San Cibrao, porto alegre

Modélico. Ese é o adxectivo que mellor describe como traballo filolóxico Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo), do poeta e investigador viveirense Emilio Xosé Ínsua.

Neste volume, editado baixo o patrocinio do Seminario de Estudos Terra de Viveiro, Ínsua leva a cabo un exhaustivo repaso á historia do “porto alegre” da parroquia de Lieiro, no actual concello de Cervo, para defender a pertinencia da denominación San Cibrao en desfavor da castelanizadora San Ciprián.

Pero esta monografía ofrece moito máis, pois non só é un documentadísimo traballo sobre toponimia, senón que nalgunha das súas páxinas (por exemplo no suxestivo apéndice “San Cibrao por volta de 1908”) podemos informarnos de figuras literarias hoxe pouco divulgadas pero no seu día destacados activistas culturais e colaboradores xornalísticos, como Federico de la Peña Ibáñez (Sargadelos 1840—Lugo, 1895), bisneto do emprendedor marqués que fundara as fábricas de louza e fundición, quen, amais de múltiples poemas e artigos en castelán aparecidos na prensa diaria, foi mesmo autor dalgún texto na lingua de noso, como o poema proclerical “Fuxide d’eles” (La Unión Gallega, 27-5-1883). Ou tamén o escritor, debuxante e caricaturista de Vilasuso, Cervo, José María Cao Luaces (1862-1918), moi coñecido colaborador do xornal arxentino La Nación e de emblemáticas revistas de alí como Don Quijote.

Cómpre agradecer a Emilio Xosé Ínsua esta exemplar monografía, que nos dignifica recuperando un topónimo de sempre noso, que algúns pretenderon substituír pola solución alleante, histórica e filoloxicamente impropia de San Ciprián, que logo deste Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo) fica xa definitivamente desautorizada.