Narrativa mortal

Con 1980 (ano cero) o vigués Rubén Martínez Alonso bota a andar polos intricados vieiros da narrativa galega.

A de Martínez Alonso é novela psicolóxica de moito lastre, cargueiros enteiros de reflexións sobre a vida e a morte —principalmente a morte—, sobre o sentido da existencia e, antes de cousa ningunha, sobre o suicidio, verdadeira trabe mestra da historia que se presenta.

O mozo protagonista, recluído nun psiquiátrico, pasa revista aos feitos traumáticos que pexaron os seus días, á infancia de abafantes clases de natación e os (des)amores xuvenís, un tempo que se sente asemade arredado e próximo.

E velaí outra das pretensións da novela, a procura dun non lugar e un non tempo ou, se se quer mellor, unha intersección atemporal e atópica de eternidade deslocalizada, alucinada obsesión do doído protagonista.

Tripando motivos e recursos abondo coñecidos, a escrita de Rubén Martínez Alonso convida á introspección epifánica e a iluminación polo pensamento, tantas veces lindeiro coa loucura.

4 opinións sobre “Narrativa mortal

  1. ¡Rubén Martínez Alonso e un escritor que so necesita un pequeno padriño para que o presente na sociedade con exceso de información.
    Non precisa de que o gaben pois o seu relato e tan orixinal que non precisa de publicidade ningunha. So ai que saber entender o que é a realidade da vida e da morte…
    1980 (ano cero), unha excelencia que non está a altura de calquer inverbe na letura.

    Gústame

  2. Considero que é unha mestura entre novela e ensaio, pois a reflexión sobre a morte é continua, amosando folla a folla a súa postura cara á mesma. Eu considéroa unha verdadeira obra maestra.

    Gústame

  3. Considero que é unha mistura entre novela e ensaio, pois a reflexión sobre a morte é continúa amosandoa folla a folla. A calidade literaria e innegable convidando constantemente a replantexarnos moitos aspectos da nosa existencia, obrigandonos a cavilar en cada pausa. O modo de redacción, a esmiuzada descrición de espazos e personaxes permiten ubicarnos facilmente na correspondente atmósfera, arrepiante na maioría das ocasións, e coñecer a perfección os distintos trazos da personalidade de cada un dos seres que percorren a obra.

    Gústame

Os comentarios están pechados.