O ouvear do lobo

Nordesía (Xavier Lama, 10-11-2019)Un dos trazos definitorios de Xavier Lama como escritor é a súa extraordinaria versatilidade. Poeta, narrador e ensaísta, ten recibido numerosas distincións polo seu labor creativo, entre as que destacan o Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa por Os moradores da nada (1995), o Premio Esquío de Poesía por Melancolía líquida da idade das vacas (2008) e o Premio Miguel González Garcés de Poesía por Cabalos do Alén na cidade das fábulas (2009).

A todos estes méritos súmase a súa longa andaina como autor teatral, que lle ten reportado recoñecementos como o Premio Camiño de Santiago por O peregrino errante que cansou ó demo (1995), o Premio Rafael Dieste por O serodio remordemento do amor (1996), o Premio Barriga Verde por Ela, piedade dos suicidas (2015) e, no eido específico do infantoxuvenil, o Premio Manuel María por Os reloxos preguiceiros de Néboa (2011).

Esta produción teatral, na que conta tanto con obras longas coma con pezas breves, algunhas delas representadas en festivais internacionais e mesmo galardoadas nos María Casares, supera xa a decena de títulos coa publicación do seu máis recente título: Na miña alma ouvea un lobo, gañador do I Premio Laudamuco de Textos Teatrais e editado este mesmo outono por Positivas.

Fiel aos principios da súa escrita, nesta nova obra Lama continúa profundando nas cuestións axiais da condición humana: a procura da identidade, a complexidade das relacións interpersoais ou delicado equilibrio individuo/sociedade. E todo mesturando as fías do real e a ficción pura para crear un artefacto dramático que sorprende pola súa autenticidade e capacidade reflexiva.

En esencia Na miña alma ouvea un lobo preséntanos a historia dun policía que actúa como axente secreto no tempo da Guerra Fría ao servizo da coroa británica en Berlín. A súa misión alí será de espionaxe para conseguir información coa que desartellar grupos ecoloxistas centrados na loita antinuclear e antisistema. Mais o que podería parecer unha simple mostra de intervencionismo policial adquire tinturas dramáticas cando este axente, casado no Reino Unido, se ve obrigado a manter unha relación duradeira cunha desas activistas e crear unha dobre vida que mesmo rematará por facer que teña un fillo con esta activista á que espía.

Velaí o no gordiano do drama: a vivencia (in)auténtica do amor, o desdobramento da personalidade e o choque de realidades que todo isto produce, pois, tal como na obra van desvelando os propios personaxes, as fronteiras entre a entrega profesional ao labor patriótico da espionaxe e vínculo sentimental que produce acaban por desdebuxarse, abismando os protagonistas a un cantil vivencial: no caso del, o baleiro interior que produce ser dous ao mesmo tempo e non saber, con certeza, cal é o propio e xenuíno eu; no caso dela, a traxedia de ter vivido un amor falso e ver como froito del naceu un fillo que ten un pai que é un impostor, o que a leva a confesar a anguria que se expresa no título da obra: é unha muller que sente devastada a súa ánima, como clama o lobo ouveante e dorido no que ela mesma se converteu.

Escrita con indubidable eficacia dramática e potencialidade escénica, Na miña alma ouvea un lobo está estruturada en vinte tres cadros breves nos que alterna o diálogo e o monólogo, sempre precedidos dunha sucinta didascalia. A plasticidade dos parlamentos así como a intelixente dosificación da información que vai revelándosenos conseguen crear unha atmosfera de alta tensión dramática, que envolve o lector na mesma perplexidade que os protagonistas están a vivir.

Moitos parabéns merecen tanto Xavier Lama por esta sobresaliente peza coma o Concello de Brión e Edicións Positivas por axudar a soster o Premio Laudamuco co que foi distinguida. O noso teatro débelles moito. Ben está que comecemos a corresponder con gratitude e nos animemos á lectura dunha obra de tanto mérito.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 10-11-2019]