Intrigas no Gran Hotel

as escaleiras do gran hotelAs escaleiras do Gran Hotel é a novela coa que o vigués Rubén Martínez Alonso se fixo co último Premio Risco de Creación Literaria convocado polo Concello de Ourense e editado por Sotelo Blanco Edicións na súa colección Medusa.

Relato de sámago histórico e cerna de thriller, As escaleiras do Gran Hotel sitúanos nos tolos anos vinte nun escenario moi particular: o afamado Gran Hotel Balneario de Mondariz, espazo de glamour e altos voos no que cruzan os seus camiños diversos personaxes para vivir unha aventura inesperada na que teñen moito que ver dous intrépidos rapaces (mozo e moza) e un posible atentado a un visitante ilustre e, polo mesmo, a Xefatura do Goberno da España riveirista.

Polo medio, descricións da luxosos salóns, diálogos galantes, investigacións detectivescas e todo orlado por unha atmosfera aristocrática na que os sucesos se deslizan entre sedas e horas do té e o amor latexa nas olladas.

ruben martinez alonsoNarrada con firme pulso, perfectamente ambientada e ben suxestiva nas escenas e episodios relatados, As escaleiras do Gran Hotel é tamén unha interesante reflexión sobre a importancia decisiva que as persoas do común teñen tantas veces nos grandes devires históricos e como as fronteiras sociais poden, e deben, permear nun continuo retroalimentar as súas circunstancias.

Interesante aposta esta novela de Martínez Alonso, quen devagariño vai construíndo un territorio autorial propio no que xa anteriores títulos de mérito como 1980 (ano cero) ou A saudade do caracol e que con este As escaleiras do Gran Hotel anchea e colle pulo.

Unha opinión sobre “Intrigas no Gran Hotel

  1. Estou muito mais de acordo con este home que con a outra muller (feminista do carallo). Aí está o ‘1980 ano cero’! Mui complicado o vai ter Rubén para superalo… Ese si que merecía un premio, non o Risco senón, a lo menos o Cervantes…

    Gústame

Os comentarios están pechados.