A viaxe dos inzos

El Correo Gallego (A viaxe dos inzos, 6-7-2020)Moitas veces tense a idea errada de que as ciencias que algún chaman exactas, mesmo as ciencias da Natureza, están viradas de costas ao puramente creativo ou artístico e que as Humanidades, en xeral, e a escrita literaria, en particular, son mundos que ren teñen que ver con elas. Nada máis lonxe da realidade. Todo está interrelacionado e retroaliméntase nun contínuum que explica a abraiante complexidade e marabilla do universo.

Vén isto a conto a propósito da aparición de Sementes viaxeiras, o poemario que Yolanda Castaño publica na colección Fardel dos Soños de Edicións Embora con coidadas e suxestivas ilustracións de Xosé Tomás.

Sementes viaxeiras presenta de modo sinxelo e atractivo para a rapazada a fascinante aventura das sementes ou inzos na súa procura por atopar un acubillo no que xermolar. Resulta extraordinario comprobar as moi variadas posibilidades que unha pequena semente atopa para se desprazar e fecundar un novo espazo. Con cuartetos perfectamente medidos e de innegable musicalidade, Castaño vai repasando todo este amplo abano de posibilidades, que van dende as sementes que apenas se caen a un pequeno paso de distancia para dar lugar a unha nova planta ata as que viaxan en longas travesías agochadas nas bodegas dos barcos ou noutros insólitos lugares, pasando polas que se axudan do bicherío para ser carrexadas, das correntes de auga ou do forte soprar do vento.

Porque, como versifica Castaño: “Por terra, mar e aire as sementiñas viaxeiras/ lánzanse na procura de novos horizontes./ Buscan un fogar por entre as fragas e os montes,/ búscano avanzando ben dispostas e lixeiras”. Así o fai o inzo do piñeiro, que prefire unha viaxe aérea; ou a cebada, que se inclina por agarrarse ao lombo dos animaliños; as cereixas, con pebidas que imban os paxariños e logo fican noutro lugar a través das súas deposicións; as landras, que carretan de aquí a acolá os ledos esquíos; en fin, velaí a abelá, que se deixa caer á beira dos ríos para que as augas a transporten a novos fogares.

Por todo o dito coido que este álbum Sementes viaxeiras de Yolanda Castaño —magnífica poeta e autora con outros ben valiosos títulos infantoxuvenís no seu haber— ha resultar non só unha peza literaria de moi agradecida lectura para todas as persoas que a ela se acheguen, senón tamén unha regalía para a vista mercé aos delicados e coloristas debuxos de Xosé Tomás.

A semente. A viaxe. A promesa incesante da vida a medrar.

[El Correo Gallego, 6-7-2020]

Bedepoética galega

Nordesía (Yolanda Castaño, 9-12-2018)Se algo caracteriza a andaina creativa de Yolanda Castaño é a súa irrenunciable aposta pola transgresión artística que ensancha e abre anovadores espazos para as linguaxes.

Porque é relativamente doado, cómpre dicilo, ser máis ou menos orixinal nunha tentativa primeira e illada, pero continuar a selo un cuarto de século despois de darse a coñecer é unha fortuna só ao alcance das voces singulares que marcan época.

E isto é o que Castaño asegura: capacidade para innovar, mestría para sorprender e propostas sempre inesperadas, o que a confirma como unha das autoras máis xenuínas do noso panorama artístico.

O que digo ten doada constatación á vista de O puño e a letra, volume de gran formato publicado por Xerais que constitúe a primeira mostra de Comic Poetry galega a libro completo.

Con esta publicación, Castaño celebra o primeiro cuarto de século de escrita poética cunha escolma dos seus versos, que acompaña coa lectura visual que destes fai unha corentena de debuxantes galegos que interpretan, en clave de bedé, outros tantos poemas para transformalos nunha comicpoética ou bedepoética de innegable fascinio verboicónico.

Por tanto, O puño e a letra é, a un tempo, unha ampla e ben representativa selecta da poesía de Castaño (na que figuran escolmados versos de todos os seus libros: Elevar as pálpebras, Delicia, Vivimos no ciclo das erofanías, O libro da egoísta, Profundidade de campo e A segunda lingua) e tamén unha antoloxía dos principais nomes da ilustración galega, que conviven aquí nun mostrario ben diverso de estilos alternantes, escolas varias e xeracións sucesivas, dende os clásicos nados na inmediata Posguerra como Siro ou Xoaquín Marín ata novos valores como Christian F. Caruncho ou Paula Esteban, estritamente millennials.

