Terra remexida

Mentres escribo estas liñas teño dediante o impresionante cadro “A illa dos mortos” do simbolista suízo Arnold Böcklin. Un fragmento do mesmo ilustra a capa de Xenealoxía dun intruso, o novo poemario do tradutor, narrador e poeta Isaac Xubín. Non é fortuíto: unha sutil sedela conecta a forza mistérica do ultramundo isolado da pintura coa devastadora travesía do deserto interior que gravita nas páxinas do libro.

Porque Xenealoxía dun intruso está argamasada cos mesmos materiais que fixeron grandes as traxedias helenas: o conflito entre os individuos e as instancias superiores, a transgresión da orde natural, o fluír heracliteano dos días, a redención polo amor, a anamnese e a catarse.

Xubín entrecose deliberadamente nos seus versos as voces dos coros gregos e, a canda elas, as presenzas de Apolo, Afrodita ou Cronos. Todo para compor a súa particular visión do mito de Antígona, a figura que vai balizando as diversas seccións do libro e que metaforiza a problemática esencial que o autor quere traer a primeiro plano: o desterro, a estranxeiría na propia patria, a loita fratricida, en fin, a procura da identidade que se desdebuxa coas mestizaxes espazotemporais e as hibridacións das linguaxes, das palabras, dos idiomas.

Nun proceso de coherente reificación das súas pantasmas conceptuais, a escrita de Xubín foi corporeizando nun dicir de transparencia dolorosa e hiperconsciente, que descré dos paraísos da memoria e sabe que son trapelas ás que é imposible regresar, porque “é un erro común pensar/ que ao volver todo seguirá do mesmo xeito”, por iso advirte a quen ler: “Non te engane o cheiro a suor da miña presenza,/ non se che ocorra compararme endexamais/ con aquel que chegou até aquí/ sen cruzar a pé o deserto”.

Que nos queda, pois? A viaxe. O inmisericorde atravesar do deserto, un baleiro que habita o tempo inclemente (“agora sei que a idade é unha narración”) e no que temos que reconstruírnos como individuos e reinventarnos como pobo porque estamos sós na nosa dura, fatigosa e mortal odisea: “Agora sei que os devanceiros/ nada teñen que ver coa miña entropía,/ non son aqueles que inspiran/ a verdadeira razón pola que se ama/ a destrución que implica estar no certo ou a/ tranquilidade/ de espírito perante a morte”.

Conectado co anterior regresa a este libro outro tema ben caro a Xubín: o papel do escritor, o sentido do seu oficio. Cómpre non esquecelo: “O discurso é un orizo ferido/ que pode transformar en nación e estado/ o que antes era só paisaxe:/ pódese recoñecer o amor pola súa combustión,/ o odio”. No seu caso, amais, a transfusión de tantos ríos vivenciais (anos vivindo en diversos lugares, diferentes linguas conformando o seu cotián) fai aínda máis difícil a tarefa: “non teño terra de meu”, “son unha tradución contra min mesmo,/ o vello can no camiño fragoso” a “fender rochas no deserto”, por iso, confesa, “reducín o concepto de casa á mínima expresión”, a de ser “unha nación andante”, un espectro nómade.

Non hai retorno. A frecha do destino só ten unha dirección: “O tempo é un parámetro cinético/ que sempre nos atrapa ao final para lembrarnos:/ non hai procesos reversibles,/ nada acontece así na natureza”. E insiste: “sei que é imposible a idea de retorno”, estase fóra do sagrado, “Lonxe do templo”, soterrado identitariamente de xeito ignominioso, como Polinices, de aí a rebelión de Antígona, porque “isto non se trata de nostalxia,/ lembra que estou a vingarme”.

Toda a forza oracular e hímnica dos estratos bíblicos que se deslizan no libro dótano dunha aura de revelación, a parábola de Galaad, a terra do testemuño. E con ela os ecos de Xerusalén, tamén das naves de Tárxix e mesmo de Sión e Babilionia. Todo para alcanzar o aleph definitivo co que o sempre sorprendente Isaac Xubín remata o poemario e eu estas liñas de comento: “Velaquí a tortura/ do sangue derramado por riba/ de todos os lugares que habitei,/ o año sacrificado descobre a verdadeira/ dimensión da viaxe:/ a lembranza consciente dunha terra remexida”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 31-5-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s