Premios Minerva 2016

banda minerva (II)Un ano máis, o Colexio M. Peleteiro de Santiago de Compostela deu a coñecer os relatos e poemas premiados na LXIV convocatoria do prestixioso Certame Literario Minerva, o máis antigo dos que se convocan en Galicia, pois os seus inicios remóntanse a 1963.

A merecida fama destes premios medrou lustro tras lustro tanto da man dos que foron senlleiros mantedores e xurados destes modernos xogos florais coma dos numerosos escritores que foron distinguidos na súa mocidade co galardón.

Pois ben, na tarde do xoves 3 reuniuse nas instalacións do Colexio no Castiñeiriño un xurado composto por creadores, docentes e críticos que se repartiron para as modalidade de poesía e narrativa. Na primeira, figuraron o investigador e crítico Luís Alonso Girgado (en calidade de presidente), o poeta e tradutor Eduard Velasco, a poeta e narradora Diana Varela Puñal, o poeta Luís Valle e mais o profesor e tamén poeta Mon Buhigas, todos eles como vogais. Da súa parte, os encargados de xulgar os textos narrativos foron o ensaísta e crítico Manuel Quintáns Suárez (como presidente), a tradutora e narradora Ánxela Gracián, o ensaísta e investigador Xurxo Martínez González, o profesor Alberto Muñiz Pascual e servidor, actuando como secretaria a tamén profesora Teresa González da Silva.

Logo da deliberación na que houbo tempo para apreciar debidamente a alta calidade dos textos presentados (121 en narrativa e 57 en poesía, dos cales foron escolmados para discusión na fase final 33 e 19, respectivamente), os xurados decidiron premiar os seguintes traballos:

Modalidade de narración

premios minerva (I)1º Premio a Amaia Tomé, de 16 anos, alumna de 1º de BAC do IES Francisco Aguiar de Betanzos, polo relato “Clare e outras illas”.

2º Premio a Cecilia Fidalgo Castromil, de 15 anos, alumna de 4º de ESO do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, polo conto “O expresso a Madrid”.

3º Premio a Iago González García, de 16 anos, alumno de 1º de BAC do IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, pola narración titulada “Non ad vitam aeternam”.

1º Accésit a Alba Pérez Barcala, de 15 anos, alumna de 4º da ESO do IES de Cacheiras, polo seu traballo “Tres ou catro globos máis”.

2º Accésit a Laura Regueiro Romero, alumna de 2º de BAC do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, polo texto “Unha revolución persoal”.

3º Accésit a Ángela Lamas Gómez, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do Colexio Os Sauces de Pontevedra, polo relato “O anden do sen(ti)r”.

Modalidade de poesía

1º Premio ao amentado Iago González García pola súa triloxía “Cosmogonía”.

2º Premio a Inés Outomuro Rodríguez, de 17 anos, que cursa 1º de BAC no IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, polo poemario “Orixe”.

3º Premio a Tamara Fernández Labrada, de 16 anos, estudante de 1º de BAC do IES Terra Chá de Castro de Rei polo seu traballo “Non deixedes que vos miren o móbil”.

1º Accésit a Laura Regueiro Romero, de 17 anos, alumna de 2º de BAC do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, pola obra “Antoloxía inmigrante”.

2º Accésit a Nuria Fernández Robledo, de 16 anos, estudante de 1º de BAC do IES Eduardo Blanco-Amor de Ourense, pola triloxía “Migración á orixe”.

3º Accésit a Laura Dauzón Otero, de 17 anos, que cursa 2º de BAC no IES Ribeira do Louro do Porriño, polo seu conxunto “Trátase de poesía”.

banda minerva (I)Todos os gañadores, alén das correspondentes dotacións económicas, serán galardoados cun diploma acreditativo e mais unha medalla de prata do certame durante a entrega de premios, que terá lugar o vindeiro mércores 6 de abril, ás 17:10h., no Salón de Actos do Colexio Manuel Peleteiro, nunha sesión solemne na que pronunciará unha conferencia maxistral o narrador e ensaísta Xosé Ramón Pena e que amenizarán os premiados coa lectura dun fragmento das súas creacións, adianto do que será publicado en breve nun volume editado polo propio centro.

O caso Aguirre

O caso Aguirre é un claro exemplo de fama mortal. En vida, na súa curtísima vida, Aurelio Aguirre (Compostela, 1833-A Coruña, 1858) foi un escritor moi apreciado, saudado mesmo como o Byron galego, un talento natural chamado ás máis altas empresas que, porén, viu fanadas as súas expectativas cunha tan repentina coma dolorosa morte.

