Catoira literaria

Pódese afirmar, sen faltar á verdade, que Estro Montaña é un contador de longo percorrido. Teno demostrado nos eidos da novela curta (Pancarta para Xulia, 1994) e do relato (As armas delicadas, 1994), en castelán (La última isla, 1993) igual que en galego, na crónica novelada (Dona Urraca, 2008) o mesmo que no libro de viaxes (A Costa da Morte: un litoral insólito, 1995 e Polos vieiros do vello Miño, 2005), tanto no ensaio biográfico (Diego Gelmírez: báculo de gloria en Compostela, 2007) coma na análise teatral (O teatro de Blanco Amor, 1993), narrativa (A narrativa de Rafael Dieste, 1995 e Guía comentada de Rafael Dieste, 2006) e aínda xenérica (La novela negra: clases y enigmas, 1988).

Con tal bagaxe, o oficio sóbralle a quen agora nos presenta O tesouro de Catoira, novela curta de estrutura epistolar na que, alén da trama recreada (na que sobrancean a intriga e o misterio), hai un inequívoco protagonista de fondo: a propia vila de Catoira, o concello da cal edita este volume ilustrado por Dani Montero.

O que O tesouro de Catoira recrea son as aventuras dun dinamarqués arqueólogo que visita a vila dos seus devanceiros na procura dun tesouro segredo que, segundo un vello manuscrito árabe do século XII, se atopa enterrado na capela de Santiago anexa ás famosas Torres do Oeste.

No progresar da acción imos coñecendo lugares e personaxes que procuran espellar a idiosincrasia dunhas xentes e unha localidade abondo singulares. E cómpre dicir que, en non pequena medida, tal efecto conséguese, por máis que aquí e acolá renxan pequenas licenzas (poño por caso: situar a Romaría Viquinga no mes de xuño, p. 90).

A concorrencia de lugares comúns tanto no deseño de certos personaxes coma no desenvolvemento de determinadas liñas relacionais entre estes non impide que O tesouro de Catoira se lea con ben e deixe un pouso agradecido na recreación aventureira dunha historia á que talvez lle terían sobrado os engadidos do mundo do narcotráfico.

Non hai dúbida de que este libro consegue elevar a categoría literaria unha vila como Catoira, que, por mor da feliz conxunción do estro de Montaña e a oportuna aposta editora do seu consistorio, pode dende agora presumir dunha nova voz que unir ás doutros creadores de noso que, como Rosalía de Castro ou Raimundo García Dominguez “Borobó”, se deixaron engaiolar polas quedas augas do Ulla beira ao seu paso polas antigas Torres de Honesto.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de ArousaDiario de Bergantiños, 23-10-2011]