O resultado de tan larga mestura é unha explosión de estéticas gráficas nas que conviven dende o cómic tradicional ata o cómic póster, pasando pola bd lúdica (con reprodución incluída dun xogo da oca versal), a bd cadro, o cómic fanzine, a bd plaquette, o cómic ideográfico ou a bd de abstracción pictórica, entre outros.

Da súa parte, os versos escolmados por Castaño espellan o seu vieiro creador, sempre no límite do expresivo, pensatibres da identidade propia, da conexión amorosa, do imaxinario social e fondamente conscientes da radicalidade metapoética.

As corenta achegas bedepoéticas complementan, implementan e completan a escrita de Castaño dende ángulos desusados, amosando non só a súa plasticidade connatural, senón tamén a súa forza escénica, a pulsión fílmica que alimenta moitos deles.

Alternativa, anticonvencional e anovadora, esta bedepoética de Yolanda Castaño en O puño e a letra inaugura camiños para a visotextualidade galega que sempre lle terá que agradecer a súa afouteza pioneira.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 9-12-2018]

Efervescencias poéticas

Miriam ReyesDei gorentoso remate á lectura de Punto de ebullición, antoloxía de poetas galegos das últimas xeracións publicada no prestixioso selo hispanoamericano Fondo de Cultura Económica a través da súa filial madrileña.

Punto de ebullición é unha escolma bilingüe na que os orixinais galegos son vertidos ao castelán pola tamén poeta Miriam Reyes (Ourense, 1974), unha das voces máis recoñecidas da escrita peninsular do novo milenio.

Videopoeta e artista multimedia, Reyes deixou os eidos ourensáns con oito anos para marchar a Venezuela, onde estudou Letras na Universidade Central. Regresou logo a España e, tras residir en diferentes cidades, acabou instalándose en Zaragoza. Dende alí deu a coñecer algún dos poemarios máis suxestivos dos tres últimos lustros, como Espejo negro (2001), La bella durmiente (2004), Desalojos (2008), Yo, interior, cuerpo (2013) ou o moi recente Haz lo que te digo (2015), publicados en ben afamados selos: Hiperión, Bartleby, DVD Ediciones.

Responsable da elección, tradución e prólogo desta “Antología de la poesía contemporánea en callego”, Reyes achega ao lector en castelán quince poetas que escolma entre os creadores da Xeración dos 80, a Xeración dos 90 e aqueloutros que se revelaron a mediados da década pasada.

Decididamente interxeracional, politemática e mulitestética, Punto de ebullición observa, exquisitamente, o equilibrio xenérico e incorpora propostas de oito escritoras e sete escritores, abondo diverxentes na súa aposta autorial e aos que, de querer verlles algún punto de contacto, talvez só podería sinalárselles a súa patente vontade de anovar e abrir novas landas para a poética de noso.

Punto de ebulliciónXosé María Álvarez Cáccamo, Chus Pato, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Lois Pereiro, Antón Lopo, Xela Arias, Ana Romaní, Manuel Outeriño, Xabier Cordal, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Olalla Cociña e Daniel Salgado son, cronoloxicamente dispostos, os quince nomes dos que se espigan textos, todos eles tomados de libros xa coñecidos, agás un poema de María do Cebreiro que se publica por vez primeira aquí.

Reyes salva con oficio o difícil transo de verter a unha lingua outra a palabra poética. Neste sentido, máis alá de consideracións de matiz perfectamente discutibles (poño por caso, se é fiel ao noso “balbordo/ da escuma” o “murmullo de la espuma” e similares), cómpre subliñar o coidado labor de acomodación da responsable da escolma, quen ofrece ao público castelán unha lectura da escrita orixinal non só respectuosa, senón moi ben axeitada.

Canto ao prólogo, ha cumprir tamén coas expectativas de quen, dende outras coordenadas culturais, queira coñecer o curso da poesía galega de 1975 ata os nosos días, pois as principais liñas de forza deste camiñar son salientadas con acerto pola editora. Secasí, para min son de especial interese os breves pero moi ben perfilados parágrafos dedicados a caracterizar a poética dos diferentes autores antologados, onde Reyes amosa ser unha poeta de moi fino espírito crítico.

