No centenario de Carmen Laforet

Mentres escribo estas liñas teño cabo min o exemplar co que lin por vez primeira Nada de Carmen Laforet. É unha reedición da novela publicada por Destino na Colección Destinolibro, séptima reimpresión, de maio de 1986.

Foi, en efecto, naquel verán dos meus dezaseis anos cando descubrín a hipnótica Barcelona da máis fera Posguerra que espellaba aquela escritora nacida na rúa Aribau e logo criada nas Canarias, a mesma na que logo paraba coa súa atribulada familia Andrea, o alter ego narrativo da autora. Unha cidade condal gris e viscosa, chea da miseria coa que a anegara a contenda fratricida, un mundo avolto e confuso no que aquela moza universitaria trataba de sobrevivir á súa propia familia nun tempo de indixencia, machismo e ditadura.

Recuperei o impacto brutal que produciu en min aquela lectura por mor de termos alcanzado o centenario do natalicio da escritora o pasado luns día 6. Mais coa lembranza destas páxinas viñeron outras da súa peripecia persoal, especialmente aquelas que a vencellaron con Galicia e os seus autores, un vínculo sobre o que agora quero dicir dúas palabras.

Laforet estivo veraneando en Galicia en diversas ocasións, pois ao pouco de gañar o Premio Nadal coa extraordinaria Nada (1944) casou con Manuel Cerezales, crítico literario e xornalista ao que coñeceu cando este, sendo director da Editorial Pace, a animou a presentar o manuscrito da novela ao galardón. Cerezales, que nacera en Vilardevós, viñera xa con ela e cos fillos ata Raxo, en Poio, onde pasaran de xullo a setembro de 1956.

Agora ben, non foi ata os estíos de 1962 e 1963 cando Laforet estreitou lazos con algúns colegas de letras galegos. A razón de veranear entre nós era que Cerezales fora nomeado en 1961 director de Faro de Vigo, cargo no que permaneceu ata fins de 1964. Foi, pois, neses dous veráns que pasou xunto á praia de Rodeira en Cangas cando os vínculos coa nosa terra e a súa escrita se intensificaron.

Entre os escritores galegos que entón frecuentou figuran dous mindonienses: dunha banda, Xosé Díaz Jácome, xefe de redacción de Faro de Vigo cando chegou á dirección o seu esposo, co que xa compartira redacción e responsabilidades en El Pensamiento Navarro; e, doutra parte, Álvaro Cunqueiro, ao que xa trataba o matrimonio dende os tempos da contenda bélica (Cerezales e Cunqueiro coñecéranse durante a guerra na redacción de La Voz de España de San Sebastián e continuaron a amizade no Madrid dos primeiros corenta, onde volveron coincidir en diversas publicacións).

Eses dous veráns cangueses foron fundamentais para Laforet. Durante o primeiro deles deu forma á novela La insolación, que publicou ao ano seguinte e que era a primeira entrega dunha triloxía que chamou “Tres pasos fuera del tiempo”. A segunda das novelas desta serie, Al volver la esquina, escribiuna no segundo dos veráns morracenses e ía ser publicada en outubro de 1963, pero, cando xa corrixira as probas, inexplicablemente decidiu non dála ao prelo e inédita ficou ata que, tras o seu pasamento o 28 de febreiro de 2004, foi exhumada. Da terceira das entregas, que ía titularse Jaque mate, nunca máis se soubo.

Mais non só por ser tempo propicio para a escrita foi a Galicia estival decisiva para Laforet, senón tamén pola vida social e literaria que aquí a arroupou. Durante aqueles veráns dos primeiros sesenta acudiu a ceas organizadas pola directiva do Faro de Vigo onde coincidiu, amais de con Cunqueiro e Díaz Jácome, con José María Castroviejo, Alberto Casal e outros. Mesmo os membros da Directiva do Grupo Provincial da Asociación Nacional de Escritores a visitaron en Cangas para agasallala e, convidada por Cunqueiro e na compaña de Castroviejo e Casal, estivo presente nalgunha das edicións da Festa do Albariño de Cambados.