Como en non poucas ocasións acontece, a lousa do silencio sepultou a súa memoria durante moito tempo e ben poucos, por non dicir practicamente ninguén, se ocuparon da súa figura durante décadas.

Para reparar ese esquecemento a Editorial Alvarellos publicou a fins do ano pasado Recuerdos de agosto. Obra poética, 1850-1858, un volume patrocinado polo Consorcio de Santiago e editado por Olivia Rodríguez no que se recolle toda a súa produción poética coñecida, a pouca que el chegou a divulgar en vida e a moita inédita que ficaba esquecida en cadernos que agora se recuperaron para sacalos á luz.

En total, Recuerdos de agosto reúne 133 poemas dos cales máis de oitenta son rigorosamente inéditos, o que dá idea do interese desta exhumación, que amplifica de xeito notable o coñecemento literario que ata agora tiñamos do personaxe.

De entre toda esta produción, unicamente un poema foi escrito en galego, mais non por iso decrece o valor desta achega, pois Aguirre foi un nome clave nos alicerces rexurdimentistas, como o demostra tanto a súa decisiva participación no célebre Banquete de Conxo de marzo de 1846 coma a estreita relación que o uniu aos nomes de Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro.

Do libro imprentado por Alvarellos, que aplaudo no seu conxunto, préstame salientar o exemplar estudo introdutorio asinado polo ensaísta Xurxo Martínez González baixo o título “Aurelio Aguirre Galarraga”. Mercé ás súas investigacións coñecemos os pormenores biográficos e epocais dun personaxe abondo mitificado, que non sempre foi presentado coa obxectividade e rigorosidade que se precisarían e que na voz deste analista vigués fica descrito con impecable pulcritude documental.

Alén de indemostrables affaires con Rosalía ou lendarios afogamentos pola forza do desamor, Martínez González dá conta da súa formación nos círculos liberais e progresistas composteláns, da súa conexión co grupo vigués dos Alejandro Chao, Juan Compañel ou José Ramón Fernández e toda a xente que imantaba arredor da redacción de La Oliva primeiro e El Miño despois e mesmo explica a súa paixón coa culta e instruída Felisa Taboada e como aquela vertixe amorosa foi recibida por Murguía ou Alejandro Chao, quen tamén chegaran a namorar dela nalgún momento.

A morte na praia de San Amaro —amargo e, polo mesmo, premonitorio nome— nun accidente que lle desfixo o cranio contra os cons ocultos dos fondais privounos de comprobar ata onde tería sido capaz de ascender o xenio literario de Aurelio Aguirre. Mais no pouco tempo que permaneceu entre os vivos foi quen de legarnos pezas memorables, como o seu arquicoñecido ‘Brindis’, ás que debe sumarse agora este amplo conxunto de textos que Alvarellos recupera nunha edición que destaca polo coidado da súa materialidade, que se adorna coa reprodución de páxinas manuscritas e retratos do autor que fan aínda máis agradable a lectura dun volume con seguranza destinado a permanecer como unha publicación de referencia.

[Faro de Vigo, “Faro da Cultura”, 24-4-14]

Poéticas de expansión

Antoloxía de referencia. Etapa de expansión é o título co que se completa a triloxía de escolmas que o grupo senti_mentalista leva a publicar dende o 2011 na Editorial Bubela.

Desta volta, os antólogos responsables do proxecto son dous ben coñecidos poetas tamén eles: Xavier Lama e mais Branca Novoneyra, quen prologan e poslogan a selecta ao tempo que asinan as fichas bio-bibliográficas dos autores escolleitos, a saber: Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e mais Helena Salgueiro.

Sete poetas que representan a máis nova escrita de noso, pois o maior deles apenas se supera a trintena e os máis novos nin sequera chegan nalgún caso á maioría de idade. Enténdese ben, por tanto, que sexan poetas que se deron a coñecer no último lustro.

Son, xaora, creadores de traxectorias ben diversas e apostas estéticas e temáticas complementarias. Hai, por tanto, autores con poemarios individuais xa no mercado e outros que aínda non deron ese salto; poetas en exclusiva e outros que tamén practican a narrativa ou o ensaio; creadores monolingües e mesmo algún que é autor bilingüe galego-islandés.

Con tal pluralidade, entenderase que o máis valioso desta escolma resida, xustamente, no vizoso da proposta, onde pode lerse de todo: poemas en prosa, poesía de liña versal breve, textos de airexa formal e dicción máis clásica ou composicións de engastado multilingüe e referencias poliartísticas.