Unhas nótulas biobibliográficas mínimas pero moi informativas completan esta selecta que arredonda as trescentas páxinas, onde cada poeta achegou arredor dunha decena de textos, un libro editado con sumo gusto polo Fondo de Cultura Económica mercé ao deseño de (sobre)cuberta de Armando Hatzacorsián e as fotografías de (sobre)capa de Miguel Saavedra.

Punto de ebullición. Antología de la poesía contemporánea en gallego é un moi loable mosaico que cómpre agradecerlle a Miriam Reyes, ourensá de raíz, que non esquece a verba matricial e a regala, plural, a quen pola súa voz queira coñecernos.

[El Ideal GallegoDiario de Ferrol, 5-7-2015]

Na punta da lingua

La segunda lengua“Realmente escribimos/ porque unha imaxe vale máis ca mil palabras”. Velaí a rotunda sentenza coa que remata un dos seus poemas Yolanda Castaño, a autora coruñesa que o inclúe en A segunda lingua.

O libro foi merecente a finais do 2013 do XI Premio de Poesía a Fundación Novacaixagalicia, que veu luz na primavera do ano seguinte editado polo Centro PEN Galicia na colección Arte de Trobar.

Recentemente a obra volveu publicarse, desta volta baixo o título La segunda lengua e en edición bilingüe galego-castelá preparada pola propia autora para a colección Visor de Poesía.

Non é a primeira vez que Castaño ve os seus versos traducidos, nin tampouco a súa estrea na referencial Visor. De feito, Libro da egoísta (2003) e mais Profundidade de campo (2007) foron trasladados tamén no 2006 e 2009, respectivamente, o que dá idea da consideración que pola súa escrita se ten nun selo que é unanimemente recoñecido como un dos buques insignia da edición poética no Estado.

La segunda lengua ofrece unha trintena de composicións nas que a metarreferencia poética e a reflexión sobre a circunstancia idiomática se constitúen en eixo central do discurso. Un discurso, cómpre subliñalo, inzado de ironía, dun humor ben xenuíno que descré de tópicos e solucións estereotipadas para avanzar polos bordos da denuncia do convencional, que ten sempre na punta da lingua.

O emprego de recursos semánticos nos que o xogo de equívocos e dobres lecturas implementa a decodificación dos textos converte a lectura deste libro nun agradecido exercicio de revelacións. Nada é o que parece. Ou mellor, o que parece é iso e moito máis, o que fai destes versos campo minado para as interpretacións unívocas de percepción inxel.

Yolanda CastañoArrisca Castaño nas fórmulas escolleitas para as súas propostas líricas e en La segunda lengua poden lerse tanto poemas-decálogo (“Como leer poesía”) coma poemas-crónica (“Metrofobia”), igual poemas-definición (“La palabra Galicia”) que poemas-corrección de erratas (“Sic”).

Estes versos lémbrannos que á tinta de lura hai que lle procurar talento, que facer dieta é unha aventura, que hai zumarentas cousas que comezan por y, que o papel é un misterio e o linguado unha metáfora, que a poesía vén sendo unha lingua minorizada e os subliñados non son sempre do autor, que less is more cando lle cadra, que a logopedia e a fonoterapia son armas perigosas, que hai quen fala atonal e quen é atonal, que as musas son menos musas se non teñen intérprete, que o mundo é un xigantesco teleprompter e non hai orde máis tirana que a alfabética. En fin, que o poema, tantas veces, é tamén a fin da cita e entre o corpo e a linguaxe media un mundo.

Paga a pena, e moito, a lectura do texto de contracuberta que outra excelente poeta, esta cordobesa, escribe arredor do libro: Elena Medel. Neste caso, a brevidade compénsase, sobradamente, coa acuidade.

La segunda lengua é un motivo de satisfacción triplo: dunha banda, por ver traducida unha obra que merece coñecerse aquí e por toda parte; por outro lado, por confirmar un recoñecemento, necesario, a unha voz que tanto leva feito pola proxección das nosas letras dentro e fóra de Galicia, tendendo as máis diversas e orixinais pontes e, finalmente, porque todos gañamos vendo as nosas letras (asíneas quen as asine) como fillos pródigos que camiñan polo mundo e nos enorgullecen.

[El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, 29-3-2015]

 

Letras en ronsel

mosaico lecturas 2014Abandonounos o 2014, pero non nos deixou orfos. Tras de si deitou un feixe de lecturas de valor que hoxe me presta relembrar.