Foi Galicia, por tanto, terra de acollida para a escritora, quen dedicou algúns artigos ás súas viaxes polas nosas paisaxes e tamén concedeu entrevistas falando da súa estancia entre nós, feitos estes dos que teñen escrito luminosamente Ceferino de Blas e Anna Caballé.

Laforet tiña simpatía por Cunqueiro, pois o humor deste sempre a aledaba. E boa proba da amizade que o uniu co matrimonio por ela e Cerezales formado é que o día despois de deixar este último a dirección do Faro de Vigo (responsabilidade, por certo, na que o substituíu), Cunqueiro publicou no xornal (11-11-1964) unha entrega da súa célebre serie “El envés” dedicada a “Los niños de Cerezales”, onde manifestaba a súa saudade por ver marchar o amigo cara a Madrid e, con el, a súa benquerida familia.

Con aquela partida Laforet tamén deixou atrás os ambientes galegos, aos que xa non regresaría, pois uns anos despois separouse de Cerezales e iniciou unha nova vida que a levou por Roma, Tánxer, Polonia e Estados Unidos, pero que nin de lonxe foi tan celmosa para a súa produción literaria coma os veráns galegos, pois apenas se publicaría en 1970 a compilación de historias La niña y otros relatos, alén dalgunha guía de viaxes, recolleita de artigos e parte do seu epistolario.

Cen anos despois do nacemento da autora da incomprendida La isla y los demonios (1950) e da rupturista La mujer nueva (1955), regreso á lectura de Nada no meu vello exemplar dos tempos bachareis e abráiome ante a capacidade visionaria, a intuitiva prognose na que muller e escritora son unha e se definen, maxistral lección e aviso para navegantes: “Y a mí llegaban en oleadas, primero ingenuos recuerdos, sueños, luchas, mi propio presente vacilante, y luego agudas alegrías, tristezas, desesperación, una crispación impotente de la vida y un anegarse en la nada. Mi propia muerte, el sentimiento de mi desaparición total hecha belleza, angustiosa armonía sin luz”. Un nada que é todo. A voz dunha clásica que nos acompañará sempre.

[Faro de Vigo, 16-9-2021]

Dickens século e medio despois

Acaban de cumprirse os cento cincuenta anos do pasamento de Charles Dickens, un dos máis grandes escritores de todos os tempos. As súas novelas e personaxes son o retrato de toda unha época e fixéronse tan célebres que permanecen inmarcescibles no imaxinario colectivo.

A súa vida foi en si unha auténtica novela, unha fatal traxicomedia chea de penurias cando novo e de éxito e popularidade inimaxinables despois. Unha existencia con carencias afectivas familiares sendo neno que de adulto o levou a difíciles e inestables relacións amorosas. Un vivir de intensos contrastes, cheo de luces e de sombras, onde as máis duras experiencias nunca acabaron de ocultar a esperanza no horizonte.

Dickens naceu en 1812 en Portsmouth, unha cidade portuaria do sur de Inglaterra, mais aos dous anos seus pais establecéronse en Londres e logo, cando cumpriu os cinco, en Chatham, no condado de Kent, onde permaneceu ata o seu regreso definitivo á capital en 1823.

Veu ao mundo nunha familia cun aceptable pasar, pero seu pai, inclinado ao xogo ata o delirio, acabou por arruinalos e foi encarcerado por débedas. Este feito marcou de por vida ao pequeno Dickens, quen con apenas doce anos tivo que poñerse a traballar nunha fábrica de betume e soportar inhumanas xornadas de máis dez horas para conseguir uns míseros xilins cos que axudar á maltreita economía familiar.

Tan lacerantes días non cesaron ata a morte dunha parente acomodada, da que a familia herdou unha respectable cantidade coa que seu pai puido saír do cárcere e o pequeno Charles fuxir da explotación infantil da Warren’s Boot-blacking Factory. Mais aquel tempo ficou para sempre na súa ánima e está na base da súa máis comprometida e crítica narrativa social.

