Día de Feira X

É difícil saber que pasa pola cabeza de cada un de nós cando nos atopamos envisos por entre os andeis dunha librería. Nada máis complexo que determinar os sinuosos pensamentos que nos arrastran a coller ás mans este ou aquel volume e desestimar todos estoutros e aqueles e aqueloutros…

Ese é o motivo de que, días atrás, vos fixese a pregunta: ¿cal das seguintes razóns che inflúen máis á hora de mercar un libro? Seguían, logo, once posibles repostas, aínda que sería máis preciso dicir que eran dez e unha máis, o modo de caixón de xastre, baixo o rótulo “Outros”, contedor pensado para recoller os votos daqueles que non se atopaban representados con ningunha das outras opcións.

A participación foi desta volta xenerosa e chegou case aos oitenta votos emitidos. Dos resultados é posible extraer varias lecturas que tentarei resumir:

1) O autor ou autora é a razón fundamental que nos axuda a decidirnos por un libro. Isto é así para o 23% de vós. Tal circunstancia leva aparellada unha dupla interpretación, positiva ou negativa, segundo a dirección da liña de forza que consideremos: que sigamos un autor ou autora pode querer dicir que coñecemos a súa traxectoria anterior e, sabedores da súa calidade contrastada, nos animamos a comprar un novo texto seu, convencidos de que responderá a esa boa liña literaria previa; contrariamente, esa mesma actitude pode facerse reversible, pois se confiando na esperable calidade dun autor ou autora este nos defrauda en varias ocasións, o que sucederá, seguramente, é que acabe perdéndonos como lectores e que pase á nosa listaxe de creadores nos que nos inflúe o nome, pero para ter seguro que nunca máis lle compraremos libro ningún.

2) A temática da obra é fundamental para un 14% —sendo tamén importante o xénero, cun 11% dos votos—, a mesma porcentaxe que se deixa aconsellar polas recomendacións lectoras das amigas e amigos. Ambas as dúas causas semellan ben razoables: un pode ser devoto dun (sub)xénero e/ou temática (novela negra, de aventuras, relato de ciencia-ficción, poesía social, erótica, teatro experimental…) e procurar devecidamente todo o que se publica nesa liña, o cal non deixa de ser unha libérrima manifestación de absoluta potestade lectora; igualmente, que outras persoas da nosa confianza nos conviden a unha ou outra lectura é tamén non só comprensible, senón mesmo esperable. Outra cousa xaora, é ter a capacidade para discernirmos cales dos nosos amigos e amigas posúen un olfacto lector o suficientemente desenvolvido como para guiarnos nas apostas, pois se cadra en máis ocasións do desexable nos deixamos levar pola simple afinidade lectora ou a comuñón nos gustos, o que non implica, necesariamente, excelencia na escolma.

3) As dúas maiores sorpresas, para min, viñeron nesta ocasión polo recoñecemento que manifestades da influencia que exercemos sobre vós os críticos (14%) e os xurados literarios que concedemos premios (9%). E escribo isto porque son consciente de que non sempre temos moi boa fama, máis ben o contrario, e porque tamén sei que, como en todos os colectivos, habemos persoas moi dispares, tanto en actitudes coma en praxe profesional. Por tanto, que confiedes nunha porcentaxe tan considerable no noso labor é unha moi grata noticia que vos agradezo, no nome de todas as compañeiras e compañeiros e no meu propio.

4) Finalmente, outro tipo de cuestións como a calidade material das edicións (5%), o prezo das obras (4%), o título destas (1%) ou a súa extensión (0%) —curiosamente esta última a que seguro que máis preocuparía ao noso alumnado— parecen cobrar menos relevo á hora de axudarvos a decidir na escolla, como tampouco semellan destacar outros factores non especificados na enquisa (5%), que son moi difíciles de intuír, aínda que algunha idea ao respecto si que creo ter, pois houbo quen, privadamente, me confesou, por exemplo, que o que procuraba nun bo libro era algo tan sinxelo e complexo a un tempo como que lle fixese pensar, con independencia do seu autor, de que fose ou non premiado etc. etc. etc.

Como sempre vos recordo, o diálogo fica en monólogo sen as vosas intervencións. Agardo os vosos comentarios para seguirmos coa conversa.

2 opinións sobre “Día de Feira X

  1. Bos días Armando.

    Unha pregunta moi difícil a que formulaches nesta ocasión no “Día de Feira”; difícil pola elección da resposta, tal é así que desta vez non participei na enquisa por non saber unha resposta pola cal decidirme. Nesta entrada ao teu blog explicas moi ben cales foron os meus pensamentos á hora de non participar desta volta. Non me parece “lóxico” seguir só un autor e non abrirnos a outras formas de escribir, ao igual que tampouco son partidario de seguir unha temática ou xénero determinado non participando doutros que tamén nos poden resultar interesantes. A opinión de vós os críticos, fica como algo importante, pero, a pesar diso, creo que non debemos deixar pasar de lado os libros e autores que non sexan estudados por vós, sempre se poden atopar sorpresas. O material, prezo, título e extensión deberían ser puntos e á parte se a lectura realmente che gusta.

    Tema complexo o que nos propuxeches desta volta, Armando. O seguinte “Día da Feira” tamén promete e moito, a ver que resultados nos achega.

    Coma sempre, en hora boa polo teu traballo.

    Saúdos

    Gústame

    • Estimado Marcos:

      Perfectamente de acordo contigo. Hai que abrirse a diferentes autores, distintas temáticas e xéneros diversos. A boa literatura atópase en libros moi dispares.

      Gustoume moito, tamén, que lembres que, alén do que os críticos opinemos, hai que explorar por conta propia, pois somos falibles e nin o sabemos todo nin conseguimos lelo todo, para canto máis xulgalo.

      Grazas, novamente, pola túa participación.

      Gústame

Os comentarios están pechados.