Muiñeiro fidel

Xosé Díaz Jácome

Tal día coma hoxe, hai cento dez anos, nacía o poeta e xornalista mindoniense Xosé Díaz Jácome, unha das personalidades literarias e culturais máis destacadas do pasado século.

Dende moi novo formou parte de plataformas creativas que son hoxe historia da nosa literatura. Poño por caso: a célebre Oficina Lírica do Leste Galego, que capitaneaba na súa cidade natal o seu íntimo amigo Álvaro Cunqueiro, acompañado doutros nomes maiores das nosas letras, como Aquilino Iglesia Alvariño, e da nosa ilustración, como Bernardino Vidarte. Foi no seo desta factoría literaria onde agromou a súa primeira obra, a plaquette Primeiras cantigas do amor (1936), que o confirmou como unha das voces referenciais do neotrobadorismo de Preguerra.

Tras o conflito armado intensificou o seu labor como xornalista e en 1939 marchou a Pamplona para traballar en El Pensamiento Navarro, do que chegou a ser redactor xefe. Alí participou tamén doutras importantes iniciativas publicistas, creando e dirixindo a Colección Albor, na que deron algúns dos seus primeiros pasos poetas casteláns como Blas de Otero ou Luis López Anglada e onde tamén participaron autores galegos como Xosé Filgueira Valverde ou Dionisio Gamallo Fierros.

En 1949 regresou a Galicia para incorporarse ao equipo do Faro de Vigo, onde foi durante anos redactor xefe, ata que en 1963 marchou a Oviedo dirixir La Voz de Asturias, no que se xubilou en 1983.

portada xdjPolo camiño deu á luz Pombal (1963), talvez o seu poemario máis coñecido, e xa nos últimos anos Muíño fidel (1983), co que pechaba unha sobranceira andaina lírica que se estendeu ao longo de máis de medio século.

Poeta por veces neopopularista, outras neovirxilianista, saudosista, neorromántico e mesmo modernista, tamén, como se dixo, neotrobadorista e ata puntualmente creacionista, a escrita elexíaca, paisaxista, festiva, celebrativa, natalicia e mesmo social e antropolóxica de Díaz Jácome evidencia a pluralidade dos rexistros que dominou e a súa admirable capacidade para nutrirse das estéticas coas que conviviu.

Como xornalista, amais da innegable calidade dos seus artigos, entrevistas e reportaxes, xogou un papel transcendental posibilitando que moitas grandes plumas da literatura galega do seu tempo puidesen ver impresos os seus textos na prensa diaria. Grazas a Díaz Jácome escritores como Vicente Risco, Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro publicaron en El Pensamiento Navarro e son innúmeros os autores que entre 1949 e 1963 entregaron textos para o Faro de Vigo que el axudou a dar á luz.

Este inxente labor foille recompensado en vida con diversas distincións e recoñecementos, como o nomeamento como membro correspondente da Real Academia Galega en 1967, a declaración de Fillo Predilecto de Mondoñedo en 1973, a designación de Cronista Oficial da cidade en 1981 (cargo no que sucedeu ao seu fraternal amigo Álvaro Cunqueiro), o Premio Lucense do Ano de 1988 ou a Medalla Castelao de 1995, entre outros.

portada versos fideisNa súa cidade natal hónrase a súa memoria convocando o Premio Xosé Díaz Jácome para Novos Creadores, que xa superou as dúas décadas de vida e constitúe unha referencia canónica no eido da nosa poesía máis nova, como demostra o recente volume compilatorio Versos fideis (2019), preparado por Belén Bouzas Gorgal e servidor e publicado polo concello organizador.

Doutra parte, estudosos e investigadores analizan e escolman os seus textos adoito, actualizando a súa figura e poñéndoa en valor, tal como esta mesma semana facía o tamén mestre de periodistas Xosé de Cora na súa columna de El Progreso.

Convén regresar aos clásicos, aprender do seu exemplo e estimar o moito que nos ensinaron e nos legaron. A Xosé Díaz Jácome non lle agradeceremos nunca o suficiente a súa entrega á causa do xornalismo e da poesía galegas, mais tampouco que sementase tanto amor por Galicia e a súa cultura aos que tivo máis de preto, como o seu fillo Juan Ramón Díaz, outro dos grandes entre os grandes do noso periodismo. Neste día do seu aniversario ben esta que un vagalume de lembranza gratulatoria voe ata o Ceo das Letras Galegas para lle dicir que si, que viven en nós as cantigas do amor, que o pombal está cheo de vida alada e que sempre haberá muiñeiros fieis á causa da terra, da lingua e da escrita de nós.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 19-4-2020]

Deixar un comentario