A escrita preternatural de Agustín Fernández Paz

Entre as moitas mestrías que a escrita de Agustín Fernández Paz atesoura a de ser quen de relatar coa maior brillantez literaria posible estarrecedoras historias de medo non é a menor. A súa traxectoria está chea de textos onde, a carón da aventura, a intriga e o misterio, o elemento terrorífico sobrancea e mesmo en ocasións adquire rango protagónico.

Así acontece nos contos dos seu máis recente libro, As fronteiras do medo, notable volume no que o vilalbés pon por xunto media ducia de narracións nas que o medo, a angustia e o sinistro señorean as páxinas.

O sobrenatural, o maligno, o mundo de ultratumba e, en xeral, todo aquilo que escapa á lóxica do real empírico para aventurarse no territorio do descoñecido ou alleo son as fías coas que Fernández Paz tece aquí as súas historias.

E cómpre dicir que o fai asimilando e posprocesando materiais base tanto de tradición literaria escrita coma oral ben coñecidos da cultura occidental, que nestas seis historias comparecen homenaxeados en forma de citas explícitas, implícitas e na reescrita de motivos e topoi caros aos grandes mestres do xénero dos últimos dous séculos.

Quen se atreva con As fronteiras do medo descubrirá ben pronto a pegada que nestes contos deixou Lovecraft, unha presenza, por outra banda, recoñecida transparentemente polo de Vilalba. Mais tamén irá recoñecendo os mundos de Stevenson, E. T. A. Hoffmann, Poe ou Wilde, por amentar tan só algúns dos máis notorios.

Hai nas historias deste libro motivos e temas ben comúns á tradición literaria do xénero que aquí foron reescritos con suma habelencia por Fernández Paz. Así os do pacto diabólico, os personaxes que regresan da morte, os seres condenados a unha vida inmortal, os vampiros, os entes indefinidos e indefinibles na liña do preternatural lovecraftiano (cos mitos de Cthulhu sempre ao fondo), os desdobramentos da personalidade, as metamorfoses estrañas ou os lugares encantados.

Que logo estes motivos se concreten en portas máxicas que comunican co Máis Alá, en ritos anuais especialmente conectados coa outra vida (noite de Walpurxis, Samaín etc.), en ofrendas e sacrificios humanos que tentan gañar o favor de deidades diabólicas, en inframundos infernais ou en casas enmeigadas non é senón xogar coa variabilidade de escenarios e situacións posibles coas que Fernández Paz logra compor intensas atmosferas coas que consegue desacougarnos e transmitirnos vividisimamente o horror máis absoluto.

A novela gótica, as ghost stories, o lendario popular sobre as korrigans, lamignak, diale ou lamias de noso, o culto aos Xangô ou Iemanje da maxia negra, o esoterismo da cábala, as historias sobre demoníacos autoestradistas que se aparecen, todo e mais é sincreticamente amalgamado polo autor para defrontarnos a ese médico pánico paralizante e obsesivo que aniña no máis fondo do noso in/subsconsciente.

Como non podía ser doutra maneira, Fernández Paz enriquece con As fronteiras do medo unha liñaxe de moi vello avoengo entre nós (non hai máis que pensar, por exemplo, na liña concomitante entre “O pozo” do vilalbés e “O pozo do demo”, escrito por Xosé Tresguerras e Melo nada máis e nada menos que en 1879), que conta nas últimas décadas con moi numerosos cultivadores entre os que, por dereito propio, o de Vilalba ten gañado lugar preferente con títulos como Aire negro ou o presente As fronteiras do medo.

[Publicado nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños, 16-9-2012]