persoas que a el se acheguen para arroupar e facerlle xustiza ao noso teatro, hoxe especialmente necesitado de atención. Poderán comprobar, de propia man, a valía desta “proposta aberta e plural”, así como a innegable “excelencia e liberdade” que o seu prólogo anuncia e que as pezas que aquí se inclúen confirman.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-8-2020]

O teatro de Raúl Dans

Raúl Dans é un dos dramaturgos galegos de referencia. Máis dun cuarto de século dedicado ao noso teatro aválano como unha voz fundamental da escena galega, onde o seu nome resoa con forza nos ámbitos da dirección, o ensaio, a interpretación, a dobraxe, o labor de dialoguista, argumentista e creador de series de ficción e, sobre todo a escrita teatral.

Son xa varias as ocasións nas que teño saudado a aparición de entregas teatrais de Dans, tanto por escrito coma noutras palestras. Precisamente esa frecuentación dos seus textos proporcionoume unha perspectiva informada do que coido que son algunhas das claves da súa creación, liñas de forza que atravesan, en maior ou menor medida, case todos os seus textos. Entre tales esteos fundantes estaría a visión crítica e denunciatoria da nosa sociedade e dos seus individuos. Hai nas súas obras moito de fatum moderno, unha consideración desapiadada, amargue e antiheroica de moitos procederes tanto comunitarios coma particulares. Mais nos seus textos e personaxes tamén escintila decote o vagalume da esperanza, fillos que somos da incoherencia e das pulsións máis instintivas e, porén, capaces tamén do maior dos desprendementos, das máis sutís xenerosidades e inesperados actos de amor.

Así acontece tamén na recolleita de dúas das súas pezas teatrais últimas: Unha corrente salvaxe. Historia dunha descoñecida, volume que aparece da man de Edicións Laiovento, selo que este ano celebra as dúas décadas de existencia.

Unha corrente salvaxe fíxose acredora do prestixioso Premio Born de Teatre e constituíu, inicialmente, unha das entregas da Revista Galega de Teatro. Volve editarse agora facilitando a súa lectura a todas aquelas persoas que gusten da dramaturxia máis actual que herda e posprocesa as trabes mestras da mellor traxedia clásica. Teatro dentro do teatro, influencias cinematográficas e non só, todo perfectamente disposto para tecer unha historia de asombrosa economía de recursos (tan só cinco personaxes, apenas un par de localizacións e unha acción concentrada en escasas horas) que consegue transmitir toda a anguria e infelicidade dunha nai que mal se entende coa súa filla adolescente, que está comprometida cun bo home ao que non ama, pois nunca conseguiu esquecer o seu amor primeiro e verdadeiro: o pai da súa pequena.

Nos avoltos eidos da traxedia familiar móvese tamén a segunda das historias que se compila neste libro: Historia dunha descoñecida, unha peza que no seu día formou parte do Ciclo SGAE de Lecturas dramatizadas baixo dirección de Quico Cadaval e que nos achega un thriller psicolóxico onde unha muller madura pasa os últimos días de verán na súa casa da praia acompañada da presenza do seu home cando recibe a visita inesperada dunha moza nova que acabará por mudalo todo.

A tensión dramática da vida agochada, os segredos familiares que supuran na ferida do presente e as complexas e cambiantes relacións interpersoais unen estas dúas pezas, escritas cunha admirable eficiencia diexética que se sostén na fascinante personalidade dos protagonistas e todo un xogo de develamentos e sorpresas, de razóns e delirios que arrastran as súas vidas e as precipitan aos límites do baleiro.

Unha corrente salvaxe. Historia dunha descoñecida é unha inmellorable porta de acceso ao celmoso universo teatral de Raúl Dans, espello deste mundo vertixinoso que nos envolve e mostra fiel dos baixíos que nos naufragan.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 13-9-2020]

Na mellor tradición

Nordesía (Manuel Núñez Singala, 1-3-2020)A literatura galega tivo, de sempre, humoristas de grande altura. Esa tradición, que arrinca coa propia historia do país, pois non cómpre máis que lembrar as moi célebres cantigas de escarnio e maldicir medievais, continúa ben viva nos nosos días. Entre os autores actuais nos que tan celmosa vea creativa deitou a mellor semente atópase Manuel Núñez Singala, creador de ampla andaina que nas últimas tres décadas ten asinado títulos de mérito tanto no eido narrativo (Mar de fondo, 1997; Menú de enganos, 2010; Instrucións para tomar café, 2014; Camiños na auga, 2016; Noite de temporal, 2017) coma no ensaístico (En galego por que non?, 2009; Sacar a lingua é de mala educación, 2017) e tamén si no teatral (O achado do castro, 1991; Comedia bífida, 2007; Planificación estratéxica, 2009).

Precisamente a este último xénero, e máis en concreto ao subxénero da comedia, pertence a súa máis recente obra: Atranco no banco, un divertidísimo enredo que publica a Editorial Galaxia na súa colección Costa Oeste.

