A maxia da vida

Nordesía (Euloxío R. Ruibal, 18-3-2018)Escribo este comentario o venres dezaseis, dous días antes de que ti o leas, xusto na xornada na que hai exactamente setenta e tres anos viña ao mundo un dos nosos máis grandes dramaturgos contemporáneos e unha das voces referenciais da literatura galega das últimas décadas: Euloxio R. Ruibal.

Por tanto, esta de hoxe é unha escrita de celebración, propiamente de concelebración, unha escrita aniversaria, se se me permite a torsión da linguaxe. Porque cómpre festexar, e por todo o alto, que un autor da veteranía e traxectoria de Ruibal non perdese de man o neno que naceu en Ordes e foi rillote polas rúas da Compostela de Posguerra. Ese rapazolo é o que alenta no espírito de Formigas, risas, flores e dinosauros, o volume de relatos para público infantil (e non só) que agora asina para a Colección Árbore de Galaxia esoutro neno medrado que tantos admiramos como creador.

Catro contos de imaxinación gurgullante, inzados de sucesos extraordinarios e protagonistas humanos, animais e mesmo vexetais, todo un festival de fantasía, maxia e beleza que recupera para o lectorado o san costume de soñar e ilusionarse.

No primeiro destes relatos, “A formiga revirada”, alegorízase verbo dos conflitos entre grupos de seres, as dificultades de convivencia entre razas diversas, o medo ao outro descoñecido e a imposición dos usos e costumes propios con desprezo dos que son diferentes. Mais a ensinanza final quere afirmar o valor da amizade, a capacidade de superación das dificultades e, tamén si, a melancolía polas lembranzas felices, que viven en nós e, por iso mesmo, nunca acaban de desaparecer.

“O xardín de Claudia”, o segundo destes contos, está protagonizado por unha flor do xardín da nena Claudia, que comeza sendo unha petalocaída, talofláccida e visomurcha (volvo aquí ousar nos neoloxismos, non teño remedio), mais que co pasar do tempo, como o parruliño feo, acaba por ser unha fermosísima flor, por máis sinais meteoróloga e, polo mesmo, moi querida da veciñanza que con ela se aconsella para saber do tempo vindeiro e dos seus consellos. Unha outra parábola, por tanto, a propósito da vontade de superación, da necesidade imperiosa de confiar nun futuro mellor e en que todos levamos dentro un ánima que desexa florir para marabilla do universo orbe.

Formigas, risas, flores e dinosaurosDa súa parte, “Unha triste perda” preséntanos o neno Chinto, andareiro e xogantín, desexoso de que seus pais lle merquen unha bici coa que soña día si e día tamén, pero que non acaba de chegar, o que remata por provocar que enferme dun mal insólito: perde o riso, irremediable, abraiante e absolutamente, ata o punto de que nin galenos experimentados nin profesionais do humor son quen de llo volver, só o agarimo de seus pais atendendo a súa ilusión coa compra da ansiada bicicleta consegue facer que a gargallada regrese á súa face. Como se bota a ver, unha outra narración gnómica para nos ensinar o valor das ilusións miúdas, do aloumiño e a complicidade necesaria dos que nos coidan, que deben entender que unha esperanza lexítima non pode negarse.

Por remate, “Santi e mais Iago” é un contosauro, unha dinonarración ou xurasirrelato no que o cativiño Santi atopa un día unha cría de dinosauro coa que amiga e á que bautiza como Iago, mellor aínda, como Iagosauro, pois da contorna dos montes composteláns provén tan xigantesco compañeiro que acaba por se revelar un xeneroso protector dos humanos cos que vive, receosos de primeiras da fiabilidade daquel xigantón, agradecidos despois pola súa bondade e limpidez de corazón. Como pode comprobarse, outra volta unha historia que nos aprende o valor da amizade, a necesidade de erradicar os prexuízos e a superación dos mesmos co coñecemento e o espírito de convivencia.

Contados coa elaborada inxeleza que acae a quen sabe que o seu auditorio non debe empecer nos barroquismos da lectura pero ha agradecer o meco en cada reviravolta da palabra, estes relatos teñen o tempero ideal nas descricións, o pulso firme do áxil progresar da trama e, sobre todo, a viveza teatral dos diálogos, tan faiscantes, decote acaídos.

Poida que haxa aínda quen precise dun último empurrón para se animar a este Formigas, risas, flores e dinosauros. Velaí: convén saber que o autor se veu acompañado na súa aventura creativa por Gloria García Iglesias, quen deseñou para estas historias unhas ilustracións ben atractivas, que din en imaxes o que as palabras comunican e que, por veces, incluso van alén e fantasean detalles que moi ben din a carón do relato.

Señor Euloxio R. Ruibal, que sexan parabéns polos seus anos e polas súas Formigas, risas, flores e dinosauros, que veñan moitas outras xeiras e que nos sigan traendo fermosuras coma esta, porque os corazóns nenos non queremos que remate a maxia que nos ensina a vida.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 18-3-2018]

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s