Literatura alusiva

Ese singularísimo convivio entre literatura impresa e literatura dixital segue a dar entre nós vizosos froitos. Un dos últimos Alusión, o volume de ensaios breves do profesor e analista literario Arturo Casas, publicado hai nada pola Editorial Galaxia na súa colección Illa Nova.

Alusión nace da escolma de parte do escrito por Casas no blog Lándoas, activo na Rede entre os anos 2008 e 2009 por espazo de doce meses. Un sexto dos máis de tres centos e medio de post alí pendurados foron recuperados para este libro, que se amosa así como un completo escaparate dos principais asuntos dos que a bitácora se ocupou.

Entre o rexistro (post)irónico, (para)ficcional e (meta)teórico, xunguindo o (psico)social e o (trans)ideolóxico, Casas foi aos poucos dietarizando un búnker de resistencia (hiper)crítica dende o que cuestionou, radicalmente, estéticas, políticas e dinámicas anémicas e fenoménicas da máis variada pelaxe, sempre, en todo caso, de(con)struíndo o discurso monolítico e intereseiro dos responsables últimos do desastre da nosa re publica recente.

Alusión, no seu dobre sentido de referencia tácita e de realidade lúdica, é un volume de lectura obrigada para mellor (re)pensar a vertixe dos poderes e apre(he)nder a desactivar a sistémica camaleónica coa que estes tentan escravizarnos.