Esta Antoloxía de referencia. Etapa de expansión é unha obra que se insire dentro do proxecto senti_mentalista promovido por quen dirixe o selo que lle dá acubillo, Xesús M. Valcárcel. Hoxe por hoxe, constitúe a máis completa escolma de voces novas existente no mercado, unha obra ideal para informarse do que se coce poeticamente entre as últimas promocións, coa engádega de que aparecen aquí non só versos tomados dalgunha publicación anterior, senón, sobre todo, moitos poemas ata o de agora inéditos que se ofrecen, en exclusiva, neste interesante título.

Radiocrítica 16-12-2013

Velaquí unha nova Radiocrítica emitida o pasado luns día 16 de decembro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre a novelística de Manuel Darriba (0’45),  os relatos de Antón Riveiro Coello (3’05), a poesía implicada de María Reimóndez  (7’15), a ‘Antoloxía de referencia. Etapa de expansión’ que Xavier Lama e Branca Novoneyra prepararon coas novísimas voces poéticas de Berta Dávila, Cristina Ferreiro, Xurxo Martínez González, Celia Parra, Elías Portela, Ismael Ramos e Helena Salgueiro (9’20), o teatro de Marcos Abalde Covelo (14’45), o ensaio filosófico de Carlos Lema (16’30) e mais a mitoloxía da vella Gallaecia para novos e non tanto de Manuel Gago e Manel Cráneo (18’30).

Boa audición!

        http://www.goear.com/embed/sound/7d31504

Presentación de ‘Rosalía na cobiza do lonxe’

Na mañá de onte, ás doce do mediodía, presentouse na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela o volume colectivo Rosalía na cobiza do lonxe, monográfico arredor da vida e obra da nosa poeta fundacional que veu luz nos Cadernos Ramón Piñeiro do centro homónimo.

Con tal motivo, tomaron a palabra dous dos coordinadores do libro (os ensaístas e profesores Luís Cochón Touriño e mais Luís Alonso Girgado, quen xunto con Lorena Domínguez Mallo foron os responsables da súa edición), Manuel González González, director do Centro Ramón Piñeiro que acolle a publicación, e mais o Secretario Xeral de Política Lingüística Valentín García Gómez, que presidiu a mesa.

Tiven a fortuna de acompañar estes vellos amigos en calidade de colaborador deste estupendo libro colectivo, no que, como explicaron con ben tanto Alonso Girgado coma Cochón Touriño, se reúnen unha ducia de traballos inéditos sobre Rosalía e o seu mundo, social e literario, o mesmo que evocou emotivamente González González e lembrou co gallo do seu sesquicentenario García Gómez.

Os que se animen co libro, atoparán nel, precedidos dun fermosísimo texto cunqueiriano sobre Rosalía, traballos de Ana Acuña poñendo en relación os versos da cantora cos de Pintos a propósito do tema da orfandade; unha visión de confluencias e lecturas paralelas entre José Ángel Valente, Edmond Jabès e mais a escritora da man de Carmen Blanco; a procura das pegadas rosalianas en Novoneyra analizada por Luís Cochón; as influencias de Rosalía detectables en Emilio Pita presentadas por José Ángel García López; unha revisión da “Negra sombra” e as súas implicacións realizada por Pilar García Negro e outra visión complementaria do mesmo tema asinada por Anxo González Fernández; un estudo verbo da pragmática do poema e o seu simbolismo aplicado a En las orillas del Sar por Arcadio López Casanova; unha completa panorámica do tempo vigués dos Murguía Castro servida por Xurxo Martínez González; un repaso á cuestión da imaxe física do home nos textos de Rosalía que achega Marina Mayoral; unha detallada análise dos paratextos dos Cantares gallegos, contribución de Manuel Rodríguez Alonso; unha nota sobre a consideración de Rosalía en Borges de Claudio Rodríguez Fer e dous apuntamentos sobre a universalidade e a categoría de clásica no tratamento da saudade encarnada obra de Andrés Torres Queiruga.

Da miña parte, convidóuseme a sumarme a este magnífico elenco de profesores, investigadores, poetas, narradores, filósofos e teólogos e quixen facelo vencellando as figuras de Rosalía e Díaz Castro nun traballo titulado, xustamente, “Presenza de Rosalía na obra de Xosé María Díaz Castro”, encargado, por certo, antes de que ninguén soubese que a RAG ía distinguilo no 2014, por máis que o volume vexa luz agora, meses máis tarde da redacción e entrega desta colaboración.

Neste ano —e nesta semana— tan simbolicamente marcados no recordo da figura da escritora, coido que merece salientarse este Rosalía na cobiza do lonxe e parabenizar tanto os coordinadores coma todos os participantes e  aqueles que, institucionalmente ou doutra maneira, fixeron posible que honrásemos a poeta.