Tras uns meses como pasante nun bufete de avogados, ben pronto comezou a colaborar como reporteiro e articulista en diversos xornais e con só vinte e catro anos alcanzou a fama ao publicar Os papeis póstumos do Club Pickwick (1836-1837). Logo viñeron Oliver Twist (1837-1839), Conto de Nadal (1843), David Copperfield (1849-1850), Tempos difíciles (1854), Historia de dúas cidades (1859) ou Grandes esperanzas (1860-1861), entre outros títulos que o converteron no narrador máis importante da época vitoriana e un dos máis destacados da historia da literatura en lingua inglesa.

 As súas obras, inmensamente populares, influíron de xeito decisivo na sociedade do seu tempo. Dickens, que vivira en propias carnes as infames condicións do proletariado, gustaba de percorrer o Londres máis depauperado para ver cos seus propios ollos as condicións misérrimas nas que malvivían milleiros de persoas na urbe que, naquela altura, era a capital do mundo. Esta perspectiva das cousas fixo que crease personaxes inesquecibles que son a encarnación da loita pola supervivencia nas máis extremas condicións. Velaí o seu Oliver Twist, a pequena Dorrit ou o desalentador ambiente operario descrito en Tempos difíciles. Tanta angustia e dor, tanta fame e enfermidade, explican as páxinas que Dickens dedicou a loitar por unhas condicións hixiénicas mínimas que non fixesen morrer a miles de persoas e tamén a súa loita contra a pena de morte ou a favor dos dereitos de autor. Grazas a el melloraron as insalubres condicións das prostitutas, pois mesmo axudou a crear unha casa de acollida para elas, Urania House. E tamén logrou que se producisen cambios lexislativos fundamentais a prol dos dereitos dos traballadores e da protección da infancia, mesmo que se construíse o primeiro hospital para menores do Reino Unido, o Great Ormond Street Hospital de Londres.

Curiosamente, esta exemplar adhesión á causa dos máis desfavorecidos contrasta co capricho de Fortuna, que fixo que ao morrer o 9 de xuño de 1870 deixase en herdanza aos seus fillos a mareante cifra de oito millóns trescentas mil libras. Tal abastanza explícase polo enorme éxito editorial das súas obras, que o fixeron tremendamente popular, ata o punto de que as entregas das súas novelas —pois publicábanse en folletíns na prensa— fosen agardadas con desesperante impaciencia. Cóntase que en Estados Unidos as xentes agardaban a chegada dos barcos da Gran Bretaña para preguntarlles aos pasaxeiros qué ocorrera con tal ou cal personaxe. Non importa que moitos deles non soubesen ler: reunían como podían os cartos necesarios para comprar o xornal e que alguén llelo lese para coñecer qué acontecía cos hoxe inmortais Fagin, Mrs. Gamp, Nell Trent, David Copperfield, Charles Darnay, Oliver Twist, Micawber, Pecksniff, Miss Havisham ou Wackford Squeers.

A influencia e consideración da obra de Charles Dickens é extraordinaria. Chesterton considerábao inigualable. Thomas Hardy respectábao como un mestre e nos nosos días Siri Hustvedt, Tom Wolfe ou John Irving recoñéceno como un referente. O seu legado cultural é enorme e dende 1902 existe incluso un selecto club literario chamado The Dickens Fellowship no que estudosos e seguidores se reúnen para discutir aspectos e cuestións da súa vida e obra.

Dickens cativou por igual a poderosos e humildes. A raíña Vitoria, que o recibiu en audiencia privada, era fan súa e quixo facelo sir, pero el estaba coas clases populares das que proviña, que lle agradeceron sempre que retratase as súas inhumanas condicións de vida sen edulcoralas e clamando pola súa mellora.

Está enterrado na Abadía de Westminster, no lugar coñecido como Recanto dos Poetas, a carón de Chaucer, Spenser, Browning, Hardy, Kipling ou Tennyson, aínda que el deixou dito que prefería que o soterrasen cunha cerimonia discreta na catedral de Rochester. Talvez por iso circulou á súa morte un epitafio impreso que dicía del que fora “simpatizante do pobre, do miserable, e do oprimido”. Son razóns máis que suficientes para explicar por que aínda hoxe centos de persoas peregrinan ao 48 de Doughty Street en Londres para presentarlle os seus respectos diante da que fora a súa casa durante anos, a mesma admiración que anima estas liñas para lembralo no seu sesquicentenario.

