Entre dous mundos

Nordesía (Pura Salceda, 8-12-2019)Hai artistas que son unha ponte entre mundos, unha porta a unha nova dimensión que nos leva a espazos creativos, idiomáticos e identitarios definitivamente singulares. É o caso de Pura Salceda, nacida na emigración mexicana, medrada e asentada en Catalunya, mais de ascendencia e adhesión galega. Ela é, en por si, un corazón hibridado no sentir e no vivir, que espella nunha escrita necesariamente múltiple, mestiza e plural.

Así acontece tamén na súa máis recente novela, O paxaro de nácara (Galaxia), que vén unirse a outros títulos publicados na nosa lingua pola autora, como os poemarios A ollada de Astarté (2016) e Dous corpos nus, espíndose (2016), este último en parcería co portugués Casimiro de Brito.

O paxaro de nácara é unha novela matrioska, un artefacto literario polimorfo que participa por igual da novela de investigación e descuberta, da novela amorosa, da novela social, da novela epocal e mesmo da novela saga. Todas estas fías trénzanse nunha única tanza para compoñer un retrato da Galicia da Terra e da Galicia Emigrante dende os ollos dunha muller que vive os dous mundos na súa condición de filla de emigrantes que regresa aos eidos familiares de orixe.

En esencia, O paxaro de nácara é a historia de Nélida (en moitos sentidos un álter ego da propia Pura), editorialista barcelonesa que se ve impelida a volver á parroquia de Féas, no Concello de Boborás, para asistir ao funeral da avoa Delmira. No seu regreso atópase con Elías, un amor de mocidade que non puido ser cando el emigrou a México DF. Esa fortuíta coincidencia fará renacer neles a paixón amorosa que vivirán intensamente. No curso desta relación irán investigando nos seus pasados familiares ata descubrir escuros sucesos que as súas xentes viviron na emigración mexicana e que teñen que ver coa morte de Gonzalo (un tío de Nélida) e de Nora (unha moza filla duns caciques locais). Mais no curso das súas pescudas Nélida e Elías traerán á luz moito máis: unha fervenza de traizóns, mortes, amores delituosos, abusos, falsidades e enfermizas relacións que desatarán unha espiral de dor e ocultamentos que se estenden ata o presente.

Todo este relato chega a nós a través dunha poderosa narración en primeira persoa que ten nos abundantes diálogos da obra o seu mellor aliado: parlamentos faiscantes, cheos de dobres intencións, moi áxiles e perfectamente trabados, que se complementan de xeito idóneo co fluír principal da historia e a súa trama investigadora, guiada por esa voz omnisciente culta que incorpora ao seu dicir numerosas alusións ao universo do literario, o musical, o cinematográfico ou o pictórico que axudan a caracterizar con moito ben personaxes, lugares e tempos.

Agora ben, O paxaro de nácara é todo iso e é moito máis. Hai nesta novela unha lectura que nos leva a defrontarnos con preguntas abondo transcendentes; poño por caso: cal é a identidade última deses seres de fronteira que son os emigrantes?; como se fixeron as vidas e fortunas dalgúns dos nosos que marcharon para alleas terras?; cal é a integración da realidade emigrante na sociedade galega en xeral e na rural en particular?; ata que punto os nosos emigrantes conservan os sinais inequívocos da súa cultura orixinaria, incluído o idioma?; produciuse unha axeitada transmisión do herdo galego de pais a fillos no mundo da emigración?; e xa noutra orde de cousas: os amores que a emigración esfarela, fenecen para sempre?; cal é a vida dos amores crepusculares, por definición, e dos amores outonizos que teñen a súa raiceira na mocidade, en concreto?

Novela homenaxe á heroica xeración emigrante de Posguerra que, como a dos pais da propia autora, marchou de Galicia pero seguiu sempre a vivir nela no seu imo, O paxaro de nácara é un canto a esa posible ponte entre xentes e pobos, entre modos de entender a existencia que son, á fin, maneiras complementarias e igualmente valiosas de ollar a fascinante, multiforme e irredutible marabilla que é a realidade humana.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 8-12-2019]

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s