Atranco no banco é unha peza moi alixeirada na arquitectura: apenas catro personaxes, sempre na mesma localización e, amais, nunha escena única. Por tanto, a complexidade non procede tanto da estrutura formal coma do tecido significante, das redes de pensamento crítico ás que se abre dende o evidente ludismo.

En esencia, os catro protagonistas da peza son dúas parellas de estafadores que pretenden atracar un banco e, no intento, rematan por lealo todo e poñerse a mercé da policía. Xa que logo, a hilaridade prodúcese pola activación dos arquetipos, pois ambas as parellas acoden ao dueto clásico do parvo e o espelido (abondo coñecida dende o teatro latino de Plauto ata a astracanada moderna, pasando pola Commedia dell’Arte), inclusive a súa sorpresa final, que didactiza para nos ensinar que as aparencias enganan e que os parvos, por veces, non son tan parvos e os listos, en moitas ocasións, tampouco resultan tan lúcidos.

Nestas coordenadas é onde se desenvolve a acción, inzada de equívocos e xogos lingüísticos, marca da casa, pois non en van Núñez Singala é un dos nosos máis reputados lingüistas. Avanza así a trama xogando ás confusións, enguedellando situacións propias do camarote dos irmáns Marx ou do Valle-Inclán máis retranqueiro, sempre a medio camiño entre a inxenuidade rotunda e a picaresca ousada.

Este delicioso disparate ten a virtude dos seus vividísimos diálogos, que non só caracterizan con eficiencia os personaxes, senón que ao tempo engaden plasticidade e forza escénica a todo o enredo, abismando o lector á imparable gargallada.

Como nun sutil segundo plano, mais non por iso con menor interese, deslízase pola obra a crítica ao sistema capitalista, tamén aos que pretenden o éxito con atallos, convidándonos á reflexión sobre a sociedade selvática e insolidaria que fomos construíndo, aquí esperpentizada nunha Calella dos Espellos de selo propio que achega á obra á farsa.

Ocorrente, áxil e amena coma poucas, Atranco no banco é a constatación de que a comedia galega goza de saúde. Oxalá algún dos nosos grupos teatrais poña o ollo nela e a vexamos pronto nos escenarios. O riso e o mellor humor están asegurados e iso, nos tempos que corren, non é pouco.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 1-3-2020]

O ouvear do lobo

Nordesía (Xavier Lama, 10-11-2019)Un dos trazos definitorios de Xavier Lama como escritor é a súa extraordinaria versatilidade. Poeta, narrador e ensaísta, ten recibido numerosas distincións polo seu labor creativo, entre as que destacan o Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa por Os moradores da nada (1995), o Premio Esquío de Poesía por Melancolía líquida da idade das vacas (2008) e o Premio Miguel González Garcés de Poesía por Cabalos do Alén na cidade das fábulas (2009).

A todos estes méritos súmase a súa longa andaina como autor teatral, que lle ten reportado recoñecementos como o Premio Camiño de Santiago por O peregrino errante que cansou ó demo (1995), o Premio Rafael Dieste por O serodio remordemento do amor (1996), o Premio Barriga Verde por Ela, piedade dos suicidas (2015) e, no eido específico do infantoxuvenil, o Premio Manuel María por Os reloxos preguiceiros de Néboa (2011).

Esta produción teatral, na que conta tanto con obras longas coma con pezas breves, algunhas delas representadas en festivais internacionais e mesmo galardoadas nos María Casares, supera xa a decena de títulos coa publicación do seu máis recente título: Na miña alma ouvea un lobo, gañador do I Premio Laudamuco de Textos Teatrais e editado este mesmo outono por Positivas.

Fiel aos principios da súa escrita, nesta nova obra Lama continúa profundando nas cuestións axiais da condición humana: a procura da identidade, a complexidade das relacións interpersoais ou delicado equilibrio individuo/sociedade. E todo mesturando as fías do real e a ficción pura para crear un artefacto dramático que sorprende pola súa autenticidade e capacidade reflexiva.

En esencia Na miña alma ouvea un lobo preséntanos a historia dun policía que actúa como axente secreto no tempo da Guerra Fría ao servizo da coroa británica en Berlín. A súa misión alí será de espionaxe para conseguir información coa que desartellar grupos ecoloxistas centrados na loita antinuclear e antisistema. Mais o que podería parecer unha simple mostra de intervencionismo policial adquire tinturas dramáticas cando este axente, casado no Reino Unido, se ve obrigado a manter unha relación duradeira cunha desas activistas e crear unha dobre vida que mesmo rematará por facer que teña un fillo con esta activista á que espía.

Velaí o no gordiano do drama: a vivencia (in)auténtica do amor, o desdobramento da personalidade e o choque de realidades que todo isto produce, pois, tal como na obra van desvelando os propios personaxes, as fronteiras entre a entrega profesional ao labor patriótico da espionaxe e vínculo sentimental que produce acaban por desdebuxarse, abismando os protagonistas a un cantil vivencial: no caso del, o baleiro interior que produce ser dous ao mesmo tempo e non saber, con certeza, cal é o propio e xenuíno eu; no caso dela, a traxedia de ter vivido un amor falso e ver como froito del naceu un fillo que ten un pai que é un impostor, o que a leva a confesar a anguria que se expresa no título da obra: é unha muller que sente devastada a súa ánima, como clama o lobo ouveante e dorido no que ela mesma se converteu.