[Faro de Vigo, 18-6-2020]

Muiñeiro fidel

Xosé Díaz Jácome

Tal día coma hoxe, hai cento dez anos, nacía o poeta e xornalista mindoniense Xosé Díaz Jácome, unha das personalidades literarias e culturais máis destacadas do pasado século.

Dende moi novo formou parte de plataformas creativas que son hoxe historia da nosa literatura. Poño por caso: a célebre Oficina Lírica do Leste Galego, que capitaneaba na súa cidade natal o seu íntimo amigo Álvaro Cunqueiro, acompañado doutros nomes maiores das nosas letras, como Aquilino Iglesia Alvariño, e da nosa ilustración, como Bernardino Vidarte. Foi no seo desta factoría literaria onde agromou a súa primeira obra, a plaquette Primeiras cantigas do amor (1936), que o confirmou como unha das voces referenciais do neotrobadorismo de Preguerra.

Tras o conflito armado intensificou o seu labor como xornalista e en 1939 marchou a Pamplona para traballar en El Pensamiento Navarro, do que chegou a ser redactor xefe. Alí participou tamén doutras importantes iniciativas publicistas, creando e dirixindo a Colección Albor, na que deron algúns dos seus primeiros pasos poetas casteláns como Blas de Otero ou Luis López Anglada e onde tamén participaron autores galegos como Xosé Filgueira Valverde ou Dionisio Gamallo Fierros.

En 1949 regresou a Galicia para incorporarse ao equipo do Faro de Vigo, onde foi durante anos redactor xefe, ata que en 1963 marchou a Oviedo dirixir La Voz de Asturias, no que se xubilou en 1983.

portada xdjPolo camiño deu á luz Pombal (1963), talvez o seu poemario máis coñecido, e xa nos últimos anos Muíño fidel (1983), co que pechaba unha sobranceira andaina lírica que se estendeu ao longo de máis de medio século.

Poeta por veces neopopularista, outras neovirxilianista, saudosista, neorromántico e mesmo modernista, tamén, como se dixo, neotrobadorista e ata puntualmente creacionista, a escrita elexíaca, paisaxista, festiva, celebrativa, natalicia e mesmo social e antropolóxica de Díaz Jácome evidencia a pluralidade dos rexistros que dominou e a súa admirable capacidade para nutrirse das estéticas coas que conviviu.

Como xornalista, amais da innegable calidade dos seus artigos, entrevistas e reportaxes, xogou un papel transcendental posibilitando que moitas grandes plumas da literatura galega do seu tempo puidesen ver impresos os seus textos na prensa diaria. Grazas a Díaz Jácome escritores como Vicente Risco, Cunqueiro ou Xosé María Díaz Castro publicaron en El Pensamiento Navarro e son innúmeros os autores que entre 1949 e 1963 entregaron textos para o Faro de Vigo que el axudou a dar á luz.

Este inxente labor foille recompensado en vida con diversas distincións e recoñecementos, como o nomeamento como membro correspondente da Real Academia Galega en 1967, a declaración de Fillo Predilecto de Mondoñedo en 1973, a designación de Cronista Oficial da cidade en 1981 (cargo no que sucedeu ao seu fraternal amigo Álvaro Cunqueiro), o Premio Lucense do Ano de 1988 ou a Medalla Castelao de 1995, entre outros.

portada versos fideisNa súa cidade natal hónrase a súa memoria convocando o Premio Xosé Díaz Jácome para Novos Creadores, que xa superou as dúas décadas de vida e constitúe unha referencia canónica no eido da nosa poesía máis nova, como demostra o recente volume compilatorio Versos fideis (2019), preparado por Belén Bouzas Gorgal e servidor e publicado polo concello organizador.

Doutra parte, estudosos e investigadores analizan e escolman os seus textos adoito, actualizando a súa figura e poñéndoa en valor, tal como esta mesma semana facía o tamén mestre de periodistas Xosé de Cora na súa columna de El Progreso.

