Manuel Rodríguez Saa: o Houdini galego

Da man dos profesores e investigadores Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán chega ás librerías O misterioso Dr. Saa, volume biográfico de descritivo subtítulo: “A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata”.

En efecto, ao longo de cento e medio de páxinas Díaz e Fernández levan a cabo un moi completo percorrido polos principais socalcos vitais e profesionais deste mago nado e morto en Portomarín (1885-1984), que actuaría con grande éxito nos máis diversos países e continentes, dende o Caribe ata Filipinas pasando por Sudáfrica, Centroeuropa, Xacarta, Saigón, Estados Unidos, Borneo, Hong Kong, Hawai…

O traballo de Díaz e Fernández, moi documentado, ofrece tamén un valioso apéndice gráfico no que se reproducen instantáneas do mago actuando e un feixe de carteis e convites ás súas actuacións, así como tamén diversas cartas e notas de prensa sobre os seus espectáculos.

A monografía complétase cun breve limiar de Carlos Coira en nome do Colectivo Máxico Waldemar, unha cronoloxía sintética e unha exhaustiva bibliografía na que se recollen, sobre todo, escritos periodísticos que se fixeran eco no seu día das actuacións do Dr. Saa.

Unha vida extraordinaria para un personaxe fóra do común. Un deses galegos universais ao que moito cumpría lembrar e homenaxear e que a partir de agora será menos descoñecido grazas ao meritorio labor de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán, pacientes e rigorosos investigadores que souberon traer á luz o que durmía baixo sabas de sombra.