Invasións literarias

Estes días a escena internacional permanece atenta á delicada situación que se está a vivir en Ucraína e que ameaza con rematar cunha invasión rusa que acabe coa súa soberanía. O caso é que a literatura, en tantos sentidos un singular espello da realidade, leva tempo recreando ficcionalmente invasións literarias nun ben feraz xogo de escrita contrafactual ou distópica.

Ata tal punto a literatura se fixo sensible a esta realidade conquistadora que xerou todo un xénero, o da ‘literatura de invasión’, que ten as súas orixes nos finais do XIX, mais que se afirmou a partir dos grandes conflitos bélicos do XX, nomeadamente as dúas guerras mundiais, mais tamén outros colaterais como a guerra ruso-nipoa ou a guerra fría.

A obra que se considera fundacional do xénero é A batalla de Dorking, novela do militar George Tomkyns Chesney aparecida en 1871 como entrega da revista Blackwood Magazine, cabeceira vitoriana moi seguida polos políticos británicos que se alarmaron enormemente ao ler a descrición da súa nación asolada por un inimigo que falaba alemán. A obra foi un éxito de vendas (máis de cen mil copias da época) e deu lugar a un notable número de imitacións e textos que orbitaban arredor de ideas parellas. Foi este o caso da moi célebre A guerra dos mundos (1898) de H. G. Wells, que desprazaba o foco ao universo da ciencia ficción, aínda que o autor de Bromley tamén escribiu a moito menos alieníxena A guerra no aire, historia dunha guerra xermano-británica que remataba con todo e devolvía o planeta á Idade Media.

Nos comezos do XX salientaron obras como O enigma das areas (1903) do tamén militar Erskine Childers, quen advertía da ameaza alemá ao Reino Unido, o que non tardou en facerse realidade. E tamén gañaron notoriedade as obras do prolífico William Le Queux, lembrado, sobre todo, por A invasión de 1910 (1906), unha narración traducida a case unha trintena de linguas, que vendeu máis dun millón de exemplares e na que volve reproducirse a invasión xermana das Illas Británicas, coa curiosidade de que na versión en alemán son os teutóns os que gañan a guerra e na publicada na Gran Bretaña os insulares.

Tan popular chegou a facerse este tipo de narracións que o afamado novelista P. G. Wodehouse escribiu unha parodia delas baixo o título de O ataque ou como Clarence salvou Inglaterra (1909), novela cómica na que novamente os británicos son invadidos, pero desta volta nada máis e nada menos que por nove exércitos: os rusos, os alemáns, os suízos, os monegascos, uns bandoleiros marroquís, os turcos, o Mad Mullah de Somalilandia, os chineses e os bollygollans en canoas de guerra. Ao final a situación acaba salvándose absurdamente mercé aos Boy Scouts e o seu carismático e estrafalario líder, Clarence Chugwater. De feito, tanto gustou a parodia que Wodehouse escribiu unha versión para alén do Atlántico, A invasión militar de América (1915), na que os alemáns, aliados cos xaponeses, atacaban os EE.UU. que, unha vez máis, volvían ser salvados por Clarence Chugwater e os seus scouts.

Amais de no Reino Unido, tamén en Asia, EE. UU. e Australia foron aparecendo novelas de invasión no tránsito entre o XIX e o XX. Así, a anónima A porta negra (1897), que relataba un ficticio desembarco naval franco-ruso en Hong Kong; Acorazado submarino (1900) de Shunro Oshikawa, onde se adiantaba en case tres lustros a que logo foi a guerra ruso-xaponesa; A nación aflixida (1890) de Henry Grattan Donnelly, cun triunfante exército británico que bombardeaba Nova York; e Branco ou amarelo? (1888) de William Lane e A onda amarela (1895) de Charles H. Kirmess, nas que Australia era acosada por unha posible invasión asiática, ben chinesa ben xaponesa, por veces con axuda rusa.

Como era de esperar, as dúas guerras mundiais fixeron que este tipo de escrita proliferase aínda máis, aparecendo títulos como O submarino voador (1922) de Ivan Petrushevich, cos soviets acabando co Reino Unido, ou Sexta columna (1941) de Robert A. Heinlein, onde un exército panasiático arrasaba os EE.UU. Por descontado, tamén durante a guerra fría continuaron publicándose novelas de invasión, entre as que se atopan Punto final (1955) de Jerry Sohl, cos EE. UU. ocupados polos rusos, e as moi coñecidas e cinematográficas historias escritas por Ian Fleming da serie protagonizada por James Bond: Goldfinger (1964) e Só se vive dúas veces (1967), ambas coas tensións ruso-ianquis no máis alto.

Da Galicia céltica e antinapoleónica

No relato histórico-mítico da nosa terra tamén está moi presente dende vello a cuestión invasora. Bo exemplo disto é o Libro das invasións ou Libro das conquistas de Irlanda, manuscrito medieval irlandés no que se relata o celebérrimo episodio no que Ith, fillo de Breogán, viaxa dende Brigantium a Irlanda, onde é asasinado, provocando que os fillos de Mil (neto de Breogán e sobriño de Ith) organizasen unha grande expedición para vingarse, o que acabou coa invasión de toda Eire.

Non menos coñecido é feito de que os comezos da recuperación da escrita na nosa lingua nos primeiros anos do XIX veu xustamente da man da literatura antinapoleónica, na que agromaron os textos panfletarios nos que se animaba aos mozos galegos a loitar contra o invasor gabacho, que conquistara ransoñamente o territorio español en 1808. Dende aquela ficaron na nosa historiografía literaria obras como o romance anónimo Un labrador que foi sarxento (1808), que exaltaba a coraxe dos resistentes galegos ao tempo que animaba ao alistamento, ou Proezas de Galicia (1810) de José Fernández de Neira, quen escribiu esta obra como homenaxe ao exército popular galego que en xuño de 1909 expulsou definitivamente as tropas napoleónicas.

[Faro de Vigo, 3-2-2022]

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s