Convén regresar aos clásicos, aprender do seu exemplo e estimar o moito que nos ensinaron e nos legaron. A Xosé Díaz Jácome non lle agradeceremos nunca o suficiente a súa entrega á causa do xornalismo e da poesía galegas, mais tampouco que sementase tanto amor por Galicia e a súa cultura aos que tivo máis de preto, como o seu fillo Juan Ramón Díaz, outro dos grandes entre os grandes do noso periodismo. Neste día do seu aniversario ben esta que un vagalume de lembranza gratulatoria voe ata o Ceo das Letras Galegas para lle dicir que si, que viven en nós as cantigas do amor, que o pombal está cheo de vida alada e que sempre haberá muiñeiros fieis á causa da terra, da lingua e da escrita de nós.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 19-4-2020]

Titán Asimov

Faro de Vigo (Isaac Asimov, 16-1-2020)Hai agora cen anos veu ao mundo un dos máis grandes escritores de ciencia ficción de todos os tempos: Isaac Asimov (1920-1992). Considerado unanimemente un mestre da ficción científica, o seu nome figura en letras de ouro no firmamento da escrita deste xénero, sendo a súa influencia socioliteraria, tanto en vida como despois, enorme.

Confésome lector fan de Asimov dende adolescente. O primeiro libro seu do que teño memoria foi a primeira das entregas da Saga da Fundación ou Ciclo de Trántor, a novela Fundación, que el publicara en 1951 e eu lin nunha tradución de peto da vella editorial catalá Bruguera a comezos de 1985. Tiña trece anos e aínda conservo o exemplar, castigado polo paso do tempo e despegado do lombo, que non resistiu polos deficientes encolados fresados da edición barateira.

Seguro que non foi demasiado o que aprendín de Asimov e o seu mundo naquela primeira lectura, abondo temperá. Recordo, si, a absoluta fascinación que causou en min, o que me lanzou a procurar todo canto libro fun quen de atopar del e que mercaba na desaparecida Librería Alvite en Mondoñedo, pé da estatua que na Praza da Catedral ten hoxe Álvaro Cunqueiro.

Así fun lendo, con avidez, as restantes entregas da Saga: Fundación e Imperio e Segunda Fundación. E logo os volumes cos que a expandiu: Os límites da Fundación, Fundación e Terra, Preludio á Fundación e Cara á Fundación (estes xa en Plaza & Janés). A eles foron sumándose outras lecturas anarquicamente: A fin da eternidade, O sol espido, Os propios deuses e, xaora, varios dos volumes da Serie dos Robots, entre eles o famoso Eu, robot.

Para min Asimov constitúe, xunto a Robert Heinlein, Phillip K. Dick, Arthur C. Clarke e Stanislaw Lem, o meu particular olimpo da ciencia ficción, por iso ao longo dos anos continuei a lelo como narrador e non só, pois ben pronto me interesou como divulgador científico e recoñezo que aprendín a través del, e do tamén inmenso ensaísta e divulgador Carl Sagan, moito do pouco que sei dalgunhas cuestións astrofísicas, bioquímicas e de ciencia en xeral. A través desas lecturas, procurando aquí e acolá información del nas lapelas, en entrevistas e artigos que o presentaban, fun saciando a sede por saber máis deste xenio case sobrehumano —e isto literalmente, pois foi vicepresidente da MENSA e posuía un coeficiente de 160, o mesmo que tiñan Einstein e Hawking— e descubrín que a súa peripecia vital e intelectual fora, tamén ela, toda unha novela.

Nacera en Rusia, no seu dunha familia ben humilde, que emigrou ao barrio neoiorquino de Brooklyn cando el apenas tiña tres anos. Foi un neno pouco sociable, que padecía claustrofilia e non se entendía ben cos outros rapaces da súa idade, polo que pasaba o tempo no pequeno quiosco de chuches e xornais do pai, devorando fancines varios e moitos pulps. Xa rapaz, refuxiouse no estudo e fíxose bioquímico na Universidade de Columbia, da que chegou despois a ser profesor, como o foi tamén co tempo, vía doutorado honoris causa, doutras catorce universidades.