O ano narrativo foi feraz e houbo apostas ben variadas: dende a escrita autobiográfica, de relato reflexivo e primíparo, que achegou Inma López Silva en Maternosofía ata a aventura maratoniana nos antípodas que propón Santiago Lopo en A diagonal dos tolos, pasando pola narración memorística e de descubrimento da vida adulta e os seus secretos feridos por un tempo gris de A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz, o puxilato pola supervivencia nun tempo avolto do Olimpia Ring, 1934 de Xabier López López ou as miserias dos escenarios e a vida de Máscaras rotas para Sebastian Nell de Alberto Ramos.

Tampouco os poetas ficaron a barbeito. Velaí están para demostralo A segunda lingua de Yolanda Castaño, ironía e pensamento versal de retrouso idiomático e resaibo revelador; A última música das cousas de Bieito Iglesias, memoria dun eu en tránsito melancólico; A distancia do tambor de Eva Veiga, cicatrices, Tempo de Ombre, filosofía do que esfarela; Cronoloxía da urxencia de Dores Tembrás, poliedro de silencios, acougo na tormenta, o pensamento a autoesculcarse; As voces da máscara de Arcadio López-Casanova, o transterro, a vixilia do desposuimento, os devanceiros a guiar a palabra maxistral, o final esperanzado en Ondara; Fulguración e silencio de Xavier Rodríguez Barrio, a verba en diálogo fértil, a memoria do amigo que se foi e non se vai xa máis; ou Celebración de Gonzalo Hermo, poemas de eu post-crac, fracturas interiores que viaxan entre musgos e vísceras na queste da identidade propia.

Foi tamén, este, ano de ensaística sobresaliente. Abondaría con amentar a Historia da literatura galega. De 1853 a 1916. O Rexurdimento que o profesor Xosé Ramón Pena publicou hai uns meses, volume imprescindible para revisitar criticamente tan decisivo período do noso pasado literario. Mais a este título habería aínda que sumar os Livros que nom lê ninguém de Isaac Lourido, lúcido repensar das nosas condicións sistémicas e as súas derivacións, principalmente proxectadas sobre a obra de determinado grupo autorial; a reivindicación da memoria masacrada que Francisco Xavier Redondo Abal tenta restituír en Bibliotecarios e bibliotecarias infames e que se explica transparentemente no subtítulo: A depuración franquista do corpo bibliotecario republicano. O caso galego; ou mesmo a indagación teórica que Inma Otero Varela acometeu en A ficcionalización do eu: autoría e protagonismo das mulleres na literatura, inestimable ensaio a propósito do xenérico e o seu valor na proxección e interpretación dos suxeitos literarios da escrita máis recente.

letras en ronsel (nordesia)Este esquemático guieiro resultaría incompleto se non se recordase que a produción infantoxuvenil brillou tamén con intensidade en obras como o poemario As redes de Inés, de Elvira Riveiro Tobío, versos de recoñecemento e agarimo ás traballadoras do mar; tamén en De como Chispo, o esquío, puido co frío de Toño Núñez, sagacidade e tenrura para superar os atrancos da vida; As noites de Xián de Concha Blanco, saudades mariñas dun mundo que non se concibe sen o rumor das ondas e, xa para os rapaces medianeiros, a magnífica Historia da bicicleta dun home lagarto de Fina Casalderrey, memoria de tempos facareños que a ilusión e a esperanza souberon borrar. Para os máis mozos, as regalías viñeron do Reo de Xesús Fraga, días de graffiti e ritos de paso, xeiras nas que a banda sonora das xornadas acompaña o albiscar dun futuro que se ten de labrar coas decisións propias; e, no poético, Penúltimas tendencias de Carlos Negro, versos contra a tiranía da moda e as trampas que ás rapazas tende, evidenciando adicións témeras, acusando a destrución das vontades. En fin, habería tamén que lembrar que o teatro e pur si mouve e ofreceu (re)edicións tan estupendas como a moi amena O achado do castro de Manuel Núñez Singala ou o máis grave e meditabundo Lapsus de Alfonso Pexegueiro, comedia do existir, infancia de moral mancada.

Letras en ronsel dun ano que esmoreceu e que serán sucedidas por novas ceifas ás que cómpre desexar nos traian tan bos momentos de lectura como deixaron estes libros que aquí pouso “coma cinza/ de rosas que onte encheron de perfume/ o mundo”.

[El Ideal Gallego e Diario de Ferrol, 4-1-2015]