Escrita con indubidable eficacia dramática e potencialidade escénica, Na miña alma ouvea un lobo está estruturada en vinte tres cadros breves nos que alterna o diálogo e o monólogo, sempre precedidos dunha sucinta didascalia. A plasticidade dos parlamentos así como a intelixente dosificación da información que vai revelándosenos conseguen crear unha atmosfera de alta tensión dramática, que envolve o lector na mesma perplexidade que os protagonistas están a vivir.

Moitos parabéns merecen tanto Xavier Lama por esta sobresaliente peza coma o Concello de Brión e Edicións Positivas por axudar a soster o Premio Laudamuco co que foi distinguida. O noso teatro débelles moito. Ben está que comecemos a corresponder con gratitude e nos animemos á lectura dunha obra de tanto mérito.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 10-11-2019]

Teatro actual

dramaturxiagalegaactualO teatro galego vive entre continuos claroscuros: dunha banda, a súa limitada presenza pública; doutra parte, a innegable excelencia que os profesionais deste eido teñen demostrado máis que sobradamente ao longo destes últimos anos.

Volvo confirmar esta contraste de realidades coa lectura de Dramaturxia Galega Actual, o volume que publica Edicións Á Feira onde se reúnen catro textos debidos a Inherente Teatro, Miguel Sande, Ernesto Is e Esther F. Carrodeguas.

Todos catro demostran a capacidade de innovación e orixinalidade que atravesa o noso teatro, anovador nos temas e nas formas, nas mensaxes e na estética, creacións do XXI na onda da escrita máis vangardista.

A primeira das pezas do libro titúlase “Dramaturxia das Mulleres”, de Inherente Teatro, unha secuencia de cadros escénicos que teñen un moito de coreográfico e de xogo con outros xéneros como o poético, o ensaístico ou o narrativo. Estas páxinas, que aniñan no paródico e na crítica social punxente, recalan en non poucas ocasións na ironía máis feroz e a sátira, que traen a primeiro plano problemáticas abondo candentes.

Xunto á anterior, esta publicación recolle tamén “Tras Tannhäusser” e “Loló e Mamá”, a primeira debida a Ernesto Is e a última a Esther F. Carrodeguas, ambas voces na liña máis renovadora do noso teatro. No caso de Is, a súa creatura cobra forma no performático, un catálogo de voces e fórmulas nun espazo creativo que hibrida coa danza, o obxectual e o cinematográfico. A proposta de Carrodeguas concrétase nun diálogo nai-filla que é unha revisión do decalage xeracional e as dificultades da convivencia, mesmo, ou sobre todo, entre familiares.

Completando o conxunto comparece “A enterradora (blogue)”, o texto do escritor e xornalista Miguel Sande que foi distinguido no I Certame de Nova Dramaturxia Actual convocado pola Compañía Teatral Feira do Leste co patrocinio da Deputación de Pontevedra.

“A enterradora (blogue)” é, ao meu ver, unha arriscada e atractiva proposta de Sande, que incorpora códigos fílmicos, internetianos e sonoros para redondear unha peza ben orixinal, tanto pola súa mensaxe coma polo escenario e canles comunicativas: unha moza é contratada como enterradora e decide trasladar a súa vivencia profesional relatándoa en streaming a través dunha webcam dun vlog ou videoblog. Este feito acaba comportándolle importantes problemas coas autoridades, o que, lonxe de disuadila do seu proceder, acaba por convencela da necesidade de comunicar o seu sentir aos moitos seguidores destas emisións.

As gravacións da protagonista teñen lugar na noite do cemiterio e, a través delas, imos descubrindo a súa paixón por un Tánatos cosido a Eros, onde a vida, a pulsión sexual e o enlevo extático e paroxístico son posibles baixo modulacións paranecrofílicas.

A reflexión sobre o sentido do existir e unha outra conceptualización da morte presiden esta peza de Sande, que incide nun tema tan galego como o da particular relación idiosincrática que mantemos cos nosos mortos, mais traéndoo á actualidade da man das novas tecnoloxías e as modernas canles de comunicación masivas.

O libro, moi ben editado e coidado no xogo de fotografías que acompañan os textos, engade aínda un breve limiar de Javier Lojo, coordinador da edición, quen explica o sentido e vontade que animou a nacenza do proxecto, subliñando a súa actualidade e orixinalidade, así como a centralidade nel das personaxes femininas.

Para aplaudir, de pé, esta Dramaturxia Galega Actual, unha obra de mérito que oxalá teña continuidade en novas entregas que axuden a visibilizar o noso teatro, sempre tan necesitado de publicacións que o acheguen ao público.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 17-3-2019]