A obra de Asimov confírmao coma auténtico titán literario: medio milleiro de libros que abranguen non só todas as derivacións imaxinables da ciencia ficción, senón tamén a historia sobre os imperios romano, grego e exipcio, a análise da Biblia e mesmo estudos poéticos ou sobre a obra de Shakespeare, por non falar dos seus escritos de divulgación científica, nos que se ocupou de millenta asuntos, igual temas ecolóxicos que da carreira espacial, astronómicos ou físicos, químicos ou antropolóxicos. Todo este inxente labor, amais do seu epistolario e outra documentación, consérvase hoxe na Biblioteca Mugar Memorial da Universidade de Boston en 464 caixas que ocupan a mareante cifra de máis de 70 metros de andeis.

Como comezou ben novo a publicar —deulle a primeira oportunidade con dezanove anos John W. Campbell, editor da mítica revista Astounding, onde tamén participaron outros clásicos como Heinlein ou Hubbard— a súa obra pasou moi diversas fases que, de xeito resumido, poden concretarse en tres momentos: dende os inicios ata os anos cincuenta (é o tempo dos seus primeiros relatos de ficción científica, que inclúen as entregas base da Saga da Fundación e tamén novelas como As bóvedas de aceiro —traducido ao galego por Alejandro Tobar para Hugin e Munin— ou A fin da eternidade e O sol espido); un segundo período que se estende entre os anos sesenta e os comezos dos oitenta (centrado na escrita ensaística, aínda que tamén publicou Os propios deuses ou Asasinato na convención); e unha última etapa xa nos anos oitenta e primeiros noventa, na que regresou con forza á ficción sen abandonar o ensaísmo.

Toda esta inxente e abraiante produción fíxolle ganar unha chea de premios Hugo (o chamado Nobel da Ciencia Ficción) e tamén que moita da súa escrita, case me atrevería a dicir que en non poucos sentidos visionaria, ficase xa como argumento de autoridade. Tanto é así que o Oxford English Dictionary lle atribúe a creación de tres termos: robotics, positronic e psychohistory. Mais tamén é recoñecido que foi dos primeiros en falar da realidades case soñadas no pasado que no presente son realidades, como as estacións espaciais, a extensión da información en Rede a través dos ordenadores ou os teléfonos intelixentes.

Hoxe Asimov é unha figura coñecida e admirada non só para os que amamos a súa escrita, sobre todo a partir da adaptación cinematográfica desta en filmes como Eu, robot (versionada no 2004 por Alex Proyas con Will Smith como protagonista) ou O home bicentenario (adaptada en 1999 por Chris Columbus e protagonizada por Robin Williams)

Isaac Asimov, cen anos despois do seu nacemento, é xa un corpo celeste inmorredoiro. E isto literaria e literalmente, pois existe un asteroide chamado 5020 Asimov e un cráter de Marte leva o seu nome. Non sei se o atoparemos á fin da eternidade, mais para algúns de nós está xa entre os propios deuses.

[Faro de Vigo, 16-1-2020]

No bicentenario de George Eliot

george-eliot

En apenas unhas horas chegaremos ao bicentenario do nacemento dunha das escritoras máis importantes en lingua inglesa: Mary Anne Evans, máis coñecida polo nome literario de George Eliot.

Nacida o 22 de novembro de 1819 en Nuneaton, unha pequena localidade do condado de Warwick, nas Midlands inglesas, pertencía a unha familia acomodada que pronto descubriu nela un intelixencia admirable e unha curiosidade excepcional. Sendo aínda nena declamaba con soltura A tempestade de Shakespeare ou O paraíso perdido de Milton e lía todo canto libro se lle cruzaba no camiño, o que decidiu a seus pais a darlle unha formación nas escolas anglicanas e evanxélicas da bisbarra.

Medrou frecuentando os faladoiros de Charlas Bray en Coventry, onde departía con importantes pensadores da época. Por ese tempo leu e traduciu a Ética de Spinoza e tamén a filosofía hegeliana de David Strauss e Ludwig Feuerbach.

