Pedra solar, rosa púrpura

El Progreso 21-4-2020

Marchou para a outra beira Luz Pozo Garza. Luz na Luz. A ave do Norte que regresa aos Portos Luminosos. Ela, que era “rosa branca en pureza pura rosa/ vermella emocionada dúctil rosa”.

Partiu, mais deixounos a memoria e o exemplo de quen amou “a luz que modifica a doutrina dos astros/ a total curvatura que dá unidade ás formas”. Por iso o seu legado é inmorredoiro. Por iso é a gran matriarca da poesía galega do século XX.

A súa voz atravesou un século. Dende a aparición de Ánfora (1949) ata o testamentario Pazo de Tor (2018), sete décadas de poesía a contemplan. Unha obra titánica, feraz, múltiple, que nos legou títulos que son xa clásicos das nosas letras e cos que aprendemos o que di O paxaro na boca (1952), a azougue das últimas palabras/ verbas derradeiras (1976), a luz áurea do Concerto de Outono (1981), o vitalismo esencial do Códice Calixtino (1986), os soños viaxeiros de Prometo a flor de loto (1992), a homenaxe íntima da Vida secreta de Rosalía (1996), a raíz nordestina de As arpas de Iwerddon (2005), o gozo de As vodas palatinas (2005), o imo que clama con Medea en Corinto (2003), a lección para Deter o día cunha flor (2009), o simbolismo visionario da Rosa tántrica (2016) e a viaxe ab initio do Pazo de Tor (2018).

Teño escrito algunha vez que a poesía de Luz Pozo Garza é toda ela unha fulguración solar de tantra e música das esferas, unha explosión púrpura que dimana da perfección do loto e a cifra dun códice fidelísimo. Unha obra sincrética, na que acrisolan tradicións e poéticas millenta, delicada fibra que encorda e deita a súa música espiritual en innúmeras modulacións, ora de enlevación oracular, ora extática, por veces mística e outras ascética, pitagórica e sufí, órfica e alquímica. Versos que entrecosen música e cinema, danza e pintura nun labirinto no que conviven as albas e cantigas de amigo medievais coas elexías e os poemas de superior erotismo, estética radiante que se configura como ontoloxía propia, enunciación de toda unha metafísica de lindeiros poéticos e espirituais: “Eu quixen contemplar a miña flor de loto/ e indaguei no vacío das cousas infinitas/ e daquela advertín unha luz/ que escribía no ser/ sen palabras sen sombras/ naquel fulgor inmóbil e dicía:/ Todo é un indiviso/ como a alma e a vida/ E ti es pedra solar/ e rosa púrpura/ muller de ser e tempo”.

Porque Luz foi a flor de loto, o amor tántrico, a rosa púrpura, a ánima indivisa, a pedra solar, a ave libérrima, a fonte inesgotable, as historias fidelísimas, a música reservada e os espellos transferidos de Tor.

Escribo estas liñas cos libros de Luz Pozo Garza riba da mesa e unha das nosas últimas fotos xuntos a carón do teclado. Abro un poemario e leo na súa letra de perfecta moldura: “Para o moi querido amigo Armando, sempre armando felicidade ao seu redor, sempre facendo simpatía e amor por onde camiña. Con apertas mil da vella amiga Luz”. Doe o peito e lembro aqueles versos que ela escribiu para alguén benamado e que agora quero eu dicirlle: “Vin de chorar o día da túa morte/ era luns e chovía/ pasaba unha gacela polo bosque/ mais a brétema mesta escurecía…/ abatíanse os astros/ nun crepúsculo insomne/ e un paxaro trilaba o carpe diem/ mais eu nin escoitaba nin oía/ pois viña dos espazos conmovidos/ un coro mesmo onírico/ desorbitando lirios e camelias”. Vai con ben, miña amiga. Xa es toda fulgor de diamante, mito que nos acompañará e nos guiará por sempre.

[El Progreso, 21-4-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s