Nitroglicerina emocional

O amor é como a nitroglicerina: a temperatura ambiente e por baixo dos 41º graos é un fluído estable e mesmo en certas preparacións médicas serve ata para coidar do corazón. Pero se o ardor supera esa barreira térmica, ai amigo, nada nin ninguén escapa ás súas letais consecuencias e convértese nun témero explosivo, vale dicir, no máis amarguriante desamor debelador.

Esta máxima relacional humana, o péndulo do amor-desamor no que oscilamos as parellas, constitúe a columna vertebral do último libro do narrador e profesor Manuel Portas, un relato que defende a tese de que a paixón, o amor insomne e desmedido, a entrega cega e o delirio romántico teñen o seu natural reverso no esfarelamento e a desafección, no desencanto e aborrecemento da sensualidade que xa non abonda, que non é quen de sandar unha ánima esburacada pola saudade vital. Porque a vida son, e velaí o título da obra, Cadencias, ciclos polos que transitamos, tamén no amoroso.

Un singular trío protagoniza esta nouvelle ambientada na área metropolitana barcelonesa, con escenarios de adoita radicación emigrante galega (L’Hospitalet sobre todo), pois son xustamente tres emigrantes do noso rural á grande urbe, dúas rapazas e un mozo, os compoñentes deste palpitante triángulo pasional.

El chegou a Barcelona para estudar Arquitectura e iso é o que seus pais cren que fai alí, pero pronto abandonou todo para traballar nas cargas e descargas do mercado de Santa Catarina e deixarse ir pola costa abaixo da vertixe imparable dos días que se suceden sen norte e que apagaron mesmo a súa paixón pola ilustración, pois chegou a facer algunha incursión como debuxante en editoriais de bd. Estando nesas, namora de Elisa, tamén emigrada coma el, unha traballadora sexual coa que vivirá unha intensa relación que acabará pasto dos celos e das disimetrías dos seus proxectos vitais. O seu recambio será unha nova moza emigrante, veciña da súa mesma parroquia e namorada del dende cativo, unha rapaza coa que tamén se irá esgotando aos poucos o estraño fluído do amor, ata facelo inestable, nitroglicerina pura.

Polo medio Portas proponnos ben interesantes reflexións, non só sobre a volcánica natureza do amor, senón a propósito dos soños frustrados, o real e o aparente, a hipocrisía social ou a cousificación da muller, convidando a unha seria reflexión verbo da deshumanización e o alleamento ao que a vida nas grandes cidades, e non só, nos ten aferrollados.

Calidoscopio incremental, escrito con capítulos curtos de técnica impresionista que van sumándose como capas superpostas ou brazos dunha crecente espiral de esboroamento afectivo, estas Cadencias fan boa a máxima tan reiterada de que o amor é o motor que move o mundo. O problema vén cando ese motor gripa.

[Faro de Vigo, 4-6-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s