Ao morrer seu pai, en 1849 (súa nai falecera cando ela tiña tan só dezaseis anos), iniciou unha viaxe por Europa da que regresou decidida a principiar a súa vida como escritora e comezou a escribir recensións para a Westminster Review (na que chegou a ser subdirectora) e a publicar relatos longos para o Blackwood’s Magazine que logo reuniu no libro Escenas da vida clerical (1858). Mais foi ao ano seguinte, coa publicación da novela Adam Bede, cando saltou á fama, iniciando un camiño de inmenso recoñecemento popular que a levou a ser unha das autoras máis lidas do seu tempo.

Tras aquelas primeiras obras virían textos como O veo alzado (1859), O muíño onda o Floss (1860), Silas Marner (1861), Romola (1862), Felix Holt, o radical (1866), Middlemarch (1871) ou Daniel Deronda (1876), aínda que tamén publicou poesía, tradución e algúns ensaios breves antes da súa morte, acaecida o 22 de decembro de 1880 en Londres.

Eliot, quen asinaba con nome masculino para evitar os prexuízos de xénero e separar a súa vida privada da pública (vivía en parella co filósofo, científico e xornalista George Henry Lewes, home casado e con fillos que tiña un matrimonio aberto coa súa esposa Agnes Jervis), é a mellor representante da novela realista psicolóxica do XIX inglés. Imitada por Meredith e polo primeiro Thomas Hardy, de grande influencia na escrita de Proust (que a admiraba en extremo), do personaxe protagonista da súa primeira novela chegou a dicir Dickens que a súa caracterización era tan extraordinariamente sutil e auténtica que lle fixera pechar os ollos cincuenta veces para reflexionar sobre ela.

Aínda que toda a súa obra é sobresaliente, non cabe dúbida de que os títulos que a converteron nun mito literario foron O muíño onda o Floss e, sobre todo, Middlemarch. Esta última fascinou a Simone de Beavoir e a Virginia Woolf, quen aseguraba que era “unha das poucas novelas escritas para xente adulta”.

A mesma admiración causou no difícil Henry James, quen recoñecía o seu talento ao tempo que amosaba a súa perplexidade por certa apostas narrativas, e nos nosos días téñena confirmado no centro do canon occidental críticos como o hai pouco desaparecido Harold Bloom ou escritores como Martin Amis ou Julian Barnes, quen consideran Middlemarch como a mellor novela escrita nunca en inglés. Mesmo nunha enquisa do 2015 promovida pola BBC entre máis de oitenta críticos de todo o mundo foi escollida esta novela como a mellor de todos os tempos das publicadas neste idioma.

Xunto ás irmás Brontë e Jane Austen, o olimpo da escrita de muller do XIX inglés está reservado para a inmensa George Eliot, popular coma ningunha, pois as súas obras vían a luz por entregas nos xornais, que pagaban por elas cifras astronómicas para contentar aos milleiros de lectores que as seguían con fruición. As súas poderosas protagonistas, a capacidade de descrición psicosocial das súas obras e a extraordinaria fluidez e precisión da súa prosa fan dela unha escritora irrepetible, que marcou toda unha época e que hoxe, dous séculos despois do seu nacemento, segue a abraiarnos.

Entre veos e teceláns

Como non podía ser doutra maneira tratándose dunha grande entre as grandes, a obra de George Eliot foi traducida ao galego en diversas ocasións. Velaí o seu Silas Marner, o tecelán de Raveloe, vertido á nosa lingua no 2016 por Celia Recarey para Irmás Cartoné. Ou a versión que este mesmo ano publicou Alejandro Tobar da súa novela curta O veo alzado para Hugin e Munin, sen esquecer o imprescindible artigo “I Grant You Ample Leave/ Concédoche ampla licenza e de Daniel Deronda” que lle dedicou a profesora María José Lorenzo Modia no modélico volume No tempo de ‘Follas novas’ (2015) dirixido pola tamén profesora e ensaísta María Pilar García Negro, onde traduce un referencial poema seu e un fragmento da memorable Daniel Deronda de especial significación en clave xenérica.

[Faro de Vigo, 21-11-2019]