Letras escolleitas

Mosaico cos libros destacados do 2015Traspasada a soleira do aninovo, acáelle facermos reconto do que o ano vello nos deixou literariamente, separar o gran da palla e gardar no celeiro o mellor e mais madurecido froito.

No eido da narrativa, o 2015 que se nos foi agasallounos con media ducia de títulos sobresalientes. É o caso desa homenaxe ao mundo dos libros, a liberdade e os soños que Manuel Rivas nos lega en O último día de Terranova. Tamén da historia de descubrimentos que mergullan nun pasado ilusionado e afinca nun presente rabudo que Antón Riveiro Coello debuxa en Os elefantes de Sokúrov. Evidentemente, o Eros e a Política que gobernan a revolución bolxevique de Inesa Armand e Lenin na Ostrácia de Teresa Moure, intensa alegoría de nós. De igual maneira, a memoria colectiva do Vigo que foi e que é e mais a peripecia familiar inzada de escuros segredos que Fran P. Lorenzo asina en Cabalos e lobos. Tamén si, a recreación do feraz universo trobadoresco que Manuel Portas deseña en Lourenço, xograr, avolto territorio de pugnas monárquicas, tiranías clasistas e amores non só corteses. Por remate, igual as Interferencias de Manuel Seixas, recuperado para a escrita pública tras un longo período de silencio que ve a luz ao final do túnel con este seu poderoso relato sobre a identidade e o destino.

O verso tamén brillou con forza o pasado ano. Fulgurou na (meta)poética dixital de Fran Alonso no seu vivificante Poetic@. Ardorou nesa cartografía hibridada entre o emotivo e o cognitivo que debroca na intuición pura en Zonas de tránsito de Ramón Neto. Espellou na estética disidente e subversiva de Elías Portela e o seu Bazar de traidores. Irisou en O que precede a caída é branco de Oriana Méndez, himno á esperanza silandeira, ao rumor rebelde do océano que agarda polo tsunami operario. E, xaora, eclosionou na epifanía cosmogónica, a revelación da raíz que tradea a poesía skáldica de Manuel Rivas en A boca da terra.

biblioteca america uscO teatro de noso vive horas difíciles, escasas. Emporiso, a calidade da súa escrita dramática está salva. Confírmao a metafísica sinfónica, o menos é máis contra o capitalismo cínico e hipócrita que berra Santiago Cortegoso en Smoke on the Water. Tamén as imaxes imantadoras, as personaxes agónicas e o fatum irremediable que todo o arrastra en Ela, piedade dos suicidas (Baía), do poliédrico Xavier Lama.

Houbo ceifa abondosa tamén na agra do infantoxuvenil. De entre o moito sementado, préstame espigar o onírico de imaxinación desbordante co que María Solar inzou O meu pesadelo favorito. Tamén o terror albo que arrepía en A neve interminable, de Agustín Fernández Paz, mestría na arquitectura do relato ao servizo de poderosas pulsións. Por descontado, a recuperación do noso acervo lendario na recreación versal e a refacta relatística de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa en Lendo lendas, digo versos.

Ano de seca, ano de seda. Así foi para deixarnos páxinas farturentas coas que seguírmonos acompañando neste 2016 que agora escomezamos e ao que haberá que lle pedir, ao seu tempo, que renda non menor proveito.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 3-1-2016]

Pola banda de Laíño, con Neto e Lorenzo Baleirón

ofrenda floralDodro foi onte a landa na que pousou o merlo branco da poesía. O día presentíao, véspera da marcha dun dos autores máis admirados das últimas décadas: Eusebio Lorenzo Baleirón. Había que honrar a súa memoria. Había tamén que axudar a que frutificase a semente do seu exemplo en versos novos.

Con tal motivo, e convocados polo Concello de Dodro —Valentín Alfonsín Somoza á fronte como alcalde, Cristina Codesido Fernández guiando como concelleira de Cultura—, ás 11:30h. visitamos o camposanto de Laíño para achegarnos ata a tumba do autor de O corpo e as sombras e renderlle honores cunha ofrenda floral na que participaron poetas como Paulino Vázquez, familiares como seu irmán, o tamén escritor ademais de profesor Manuel Lorenzo Baleirón, o coordinador do premio Xabier Castro Martínez e os que logo teriamos a responsabilidade da deliberación do XXVII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

Ata Laíño, levamos flores e versos para Eusebio. A pedimento de quen fora íntimo amigo seu, Paulino Vázquez, Berta Dávila recitou un significativo texto das Elexías de Duino na tradución galega de Jaime Santoro de Membiela, palabras ás que me sumei coa lectura do poema “Serás sombra da árbore máis vella…” de A morte presentida, xusto aquel que encabeza unha cita de Díaz Castro de “Monumento á ausencia”.

bases lorenzo baleironTras o acto no camposanto marchamos deica a Casa da Cultura, onde debatemos a propósito dos trinta e tres orixinais presentados a amentada poeta e narradora Berta Dávila, o tamén poeta Gonzalo Hermo, o profesor, ensaísta e igualmente poeta Román Raña e eu, acompañados polo coordinador do premio Castro Martínez e mais Codesido Fernández, quen actou como secretaria con voz e sen voto.

Logo de longas e agradecidas deliberacións, o xurado decidiu conceder o galardón ao traballo presentado baixo o título Zonas de tránsito e o lema Aserinsky/Blechner. Unha vez aberta a plica soubemos que pertencía a Ramón Neto (Illa de Arousa, 1975), escritor e tradutor que, dende hai anos, reside en Bruxelas, onde exerce a docencia e traballa como profesional da tradución.

Neto é ben coñecido xa nos eidos poéticos galegos por ter sido distinguido noutros relevantes certames e ver publicados volumes como A estación única dunha illa (2010, Premio Xosé María Pérez Parallé), As lavandas adáptanse a todo erro de navegación (2012, Premio Miguel González Garcés) ou Dominio público (2013, Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas).

Zonas de tránsito, que será publicado por Sotelo Blanco Edicións, amosa unha estrutura en cinco seccións (“Entre as lapelas da noite/ desfragmentación”, “Paisaxe con lámpada de mesa de noite”, “O pouso dunha insomnia/ diario de abordo”, “De limiar en limiar/ breviario de pasos en falso” e “Wege einer Stimme zu einen wahrnehmenden Du/ Os vieiros dunha voz cara un ‘ti’ á escoita”) nas que se alterna a poesía en prosa co poema de verso curto, a lírica intimista que reflexiona sobre o ser e a súa circunstancia e mais a escrita que esponxa no vivenciado, o onírico e a viaxe da existencia, todo orlado con abondosas imaxes de peculiar selo e un posprocesado da ascendencia da mellor lírica xermana en voces como as de Celan, Rilke ou Hölderlin.

xurado lorenzo baleironO vindeiro día 20 ás 17:30h. Ramón Neto recollerá, no centro de ensino que leva o nome do malogrado poetas dodrés, o premio que o acredita como un membro máis desa irmandade de escritores que, dende hai xa case trinta anos, engrandeceron coas súas creacións un galardón que honra a memoria dun grande das nosas letras contemporáneas e engade prez ás súas terras natais onde, con tanto acerto, manteñen este certame.