Noticia de ‘Initium’

Mercé á xentileza do profesor Aquilino Iglesia Ferreirós, fillo do gran poeta Aquilino Iglesia Alvariño, descubro a revista catalá de Historia do Dereito Initium.

Así, de primeiras, podería parecer que esta cabeceira da Associació Catalana d’Història del Dret Jaume de Montjuïc ben pouco pode ter que ver coa literatura galega. Nada máis lonxe da realidade. O feito de que a dirixa o amentado catedrático de orixe galega fai que as súas páxinas teñan dado acubillo ao longo do tempo a diversos traballos sobre a nosa escrita. Mesmo conta cun apartado de título inequivocamente galego: “Frangullas ou migallas”.

Esta singularidade nunha cabeceira sobre Dereito en Cataluña foi aínda máis aló nos dous últimos números, pois non só mantivo esa airexa galega á que me refiro, senón que reproduciu valiosos materiais vencellados á figura do escritor abadinense.

No número dezasete do anuario Initium, correspondente a 2012, a sección “De officiis” recolle íntegro o artigo “Os camiños dos hòmes e os camiños de Deus”, un longo ensaio sobre a Transcendencia e a Orde Política na Antigüidade, Medievo, Renacemento, Revolución Francesa e o Romanticismo nacionalista que aparecera publicado orixinariamente no sexto número da revista Alento correspondente ao nadal de 1934, que pode consultarse aquí.

Mais se interesante é esta recuperación, aínda o é máis, se cabe, a achega que na mesma sección “De officiis” ofrece o número dezaoito de Initium aparecido neste mesmo ano. Todo o apartado vai dedicado a materiais galegos. Comeza cunha “Nota editorial” de Iglesia Ferreirós na que se explica a procedencia dos textos e o sentido da súa publicación e segue con estes.

O primeiro dos mesmos é o artigo “Voltèmos aos nosos poetas”, dado á luz por Iglesia Alvariño na referida Alento, desta volta no número triplo 10-11-12 de abril-maio-xuño de 1935. Un ensaio capital para entender as ideas nacionalitarias das Mocidades Galeguistas ás que xa pertencía daquela o poeta e a súa relación coa base ideolóxico-literaria da que bebían, moi principalmente de orixe pondaliá, un escrito que pode lerse íntegro aquí.

O apartado péchase coa reprodución dunha carta de Vicente Risco a Xosé Núñez Búa, quen fora fundador da Irmandade da Fala en Vilagarcía e director do León XIII, ao que tamén pertenceu Iglesia Alvariño. A misiva, autografada o 29 de setembro de 1933, ofrécese coa correspondente transcrición e revela unha clarividencia verbo da problemática do nacionalismo do seu tempo abraiante.

Risco escríbelle a Núñez Búa para intercambiar pareceres entre un nacionalista ‘novo’ (el mesmo) e un ‘antigo’ (o escritor de Cotobade). Confésalle, en pleno 1933 que, tal como el o ve, “a repúbrica está fracasada” e que hai que se organizar pois “Compre trasformar de todo o galeguismo, darlle un contido de defensa da tradición integral galega, e orgaizalo en forza de choque, deixando todol-os vellos procedementos polítecos. E isto urgentemente, caldamente ao principio, pra erguerse de súpeto armados de todas as armas”. É máis, a súa acuidade na diagnose da situación faille laiarse porque sabe que, respecto disto último, “eu ben sei qu’isto non se fará. Ben sei que é inútile de toda inutilidade que eu vos diga estas cousas. Non importa. Garda ben esta carta. Veremos que me dis dentro d’uns anos, 2 ou 3 o mais. Queira Deus que me trabuque.” Non o quixo Deus. Tres anos despois chegou a aviación franquista á Península.

Como entendo que esta carta ten, dende o histórico-político, unha notoria relevancia, reprodúzoa enteira como ilustración, en imaxes que poden ampliarse clicando nelas, non sen antes felicitar o profesor Aquilino Iglesia Ferreirós por tan valiosos materiais recuperados e o seu inestimable labor á fronte de Initium.