Serenidade

Nordesía (Miguel Sande, 12-1-2020)Miguel Sande é un autor ben versátil, ao que non se lle resiste ningún eido ficcional. Ao longo da súa xa dilatada andaina como autor cultivou por igual a narración longa e o relato curto, mais tamén a poesía e o teatro, escrita que compaxina coa súa faceta xornalística. Este seu amplo e variado labor foi recoñecido en múltiples ocasións, a máis recente a concesión do Premio de Poesía Afundación por Os filósofos xa non brindan con cicuta, obra na que quero agora quero determe.

Os versos de Sande neste libro son o resultado da contemplación dos seres e circunstancias dende a madurez vital. A memoria do camiño andado, a consideración serena do presente e a reflexión sobre o oficio da escrita van trenzando unha poética da comprensión profunda da existencia, que acepta o pasar do tempo que vence os días, pero non renuncia á esperanza do que está por vir.

Dividido en tres grande bloques, o poemario intérnase por igual na desmemoria dos anciáns e no necesario pulo mozo vencedor de calquera obstáculo, no recordo da casa patrucial castigada polo abandono e na plenitude dos instantes iluminados no ruar diario. É, pois, unha escrita que procura máis a reconciliación co ser que flúe que un cismar sobre os motivos ou razóns deste. Todo é diáfano e a transparencia do alentar traspasa cada imaxe: a chuvia que cae incesante durante as viaxes nocturnas en automóbil, as novas tristes que asolagan os periódicos, a loucura imparable dos botellóns.

A primeira das seccións, que dá título ao propio libro, reúne poemas en prosa nos que as lideiras da lembranza se fan máis notorias, sobre todo pola constatación da perda presente: “o corpo comezou xa a ser deserto” e a memoria vólvese unha “estación branca como a negación”. O ilusorio rodéao todo, por iso “a felicidade nas redes sociais ten as cores xiratorias”, que son puro espellismo para quen xa se ve nun “pechar as pálpebras de estatua; un ricto frío, imperceptible, de estatua; a pel dura, con fungos, de estatua; como nunha estatua, a mesma confusión entre unha lágrima e as pingaradas da poalla. Vello”.

O segundo dos apartados confórmano os “Poemas para un estudante (de grao) desesperado”. Son, como o título amosa, textos con destinatario, o dicir sabio da madurez que aconsella á mocidade inconstante cominándoa ao carpe diem: “Celébraa, a vida, prégocho (…) Esparexe, coma cinza, ese silencio en po de laboratorio e vívea, celébraa; esquece debaixo desas horas de máis neve os cen mil incendios que creas ver e, prego —que nunca o tempo pase coma por riba dun morto—, berra”.

Finalmente, a sección “Escoita, teño xa unha idade”, a única que non se serve do poema en prosa, regresa á aceptación dos anos transcorridos, da madurez grave que ve con temperanza e alleamento a vertixe da estrada, o balbordo das macrofestas e o imperio dos encontros de fast food, todo vaporizado con reveladoras intertextualidades literarias e enérxicas referencias musicais.

Os filósofos xa non brindan con cicuta anuncia dende o propio título a súa cosmovisión: somos nun tempo no que as heroicidades e o feitos transcendentes constitúen a excepción e o nada anulador mina as horas e os minutos, polo que o cometido do poeta é advertir da monotonía dos días e aprendernos a vivir, con intensidade inusitada, os pequenos vagalumes que os aluman.

Serenidade, beleza e gravidade agardan por nós neste poemario de Miguel Sande, escrita calma que permanece.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 12-1-2020]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s